734 Arcillas del Norte

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Xove
  • Parroquia: Santa Eulalia de Lago
  • Lugar: Lago
  • Paraxe: O lavadoiro de caolín
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.69643985510138
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.488477161492133
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 621.782,40 m / Y 4.839.279,77 m
  • Clasificación: Industria mineira
  • CNAE: 08.12 Extracción de gravas e areas; extracción de arxila e caolín.
  • Tipoloxía: Extracción, tratamento e comercialización de caolíns
  • Comarca: A Mariña Occidental
  • Marco Xeográfico: Aba setentrional dos Montes do Buio, na costa cantábrica da provincia de Lugo
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: Dende Burela colleremos a estrada nacional N-642 (LU-862) cara a Ferrol. A uns once quilómetros, após de pasar polo lugar de O Castelo e uns metros despois da glorieta que desvía a San Cibrao, no lugar de Beltrán, apartaremos á dereita pola carreteira LU-P-2602, cara ao portiño de Morás e á praia de Lago. A pouco máis dun quilómetro e medio máis adiante, antes de cruzar a ponte do rego de Guilán, apartamos á esquerda pola pista que levaba ás instalacións da empresa para o tratamento do caolín.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Si, malia que apenas hai restos.

Xestión de visitas:

Non procede. A implantación das instalacións de Alúmina-Aluminio modificou totalmente a zona e non hai pegada algunha das explotacións do caolín e as instalacións construídas para o seu tratamento, coa excepción do local a carón da carreteira e o centro de transformación, foron derrubadas e a área restaurada, utilizándose actualmente para a celebración da Feira Nacional de Gando Cabalar, organizada pola Asociación Equina A Medela.

Historia:

O caolín, tamén coñecido como arxila da China, é un silicato alumínico hidratado, producido a partir de xacementos minerais que conteñen unha cantidade significativa de caolinita (2SiO2.Al2O3.2H2O), acompañada de minerais de arxila (feldespato, cuarzo). O nome lle ven de Kao-ling (montaña alta), unha localidade chinesa cun rico xacemento no que os europeos aprenderon o secreto da porcelana.

Cando a caolinita non é fácil de concentrar por separación dos demais minerais presentes na rocha, fálase de arxila caolinífera ou arxila refractaria.
O caolín, e branco e inodoro, inerte fronte aos axentes químicos, dieléctrico, de doado moldeo e extrusión, cun gran poder cubrinte e absorbente. Resiste elevadas temperaturas e non é nin tóxico nin abrasivo.

As principais aplicacións son na fabricación de porcelanas, aprestos, medicamentos e papel. Ten tamén aplicación na fabricación de pinturas de caucho e pinturas emulsionadas, na cerámica refractaria e na industria cosmética, ademais doutros usos de menor interese.

Unha vez aprendidas as particularidades da fabricación da porcelana, para o éxito do proceso manufactureiro resultaría imprescindible a localización de xacementos de arxilas de calidade, con un elevado contido en caolinita.

A produción oleira en Galicia ten ata finais do século XVIII características exclusivamente artesanais e rurais, con zonas que aproveitan os recursos locais e acadan unha certa especialización como agrupacións de vivendas-taller e que actúan como centro de distribución comarcal, como foi o caso de Betanzos, Buño, Mondoñedo, Bonxe, Samos, Gundivós, Lobios, Niñodaguia, Portomourisco, Ramirás, Tioira, Bamio ou Prado, entre outras.

Con calidades e características ben diferenciadas conforme as localizacións de orixe, unha arela largamente perseguida nalgúns dos centros de elaboración de cerámica sería a da produción de louza de calidade e a industrialización do proceso produtivo.

Neste sentido, cabe deixar constancia dalgunhas iniciativas, como en 1765 a fábrica de louza ordinaria de Pedro Costal en Tui; en 1786 a fábrica de louza basta de Lorenzo de Riba Otero en San Caetano de Mondoñedo; e en 1796 a fábrica de louza de Thomas Price en Xaz (vid. ficha 400). Por suposto, e xa nos comezos do século XIX, hai que salientar a fábrica de «auténtica louza ó estilo de Bristol», promovida en 1804 por Raimundo Ibáñez en Sargadelos e que baixo Luís de la Riva traballaría entre 1846 e 1862 con excelente orientación e magníficos resultados (vid. ficha 212).

