508 A Rosaleira

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: O Rosal
  • Parroquia: Santa Mariña
  • Lugar: O Rosal
  • Paraxe: A Mata
  • Dirección: A Cumieira Abaixo, 10 – 36770 O Rosal (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 41.930652149705956
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.836876860015877
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 513.519,69 m / Y 4.642.096,64 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas vexetais
  • CNAE: 10.39 Outro procesado de froitas e hortalizas.
  • Tipoloxía: Conserva hermética de froitas e hortalizas en frascos de vidro e envases metálicos
  • Comarca: Baixo Miño
  • Marco Xeográfico: A conserveira sitúase no val da ribeira dereita do río Tamuxe, na aba dos montes do Torroso.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Tui encamiñarémonos pola estrada PO-552 (ou a CG-4.2) cara a Guarda. Pasada a ponte sobre o Tamuxe apartaremos á dereita cara ao Rosal. Na marxe dereita atoparemos “A Rosaleira”. De ire pola CG será en Tabagón onde apartaremos pola EP 3302 a O Rosal e ao chegar alí viraremos á esquerda para acercarnos á fábrica.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nun vello salgadoiro; en Bueu apareceron restos de salgadoiros e ánforas de barro romanas; e en Noville (Mugardos) e Cariño (Ferrol) –entre outros lugares da costa atlántica galega– documéntanse senllas industrias romanas de salga de peixe.

Avanzando no tempo, os tradicionais procedementos de conserva dos alimentos (curado, salgado, afumado, escabechado) van perfeccionándose. Na segunda metade do século XVIII, coa presenza dende 1750 dos cataláns nas rías galegas, vai incorporándose o prensado do peixe para mellorar os clásicos procedementos de salgadura.

Contra 1820 descóbrese en Francia unha maneira de conservar moito más eficiente e duradeira cá da salga: a esterilización das viandas e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde.

No ano 1828 José María Tubiano establecería en Oviedo a primeira fábrica española de conservas herméticas de pescado, á que axiña seguirían outras dúas, tamén en Asturias, e, xa en 1836, a de Francisco Zuloaga na Ponte Gaiteira (Oza, A Coruña). Dende 1850 van establecerse outros pequenos talleres que envasaban manualmente en frascos de vidro sardiña, pescada, ollomol, ostras, caza, verduras e froita, e que chegarían a seren corenta contra 1880, das que trece estaban en Cantabria, dez no País Vasco, nove en Asturias e sete en Galicia.

As primeiras conserveiras galegas tiñan unha produción diversa (dende sardiñas en aceite a lingua de vaca) moi pouco especializada e con procesos maioritariamente manuais. Nestes primeiros anos, na elaboración dos produtos empregaban como envase, primeiro, frascos de vidro, e, deseguido, folla de lata de importación, pechándose as latas con soldadura manual. Frascos e latas esterilizábanse despois ao “baño maría” en caldeiras abertas. Estes pioneiros foron Zuloaga (Oza, 1836), Pelletier (Coruña, 1853), "La Aurora", de Alejandro Carreño (Noia, 1856, vid. ficha 422), Curbera (Vigo, 1861, vid. ficha 267), e “La Noyesa”, de Joaquín Caamaño (1874, vid. ficha 368), aos que seguirían moitos outros.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa de Arousa (vid. ficha 124), cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Porén, a elaboración en Galicia de conservas vexetais foi –e aínda é– ben escasa, malia que a técnica da preparación e o envasado ven sendo a mesma ca de peixes e mariscos, e o son tamén as habelencias requiridas para colocar nos mercados uns e outros produtos. Pero as condicións de cantidade, calidade e prezo das producións hortícolas e frutícola en Galicia non son as mesmas que as dos regadíos levantinos e rioxanos. Xa que logo os conserveiros galegos concentraron nos produtos do mar os seus investimentos, coa excepción pioneira de José Sánchez García dende 1939 en O Rosal, o intento frustrado de Luis Calvo Sanz en 1940 en Carballo, e a máis recente de Manuel Loureiro Pérez, en 1995 en Castiñeiras.

Descrición Xeral do Entorno:

A conserveira sitúase na valgada da ribeira dereita do río Tamuxe, na aba oriental dos montes do Torroso.

Construcción:

1940.

Abandono:

Aínda está en funcionamento.

Descrición:

Entre 1922 e 1924 o mestre José Sánchez García, nacido en Rebollar (Soria) desenvolvería na escola rural de Fornelos (O Rosal) a promoción agrícola como unha práctica escolar. Aproveitando as extraordinarias condicións que a combinación de solos e microclima ofrecían no vizoso val do Rosal, aplicaría con éxito a disposición da Real Orde de 1921 de “creación de campos agrícolas anejos a las escuelas nacionales en las poblaciones rurales” (Malheiro, p. 47), alternando o estudo teórico na aula coa práctica agrícola na horta escolar.

O traballo desenvolvido polo mestre callou na veciñanza, diversificándose con naturalidade as árbores froiteiras e os produtos das hortas. Neste innovador marco agrícola a chegada en 1936 dos patróns de “Mirabelle de Nancy” (Prunus domestica var. syriaca), traídos de Alemaña e regalados ao mestre, foron recibidos sen estrañeza e pronto aquelas plantas cuns pequenos froitos semellantes ás ameixas (cirolas), marelos e con pequenas pintas rubias (encarnadas), aportarían os novos froitos, os “mirabeles”, ao mercado local.

Ademais de consumirse en fresco, os “mirabeles” empregáronse para a elaboración de augardentes, licores, marmeladas, confeituras, xeleas e repostería variada. A afección de José Sánchez pola horticultura tería a súa lóxica continuación co interese pola conservación do principais froitos do seu traballo. A elaboración doméstica daría paso á artesanal, e o vello mestre converteríase en empresario, rexistrando en setembro de 1939 a marca “Dulce de Frutas de El Rosal” para a comercialización da produción.

