527 Canteiras de San Pedro

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: A Coruña
  • Parroquia: San Pedro de Visma
  • Lugar: Labañou
  • Paraxe: Penaboa
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.37715358969888
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.422475563308694
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 546.508,23 m / Y 4.802.633,38 m
  • Clasificación: Canteira
  • CNAE: 08.11 Extracción de pedra ornamental e para a construción.
  • Tipoloxía: Granito en bloques para construción, pavimentación e escultura
  • Comarca: A Coruña
  • Marco Xeográfico: Pé oriental do monte de San Pedro de Visma, na beiramar de Labañou, próxima á punta esquerda da enseada do Orzán
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe urbano)
  • Acceso: Na Coruña localizaremos o monumento Millennium, camiño do ascensor do monte de San Pedro, e alí, na aba do monte ata a mesma beira do mar poderemos recoñecer os vestixios das espléndidas canteiras de Labañou

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Si, aínda quedan pegadas malia que a zona ten sido totalmente urbanizada

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O emprego da pedra na construción pérdese no comezo dos tempos, obténdose os materiais apañando as pezas soltas das pedreiras dos montes ou os croios (pedras roladas) das marxes dos ríos.

A precariedade e limitacións do procedemento máis primitivo, vai dar paso ao estabelecemento das canteiras, abertas na tona da terra nos lugares nos que a abundancia de pedra permite arrigala e collela sen moito traballo.

Os materiais aproveitados dependen loxicamente da súa presencia e abundancia en cada comarca, sendo os máis empregados en Galicia o granito, a lousa, a serpentina e o mármore.

Unha canteira é unha explotación mineira, xeralmente a ceo aberto, na que se obteñen rochas industriais, ornamentais ou áridos para construción. As canteiras adoitan ser explotacións de pequeno tamaño, aínda que o conxunto delas representa, probablemente, o maior volume da minaría mundial.

Os produtos obtidos nas canteiras, a diferenza do resto das explotacións mineiras, non son sometidos a concentración, xa que van ser expedidos en bloques.

Os bloques, perpiaños e cachotes transportabanse por terra con gran traballo, dada a precariedade das vías de comunicación. Por iso, sempre que era posible, escollíase o transporte por mar, máis doado e barato, e moitas das canteiras (o mesmo que as barreiras e telleiras) abríanse nas beiramares, singularmente nas proximidades dos portos en construción.

Ademáis das antigas grandes canteiras existentes, como as do Vispón ou da Redonda, na ría de Ferrol, o desenvolvemento urbanístico das vilas costeiras no primeiro terzo do século XX, alumeó numerosas explotacións, facilmente identificables nas paisaxes de Cedeira, Sada, Coruña, Malpica, Corme, Rande ou Meira.

Toda canteira ten unha certa vida útil polo cal, unha vez esgotada, o abandono da actividade pode orixinar problemas de carácter ambiental, principalmente relacionados coa destrución da paisaxe. Porén, algúns dos espazos abertos polas canteiras, co paso do tempo, poden crear novas e harmoniosas paisaxes, ou ser ocupados por outras empresas. Neste caso preséntase como exemplo a que foi importante explotación de granito branco dos faldreos do monte de San Pedro de Visma, na periferia noroccidental da cidade de A Coruña.

Descrición Xeral do Entorno:

As canteiras foron abertas na faldra oriental do monte de San Pedro de Visma, na mesma beiramar de Labañou, próxima á punta esquerda da enseada do Orzán, o que faría máis doado o transporte marítimo dos materiais extraídos da canteira.

Construcción:

Cando menos, xa se arrigaba pedra de alí no século XII.

Abandono:

Os aproveitamentos máis recentes, na parte do ascensor, contra 1950.

Descrición:

Descoñécese a data na que comezou o aproveitamento da pedra nas canteiras situadas ao pé do Monte de San Pedro, pero sábese de certo que as pezas de granito branco de estas canteiras xa se empregaban adoito nos primeiro anos da Baixa Idade Media. Indican os investigadores [Freire et al., 2016] que as características petrolóxicas dos leucogranitos de San Pedro, aparencia, color, rareza, calidade e durabilidade, xunto cunha separación óptima das diaclasas para a súa explotación e talla, explican a súa extensa utilización na cidade da Coruña e nalgunhas vilas dos seus arredores.

