501 José Lantero e hijos

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: Santiago do Carril
  • Lugar: Carril
  • Paraxe: A Caneda
  • Dirección: Avenida Rosalía Castro, 70 – 36600 Vilagarcía de Arousa
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.60522259217822
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.766468869468667
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 519.283,64 m / Y 4.717.220,13 m
  • Clasificación: Industria papeleira
  • CNAE: 24.53 Fundición de metais lixeiros. 24.54 Fundición de outros metais non férreos.
  • Tipoloxía: Fabricación de cartón ondulado e caixas e embalaxes de cartón
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Valgada na aba de poñente do monte Xiabre, na marxe esquerda da desembocadura do río Ulla na ría de Arousa.
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela dirixímonos pola estrada nacional N-550 a Padrón, onde apartaremos pola estrada C-550 cara a Vilagarcía de Arousa. Ao chegar a Carril, continuando pola avenida de Rosalía Castro e no mesmo límite con Vilagarcía, na man esquerda, atópanse as instalacións de Lantero.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun creaba no corazón de China o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasaba a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos). A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde os operarios de Abu-Masafya fabricaban de liño un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin financiado nos seus traballos polos irmáns Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.
A primeira máquina plana continua instalouna en 1840 Tomás Jordán en Manzanares el Real (Madrid).

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

A escaseza de enerxía, e os altos prezos dos trapos e produtos químicos, maioritariamente importados, contribuían a facer a produción española moi pouco competitiva. Ante esta insostible situación buscáronse dende 1800 sucedáneos dos trapos, empregándose cordas, esparto ou palla, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación asociados ao emprego do carbón, o cloruro de cal e a sosa.

Na Primeira Exposición da Industria Papeleira (Madrid, 1827), Santiago Grimaud, quen viña experimentando con palla, esparto, xunco, olmo, moreira, e outros vexetais na súa fábrica de Gárgoles de Arriba (Guadalajara) dende 1800, presentou papel de esparto, de xunco e de cánabo de boa calidade. En 1858 Francisco Iglesias, da fábrica de Soutorredondo (Coruña), presentou papel de pita na Exposición de Santiago de Compostela.

Dos posibles substitutos do trapo ensaiados como materia prima, resultou a madeira a máis apta, especialmente de árbores de rápido crecemento, como o piñeiro e o eucalipto, seguida polo esparto e a palla.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada industrialmente en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

A nova industria papeleira vai asentarse nos anos finais do século XIX en lugares con fácil acceso a materias primas de importación (madeira dos países escandinavos e do Canadá) e auga e recursos enerxéticos abundantes (carbón e electricidade). O País Vasco (ata entón sen historia papeleira) e máis adiante, Navarra, Cantabria, Asturias, Pontevedra e Huelva, van liderar a produción española de pasta de madeira e, xa que logo, de papel e de cartón.

Os embalaxes de cartón ondulado xorden nos Estados Unidos como resposta e evolución dos embalaxes de madeira; de 1875 é a primeira fábrica, instalada por Robert H. Thomson e Harry D. Norris. Os dous estadounidenses porían en marcha en 1888 en Exideuil-sur-Vienne (Charente, Francia) a que foi a primeira fábrica de cartón ondulado en Europa.

En España sería en Barcelona onde os irmáns Francisco e Juan Sans, a partir da prancha de cartón ondulado mercada no sur de Francia, fabricarían contra 1910 os primeiros embalaxes de este material. E sería tamén en Barcelona e en 1922 onde se instalaría a primeira onduladora e, xa contra 1930, a “Papelera Española” en Prat de Llobregat (Barcelona) e cunha onduladora Marius-Martin converteríase no primeiro fabricante de cartón ondulado en España. A empresa Caballé, tamén barcelonesa, fabricaría e instalaría en 1948 a primeira onduladora fabricada por eles.