No mes de maio de 1940 Sánchez rexistraría a marca comercial “A Rosaleira” para a produción e comercialización de conservas vexetais, e no mes de decembro do mesmo ano quedaría constituída a sociedade “Sánchez García Limitada”, na que serían socios o seu cuñado José de Santiago Vicente e o comerciante local Jesús Martínez Alonso. A nova industria comezaría nas instalacións construídas no lugar de A Mata coa elaboración de doces de froitas e tomates en conserva, ampliando máis tarde a produción coa fritada de tomate e pemento verde, os feixóns e a zaragallada de tomate, cebola e pemento verde.

Trala morte de José Sánchez en 1948 e a reestruturación da sociedade coa saída do resto dos accionistas, a empresa quedaría nas mans dos fillos do fundador baixo a razón social “José Sánchez García, S.L.” mantendo as producións tradicionais que caracterizaron a súa traxectoria como modesta empresa de conservas vexetais.

Na busca de novos produtos que ampliaran a presenza da empresa nos mercados alimentarios, e despois de experimentar con grelos de diversas procedencias, na segunda metade do decenio de 1960 a pequena conserveira baixomiñota elixiría os grelos orixinarios da comarca de Santiago para a súa elaboración en conserva. A comercialización dos grelos en 1967 sería unha grande novidade na época, e remataría converténdose na conserva de referencia da empresa.

En 1992 “A Rosaleira” comeza a estudar a realización dunha serie de modernizacións nas instalacións para mellor acomodarse as novas exixencias da industria alimentaria e consolidar unha marca que sempre apostou pola calidade da materia prima e do produto final. Coa supervisión do enxeñeiro industrial Manuel Lara Coira, a empresa “Galdecon, S.L.” remataría as obras en 1994, e as melloras implantadas permitirían a consolidación da marca no mercado alimentario español, agora baixo a nova razón social de “Conservas A Rosaleira, S.L.”.

No ano 2007 Consuelo Sánchez de Santiago, a filla maior do fundador, vendía o 75% do capital de “Conservas A Rosaleira, S.L.” á empresa “Bodegas Terras Gauda, S.A.”, tamén de O Rosal e que desde o año 2012 figura como socio único e desde o ano 2015 como administrador único.

Tempo de uso:

Estacional, dependendo fundamentalmente do tempo da sazón e colleita dos diferentes produtos a elaborar e envasar.

Sistema de produción:

Tras apañar os produtos no seu tempo de sazón, trasládanse á fábrica para proceder á preparación das conservas. Na recepción faise unha primeira selección, desbotando aquelas pezas que non reúnan as condicións de calidade exixidas pola empresa.

O proceso propiamente dito comeza coa limpeza e repasado dos produtos (froitas, hortalizas, verduras, setas) antes de proceder ao envasado e pesado, engadíndolle cando é requirido auga, sal e xugo de limón ao recipiente.

Seguidamente o envase é cerrado e introdúcese no autoclave para sometelo á esterilización. Rematada esta, trasládase a sección de etiquetado e empaquetado, e lévase despois ao almacén ata o momento da expedición.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Mirabeles, tomates, cebolas, pementos, feixóns, grelos, patacas, setas.

Produtos Elaborados:

Conservas frutais e vexetais (mirabeles, tomates, fritada de tomate e cebola, zaragallada de pemento, tomate e cebola, feixóns, grelos, setas).

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández González, Ángel Ignacio (2011). “Conservas vegetales en Galicia, una breve historia”, Galicia agraria: historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina [en línea]. Dispoñible na Internet: http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2011/05/conservas-vegetales-en-galicia-una.html [Acceso 3 xaneiro 2015].

Fernández González, Ángel Ignacio (2011). “De Hijo de Tomás Martínez a Conservas Lou”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 264-285. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Fraga Rodríguez, Xan (2009). “Luis Calvo Sanz (1897-1980): o renovador da industria conserveira”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 432-459. DL C-948-2009. ISBN 978-84-96982-37-6.

Fraga Rodríguez, Xan (2011). “Los Calvo: protagonistas de la renovación de una industria madura”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 552-573. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Malheiro Gutiérrez, Xosé Manuel (2002). “Tralos pasos de Decroly… A escola no medio natural en Galicia a principios do século XX”, ADAXE, Revista de Estudios e Experiencias Educativas, 2002, 18: 45-67, p. 48-51. ISSN 0213-4705. [En liña] Dispoñible en https://minerva.usc.es/xmlui/bitstream/handle/10347/675/pg_047-070_adaxe18.pdf;jsessionid=3A6F4060CC74C6A2B9CBC8EE711DCB52?sequence=1 [Acceso 7 abril 2018].

Martínez Carrión, José Miguel (1989). “Formación y desarrollo de la industria de conservas vegetales en España, 1850-1935”, Revista de Historia Económica, año VII, nº 3, Otoño 1989, p. 619-649. Madrid: Universidad Carlos III. DL M-29208/1983. ISSN: 0212-6109. [En línea] Disponible en https://e-archivo.uc3m.es/bitstream/handle/10016/1832/RHE-1989-VII-3-Martinez.Carrion.pdf?sequence=1 [Acceso 7 abril 2018].

Schieferdecker, H.; Planck, R.; Hirsch, M. (1942). “Industrias de la alimentación y afines: IX. Conservación de verduras y frutas”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo V, p. 681-697.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 299-I Tomiño /// Datum ETRS89: H 29 // X 513.519,69 m / Y 4.642.096,64 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 7 abril 2018].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 7 abril 2018].

Data de Actualización:

9 xuño 2018