Diversos traballos de cantearía (perpiaños, lastras, esculturas e detalles arquitectónicos) realizados con pedra destas canteiras en moi diversas épocas, foron localizados na Coruña e a súa contorna. As igrexas románicas do século XII da Colexiata de Santa María do Campo e de Santiago, a igrexa das Capuchinas (1715, do arquitecto Fernando Casas Novoa), a igrexa de San Xurxo (1766), a fonte de Neptuno (1794), a ampla plataforma que circunda a Torre de Hércules (1861), o lousado das rúas do centro histórico (Calle Real e Cantones) ou, xa no século XX, as vivendas sociais Grupo Pardo de Santayana (inauguradas en 1952 en San Roque de Afuera, “Corea”) e Grupo María Pita (construídas entre 1954 e 1960 en Labañou) son exemplos sobranceiros na cidade da Coruña.

Na próxima vila de Betanzos atópanse tamén notables exemplos do uso dos leucogranitos de San Pedro nas igrexas góticas de Santa María do Azougue (segunda metade do século XIV) e de San Francisco (1387). Tanto nas columnas do pórtico da primeira, como nas tumbas (hoxe no Museo Arqueolóxico) de Clara Sánchez (ca. 1480), e de Alonso Ianeiro (tamén do século XV), e malia o valioso e detallado traballo da pedra, os expertos identifican o contacto do leucogranito coa granodiorita (o que reduciría o valor da pedra), o que revela a escaseza daquel nas canteiras de Penaboa.

Pola proximidade das canteiras á beiramar e as dificultades das comunicacións terrestres practicamente ata finais do século XIX, as pedras extraídas serían preferiblemente transportadas por vía marítima ata o lugar da súa utilización. Para os desprazamentos por terra empregaríanse carretas tiradas por bois e, máis recentemente, camionetas e camións.

Ademais do antigo acondicionamento de cantís costeiros como rudimentarios embarcadoiros para dar servizo ás canteiras, en tempos máis recentes ergueríanse construcións para almacenaxe de materiais e ferramentas, e cortellos para acoller aos cabalos e mulas empregados para arrastre do material na explotación.

Aínda que polo de agora non temos constancia, e moi posible que dende a segunda metade do século XIX no lugar da extracción operasen grúas de vapor a carbón, que xa serían eléctricas nas primeiras décadas do século seguinte para axudar a mover e a cargar as pedras de maior tamaño.

A area e a pedra de menor tamaño (“morrillo”, “cachote”, etc.) cargaríanse manualmente con pas ou outras ferramentas. En moitos casos encheríanse “muñicos”, cubos ou outros recipientes de pequenas dimensión que as mulleres cargarían na cabeza e carrexarían ata o lugar no que se localizaban as gabarras e as carretas.

Pola importancia histórica destas canteiras e o seu eventual aproveitamento para a correcta restauración de monumentos de interese cultural como os citados, o Grupo de Petroloxía Aplicada á Conservación do Patrimonio, do Instituto de Xeociencias do Centro Superior de Investigacións Científicas, as propuxo para a súa designación como Recurso de Piedra del Patrimonio Mundial (Global Heritage Stone Resource).

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Nos primeiros tempos, o traballo era ben sinxelo: íase á pedreira ou ao coiñal, escollíanse consonte o destino previsto as pezas que puideran interesar polo seu tamaño e a súa forma, e trasladábanse ao lugar da obra.

As limitacións do procedemento darán paso ao estabelecemento das canteiras, abertas na tona da terra nos lugares nos que a abundancia de pedra permite arrigala e collela sen moito traballo.

No traballo das canteiras, cumpre distinguir ao pedreiro, que facilita o material arrigando a pedra, e o canteiro, que vai dar forma á peza desexada. Isto no é sempre así, xa que son moitos os canteiros que elixen e arrigan a pedra que lles cumpre. O traballo do canteiro pódese facer na mesma canteira, nun taller ou na propia obra.

Decidida a canteira, xeralmente penedías sobre o terreo nun sitio de carrexo doado, límpase a terra que puidera cubrir os penedos e, posta a pedra ao descuberto para arrigala, búscaselle o andar (a dirección na que ha rachar) e sinálase cunha liña, ao longo da que vanse abrindo uns buratos, afondándoos coa acodadeira ou cincel.

Despois ponse un guillo (cuña de ferro) en cada burato e cálcase co martillón, golpeando deica parti-lo penedo. No tempo no que os guillos eran de carballo, botábase auga na madeira, que ía enchoupando e ao inchar, faguía fende-la pedra.

Segundo o uso que se lle dera á pedra, seguíase fendendo en prismas estreitos e longos para postes, ou curtos e anchos para perpiaños.

Preparadas as pezas, as máis grandes trasládanse aos rebolos ou sobre roletes até o camiño no que as ha collé-lo carro. As pequenas pódense levar en cestos ou padiolas.

Nas obras nas que a pedra ponse tal como se atopa (alicerces, muros de cimento, ou de cachotes), o canteiro limítase a lle “busca-lo ser” para que asente ben no seu sitio, se cadra quitándolle algunha esquina que lle sobre.

