733 Salto de Merza (Cooperativa Eléctrica Santiaguesa)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Silleda
  • Parroquia: San Martiño de Pazos
  • Lugar: Quintás
  • Paraxe: Central do Toxa
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.765675850940674
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.28189562442016
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 558.754,75 m / Y 4.735.039,21 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbinas Pelton e alternadores síncronos trifásicos
  • Comarca: Deza
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do río Deza no seu curso na aba setentrional do Monte de Campomarzo.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saíndo de Santiago de Compostela pola autoestrada AP-53, cara a Lalín, no quilómetro vinte e nove, na saída vinte e catro, enfiamos a estrada PO-505 cara a estrada nacional N-525 e continuamos por ela ata Bandeira. En Bandeira apartamos pola esquerda pola PO-204, cara a Merza e Vila de Cruces. A uns cinco quilómetros, na man esquerda da vía atópase o acceso á explotación de Minas de Bandeira e dende alí pódese acceder a pé ata a central hidroeléctrica.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, o 21 de outubro de 1879 alumou sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e o británico Joseph Wilson Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente co filamento dentro dun bulbo de vidro no que (de 1875 en adiante) se fixera o baleiro, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 (xa co filamento de tungsteno) a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

A casa de máquinas atópase na marxe esquerda do río Deza, nun tramo retorto e encaixado que discorre entre os montes de Campomarzo, en Pazos, e do Castelo, en Merza.

Construcción:

1919-1926.

Abandono:

En 1924 a cooperativa quebrou e os seus activos pasaron ao Banco de Crédito Industrial. Os activos e pasivos da cooperativa serían mercados en 1926 pola «Sociedad General Gallega de Electricidad», absorbida en 1955 por «Fuerzas Eléctricas del Noroeste» (FENOSA). No decenio de 1960 a concesión e as instalacións hidroeléctricas pasarían a pertencer á empresa mineira «Fomento Hispania, S.A.». A central atópase actualmente funcionando, e figura como propietaria «Fomensa Hispania, S.L.».

Descrición:

A «Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago», creada en 1895, mercara as instalacións de alumeado por gas e produción de electricidade que dende 1874 tiña no Agro do Machado, detrás das casas e hortas da Carreira do Conde, en Santiago, a empresa asturiana «Menéndez, Valdés y Compañía», concesionaria dende 1872 do servizo público do alumeado (vid. ficha 156). A nova propietaria, distribuiría tamén, dende 1901, a electricidade producida na central hidroeléctrica de Fecha, a uns once quilómetros da cidade (vid. ficha 729). En 1909, a capacidade eléctrica instalada era de 1.180 CV hidráulicos en Fecha, e 440 CV térmicos en Santiago.

As deficiencias do servizo e os elevados prezos fixados polo novo concesionario, levaron a que un grupo de comerciantes e avogados santiagueses, co apoio económico da casa de banca vilagarcián de Hijos de Francisco Deza, constituíran en 1917 a «Cooperativa Eléctrica Santiaguesa». A cooperativa tiña proxectada a explotación de dous grupos termoeléctricos de vapor en Santiago, con 300 CV (vid. ficha 723), e a construción dunha central hidroeléctrica de 700 CV no río Toxa, a uns trinta e cinco quilómetros da cidade (vid. ficha 733).

Contra o ano 1919 a cooperativa poría en marcha na periferia compostelá a central termoeléctrica, coñecida popularmente como “A Casa das Máquinas” (vid. ficha 723), que utilizaba carbón mineral como combustible nunha caldeira de xeración de vapor de auga para o abasto das máquinas de vapor. Cada unha das dúas máquinas de vapor instaladas accionaba unha dínamo Gramme de 150 CV.

Os problemas asociados a sucidade do carbón, que chegaba desde o porto fluvial de Ponte Cesures ao medio da cidade en carros de bois, xunto cos elevados custos de funcionamento da central termoeléctrica e as irregularidades na produción de electricidade, decidirían que a proxectada central hidroeléctrica fose a fonte principal de subministración, deixando a central de carbón como reserva.

