499 Granja Arjeriz

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Outeiro de Rei
  • Parroquia: San Pedro Fiz de Robra
  • Lugar: Robra
  • Paraxe: Brandián
  • Dirección: Estrada N-VI, km 511 – 27154 Outeiro de Rei (Lugo)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.08301923520192
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.606826530715921
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 613.522,61 m / Y 4.771.189,78 m
  • Clasificación: Industria láctea
  • CNAE: 10.54 Preparación de leite e outros produtos lácteos.
  • Tipoloxía: Produción de leite e outros produtos lácteos
  • Comarca: Lugo
  • Marco Xeográfico: Chairas do norte da cidade de Lugo, na ribeira esquerda do río Miño
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saímos de Lugo pola estrada nacional N-VI cara a Coruña. A uns seis quilómetros, pouco despois do quilómetro 511, antes de chegar a Outeiro de Rei, veremos na beira esquerda da estrada as instalacións que foran da “Granja Arjeriz” e de “Larsa”, hoxe en día da “Corporación Alimentaria Peñasanta”.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Queda xa moi lonxe no tempo o oficio de leiteira, vendedora de leite propio e alleo aos habitantes das vilas e cidades. Cunha poboación espallada por lugares, aldeas e rueiros, onde numerosos labradores tiñan vacas, a meirande cantidade do leite consumíase no campo, cru ou fervido. O abasto das poboacións concentradas facíano a diario as leiteiras.

Aquelas mulleres muxían as súas vaquiñas ao amencer, e acudían ás casas das veciñas para mercarlles o leite que lles puidera sobrar. Botaban o leite nas caldeiretas e marchaban camiño da cidade: as máis, a pé, unha lata na cabeza e outra en cada man, co cuartillo da medida. As podentes, tirando dun burro que levaba as caldeiretas nos caixóns, cestas ou alforxas que cargaba no lombo. Zapatillas no verán, zocas no inverno, e, despois do camiño dende a aldea, xornada matinal polas rúas da vila.

Ás veces, varias leiteiras xuntábanse na cidade e transportaban polas rúas as súas caldeiretas nun carriño con rodas de goma. De volta na aldea ao mediodía, cada leiteira adoitaba ter vendido de quince a vinte litros. As máis afortunadas tiñan a varias familias como clientes fixos, pero, amais de vender polas casas, vendíase tamén nos mercados e tendas, e nas xeaderías, cafeterías e confeitarías.

Os inspectores de consumos e os gardas municipais, provistos dun densímetro e un cuartillo patrón, vixiaban posibles irregularidades nas medidas empregadas e na pureza do leite, que ás veces adulterábase con auga (o que modificaba a densidade) ou con mexos, máis difícil de detectar ao ter unha densidade similar á do leite. De sé lo caso, ademais de impoñerlle a multa establecida, o axente da autoridade envorcaba as caldeiretas da infractora e baleiraba o leite pola rúa.

Nada máis mercalo, o leite fervíase para hixienizalo e conservalo mellor, xa que ao vir directamente de muxir, sen outro tratamento, era un alimento moi perecedoiro. Ás veces, coa calor do verán, porque ía tronada, ou por seren leites mesturados, o leite cortábase, separándose a parte líquida da sólida, e perdíase. Cando fervía, deixaba unha grosa tona amarela, que comíase con azucre nunha rebanda de pan ou aproveitábase para facer biscoitos. Ata a chegada dos frigoríficos, gardábase despois no fresco, ou –quen a tiña– na neveira, unha especie de armario no que os produtos a manter fríos compartían o espazo coas barras de xeo que nel se introducían periodicamente.

Coa chegada ás aldeas dos autocares do transporte público, as leiteiras desprazábanse neles ás cidades, ata que o oficio foi esmorecendo polos atrancos das normas municipais para a comercialización do leite cru. A penetración da industria leiteira, a xeneralización dos frigoríficos e as esixencias sanitarias puxeron fin á venda do leite sen hixienizar para consumo directo. Substituído primeiro polo leite pasteurizado envasado en botellas e bolsas de plástico, fora a pouco substituído polo leite esterilizado (UHT), envasado co sistema sueco Tetra-Pak en recipientes herméticos e asépticos, feitos por capas de cartolina, polietileno e aluminio, con diversas formas, das que vaise popularizar a prismática rectangular coñecida dende 1963 co nome comercial de “Tetrabrick”.

