1987_07_24-acenas-ortigueira-271

Muíño de mar, Ortigueira (M. Lara, 1987)

O chamado Muíño do Mar, coñecido tamén como As Aceas e mais recentemente como Muíño de Pol, localízase no fondo oriental da Ría de Ortigueira, nunha pequena enseada ó sur da Vila de Santa Marta, capital do concello de Ortigueira. O río Maior desauga nesta enseada, marcando o límite entre as parroquias de Santiago de Cuíña, na súa marxe dereita, e San Xulián de Senra, na esquerda.

Un pequeno regato pola marxe esquerda do río Maior desvía parte das augas cara un muíño de río que desauga no encoro do muíño de mareas.

20090513-ortigueira-030-c

Muíño fluvial de Riomaior, Ortigueira (M. Lara, 2009)

Dende o muíño de río o camiño de acceso continúa polo fondo da presa do de mar, por riba dun muro de cachotería interrompido cunha pontella que permite o paso da auga dun pequeno regato. O camiño continúa polo muro da marxe esquerda do encoro e vai rematar nunha pequena explanada, da que se accede ó edificio do muíño de marea.

Este muíño foi o derradeiro de mareas que se construíra en Galicia. As obras foran promovidas entre 1905 e 1910 por José Linos, emigrante ortegano retornado da Habana (Cuba). O material arrigado na canteira de A Pedra, en Cariño, os pes da Serra da Capelada, era levado en barca por José e o seu irmán cara o seu emprazamento, onde o preparaban e asentaban canteiros pontevedreses. Os elementos mecánicos montounos un carpinteiro de Valdoviño chamado Grandal, considerado na zona como bo coñecedor e experimentado no tema.

Dos catro cubos inicialmente previstos no muíño so dous deles se instalaran: un con pedras albeiras, o pé e a capa, para o trigo; e con pedras negreiras, para o maínzo, o outro, tamén o pé e a capa. O dique fronte o mar, con uns sesenta metros de lonxitude e metro e medio sobre o fondo, conta cunha comporta de madeira de tres metros de ancho situada na súa metade, e un aliviadoiro de uns setenta centímetros a carón do muíño. A presa queda pechada pola súa marxe dereita por medio de un muro de uns cincocentos metros de largo.

O edificio do muíño, cunha planta de 11,20 por 11,80 metros, ten os muros de fábrica de cachote e no seu tempo estiveran enlucidos. A cuberta é de lousa a dúas augas. O edificio ten dúas portas enfrontadas: unha para o acceso ó edificio e a outra para pasar dende o interior ó dique da presa.

O inferno do muíño –a planta baixa, que queda semisumerxida coa marea alta– ten unha estrutura formada por sete arcos que comunican todos os pasos da auga baixo o muíño. Catro arcos fan as entradas da auga ós cubos, dous arcos no muro exterior permiten a saída da auga ó mar, e o sétimo se sitúa no muro que divide a planta en dous corpos iguais.

Os dous rodicios eran de madeira, de un metro de diámetro e cinguidos por un cintón de ferro, con nove penas labradas na madeira para recibir á auga. Cando o muíño estaba en pleno funcionamento, a moenda duraba unhas tres horas e durante a mesma se moían en total entre dez e doce ferrados (un ferrado equivale a 20 kg. de maínzo e 15 de trigo), dos que o muiñeiro retiraba a parte que lle correspondía polo seu traballo.

A construción na década de 1940 do recheo da vía do ferrocarril Ferrol-Gijón polo fronte da enseada modificou a dinámica das augas interiores facéndoa mais lenta e aumentando a deposición de lama no fondo, dificultando deste xeito o funcionamento do muíño. Acosado tamén pola competencia dos motores e dos muíños eléctricos, o muíño de mar de Ortigueira foi traballando cada vez menos, hasta o seu abandono definitivo contra 1970.

O Concello de Ortigueira, a través da Fundación Ortegalia, adquiriuno para a súa restauración mediante un convenio coa Xunta de Galicia. No mes dos Santos do 2007 os traballos de rehabilitación foron adxudicados á empresa “Ollarte Tecnología y Conservación”, especializada na recuperación do patrimonio.

20090513-ortigueira-029-c

O muíño dende a presa (M. Lara, 2009)

Bibliografía:

Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, España. ISBN 84-87819-13-3.

Bustabad, L., 2008, “El último molino de marea: Ortigueira recuperará la única aceña marina que queda en Galicia”, El País, 18 de junio, p.

Gómez Martínez, J.A., 1999, El ferrocarril Ferrol-Gijón, Trea, Gijón. ISBN 84-95178-29-X.

Llano Cabado, P. de, 1983, Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas, Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-85665-08-2.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 671-681. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia, Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Rodríguez Bugarín, M., y Nárdiz Ortiz, C., 1996, El ferrocarril en el noroeste de España, Universidade da Coruña y Fundación de la Ingeniería Civil de Galicia, Coruña.

Author

Related

Comments

No Comments Yet!

You can be first to comment this post!

Post Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.