505 Eléctrica Ortegana (C.H. do Seixo)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Cariño (até 1988, Ortigueira)
  • Parroquia: Santiago de Landoi
  • Lugar: O Seixo
  • Paraxe: Cerrados de Mariana
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.69493657962793
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.922908769866922
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 586.810,39 m / Y 4.838.530,97 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbinas hidráulicas
  • Comarca: Ortegal
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do rego de Landoi, na vertente oriental da Serra da Capelada.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: En Ferrol cóllese a estrada C-642 (AC-862) cara a Ortigueira. Ao Chegar a Mera apartaremos á esquerda pola estrada AC-6119 cara a Cariño. A pouco máis de dous quilómetros, en Esteiro, apartaremos á esquerda pola AC-6119, camiño de Landoi, continuando carreteira arriba ata o cruce coa liña eléctrica. Á esquerda, na ribeira dereita do rego de Landoi míranse os restos da central hidroeléctrica, á que poderemos chegar dando un paseo.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, como a do británico Joseph Wilson Swan en 1878, o estadounidense Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente de filamento de tungsteno, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte) y “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

A central situárase na ribeira dereita do rego de Landoi, na vertente oriental da Serra da Capelada.

Construcción:

1906.

Abandono:

Trala absorción en 1973 da “Eléctrica Ortegana” por “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), a central de O Seixo deixaría de producir pola baixa rendibilidade e as dificultades de ampliación.

Descrición:

O 29 de abril de 1906 os veciños de Ortigueira Vicente Sandomingo Crego e Adolfo Teijeiro Botana constituían a sociedade “Eléctrica Ortegana” para a subministración de enerxía eléctrica na comarca. A concesión administrativa sería outorgada o 9 de xullo de 1906 [Suárez, 2014].

Os promotores tiñan identificado un aproveitamento hidroeléctrico no rego do Forte, afluente do rego de Landoi. A captación facíase uns douscentos metros augas abaixo da xunta do rego das Lamas co rego do Quiza, entre as aldeas de Lamelas e Soñín, derivando as augas pola marxe dereita do rego do Forte ata o estanque regulador ou cámara de carga, dende o que o caudal derivado baixaba pola tubaria de presión ata a casa de máquinas, salvando un desnivel de 224 metros. Un caudal de ata 200 litros por segundo alimentaba senllas turbinas que arrastraban cadanseu alternador, cun total de 375 quilovatios de potencia instalada.

A casa de máquinas, edificada no paraxe de Cerrados de Mariana, a uns setecentos metros augas arriba do lugar de O Seixo, ten unha planta de pouco máis de cen metros cadrados, cun almacén duns corenta metros cadrados ao seu carón.

Contra 1912 a “Eléctrica Ortegana” ampliaría a súa capacidade de xeración coa construción doutra central hidroeléctrica no lugar de Chímparra, no veciño termo municipal de Cedeira (vid. ficha 506).

Ao longo do primeiro terzo do século XX a compañía tendería as liñas eléctricas pola comarca, dando primeiro servizo a Ortigueira e Cariño, os principais núcleos de poboación, e estendéndoo despois a Mera, Espasante, Feás, e dende a posta en servizo da central de Chímparra, tamén a Cedeira, Pantín, Vilarrube e demais vilas e aldeas do Ortegal. A subministración facíase inicialmente cunha tensión de 5.000 voltios, que elevaríase posteriormente a 15.000 voltios para mellor atender aos seus máis de seis mil abonados.

O 28 de decembro de 1973, nunha operación máis do proceso de absorción das pequenas empresas eléctricas da rexión, que se estaba a levar a cabo polas grandes empresas eléctricas dende o remate da Guerra Civil española (1936-1939), Vicente Sandomingo Prieto, neto dun dos fundadores, asinaba ante o notario da Coruña Jesús Alonso Piñeiro o contrato de compravenda das “fábricas da luz” de O Seixo e Chímparra. O novo titular das centrais, “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), non tardaría en deixalas fora de servizo pola baixa rendibilidade derivada das súas modestas potencias e das dificultades dunha ampliación.