O definitivo impulso aos embalaxes de cartón ondulado produciríase durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945), ao demostrarse a superioridade das caixas de cartón ondulado cun tratamento anti humidade con respecto aos demais contedores. O desenvolvemento industrial e o crecente consumo foron favorecendo en todo o mundo o paso dos embalaxes de madeira aos de cartón ondulado, que empregando a mesma materia prima aforran moita madeira e poden ser fabricados industrialmente e despois imprimirse, troquelarse, e pregarse, ademais de ocupar pouco espazo, absorber ben as vibracións e os golpes, pesar pouco e ser reciclable, converténdose de novo en papel despois da súa utilización.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na valgada da aba de poñente do monte Xiabre, na marxe esquerda da desembocadura do río Ulla na ría de Arousa. Próximo a beiramar e no extremo esquerdo do areal que discorre entre Carril e Vilagarcía, é un emprazamento con grandes vantaxes de comunicación, a carón da liña do ferrocarril, da estrada C-550 e do porto de Vilagarcía.

Construcción:

A comezos do decenio de 1920 o serradoiro, do que xurdiría en 1965 a fábrica de cartón.

Abandono:

No ano 2009 a empresa trasladou as instalacións ao polígono industrial de O Pousadoiro, na estrada de Vilagarcía a Caldas.

Descrición:

Aquilino Lantero Bayón, natural de El Entrego (Asturias), dedicárase dende moi novo a comercialización da madeira na súa terra. En 1916 fundara en Gijón (Asturias) a compañía “Aquilino Lantero, S.A.”, dedicada á produción de madeiras industriais. A boa marcha do negocio favorecería a súa expansión e o establecemento de novos asentamentos en localizacións favorables.

Arredor de 1917 construíase un serradoiro e almacén de madeiras na extrema esquerda do areal vilagarcián coñecido como “Praia de Compostela”. No alto do frontispicio da nova industria figuraban tres rótulos: no centro “La Caneda”; a súa esquerda, “Almacén de maderas”; e “Aserradero a vapor”, a súa dereita. O seu propietario sería Joaquín Martínez García, avogado e concelleiro no Concello de Santiago de Compostela, quen mercara a que fora Real Fábrica de Curtidos (vid. ficha 434) coa súa finca, que abarcaba o que hoxe é coñecido como o parque da praia e os “Xardíns de Martínez”. Nun anuncio publicado en 1923 no xornal vilagarciano “Galicia Nueva” figuran os señores Briones y Alonso como propietarios da fábrica “La Caneda”.

Nese ano de 1923 a citada compañía asturiana xiraba como “Hijos de Aquilino Lantero” e na expansión do seu negocio facíanse co serradoiro e almacén de madeiras “La Caneda”, poñéndose ao fronte da industria os irmáns José e Vicente Lantero Fernández-Nespral.

O almacén e serradoiro de madeiras “La Caneda” (afortunadamente, aínda en pé) é unha construción de planta baixa a carón da estrada Carril-Vilagarcía, de forma rectangular de 30 metros de lonxitude e 10 metros de fondo. No fronte ábrense sete ocos enmarcados en cantearía de boa factura, igual que os esquinais. O do centro era o portal principal, capaz para permitir a entrada de vehículos, e a cadanseu lado abríanse dous ocos máis estreitos e un máis ancho. A cuberta, a uns cinco metros sobre o chan, é a dúas augas.

No seu tempo, uns carrís para vagonetas saían do portalón do extremo sur, cruzaban a estrada e avanzaban ata o peirao da empresa, no que unha rampla facilitaba o embarque e desembarque das materias primas, carbón e madeira, e mercadorías de todo tipo.