Malia ser a primeira rexión española no ámbito da gandeira vacúa dende moito tempo atrás, a industria láctea e cárnica baseada nas vacas tivo en Galicia un desenvolvemento serodio, de feito, dende a década de 1960 en adiante. Unha cabana gandeira dispersa e pouco especializada para a produción de leite, cun pequeno número de cabezas por propietario, encarecían os custos de recollida, e a carencia de mercados significativos próximos facían tal industria pouco atractiva.

A orientación tradicional da gandaría galega de vacún primara máis a carne que o leite, primeiro co forte estímulo que supuxera a exportación de bois a Inglaterra entre 1850 e 1890, e despois, coa reorientación aos mercados de Madrid e Barcelona, no ferrocarril que dende 1885 comunicaba Galicia co interior peninsular.

Con tales antecedentes, as únicas industrias de procesado do leite líquido van ser as pequenas industrias de pasteurizado da área de Curtis, que aproveitarán a súa proximidade á liña do ferrocarril Coruña-Madrid, para enviar leite pasteurizado a Ferrol, Coruña, Lugo e Ourense, e mesmo ata Madrid, cando alá a oferta cántabra e das propias cortes urbanas éralles insuficiente.

Tratábase de pequenas plantas que recollían o leite das contornas e a pasteurizaban ao “baño maría”, aínda que nos tempos da Grande Guerra (1914-1918) algunha delas xa tiña aparatos franceses tipo Gaulin, con caldeira de baixa presión, axitadores e máquina de arrefriar. As mesmas industrias, xunto co procesado do leite fresco, elaboraban queixos e manteigas. Da súa cativa dimensión da idea a estatística de 1925, que recolle que a meirande das tres, “La Primitiva Gallega”, en Cesuras (A Coruña), con vinte operarios, recollía anualmente pouco más de un millón de litros de leite, elaborando ademais unhas cen toneladas de queixo o outras tantas de manteiga.

Na década de 1920, empresas asturianas (Arias, Domínguez) estableceron redes de recollida da tona do leite no nordés da provincia de Lugo (Lugo-Palas de Rei-Baralla). Xa na década de 1930, será “Mantequerías Leonesas” a que vai incorporarse á recollida do leite galego nun centro situado en Escairón que xestionaban os irmáns Rodríguez López, que rematarían fundando a “Granja Arjeriz” e “Larsa”, como se dirá máis adiante.

Nas primeiras décadas do século XX, o comercio do leite en Galicia estivera totalmente dominado polas tradicionais leiteiras, malia o que xurdirían nalgunhas vilas de certa dimensión cortes urbanas de vacas (“vaquerías” ou “lecherías”) para o despacho do leite cru aos veciños, que vai ser a forma típica da súa venda nas grandes poboacións deica a década de 1930 (vid. ficha 404). As modestas instalacións de pasteurización que daquela puxéranse en marcha, enfrontarían atrancos que a Guerra Civil (1936-1939) agravaría, e que continuarían na miseria da posguerra. Unha gandaría mal mantida e en malas condicións sanitarias, un transporte deficiente, e un magro poder adquisitivo da poboación, freaban a oferta e o consumo do leite.

O campesiñado dedicaría o leite do seu gando ao consumo da familia, á mantenza dos puchos, e á elaboración de manteigas e queixos. De teren excedentes, seguían a venderse ás leiteiras que os comercializaban nas vilas e cidades, ou ben entregábase ás poucas industrias transformadoras de entón. Moi paseniño, esta precaria industria láctea vai desenvolverse en tres liñas diferenciadas: queixos e manteigas; leite líquido procesado; e transformados do leite (leite condensado, fariñas lácteas).

Corría o ano 1933 cando os irmáns José, Antonio, Castor e Manuel Rodríguez López, creaban no lugar de Arxeriz (Fión, O Saviñao) un modesto establecemento lácteo no que comezan a elaborar de xeito profesional un queixo plano tipo Arzúa, sendo os primeiros en modernizar un proceso ata entón artesanal. Durante a Guerra Civil (1936-1939), a empresa vai trasladarse a Chantada.

Comezada a construír en 1938, no mes de novembro de 1939 a empresa suiza Nestlé abría en Pontecesures, baixo a razón social “Industria Lechera Peninsular, S.A.” (ILEPSA), unha gran fábrica para a elaboración de leite condensado (leite deshidratado e azucrado), cunha ampla rede para subministrarse de leite en varias comarcas, dende o Ullán ata a provincia de Lugo, conseguindo a exclusiva da recollida nesas zonas durante toda a década de 1940.