O éxito da experiencia de Sargadelos e o coñecemento das excelentes minas de caolín, animaría posteriores iniciativas, como foron as de «Cerámica de Sargadelos, S.A.», de Ciriaco Guisasola, en 1902, cunha nova fábrica de louza en Burela (vid. ficha 476 Cucurny); en 1925 a «Cerámica Artística Gallega» de Eugenio Escuredo, en Pontecesures (vid. ficha 391); ou en 1927 a «Cerámica Celta» de Ramón Diéguez (vid. ficha 390), entre outras.

Xa en tempos máis recentes, destacaría desde 1941 o grupo de empresas «Manuel Álvarez e Hijos» en Vigo, coas fábricas de louza «Royal China» (vid. ficha 407) e de porcelana «Santa Clara» (vid. ficha 398), sen esquecer a «Cerámica do Castro», establecida en 1949 en Sada por Isaac Díaz Pardo, Federico Nogueira Pazo e José Rey Romero, ademais e desde 1954 os traballos de cerámica artística de Manuel Laso en «Cerámicas de Jubia», en Narón (vid. ficha 649) e posteriormente en «Cerámica de Casadelos», en Neda.

A industria cerámica de Sargadelos, aínda que noutro emprazamento, apenas un quilómetro máis ao norte das primitivas instalacións fabrís, vai coñecer un novo período de esplendor da man de Luis Seoane López, quen, con Isaac Díaz Pardo, crearía en 1963 en Buenos Aires o «Laboratorio de Formas de Galicia». Os exemplos da «Cerámica do Castro» e de «Celtia» (establecida en 1955 en Magdalena, Arxentina), por eles dous promovidas, servirían de referencia para a renovación da vella cerámica galega. O arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois uniríase en 1967 ao proxecto de Seoane e Díaz. En 1968, constituída a sociedade «Cerámica de Sargadelos», comezaron as obras da nova fábrica de cerámica de Sargadelos, que se inauguraba o 10 de marzo de 1970.

Inda que a meirande parte das industrias galegas da louza e a porcelana irían desaparecendo, a calidade dos caolíns galegos faría que se mantiveran moitas das explotacións mineiras para a comercialización, envasados ou a granel, de caolín cerámico e areas especiais para o sector cerámico e o sector papeleiro, cun peso moi importante da exportación aos mercados exteriores.

«Explotaciones Cerámicas Españolas» (ECESA) (vid. ficha 481), «Caolín de Vicedo» (vid. ficha 566) ou «Caolines de Vimianzo» (CAVISA), serían exemplo da continuidade da explotación industrial dos caolíns galegos, ben que para o seu tratamento e comercialización como caolín cerámico.

Descrición Xeral do Entorno:

As áreas de extracción das arxilas caoliníticas estaban no pequeno xacemento de Corveiro, nas proximidades da praia de Paraños, e na zona de Angán, na aba setentrional do Monte Sánchez, hoxe ocupada pola balsa dos lodos roxos do complexo Alúmina-Aluminio. O lavadoiro do caolín asentouse na marxe dereita do rego de Guilán, a medio camiño de Ancil a Casaslongas e a carón da ponte sobre o rego.

Construcción:

Finais da década de 1950 (inda non aparece na fotografía aérea de 1957).

Abandono:

Pecharía na década de 1960. Abriría a pouco, con propietarios locais, e manteríase funcionando ata o decenio de 1990, no que tivera que abandonar pola progresiva ocupación das áreas de extracción coa instalación e expansión de Alúmina Aluminio.

Descrición:

Atópanse referencias locais a unha antiga explotación do caolín nas proximidades da praia de Paraños, onde o embarcaban en gabarras para levalos ata San Cibrao e alí os cargaban en embarcacións de maior porte para a exportación.

Na segunda metade da década de 1950 «Arcillas del Norte», un grupo empresarial que xa contaba con explotacións mineiras noutras rexións e tiña a sede en Madrid, estudaría as posibilidades de instalación dunha planta de tratamento de caolíns na parroquia de Lago do termo municipal de Xove.

Efectuadas as oportunas sondaxes, unhas catas superficiais de dous ou tres metros de profundidade, e localizadas bolsas de caolín na zona de Corveiro, cerca da praia de Paraños, e na zona de Angán, na aba setentrional do Monte Sánchez, a empresa decidiu seguir adiante con proxecto e instalar unha planta de tratamento dos caolíns, groso o de Angán, máis fino o de Paraños.

A planta de tratamento dos caolíns, máis coñecida como o lavadoiro do caolín, asentouse nuns terreos situados á esquerda da carreteira e xusto antes da ponte que salva o rego de Guilán, na metade da distancia que vai de Ancil a Casaslongas.

Os terreos elixidos, a carón da marxe dereita do rego de Guilán, facilitaban o uso das mesmas augas do rego no lavadoiro de caolín da planta de tratamento. As instalacións aínda non aparecen na fotografía aérea do 14 de xuño de 1957, así que a súa construción tivo que ser posterior a tal data.

