723 Cooperativa Eléctrica Santiaguesa

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Santiago de Compostela
  • Parroquia: San Fructuoso de Afora
  • Lugar: Santiago de Compostela
  • Paraxe: Braña da Galeira (hoxe, rúa das Galeras)
  • Dirección: Rúa das Galeras, 5 – 15705 Santiago de Compostela
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.881115351135534
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.549483524581904
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 536.789,37 m / Y 4.747.704,72 m
  • Clasificación: Central termoeléctrica
  • CNAE: 35.16 Produción de enerxía eléctrica de orixe térmica convencional.
  • Tipoloxía: Caldeira de carbón con máquina de vapor
  • Comarca: Santiago
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do río Sarela no seu curso ao poñente da cidade de Santiago de Compostela, nas abas meridionais do Monte Pío.
  • Ámbito: Periferia urbana (hoxe, urbano)
  • Acceso: En Santiago de Compostela, na beirarrúa da esquerda do comezo da rúa das Galeras.

Tipo de propiedade:

Pública (municipal)

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede (está prevista a súa rehabilitación como centro sociocultural)

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, o 21 de outubro de 1879 alumou sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e o británico Joseph Wilson Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente co filamento dentro dun bulbo de vidro no que (de 1875 en adiante) se fixera o baleiro, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 (xa co filamento de tungsteno) a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

Actualmente urbanizado, foron as brañas da marxe esquerda do río Sarela na valgada que xace entre o Monte Pío e o poñente da cidade de Santiago de Compostela.

Construcción:

1917-1919.

Abandono:

En 1926 a cooperativa vendeu a fábrica á «Sociedad General Gallega de Electricidad», integrada dende 1955 na empresa «Fuerzas Eléctricas del Noroeste» (FENOSA). No ano 2001, o concello comezaría cos proxectos para a conservación e rehabilitación do edificio, popularmente coñecido como a Casa das Máquinas.

Descrición:

A «Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago», creada en 1895, mercara as instalacións de alumeado por gas e produción de electricidade que dende 1874 tiña no Agro do Machado, detrás das casas e hortas da Carreira do Conde, en Santiago, a empresa asturiana «Menéndez, Valdés y Compañía», concesionaria dende 1872 do servizo público do alumeado (vid. ficha 156). A nova propietaria, distribuiría tamén, dende 1901, a electricidade producida na central hidroeléctrica de Fecha, a uns once quilómetros da cidade (vid. ficha 729). En 1909, a capacidade eléctrica instalada era de 1.180 CV hidráulicos en Fecha, e 440 CV térmicos en Santiago.

As deficiencias do servizo e os elevados prezos fixados polo novo concesionario, levaron a que un grupo de comerciantes e avogados santiagueses, co apoio económico da casa de banca vilagarcián de Hijos de Francisco Deza, constituíran en 1917 a «Cooperativa Eléctrica Santiaguesa». A cooperativa tiña proxectada a explotación de dous grupos termoeléctricos de vapor en Santiago, con 300 CV, e a construción dunha central hidroeléctrica de 700 CV no salto de Merza, no río Toxa, a uns trinta e cinco quilómetros da cidade (vid. ficha 733).

O edificio da central termoeléctrica santiaguesa, que vai ser coñecido como «A Casa das Máquinas», coa construción iniciada en 1917 e posto en servizo en 1919, foi obra do entón arquitecto municipal, Jesús López de Rego Labarta. Ten planta rectangular e vai cuberto a dúas augas con tella chaira sobre armadura de madeira e ferro. Os muros son de fábrica de cachotería e cantearía de granito que contorna os vans, que van pechados con vidro soportado por armaduras de ferro. A instalación utilizaba carbón mineral como combustible nunha caldeira de xeración de vapor de auga para as máquinas de vapor. Cada unha das dúas máquinas de vapor instaladas accionaba unha dínamo Gramme de 150 CV, cun total de 300 CV dispoñibles.

A quebra da compañía bancaria vilagarcián en 1921 adiou o proxecto hidroeléctrico, e a renuncia, en 1924, da «Sociedad General Gallega de Electricidad» a mercar as propiedades da cooperativa, faría que pasaran a formar parte dos activos do Banco de Crédito Industrial (Carmona, 2016: 91). Finalmente, nun novo intento no ano 1926, a «Sociedad General Gallega de Electricidad» mercaría os activos e pasivos da frustrada cooperativa compostelá (Carmona, 2016: 114).