Tamén nos primeiros anos da década de 1940 constituiríanse algunhas empresas de pequena dimensión dedicadas á recollida do leite para hixienizala e distribuíla nos mercados urbanos, ou para a fabricación de queixos e manteigas. Aproveitando as redes de centrifugado e venta das natas ás empresas asturianas e leonesas, crearíase en 1941, en Chantada, “Productos Lácteos Gallegos”, que vendería directamente en Lugo. En Redondela, a “Comercial Lechera Gallega, S.L.” enviaba leite concentrado a Madrid, e en Ordes, “Conservas Pompeán” estabelecería unha pequena fábrica de leite condensado. Porén, a subministración de leite líquido para consumo aínda continuaría por un tempo nas mans das tradicionais leiteiras.

En 1947, os irmáns Rodríguez López abrirían en Vigo unha tenda e un pequeno estabelecemento de pasteurización, que vai constituírse oficialmente coa razón social “Lacto Agrícola Rodríguez, S.A.” (LARSA). A pouco, contra 1950, LARSA ampliará a súa actividade cunha nova fábrica en Vilagarcía de Arousa, na que producirán varios tipos de queixo e leite pasteurizado (vid. ficha 500). Xa en 1951, constituíuse “Sociedad Anónima Granja Arjeriz”, que en 1957 trasladaría a fábrica de Chantada a unhas novas instalacións en Robra (Outeiro de Rei). Arjeriz e Larsa acordarán o reparto territorial da recollida do leite: a primeira recollerá na zona centro e no norte da provincia de Lugo, e a segunda no sur de Lugo e na provincia de Pontevedra.

O verdadeiro arranque do sector lácteo galego virá da man dos cambios acaecidos da segunda metade da década de 1950 en adiante. En 1952, o Plan de Centrais Leiteiras, baseado na normativa europea de hixiene alimentaria, obrigaría á pasteurización e envasado do leite que se distribuíra nas cidades de máis de vinte e cinco mil habitantes. En Galicia houbo en 1956 un primeiro e frustrado intento de concurso para o subministro á capital coruñesa, pero vai ser en Balaídos (Vigo), onde se constrúa a primeira Central Leiteira, concedida en 1957 á chantadina LARSA, que daquela xa tiña en Vilagarcía de Arousa a súa segunda planta de hixienizado do leite (vid. ficha 500).

A Central Leiteira da Coruña sería concedida en 1963 a “Unión Territorial de Cooperativas del Campo” (UTECO) da provincia, que promoverá a marca “Leche y Mantequilla” (LEYMA), e que en 1966 ganará tamén o concurso de Ferrol. En agosto de 1970 inaugurábase a Central Leiteira de Ourense, promovida pola “Unión Territorial de Cooperativas del Campo” (UTECO) provincial en San Ciprián das Viñas. No caso de Lugo, vai ser unha nova empresa “Complejo de Industrias Lácteas de Lugo, S.A.” (COMPLESA) a que quedará coa concesión, construíndo en Nadela a central leiteira que comezará a produción en 1971, momento dende o que, coma nos outros casos, quedaba prohibida a venda tradicional do leite.

Un segundo e importante cambio foi o da fonda transformación da gandería vacún galega na década de 1960, na que substituiría a tradicional vaca “rubia galega”, empregada para o traballo, a cría, a produción de leite e o aproveitamento da carne, pola vaca frisona, especializada na produción de leite e cuns rendementos moi superiores. O incremento da produción de leite e a posibilidade do transporte en vehículos refrixerados, remataría por crear un importante fluxo de exportación do leite galego a outras rexións españolas.

A especialización leiteira da gandería e o desenvolvemento do leite esterilizado (UHT), non suxeito a concesión en réxime de exclusiva, vai dar lugar a aparición de outras empresas que comercializarán leite procesado e produtos lácteos, como a “Cooperativa Forrajera de Negreira-FEIRACO” (1969), “Lácteos Lence-Leite Río” (1981) ou “Lácteos de Galicia-Leche Celta” (1988) e á instalación de empresas foráneas, como a madrileña Clesa, que establece en Caldas de Rei “Lácteas del Atlántico” (1973), ou a francesa Besnier (1983), que adquiere en Vilalba unha antiga fábrica de queixos dende a que distribuirá leite hixienizado.