A «Cooperativa Eléctrica Santiaguesa» recibira o 3 de novembro de 1899 a autorización administrativa para o aproveitamento con fins hidroeléctricos dun salto duns cento cincuenta metros e un caudal de dous mil catrocentos litros por segundo das augas derivadas do río Toxa, e proxectara instalar unha potencia de catro mil cabalos de vapor (uns dous mil novecentos quilovatios), conforme informaba a revista Vida Gallega en 1920.

Porén, a quebra da compañía bancaria vilagarcián en 1921 adiou o desenvolvemento do proxecto hidroeléctrico do río Toxa e causou o embargo da «Cooperativa Eléctrica Santiaguesa» polo Banco de Crédito Industrial (Carmona, 2016: 91). Após unha primeira tentativa en 1924 para lle vender as propiedades da cooperativa á «Sociedad General Gallega de Electricidad», que en 1923 absorbera a «Electra Popular de Vigo y Redondela» e a «Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago», nun novo intento os activos e pasivos da frustrada cooperativa compostelá pasarían en 1926 a integrarse na podente e vizosa sociedade que xa comezaba a coñecerse como «La Gallega» (Carmona, 2016: 114).

Rematadas as obras do que despois se coñecería como Salto de Merza, inda que non se atopa na parroquia de tal nome (que amais pertence ao veciño concello de Vila de Cruces), a potencia finalmente instalada sería de 600 kVA (uns seiscentos cincuenta cabalos de vapor para un factor de potencia típico de 0’8), segundo recolle para o ano 1930 a estatística eléctrica do Ministerio de Fomento, onde figura co nome de Toja.

En relación con este aproveitamento hidroeléctrico, nos diferentes documentos manexados atópanse algunhas incongruencias no referente a potencias, salto e caudais aproveitados. A concesión de 1899, con parámetros de 2.400 l/s e 150 m, é coherente coa potencia proxectada de 4.000 CV (2.900 kW). Nos rexistros da potencia instalada a comezos do ano 1928 e a finais do ano 1929, figuran 2.225 CV (1.600 kW) a nome da «S.A. Cooperativa Santiaguesa», valores que podían corresponder a unha primeira máquina instalada, mentres que a cifra de 3.225 CV (2.400 kW), anotada para finais do ano 1930, pode tratarse dun erro.

Por outra banda, os 600 kVA (uns 650 CV, 480 kW) de potencia instalada a finais do ano 1930, que figuran noutro documento do Ministerio de Fomento, semellan seren os máis certos e se corresponderían coa realización dunha primeira fase do ambicioso proxecto orixinal.

No estudo desenvolvido por GECOISA (1989) figura rexistrada con data 23-08-1967, no mesmo lugar e a nome de «Fomento Hispania, S.A.», a concesión de 5.300 l/s cun salto de 57’4 m, indicando que se atopaba inactiva. A altura dada para o salto é claramente incorrecta, como pode comprobarse pola posición da casa de máquinas e a cámara de carga na cartografía dispoñible e nas fotografías aéreas realizadas desde 1946 en adiante. A cifra podería ser de 157’4 m para o salto bruto, o que suporía uns 2.400 kW de potencia instalada para un caudal aproveitado da orde dos dous mil litros por segundo.

Descoñecemos como e en que momento os títulos de propiedade que sobre a concesión administrativa e as instalacións do aproveitamento hidroeléctrico do río Toxa ostentaba desde 1926 a «Sociedad General Gallega de Electricidad», e que desde 1955 se incorporarían aos activos de «Fuerzas Eléctricas del Noroeste» (FENOSA), pasaron a formar parte da compañía «Fomento Hispania, S.A.», que viña explotando as minas de estaño e volframio de Fontao (vid. ficha 106) e que xa contaba coa central hidroeléctrica de Carboeiro, a uns oito quilómetros augas arriba do mesmo río Deza, para a subministración de electricidade as súas necesidades.

A nova propietaria do Salto de Merza levaría a cabo a modernización das instalacións, que figuran nas fichas de caracterización das demandas de auga en centrais hidroeléctricas (Augas de Galicia, 2011) referidas á inicial concesión do 3 de novembro do 1899, rexistrándose agora a nome da compañía «Fomensa Hispania, S.L.» o caudal dos 5.300 l/s e un salto de 154’90 m, pero cunha potencia instalada de 600 kVA, datos que se repiten no máis recente Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027.