En colaboración co arquitecto ovetense Joaquín Vaquero Palacios (que ten entre a súas obras o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, 1938-1942, e que fora medalla de ouro da arquitectura do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España en 1996), a fábrica de Lantero patenta en 1936 o chamado “Sistema VAQLAN”, de construcións en madeira desmontables, por moitos anos o único contacto e referencia dos españois con este tipo de construcións. No seu catálogo presentan unha grade variedade de edificacións: vivendas de un, dous e tres dormitorios; barracóns de vivendas; restaurantes e mesmo igrexas. O sistema baséase en troncos unidos con parafusos e porcas, e o acabado leva dúas mans de pintura ao aceite. A Guerra Civil suporá a fin do proxecto, o primeiro intento de construír a gran escala este tipo de vivendas en España.

Dende o mesmo comezo da Guerra Civil Española (xullo 1936 – abril 1939), a fabricación de envases e caixas armadas para botellería ampliouse coa fabricación de mobles, xoguetes e mesmo algunha vivenda de madeira. Entre moitos outros, clientes sinalados foran os irmáns donostiarras Juan e Teodoro Kutz, fabricantes de “Cervezas El León”, e as “Bodegas Bilbaínas”.

A calidade e seriedade da empresa impulsou unha importante expansión polo territorio nacional, e o 24 de maio de 1950 José Lantero Fernández-Nespral creaba a sociedade mercantil “José Lantero e hijos”, cuxa casa central, da que dependían as instalacións que foran xestionando en Bilbao, Santander, Gijón (a orixe do negocio, creada por seu pai), Oviedo, Coruña e Vilagarcía, estaba en Madrid, sendo xa naquel tempo unha das compañías máis respectadas na fabricación de envases de madeira.

A demanda de madeira para embalaxe e caixas foi sendo substituída por unha presenza crecente dos envases de cartón, máis lixeiro e manexable. E José Lantero tomou a decisión de comezar coa fabricación de cartón ondulado. Foi sen dúbida unha decisión afouta, máxime porque decidira facelo co mesmo cadro de persoal.

A atrevida decisión de “don José” e a entusiasta colaboración do persoal tiveron éxito, e “Lantero” foise pouco a pouco convertendo en unha referencia no sector do cartonaxe. A primeira “onduladora”, unha Caballé de 1’6 metros de ancho, foi substituída por unha moderna “Simon” inglesa, de 2’2 metros de ancho, mentres recibían pedidos de clientes de todo o mundo, como a tabaqueira estadounidense “Philip Morris” ou a láctea suíza “Nestlé”.

Tras o primitivo edificio de “La Caneda” a empresa foi estendendo as novas instalacións ao longo da súa existencia, ata ocupar hoxe en día unha superficie de máis de vinte mil metros cadrados entre a estrada e as vías do ferrocarril. A empresa foi incorporando outras empresas ao seu grupo; en Galicia mercaríalle a Escurís a fábrica de cartonaxe da Pobra do Caramiñal “Cartón Galicia” (Cartogal, vid. ficha 493) e se instalaría no Porriño con “Tecnicartón”, especializada en subministrar embalaxes a medida á industria auxiliar do automóbil, entre outras.

Acomodándose unha vez máis á evolución dos embalaxes, introduciríase nos embalaxes de plástico, tanto flexibles como ríxidos, con senllas fábricas en Alcalá de Henares (Madrid), desde 1973 “Coexpan”, de embalaxe de plástico ríxido, e desde 1990, “Emsur” de embalaxe de plástico flexible.

No ano 2009 a empresa abandonaba as instalacións da avenida Rosalía de Castro para comezar a instalarse no polígono industrial de O Pousadoiro, a uns catro quilómetros de Vilagarcía, operación que completaría no 2012, tres anos despois.

Nos inicios do decenio do 2010 O Grupo Lantero tiña un cadro de persoal de máis de dous mil setecentos empregados, con 47 fábricas en trece países: España, Alemaña, Italia, Francia, Portugal, Rusia, México, Arxentina, Chile, Brasil, Polonia, Estados Unidos e Marrocos.