Na década de 1970, Galicia, cunha recollida do 25% do total español, é a principal área leiteira de España. Porén, o liderado en produción non se prolonga na industria derivada, e máis da terceira parte do leite recollido exportase arrefriado, sen outro valor engadido. Ao non poder competir con novos produtos, o fracaso das políticas expansionistas e o desleixo no fomento dun grupo lácteo galego (ainda que en 1991 fora aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia), darán como resultado a integración da meirande parte das empresas galegas en empresas multinacionales (a francesa Union Laitière Normande, 1987; a italiana Parmalat, 1998; a estadounidense Dean Foods, 1999) ou orixinarias doutras rexións españolas (a asturiana Corporación Alimentaria Peñasanta, 1990; a granadina Puleva, 1992).

A absorción foránea do sector lácteo galego vai continuar nos anos seguintes, e, no 2006, o grupo leiteiro portugués Lactogal desembarcaba en Galicia coa adquisición de “Lácteos de Galicia-Leche Celta”, empresa que, aproveitando as elevadas subvencións para implantación industrial na área de Ferrol, constituíra en 1988 o valenciano Antonio J. Marchal Marchal en Pontedeume. Por último, discretamente presente dende 1983 en Vilalba, a forte expansión do xigante francés Lactalis en Galicia no 2010, desbaratou o precario equilibrio do sector lácteo galego, até converterse no grupo que máis leite recolle na comunidade, e axente clave na fixación de prezos do leite en orixe. Hoxe en día, só Feiraco e Lácteos Río mantéñense como empresas leiteiras de capital galego.

No marco da Política Agraria Común, obrigado dende 1986, coa incorporación de España á Comunidade Económica Europea (hoxe, Unión Europea) e adoptado en Galicia dende 1991, o estabelecemento polos organismos europeos de cantidades máximas asignadas aos gandeiros españois para a venda do leite ás industrias transformadoras (a coñecida como “cota láctea”), cun total para o país claramente inferior á súa demanda (seis millóns de toneladas fronte a unha demanda de case nove millóns), favorecendo a chegada de excedentes de Francia e de Alemaña, suporía o agravamento do tradicional conflito polos prezos pagados na recollida do leite en orixe, conflito que, aínda que desaparecida a cota no pasado mes de abril, continúa hoxe enfrontando a gandeiros, industrias lácteas e principais cadeas de distribución alimentaria.

Galicia, con case a metade do leite producido en España, afronta unha nova xeira, coas máis de nove mil explotacións leiteiras aos pes das leis dos mercados. Os gandeiros terán que achegar a súa competitividade á dos produtores do norte europeo, pero a industria láctea deberá apostar pola transformación, diversificando os derivados, e negociar coa distribución, perseguindo aparellar os prezos cos dos demais paises.

No novo mercado liberalizado, os gandeiros terán que ampliar as súas explotacións para facelas máis competitivas (teñen unha media de trinta reses por granxa, fronte as case cento setenta de Aragón ou as máis de duascentas vinte de Valencia), e eles, as cooperativas e as súas asociacións (Asociación de Produtores Lácteos e Unión Leiteira Galega) deberán mellorar na organización e acadar avinzas sólidas para ser quen de ter forza na negociación dos prezos coa industria leiteira. Pola súa banda, a industria debería conseguir que o leite galego se transforme e comercialice na comunidade, creando produtos diferenciados cuxo valor engadido lles permita negociar coa distribución e vendelos noutros países, cun meirande rendemento económico, o que lles permitirá pagar mellores prezos aos gandeiros.

Descrición Xeral do Entorno:

Chairas do norte da cidade de Lugo, na ribeira esquerda do río Miño, a carón da estrada nacional N-VI Coruña-Madrid e cerca da estación do ferrocarril.

Construcción:

1933; traslado a Chantada ca. 1937 e a Robra en 1957.

Abandono:

En 1983 se integra en LARSA (vid. ficha 500). Hoxe en día, modernizada, forma parte da asturiana “Corporación Alimentaria Peñasanta”.

Descrición:

Corría a ano 1916 cando o médico Juan José López Suárez, alcumado “Xan de Forcados”, facíase no lugar de Arxeriz (Fión, O Saviñao) co pazo de Lamaquebrada, que pertencera á casa de Alba, de cuxos bens na provincia de Lugo o médico era administrador. Pasado o tempo, en 1933, catro sobriños seus, José, Antonio, Castor e Manuel Rodríguez López, van crear en terreos do pazo un modesto establecemento lácteo, ao que chamarán “Granja Arjeriz” e no que comezan a elaborar de xeito profesional un queixo plano tipo Arzúa. Até entón, os queixos galegos elaborábanse dun xeito puramente artesán, cunhas cantidades de tan só cinco, dez e quince toneladas anuais, respectivamente, para os queixos tradicionais de San Simón, A Ulloa e O Cebreiro, consonte as estimacións das producións habidas no ano 1917 que fixera o veterinario Juan Rof Codina.

