Sociedad Anónima Cros

CD_2010-10-23_2 (Fotografía de Luis A. Rico Varela)

Comezo da descontaminación dos solos (Fotografía de Luis A. Rico Varela, 2010)

Nos finais de 1931 a compañía catalana Sociedad Anónima Cros inauguraba no Burgo (Culleredo, A Coruña) unha fábrica para producer superfosfatos de cal, fertilizante de uso xeralizado en Galicia dende os comezos do século XX. As materias primas eran piritas de Huelva e fosfatos naturais de Casablanca (Marrocos) e Sfax (Túnez). Contra 1935 ampliaría a gama de produtos coa produción de sulfato de cal, e contaba daquela cun cento de traballadores.

En 1960 a produción foi derivada cara ós abonos complexos e granulados, fabricándose ácido sulfúrico e outros tipos de ácidos destinados á industria conserveira, principalmente para Copiba e Pebsa. As instalacións deixaban de funcionar na década de 1980 e xa no ano 1989 culminaba a fusión da Sociedade Anónima Cros coa Unión Explosivos Río Tinto e nacía a Ercros, S.A., caendo no abandono as vellas instalacións do Burgo.

Na década de 1990 e comezos da do 2000 moitas das instalacións fabriles da Cros –os almacéns, as estruturas metálicas e mesmo a cheminea de fábrica de ladrillo– foran demolidas para reurbanizar a meirande parte da zona ocupada (chegara a ocupar uns 150.000 m2). No seu lugar construíronse edificios de vivendas e un centro comercial, acondicionándose un paseo pola beira do río e unha ampla zona verde ó seu carón.

No outono do 2010 comezaron os labores de descontaminación do solo e o derrube dos paramentos entre os elementos estruturais das edificacións que se deixaron en pe, que van ser consolidadas e recuperadas para albergar un centro cultural.

CD_2011-06-22 (Fotografía de Luis A. Rico Varela)

Consolidación estrutural (Fotografía de Luis A. Rico Varela, 2011)

Author

Related

Comments

No Comments Yet!

You can be first to comment this post!

Post Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.