O incremento na produción hidráulica, a mellora nas conexións entre as diferentes redes de transporte e distribución da electricidade, xunto coa integración de diversas compañías eléctricas (en 1923 fusionáranse a “Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago”, a “Electra Popular de Vigo y Redondela” e a “Sociedad General Gallega de Electricidad”, baixo a razón social desta última), non tardaría en facer ineficaz a pequena central termoeléctrica da rúa das Galeras, e o edificio que a contiña pasou a empregarse como un centro de transformación e distribución eléctrica, así como de almacenamento de materiais e oficinas de xestión da «Sociedad General Gallega de Electricidad» na cidade.

En 1955 a «Sociedad General Gallega de Electricidad» quedaría integrada en «Fuerzas Eléctricas del Noroeste» (FENOSA), que continuaría utilizando o edificio da rúa das Galeras, que sería popularmente coñecido como Casa das Máquinas, como centro de xestión da compañía na zona de Santiago e oficinas de atención ao público na cidade.

No ano 2001, cedidas por Unión Fenosa as instalacións da “Casa das Máquinas” ao Concello de Santiago, púxose en marcha un proxecto de rehabilitación e acondicionamento para uso público como centro sociocultural.

Tempo de uso:

Todo o ano. Unha vez integrada a produción hidroeléctrica na rede da central termoeléctrica, esta entraría unicamente en servizo para complementar a produción hidráulica nas avarías, estiaxes e nos anos de fortes secas.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” basearanse na xeración da electricidade con máquinas comerciais xeradoras de corrente continua movidas por motores de gas ou máquinas de vapor. En ámbolos dous casos o carbón era a fonte primaria de enerxía, que consumíase nos gasóxenos para producir gas pobre para os motores ou ben nas caldeiras que producían o vapor de auga para alimentar as máquinas correspondentes.

A primeira máquina comercial para a conversión da enerxía mecánica de rotación en enerxía eléctrica en forma de corrente continua fora a dínamo de Gramme, unha máquina de indución electromagnética que sería despois perfeccionada polo estadounidense Brush e comercializada como magneto dínamo baixo a súa patente.

Desde finais do decenio de 1880, a corrente alterna iría substituíndo á continua en practicamente todas as aplicacións, e as dínamos irían sendo substituídas polos alternadores. Despois de algún tempo de coexistencia de diferentes tipos de xeradores de correntes alternas, principalmente monofásicos, bifásicos e trifásicos, serían estes últimos os que lograrían unha aceptación xeneralizada.

Ademais das máquinas de vapor e os motores de gas, outras máquinas irían utilizándose para accionar aos alternadores: as rodas e turbinas hidráulicas e eólicas, os motores de combustión interna de combustibles líquidos (ciclos termodinámicos Otto e Diesel), as turbinas de vapor (ciclo termodinámico Rankine), e as turbinas de gas (ciclo termodinámico Brayton).

No deseño e construción das instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, desde 1893 o xerador sería de corrente alterna trifásica, cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión e así realizar un transporte máis económico da enerxía até os puntos de consumo da electricidade.

Nos ríos, as pioneiras “fábricas de luz” que se construíran (despois de 1882), foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento.

A máquina eléctrica sería inicialmente unha dínamo de Gramme e, posteriormente, unha magneto dínamo Brush. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento. Naqueles casos en que a enerxía hidráulica presentaba irregularidades por variacións do caudal do río ou períodos de seca, instaláranse centrais termoeléctricas de reserva, baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor e alimentadas en ámbolos dous casos por carbón.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominarían as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso da central termoeléctrica da «Cooperativa Eléctrica Santiaguesa», coñecida popularmente como “A Casa das Máquinas”, utilizaríase carbón mineral como combustible nunha caldeira de xeración de vapor de auga para alimentar as máquinas de vapor. Cada unha das dúas máquinas de vapor instaladas accionaría unha dínamo Gramme de 150 CV, cun total de 300 CV dispoñibles.

Os problemas asociados a sucidade do carbón no medio da cidade (que chegaba en carros de bois desde o porto fluvial de Ponte Cesures), as irregularidades do subministro e os elevados custos de funcionamento da central termoeléctrica, decidiran complementar a produción termoeléctrica construíndo unha central hidroeléctrica como fonte principal de subministración, deixando aquela como reserva.

A «Cooperativa Eléctrica Santiaguesa» recibiría o 3 de novembro de 1899 autorización para o aproveitamento con fins hidroeléctricos dun caudal de dous mil catrocentos litros por segundo das augas do río Toxa nun salto duns cento cincuenta metros, nos que pensaba instalar unha potencia de catro mil cabalos de vapor (uns dous mil novecentos quilovatios), conforme informaba a revista Vida Gallega en 1920. A potencia finalmente instalada sería de setecentos cabalos de vapor (uns cincocentos quilovatios), segundo recolle Carmona (2016: 113), malia que na estatística de 1930 figura con 600 kVA de potencia instalada (uns seiscentos cincuenta cabalos de vapor para un factor de potencia típico de 0’8).