Porén, acudindo ao rexistro das centrais hidroeléctricas que mantén actualizado o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), anotamos que, unha vez realizadas por «Fomensa Hispania, S.L.» as obras de modernización das instalacións do Salto de Merza, entraron en servizo no ano 1990 cunha potencia instalada de 2.900 kW, o que quere dicir que para o salto dos 154’90 m o caudal máximo realmente aproveitado na central é de 2.340 l/s.

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunhas restricións nas estiaxes ou en anos de fortes secas.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” basearanse na xeración da electricidade con máquinas comerciais xeradoras de corrente continua movidas por motores de gas ou máquinas de vapor. En ámbolos dous casos o carbón era a fonte primaria de enerxía, que consumíase nos gasóxenos para producir gas pobre para os motores ou ben nas caldeiras que producían o vapor de auga para alimentar as máquinas correspondentes.

A primeira máquina comercial para a conversión da enerxía mecánica de rotación en enerxía eléctrica en forma de corrente continua fora a dínamo de Gramme, unha máquina de indución electromagnética que sería despois perfeccionada polo estadounidense Brush e comercializada como magneto dínamo baixo a súa patente.

Desde finais do decenio de 1880, a corrente alterna iría substituíndo á continua en practicamente todas as aplicacións, e as dínamos irían sendo substituídas polos alternadores. Despois de algún tempo de coexistencia de diferentes tipos de xeradores de correntes alternas, principalmente monofásicos, bifásicos e trifásicos, serían estes últimos os que lograrían unha aceptación xeneralizada.

Ademais das máquinas de vapor e os motores de gas, outras máquinas irían utilizándose para accionar aos alternadores: as rodas e turbinas hidráulicas e eólicas, os motores de combustión interna de combustibles líquidos (ciclos termodinámicos Otto e Diesel), as turbinas de vapor (ciclo termodinámico Rankine), e as turbinas de gas (ciclo termodinámico Brayton).

No deseño e construción das instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, desde 1893 o xerador sería de corrente alterna trifásica, cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión e así realizar un transporte máis económico da enerxía até os puntos de consumo da electricidade.

Nos ríos, as pioneiras “fábricas de luz” que se construíran (despois de 1882), foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento.

A máquina eléctrica sería inicialmente unha dínamo de Gramme e, posteriormente, unha magneto dínamo Brush. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento. Naqueles casos en que a enerxía hidráulica presentaba irregularidades por variacións do caudal do río ou períodos de seca, instaláranse centrais termoeléctricas de reserva, baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor e alimentadas en ámbolos dous casos por carbón.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominarían as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

A «Cooperativa Eléctrica Santiaguesa» recibiría o 3 de novembro de 1899 autorización para o aproveitamento con fins hidroeléctricos dun caudal de dous mil catrocentos litros por segundo das augas do río Toxa nun salto duns cento cincuenta metros, nos que pensaba instalar unha potencia de catro mil cabalos de vapor (uns dous mil novecentos quilovatios), conforme informaba a revista Vida Gallega en 1920.

A potencia finalmente instalada sería de 600 kVA (uns 650 CV ou 480 kW), segundo recolle a estatística do Ministerio de Fomento de 1930, que para o salto de 150 m suporía o aproveitamento dun caudal de uns 400 l/s. Para esa condición de caudal e salto a maquinaria hidráulica máis apropiada sería unha turbina tipo Pelton, pero carecemos de información que o confirme.

Na fotografía asinada polo fotógrafo Joaquín Pintos do interior da casa de máquinas, e que obra no arquivo de Fomento Hispania, pódense identificar dous alternadores que estarían arrastrados por cadansúa turbina Pelton, aínda que non se aprecian nada ben na imaxe.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado dunha central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza. En caso de proximidade dunha zona habitada, o encargado e a súa familia residían nunha vivenda dos arredores. Na actualidade, as centrais están automatizadas e contrólanse a distancia.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local  e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Augas de Galicia (2011). “Fichas de caracterización das demandas de auga en centrais hidroeléctricas”, en Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-costa. Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007). “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, en Estudios de historia económica, nº 50. Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bolstorff, H. (1926). “Alumbrado”, en Manual del Ingeniero, tomo II, capítulo VI, p. 936-965. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Carmona Badía, Xoán (2016). La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955). Biblioteca de Historia del Gas. Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Coucheiro González, Patricia (2020). Fontao, la reconfiguración de un territorio debido a la fiebre del wolframio. Memorias en torno a una negociación de los espacios de vecindad. Máster Universitario en Investigación Antropológica y sus aplicaciones. Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED).

