Os Peares

CD_Peares Fenosa

Aproveitando as excepcionais condicións de encaixamiento do río Miño pouco antes da súa confluencia co río Sil, a recentemente creada “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA) comezaba en 1947 a construír na proximidade de Os Peares (dacabalo entre Carballedo e Pantón, en Lugo, e A Peroxa, en Ourense) a central hidroeléctrica do mesmo nome. Cunha altura máxima de 94 m sobre cimentos e unha lonxitude en coroación de 261 m, a presa de Os Peares regula os ata 150 m3/s que leva o río Miño nestas paraxes cun aproveitamento ao pé da presa de 159 MW de potencia instalada e unha enerxía producible de 567 GWh nun ano medio.
Na escarpada ladeira dereita do río construíronse unha serie de edificacións para albergar aos traballadores durante a construción da presa e a central, construcións que chegaron a formar un verdadeiro poboado e que tras a entrada en servizo das instalacións no ano 1955, serviron para aloxar á dirección e aos empregados encargados da explotación da central. O poboado creado, ademais das propias edificacións de uso industrial e auxiliar, contaba con vivendas para os traballadores e directivos da central, complementadas con escola, economato, enfermaría, sala de cinema, garaxes e almacén, e mesmo cunha pequena igrexa proxectada en 1956 por Antonio Tenreiro Brochón, igrexa na que se reflectiron as inquietudes renovadoras daquela nova xeración de arquitectos que iniciaban as súas carreiras na década de 1950.
A automatización da central hidroeléctrica acometida pola empresa no ano 2000 fixo innecesaria a permanencia dos empregados na propia localización, e o poboado foise deshabitando ata quedar totalmente abandonado.
O seu actual propietario, a empresa Gas Natural Fenosa, propuña a finais da década do 2010 investir uns oito millóns de euros na rehabilitación do poboado para convertelo nun centro de formación, dotado con aulas, aloxamentos e estancias comunitarias ou de servizo capaces de atender anualmente a máis de vinte mil alumnos. Comezadas as obras o pasado mes de setembro, preténdese que o centro de formación de Os Peares poida estar operativo a finais do ano 2012.

CD_Peares

Author

Related

Comments

No Comments Yet!

You can be first to comment this post!

Post Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.