Durante a Guerra Civil (1936-1939), “Granja Arjeriz” vai trasladarse a Chantada, onde estabelecería as novas instalacións industriais coa maquinaria procedente dunha pequena empresa cooperativa de queixos e manteigas do Sindicato de Agricultores de Ortigueira.

En 1947, os Rodríguez López abrirían una tenda, “Mantequerías Arjeriz”, e un pequeno estabelecemento de pasteurización en Vigo, un mercado cun meirande potencial de crecemento que o de Chantada. A nova industria, “Productos Lácteos Gallegos”, vai constituírse oficialmente coa razón social “Lacto Agrícola Rodríguez, S.A.” (LARSA), domiciliada –igual que “Granja Arjeriz”– en Madrid. A pouco, contra 1950, LARSA ampliará a súa actividade cunha nova fábrica en Vilagarcía de Arousa, na que producen varios tipos de queixo, e dende 1962, leite pasteurizada, en bolsa e en tetra-pak (vid. ficha 500).

En 1951 constituíuse “Sociedad Anónima Granja Arjeriz”, controlada por José Rodríguez López (alcumado “Pepito Mantequilla” e despois “Pepe Leches”). A empresa trasladaríase en 1957 a unhas novas instalacións en Robra (Outeiro de Rei), mentres as de Chantada quedaban co nome de LARSA.

Para evitar conflitos entre os irmáns, Arjeriz e LARSA acordarán o reparto territorial da recollida do leite: a primeira recollerá na zona centro e no norte da provincia de Lugo, e a segunda no sur de Lugo e na provincia de Pontevedra.

Polo fragmentado e espallado da oferta, amais das dificultades de comunicación da rede viaria galega, Arjeriz crearía varios estabelecementos para a recollida centralizada do leite, nos que se desnataba para a elaboración da manteiga. Ferreira do Valadouro, Lourenzá, Reme, San Sadurniño, Vilalba, Friol, Chantada, Sarria e Cambeo acolleron centros deste tipo.

Con proxecto arquitectónico realizado en 1956 por Francisco Castro, a finais do ano 1963 LARSA inauguraba na rúa Manuel de Castro "Handicap", en Balaídos (Vigo), a moderna “Central Lechera”, ampliando a gama de fabricación a leite pasteurizado, sobremesas lácteas e nata. A central leiteira funcionaría máis de trinta anos fronte a Estadio Municipal de Vigo.

En 1967 “Granja Arjeriz” fíxose en Guitiriz cunha pequena fábrica familiar de pasteurización de leite e elaboración de queixos e, despois dunha viaxe a Alemaña, José Rodríguez creou en Robra, cun socio alemán e a carón das instalacións de “Granja Arjeriz”, a empresa “Industrias Lácteas Germano-Españolas” (ILGESA), que declaraba en 1969 trinta e tres “produtores”, fronte aos corenta da primeira.

En 1983 José Rodríguez López vendeu a súa participación en Arjeriz a LARSA, co que as dúas partes da empresa familiar foron quedar nas mans dos seus sobriños. José Rodríguez, impulsor tamén de “Tablicia” (establecida en 1973 en Nadela, Lugo) e de outras empresas forestais e agro gandeiras, faleceu en Lugo o 17 de abril do ano 2004.

No decenio de 1980 unha neglixente política de expansión impulsada pola dirección de LARSA, coa adquisición polo grupo de empresas con dificultades financeiras (Vega de Oro en Meira, Iberolacto en Ourense, Xeve en Pontevedra, Ilasa en Madrid) levou a empresa á creba.

En 1990 LARSA foi mercada pola empresa francesa Union Laitière Normande (ULN) e en 1992 se modernizan as fábricas de Outeiro de Rei, onde se centraliza a produción de leite, e de Vilagarcía de Arousa, na que se centraliza a produción de queixos. Finalmente, en 1997 LARSA pasa a ser propiedade da “Corporación Alimentaria Peñasanta”, resultado da expansión da vella “Central Lechera Asturiana”.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Os primeiros tempos no pequeno estabelecemento de Arxeriz comezan cun acordo con “Mantequerías Leonesas”, polo lo que a cadea leonesa aportaría desnatadoras mecánicas para distribuír entre o campesiñado da bisbarra e os irmáns Rodríguez López enviaríanlles os produtos envasados nas súas instalacións.