O material extraído nas minas transportábase á planta de tratamento, o lavadoiro, para proceder a disgregar a arxila e separar as areas, as micas e os feldespatos. O proceso facíase por arrastre con auga e decantación nunha serie de balsas, nas que o caolín ía separándose por flotación e centrifugado. A pasta resultante (barbotina) bombeábase aos filtros prensa. Ben escorrida a auga, a masa prensada quedaba como unha torta ou prancha, que se cortaba en catro pezas e se levaba aos secadoiros.

O secado natural, ao aire, facíase nunhas armazóns con estantes de madeira e cuberta de fibrocemento (uralita). En tempadas de moita humidade, cando nos daban secado as pezas, estes secadoiros complementábanse cun forno con túnel de secado. As pezas xa secas, cun dez ou doce por cento de humidade residual, triturábanse e o caolín granulado envasábase en sacos de papel. Un camión transportaba os sacos ata o porto de Burela, e de alí se expedía case todo o caolín para o porto de San Sebastián, para abasto da industria papeleira guipuscoana.

Nalgúns anos enviárase tamén caolín a Burela e a Vigo, para a industria cerámica. Pequenas cantidades se comercializaron para a industria farmacéutica.
Con serios problemas de financiación, pouco investimento tecnolóxico e un excesivo cadro de persoal, a empresa pecharía xa na década de 1960. Porén, non tardaría en volver a abrir, nesta volta con propietarios locais, que continuarían el negocio dos seus predecesores introducindo algunhas modificacións importantes que mellorarían a competitividade da compañía.

Os refugallos do proceso (areas, micas, feldespatos) viñan representando arredor das tres cuartas partes do material extraído nas minas, e depositábanse sen mais nos vertedoiros dos entullos, que ían xa necesitando ampliacións. Os novos socios optarían polo mellor aproveitamento destes materiais.

Contra 1976 se instalarían equipos para o lavado de areas, que se vendían para a construción e, ao ano seguinte, se decide a montaxe dunha planta de prefabricados para o consumo das areas na propia empresa, facendo tubos e bloques para as empresas construtoras.

«Arcillas del Norte» manteríase funcionando ata o decenio de 1990, cando a progresiva ocupación das áreas de extracción do mineral desde a instalación e expansión de Alúmina Aluminio e os problemas de contaminación ambiental da propia planta de caolín, que necesitaría un forte investimento para reducir as emisións de polvo no aire e para depurar as augas do proceso, que entón se restituían directamente ao rego de Guilán, decidirían o abandono do negocio.

Despois dalgúns anos de abandono, xa perceptible na ortofoto do ano 2002, na imaxe do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA) captada o 14 de outubro do ano 2007, vese que, coa excepción do local a carón da carreteira e do centro de transformación da electricidade, todas as instalacións xa foran derrubadas e a área restaurada.

Aquel espazo de traballo ven utilizándose dende aquela para a celebración da Feira Nacional de Gando Cabalar , organizada pola Asociación Equina A Medela.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que se intensificara o traballo de extracción das arxilas nos meses de verán.

Sistema de produción:

O proceso comeza coa extracción e recollida das arxilas por medio de escavación a ceo aberto cunha escavadora hidráulica. Nos primeiros tempos o material trasladábase ata a estación de tratamento en carrocetas e tractores, cunha capacidade unitaria de seis a sete toneladas en cada viaxe; máis adiante utilizaríanse camións con tracción ás catro rodas e caixa abatible (dumpers) de vinte toneladas.

O material procedente da mina descárgase na planta para sometelo ao desbaste e primeira clasificación, na que faise a separación do cuarzo das kanditas (caolinita, haloisita e metahaloisita) por sedimentación e clasificación. Empréganse peneiras de tambor rotatorio (trommel) aloxadas en cubas metálicas, chamadas batedeiras.

Na seguinte fase hai dúas liñas de proceso, a de kanditas e a de cuarzo, nas que teñen lugar os seguintes labores, cos que vai prepararse un caolín comercial, nunha liña, e areas especiais, na outra.

A partir das kanditas prepárase o caolín, con diferentes calibres conforme as empresas a que vai destinado. O proceso comeza coa separación dos finos de cuarzo (envíanse á outra liña) e o desferrizado dos finos arxilosos, separando as partículas metálicas mediante imáns permanentes. Faise despois o espesado en bolsas e o filtrado en filtros prensa de placas. Finalmente, coa extrusión das tortas e o secado ao aire ou en forno de vagonetas, o caolín tritúrase e queda almacenado en graneis ou envasado. Diferéncianse dous tipos de produtos comerciais: un para a industria papeleira e outro para cerámica fina, louza, refractarios, porcelana eléctrica, etc.