Se a obra é de perpiaño, é preciso labra-lo paralelepídedo sacado da canteira, para que as súas caras ofrezan superficies chairas e asenten entre elas sen precisar calzos. Co punteiro e a maceta desbástanse as pedras, e co pico achairanse ben as caras, rematando coa labra a cincel cando se quere pulila máis.
O primeiro paso na mecanización da cantaría foi arrigar co emprego da dinamita en forma de barrenos, cargando con eles os buratos e facéndoos estalar para estourar a pedra, separando despois os cachos coa axuda de pancas. Hoxe en día, ademais de voaduras controladas con moi pequenas cantidades de explosivos de baixa potencia (pólvora de mina), empréganse tamén martelos pneumáticos, sopretes, e ferramenta de corte de diamante.

Para a carga, que facíase primeiro a man ou coa axuda de planos inclinados e grupos de poleas (polispastos), empregaríanse pas escavadoras accionadas a vapor, e despois con motores de combustión interna e motores eléctricos.

O transporte, por terra nos carros do país ou, preferentemente, por mar nas embarcacións de cabotaxe (galeóns, lanchas), faríase despois, respectivamente, en camións ou en gabarras remolcadas por barcos de vapor.

Os diferentes labores da explotación dunha canteira receben nomes característicos e propios da técnica: banco, berma, pista, noiro final, noiro de traballo, támaras da escavación, praza, curta, etc.

Actividades laborais:

Persoal masculino (pedreiros, canteiros e peóns) en todo o proceso produtivo. Mulleres no carrexo do material aos carros e as embarcacións.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Pedra granítica, leucogranito (granito claro, cunha meirande proporción de cuarzo e minerais feldespáticos).

Produtos Elaborados:

Bloques de pedra parcial ou totalmente elaborada.

Distribución e comercialización:

A práctica totalidade da pedra ía para as obras da cidade da Coruña, empregándose tamén nalgunhas obras singulares da comarca.

Referencias Bibliográficas:

Campo Táboas, Tamara (2017): “As canteiras do litoral moañés”, As canteiras de Moaña e outras xeiras, Premio de Investigación Buxa 2015-2016, Manuel Lara Coira (coord.). Santiago de Compostela: Ensenada de Ézaro Ediciones, 2017. DL C-393-2017. ISBN 978-84-946731-0-8.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Freire Lista, D.M.; Fort, R.; Varas Muriel, M.J. (2016). "San Pedro leucogranite from A Coruña, Northwest of Spain: Uses of a heritage stone", Energy Procedia. ISSN: 1876-6102-97: 554-561.

Hutter, Siegfried; Hauschild, Theodor (1991): El faro romano de La Coruña. Edición conxunta en español dos traballo de Hutter (1973) e de Hauschild (1976). Sada-A Coruña: Ediciós do Castro. DL C-393-2017. ISBN 978-84-946731-0-8.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: pedreiros e canteiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 508-514.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Pedreiros e canteiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 67-76. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madel, H. (1942): “Explotación a cielo abierto”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo II: Laboreo de minas, sección IV: Preparación y beneficio de yacimientos, p. 268-270.

La minería de Galicia (1991): Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre Gavalda, Juan Carlos (1990): Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Pereira González, Dionisio (1999): Imaxes da fatiga: crónica gráfica do traballo na Galiza, Vigo: A Nosa Terra. DL VG-613-1999, ISBN 84-89976-87-2.

Sánchez Garrido, Alejandro (2017): Corea, una historia paralela. Madrid: Autoedición. ISBN 978-84-697-5657-7.

Sánchez Garrido, Alejandro (2018): "Corea, una historia paralela", Barahúnda, revista de arte y pensamiento. Guadalajara: Mario Espliego ISSN 2531-1131 [on line] Disponible en Internet http://barahunda.net/corea-una-historia-paralela-alejandro-s-garrido/ [Acceso 01/01/2019].

Sanjurjo Sánchez, J.; Alves, C.A.S. (2006): "Degradation of granitic rocks used as construction material in historic building of A Coruña (NW Spain)", Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe 2006, 31: 11-28.

Suárez Fraga, Martiño (2018): “La cantera que edificó A Coruña”, Joyas de Galicia, núm. 15, invierno 2018. Santiago de Compostela: Jael Joyería. ISSN 2254-0253.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 27 maio 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-III A Coruña // Datum ETRS89: H 29 // X 546.508,23 m / Y 4.802.633,38 m

Centro Nacional de Información Geográfica, Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en Internet: http://fototeca.cnig.es/

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 27 maio 2017].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1960. De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 27 maio 2017].

Data de Actualización:

1 xaneiro 2019