A difusión do desnate mecánico do leite entre os labregos collería certo pulo na súa área de influencia, e reorientaría a produción das explotacións leiteiras, mellorando a comercialización e a transformación industrial do leite, que de estar centrada no leite fresco e na manteiga vai evolucionar coa elaboración de queixos, a comercialización de leite líquido procesado, e a preparación de transformados do leite (leite condensado, fariñas lácteas).

O leite recíbese en cántaros ou en cisternas e procédese a hixienizala, eliminándose as impurezas sólidas por medio de filtrado e centrifugado. Nesta parte do proceso obtense o leite enteiro hixienizado; cun quecemento e unha centrifugación máis intensa, o leite desnatado e a nata; e a partir da nata, quentándoa lixeiramente, engadíndolle os fermentos e separando o soro, a manteiga.

O leite enteiro e o desnatado, xunto coa mestura de un e outro para obter leite semi desnatado, arrefríanse e almacénanse separadamente en depósitos isotermos ou tanques refrixerados (introducidos en 1975 por Jesús Lence na súa industria primeira, “RefriLeche”, hoxe “Leite Río”) para a súa mellor conservación antes de recibir os tratamentos específicos para a obtención dos distintos produtos a comercializar.

Dunha maneira xeral, antes da súa comercialización, o leite dos tanques de conservación pode recibir dous tipos de tratamentos diferenciados. Nun deles pasa por os inter cambiadores de calor (tubulares, de placas ou de vapor directo) para obter o leite pasteurizado, o leite esterilizado e, previo arrefriado e adición dos fermentos, os iogures e os queixos. No outro pasa por os evaporadores para obter o leite concentrado, que pode despois levarse aos secadores (torres de atomizado ou secadores de leito fluído) para a obtención de leite en polvo.

Actividades laborais:

En tódalas fases dos diferentes procesos da industria láctea interveñen tanto mulleres como homes.

Emprego:

Granja Arjeriz: 33 empregados en 1960, producindo anualmente 60 t de queixo e 9 t de manteiga; 90 en 1978, producindo anualmente 2.300 t de queixo 350 t de manteiga e 3’6 millóns de litros de leite.

Materias Primas:

Leite cru.

Produtos Elaborados:

Leite líquido procesado, manteiga, queixo e transformados do leite (leite condensado, fariñas lácteas).

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández González, Ángel Ignacio (2011). “Leches en lucha”, Galicia agraria: historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina [en línea]. Disponible en Internet: http://galiciaagraria.blogspot.com.es/search/label/Leche [Acceso 24 junio 2016].

Fundación Xosé Soto de Fión [en liña] Dispoñíble na Internet http://www.sotodefion.org/fundacion_arxeriz_es.htm [Acceso 25 decembro 2017].

Lara Coira, Manuel (2016). “O sector lácteo en Galicia”. Galegos, núm. 22, vol. I, 2016, p. 56-63. ISSN 1889-2590.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: Leiteiras, rianxeiras e lavandeiras”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 587-592.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Leiteiras, rianxeiras e lavandeiras”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 172-178. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Martínez López, Alberte (2006). “José Rodríguez López (1910-2004)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 480-501. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Ostertag, D.; Ludloff, F. (1942). “Industrias de la alimentación y afines. Lechería e industrias derivadas”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo V, Sección VIII, p. 647-681.

Posada Navia, Carlos (1990). “El sector productor de leche en Galicia”, Revista de Estudios Agro Sociales, núm. 154, octubre-diciembre 1990, p. 153-183, Madrid: Ministerio de Agricultura. ISSN 0034-8155.

Sanz Lafuente, Gloria (2005). Industria y seguridad alimentaria. Entre la ley, la ciencia veterinaria y la práctica social de la inspección. 1850-1923, XI Congreso de Historia Agraria, Aguilar de Campoo (Palencia), junio 2005 [en línea]. Disponible en Internet: http://seha.info/pdfs/iii_economia/III-sanz.pdf [Acceso 2 noviembre 2015].

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 72-IV Lugo // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 613.522,61 m / Y 4.771.189,78 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 30 novembro 2017].

Data de Actualización:

27 decembro 2017