Na segunda metade da década de 1980, ao abeiro dunha lexislación favorecedora xurdida da Lei de Conservación da Enerxía, de 30 de decembro de 1980, “Unión Eléctrica Fenosa, S.A.”, a empresa entón propietaria, estudiaría a posibilidade de rehabilitar as súas pequenas centrais hidroeléctricas fora de servizo para cedelas en arrendamento aos promotores interesados.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1882) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso da central de O Seixo, carecemos polo de agora da suficiente información técnica das primitivas instalacións e das súas modificacións posteriores. Como referencia sabemos de un salto de uns 224 metros e un caudal máximo da orde dos 200 litros por segundo, o que permitíalle acadar unha potencia de uns 375 quilovatios de potencia instalada. Algunhas noticias falan de dúas turbinas, posiblemente tipo Pelton, de eixe horizontal que arrastraba cadanseu alternador sincrónico trifásico.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Arroyo Huguet, Mercedes; Nahm Pérez, Gerardo (1994). “La Sociedad Española de Electricidad y los inicios de la industria eléctrica en Cataluña”. En Horacio Capel Sáez (dir.), Las Tres Chimeneas: implantación industrial, cambio tecnológico y transformación de un espacio urbano barcelonés. Barcelona: FECSA, 1994, vol. 1, p. 25-51.

Augas de Galicia (2011). “Ficha de caracterización das demandas de auga en centrais hidroeléctricas”, Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-costa, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007). “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, Estudios de historia económica, nº 50, Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bolstorff, H. (1926). “Alumbrado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 936-965.

Carmona Badía, Xoán (2016). La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955), Biblioteca de Historia del Gas, Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carreras Odriozola, Albert (1983). “El aprovechamiento de la energía hidráulica en Cataluña, 1840-1920”, Agricultura, energía y comercio en la España contemporánea, Revista de Historia Económica, año I, nº 2, p. 31-63. Madrid: Universidad Carlos III. DL M-29208/1983. ISSN: 0212-6109.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007). "First AC Power Systems in Croatia", 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power Schedule/Program [On line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/prog_comm [Retrieved 10/08/2017].

Edison Tech Center (n.d.). Dolgeville Hydro Power 1879, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

García Doural, Andrés (2011). “Llegada de la luz eléctrica a Mondoñedo”, Miscelánea mindoniense [en línea] Accesible en Internet http://www.blogoteca.com/doural/index.php?cod=103318 [Acceso 1 noviembre 2017].

García Fontenla, Ramón (ed.), 1990. Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.

Kesten, P., et al. (1926). “Electrotecnia”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 966-1227.

Kyser, Herbert (1930). Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Ministerio de Fomento (1931). Centrales eléctricas de más de 500 kVA a fines de 1930 (anejo y mapa de la publicación de 1931), Madrid: Consejo de la Energía del Ministerio de Fomento.

Nadal i Farreras, Joaquim (1976). “La contribució gironina al desenvolupament de la industria elèctrica catalana”, Revista de Girona, núm. 75-77, p. 51-58.

Naldi, Giovanni (2007). Turbine idrauliche: tradizione ed innovazione [in linea] Disponibile nella Internet http://www.ecoappennino.it/2007/pdf/seminari%2028-09/micro%20e%20mini%20idro/presentazione%20giovanni%20naldi.pdf [Consultati il 1 gennaio 2018].

Neidhöfer, Gerhard (2008). “Michael von Dolivo-Dobrowolsky und der Drehstrom”. Geschichte der Elektrotechnik VDE-Buchreihe, Volume 9, VDE VERLAG, Berlin Offenbach.

Orellana, Francisco José (1860). Reseña completa descriptiva y crítica de la Exposición Industrial y Artística de productos del principado de Cataluña, Barcelona: Establecimiento Tipográfico de J. Jesús.

Pena Espiña, Xesús (1986). A formación do sector eléctrico en Galiza (1900-1925) e a Sociedad General Gallega de Electricidad. Tese de licenciatura inédita. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

Rubió y Bellvé, Mariano (1914). El gas pobre y sus aplicaciones a la fuerza motriz y a la calefacción, Manuales Gallach, Colección Manuales Soler, núm. 97, Barcelona: José Gallach, Sucesores de Manuel Soler.

Sánchez Miñana, Jesús (2006). “Las primeras aplicaciones de la electricidad en Barcelona en torno a 1850”, Quaderns d’història de l’enginyeria, vol. VII, 2006, p. 115-195.

Simões, Ilídio Mariz (1982). "As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal", Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933). La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico, Barcelona: Montaner y Simón.

Suárez Sandomingo, José Manuel (2014). La electricidad llega a Ortigueira [en línea] Disponible en Internet http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.11108.php [Acceso 24 marzo 2018].

United States Department of Energy (USDOE, n.d.). History of Hydropower, Office of Energy Efficiency & Renewable Energy [on line] Available at https://energy.gov/eere/water/history-hydropower [Retrieved 10/08/2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 1-IV Ortigueira // Datum ETRS89: H 29 // X 586.810,39 m / Y 4.838.530,97 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 30 novembro 2017].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 30 novembro 2017].

Data de Actualización:

25 marzo 2018