A partir das areas de cuarzo prepáranse areas especiais (malla inferior a 63 um) empregadas para tarefas de esmaltado, preparación de porcelanas, etc. O proceso comeza co lavado en clasificadores de espiral, seguido do secado térmico en forno rotatorio, tralo que se procede a moenda e clasificación da area comercial.

Os diferentes produtos véndense, envasados ou a granel, para o seu emprego, fundamentalmente no sector cerámico e no sector papeleiro.

Actividades laborais:

Cabe distinguir a actividade extractiva nas minas, o transporte ata a planta de tratamento, as tarefas de procesado nas instalacións fabrís e a expedición ao porto de Burela.

Emprego:

A empresa chegaría a ocupar a uns cincuenta traballadores.

Materias Primas:

Caolín cun 50 a un 70% de caolinita, Si2O5Al2 (OH)4, xunto con outras arxilas e minerais (cuarzo e feldespato) que tiñan que separarse na planta de tratamento.

Produtos Elaborados:

Caolín comercial para as industrias papeleira (arredor de corenta mil toneladas anuais), cerámica e farmacéutica. Areas especiais de cuarzo e feldespato para uso cerámico. Áridos para a construción. Bloques e tubos para a construción.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Bartolomé Gómez, José Florindo (1997). “El caolín: composición, estructura, génesis y aplicaciones”, Boletín de la Sociedad Española de Cerámica y Vidrio, 1997: 36 [1] 7-19 [en línea] Disponible en Internet: http://boletines.secv.es/upload/111222333.199736007.pdf

Brennecke, O. (1970). “Caolín Vicedo, una nueva materia prima española”, Keramische Zeitschrift, 22 (6), 345-346 (a).

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.): Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 203-213. Fundación Juanelo Turriano, Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Empresa Nacional Adaro de Investigaciones Mineras (ENADIMSA) (1991). La minería de Galicia. Supervisión de Melchor Ruiz Pérez y Carlos Menéndez Suárez. Colaboración de Norcontrol, S.A. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Escuela de Arte Francisco Alcántara (s/d). Tecnología de los materiales cerámicos [en línea] Disponible en Internet: http://ceramica.name/tecnologia_ceramica/Diccionario/Diccionario.html [Acceso 5 agosto 2017].

Fernández Iglesias, Susana; Lage Canoura, Rosa; Pérez Franco, Nelle; Sánchez Meitín, Lucía (2010). De sol a sol. Un século de traballo en Xove. Ilustracións de Primitivo Marcos. Lugo: Servizo de Publicacións da Deputación. DL LU-227-2010. ISBN 978-84-8192-441-1.

Ferrero Arias, Ángel (a.ferrero@igme.es), 4 de mayo del 2010. IGME-Santiago: Listado de valoración provisional de zonas a considerar con posible interés como patrimonio minero. Correo electrónico para Manuel Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Galán Huertos, Emilio; Martín Vivaldi, Juan Luis (1973): “Caolines españoles: Geología, mineralogía y génesis”, Boletín de la Sociedad Española de Cerámica y Vidrio, Vol. 12, Núm. 2, Marzo-Abril 1973, p. 79-98.

Gross, Karl (1942). “Hornos industriales”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Instituto Geológico y Minero de España (IGME) (2012). Caolín y arcillas caoliníticas [en línea] http://www.igme.es/PanoramaMinero/Historico/2012/caolín y arcillas caoliníticas.pdf [21/04/2023].

Lara Coira, Manuel (2010). “La minería y el patrimonio minero en Galicia”, en Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, p. 65-76. Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Madel, A. (1942). “Laboreo de minas”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo II, p. 243-314. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Mirre Gavalda, Juan Carlos (1990). Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Morato Costa, Marta (2021). Lógicas de expulsión: Alcoa y el desmantelamiento de la industria. Trabajo de Fin de Grado. Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. Universidad Politécnica de Madrid.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en línea] http://www.xunta.es/litoral [Acceso 31 marzo 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 3-III San Cibrao /// Datum ETRS89: H 29 // X 621.782,40 m / Y 4.839.279,77 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 4 xuño 2023].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2022].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1961). De San Ciprián a Cabo Ortegal. Océano Atlántico Norte. Costa Norte de España. Carta 931, con levantamientos de 1917 y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1449-1972.

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.12 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 15 maio 2023].

Data de Actualización:

24 xuño 2023