A comezos do verano do ano 2015 a corporación británica “DS Smith” adquiría a totalidade dos activos da división de cartón ondulado. O Grupo Lantero había decidido prescindir das súas oito fábricas da división de cartón ondulado, con tres fábricas en Galicia (“Lantero Embalajes”, en Vilagarcía; “Cartogal”, en A Pobra do Caramiñal; e “Tecnicartón”, no Porriño), dúas en Madrid, outras dúas en Cataluña; e unha en Valencia, para centrarse na expansión da división de embalaxe de plástico, flexible e ríxido, que xa representaba o 80% do seu volume de negocio en todo o mundo.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O sector da industria papeleira actual comprende varios sub sectores, que poden funcionar integrados, semi integrados ou separadamente. Estes abarcan desde as operacións forestais e a obtención da madeira, fabricación de pastas, fabricación de papel, fabricación de cartón, e finalmente manufacturas e impresión do papel e o cartón.

A fabricación do cartón ondulado comeza pola recepción das materias primas, sendo estas as bobinas de papel coas que vai formarse o cartón e a cola de amidón coa que van encolarse as diferentes capas. O papel empregado e o papel kraft (papel de estraza), un papel marrón, basto e groso, de pasta de madeira non branqueada, que é moi resistente ao desgarro e á tracción.

O proceso emprega tres bobinas de papel (ou cinco, no caso do cartón duplo). O papel dunha das bobinas emprégase para elaborar a tripa ou parte interior do cartón. A lámina continua de papel introdúcese na máquina de ondulado, onde pasa primeiro por uns rolos lisos que o van quentar, para seguir polos rolos de ondulación, uns cilindros estriados nos que a lámina de papel vai adquirir unha ondulación permanente.

A lámina de papel ondulado vai seguidamente a estación de encolado, colocándose entre as láminas de papel das outras dúas bobinas, pasando por un conxunto de rolos e aplicándoselle a cola de amidón, co que queda formada a lámina de cartón ondulado (tamén chamado cartón corrugado).

Lévase despois a máquina de corte, na que se preparan os diferentes tamaños comerciais para expedición en pranchas, e na que tamén se fan os recortes para deixar as placas preparadas para caixas. Estas pranchas xa recortadas e cuñadas pasan a máquina flexográfica, que prega o cartón, o pega conforme ao deseño e devolve o produto acabado, é dicir, a caixa. De se-lo caso, o cartón levará impresos os textos solicitados polo cliente.

Os produtos acabados pasan á sección de almacenaxe e quedan preparados para expedición.

Actividades laborais:

Emprego principalmente masculino.

Emprego:

A finais de 1969 a empresa declaraba 47 “produtores” na fábrica de Vilagarcía de Arousa. No momento da venda, no mes de xuño do ano 2015, eran 128 os empregados.

Materias Primas:

Bobinas de papel kraft e colas de amidón.

Produtos Elaborados:

Cartón ondulado e caixas de cartón ondulado.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, Josep (2002). El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración. Barcelona: Parramón. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Basanta Campos, José Luis (1966). “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Drechsel, W. (1942). “Tecnología textil y fabricación del papel. Fabricación de la pasta de madera, de la celulosa y del papel”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 746-777.

Gayoso Carreira, Gonzalo (1965). “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, Gonzalo (1994). Historia del papel en España. 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Plaza Gómez, Pedro (1994). Nuevo diseño gráfico y estructural sobre cartón ondulado, Tesis Doctoral, Madrid: Universidad Complutense [en línea] Disponible en Internet: http://eprints.ucm.es/1715/1/T19480.pdf [Acceso 4 enero 2018].

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Villaronga García, Manuel (2013). La ciudad de Arousa: Vilagarcía, Carril, Vilaxoán, Cortegada, Vilanova. Mil años buscando un lugar en el mapa. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL PO-653-2013. ISBN 978-84-8457-410-1.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 152-I Vilagarcía de Arousa // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 519.283,64 m / Y 4.717.220,13 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

5 xaneiro 2018