No proceso de concentración do negocio eléctrico, a «Sociedade de Gas e Electricidade de Santiago» sería absorbida en 1923 pola “Sociedad General Gallega de Electricidad”, que en 1926 mercaría a «Cooperativa Eléctrica Santiaguesa» e converteríase así na única provedora de electricidade na cidade de Santiago de Compostela.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado dunha central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza. En caso de proximidade dunha zona habitada, o encargado e a súa familia residían nunha vivenda dos arredores. Na actualidade, as centrais están automatizadas e contrólanse a distancia.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Carbón e leña.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007). “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, en Estudios de historia económica, nº 50. Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bolstorff, H. (1926). “Alumbrado”, en Manual del Ingeniero, tomo II, capítulo VI, p. 936-965. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Carmona Badía, Xoán (2016). La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955). Biblioteca de Historia del Gas. Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007). "First AC Power Systems in Croatia", in 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/ [Retrieved 10/08/2017].

Dubert García, Isidro; Muñoz Abeledo, Luisa (2014). “Mercados laborales, profesiones y ocupaciones en la Galicia urbana durante la segunda mitad del siglo XIX”, en Revista de Demografía Histórica-Journal of Iberoamerican Population Studies, ISSN 1696-702X, ISSN-e 2696-4325, Vol. 32, Nº 1, 2014, p. 35-72.

Edison Tech Center (n.d.). “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990). Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell. Madrid: Unión Fenosa. DL M-45870-1990.

GECOISA (1989). Minicentrales hidroeléctricas. Estudio realizado con la colaboración de la Asociación de Productores y Distribuidores de Energía Eléctrica (APYDE), Barras Eléctricas Galaico Asturianas (BEGASA), Energía de Galicia (ENGASA) y Unión Eléctrica Fenosa (UNIÓN FENOSA), y coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA). Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Instituto Nacional de Estadística del Gobierno de España (1930). Energía hidroeléctrica disponible y explotada en España en 31 de diciembre de 1930. Anuario 1930. Madrid: Fondo documental del Instituto Nacional de Estadística.

Kyser, Herbert (1930). Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini. Barcelona: Editorial Labor.

Martínez López, Alberte (2017). “La electrificación de la periferia: Galicia, 1883-1935”, en Capel Sáez, Horacio; Zaar, Miriam H.; Pereira Junior, Magno Vasconcelos (coords.), La electrificación y el territorio: historia y futuro, Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-697-6835-8.

Ministerio de Fomento del Gobierno de España (1931). Centrales eléctricas de más de 500 kVA a fines de 1930 (anejo y mapa de la publicación de 1931). Consejo de la Energía. Madrid: Talleres Gráficos Herrera.

Mirás Araujo, Jesús; Lindoso Tato, Elvira (2009). La industria del gas en Galicia: del alumbrado por gas al siglo XXI, 1850-2005. Grupo de Estudios de Historia de la Empresa. Alberte Martínez López (coord.). Barcelona: Fundación Gas Natural. DL M-53214-2009. ISBN 978-84-613-5597-6.

Mirás Araujo, Jesús; Martínez López, Alberte (2013). “La transición energética en las ciudades de Galicia. Del gas a la electricidad, 1850-1936”, en Capel Sáez, Horacio; Casals Costa, Vicente (coords.), Capitalismo e historia de la electrificación, 1890-1930: capital, técnica y organización del negocio eléctrico en España y México, p. 297-315. Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-7628-708-8.

Mouzo Riobó, Íñigo (2018). “Descobre cando os composteláns promoveron unha fábrica de electricidade para romper o monopolio eléctrico”, en Historia de Galicia [en liña] http://historiadegalicia.gal/2018/10/descobre-cando-os-galegos-promoveron-unha-fabrica-de-electricidade-para-romper-o-monopolio-electrico/ [15/12/2022].

Ramos Gallego, Eduardo (1917). La hulla blanca en España en 1917. Madrid: Fondo documental del Instituto Nacional de Estadística.

Simões, Ilídio Mariz (1982). “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, na Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933). La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico. Barcelona: Montaner y Simón.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 94-IV Santiago de Compostela /// Datum ETRS89: H 29 // X 536.789,37 m / Y 4.747.704,72 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). “Fotototeca Digital”, en Instituto Geográfico Nacional. Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 24 marzo 2022].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2022].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2022].

Data de Actualización:

18 decembro 2022