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007). "First AC Power Systems in Croatia", in 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/ [Retrieved 10/08/2017].

Dubert García, Isidro; Muñoz Abeledo, Luisa (2014). “Mercados laborales, profesiones y ocupaciones en la Galicia urbana durante la segunda mitad del siglo XIX”, en Revista de Demografía Histórica-Journal of Iberoamerican Population Studies, ISSN 1696-702X, ISSN-e 2696-4325, Vol. 32, Nº 1, 2014, p. 35-72.

Edison Tech Center (n.d.). “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990). Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell. Madrid: Unión Fenosa. DL M-45870-1990.

GECOISA (1989). Minicentrales hidroeléctricas. Estudio realizado con la colaboración de la Asociación de Productores y Distribuidores de Energía Eléctrica (APYDE), Barras Eléctricas Galaico Asturianas (BEGASA), Energía de Galicia (ENGASA) y Unión Eléctrica Fenosa (UNIÓN FENOSA), y coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA). Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). “Listado de centrais: centrais minihidráulicas”, en Enerxía en Galicia https://www.inega.gal/sites/default/descargas/enerxia_galicia/centrales_minihidraulicas.pdf [Acceso 21/05/2023].

Instituto Nacional de Estadística del Gobierno de España (1930). Energía hidroeléctrica disponible y explotada en España en 31 de diciembre de 1930. Anuario 1930. Madrid: Fondo documental del Instituto Nacional de Estadística.

Kyser, Herbert (1930). Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini. Barcelona: Editorial Labor.

Martínez López, Alberte (2017). “La electrificación de la periferia: Galicia, 1883-1935”, en Capel Sáez, Horacio; Zaar, Miriam H.; Pereira Junior, Magno Vasconcelos (coords.), La electrificación y el territorio: historia y futuro, Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-697-6835-8.

Mattern, Emile (1928). “Saltos de agua”, en Manual del Ingeniero, tomo III, capítulo X, p. 629-663. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Ministerio de Fomento del Gobierno de España (1931). Centrales eléctricas de más de 500 kVA a fines de 1930 (anejo y mapa de la publicación de 1931). Consejo de la Energía. Madrid: Talleres Gráficos Herrera.

Mirás Araujo, Jesús; Lindoso Tato, Elvira (2009). La industria del gas en Galicia: del alumbrado por gas al siglo XXI, 1850-2005. Grupo de Estudios de Historia de la Empresa. Alberte Martínez López (coord.). Barcelona: Fundación Gas Natural. DL M-53214-2009. ISBN 978-84-613-5597-6.

Mirás Araujo, Jesús; Martínez López, Alberte (2013). “La transición energética en las ciudades de Galicia. Del gas a la electricidad, 1850-1936”, en Capel Sáez, Horacio; Casals Costa, Vicente (coords.), Capitalismo e historia de la electrificación, 1890-1930: capital, técnica y organización del negocio eléctrico en España y México, p. 297-315. Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-7628-708-8.

Mouzo Riobó, Íñigo (2018). “Descobre cando os composteláns promoveron unha fábrica de electricidade para romper o monopolio eléctrico”, en Historia de Galicia [en liña] http://historiadegalicia.gal/2018/10/descobre-cando-os-galegos-promoveron-unha-fabrica-de-electricidade-para-romper-o-monopolio-electrico/ [15/12/2022].

Ramos Gallego, Eduardo (1917). La hulla blanca en España en 1917. Madrid: Fondo documental del Instituto Nacional de Estadística.

Simões, Ilídio Mariz (1982). “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, na Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933). La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico. Barcelona: Montaner y Simón.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 121-II Carbia /// Datum ETRS89: H 29 // X 558.754,75 m / Y 4.735.039,21 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). “Fotototeca Digital”, en Instituto Geográfico Nacional. Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 24 marzo 2022].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2022].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.12 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 15 maio 2023].

Data de Actualización:

26 maio 2023