La Arzuana
Casimiro Macía Canal, carpinteiro, Andrés Camprubí Genesca, tecelán, e Manuel Solórzano Ibáñez, fundidor, constituían no ano 1882 a firma industrial “Casimiro Macía Canal y Cía.” para a explotación dunha fábrica de tecidos de algodón na marxe dereita do río Tambre, no lugar de O Foro, parroquia de Présaras do concello de Vilasantar (A Coruña). Serían os alicerces de “La Arzuana”, que xa contra 1907 sería ampliada e modernizada polos irmáns Miranda baixo a razón social “Hilados y Tejidos de Vilasantar”.
Os tempos esplendorosos do primeiro terzo do século XX, trocarían en complicacións nos anos da posguerra española. A partires de 1958 os irmáns Tomás e Enrique Rodríguez-Sabio Sánchez irían asumindo todas as facultades do Consello de Administración da sociedade, ata que o día 8 de decembro de 1962 un incendio arrasaba as instalacións, que ficarían dende aquela abandonadas tras oitenta anos dedicada ao fiado e tecido de algodón para a elaboración de pano cru.
Moito agradezo aos actuais propietarios, don Antonio Boado Paz e súa esposa, dona Manuela Fernández Doval, quen foron reconstruíndo as dependencias para dedicalas a granxa agrícola baixo o nome de “Granja La Vieja Fábrica”, a atención coa que me agasallaron nunha recente visita tralas pegadas do noso patrimonio industrial. A non tardar, completaremos cos seus datos a ficha que engadiremos ao noso Inventario.
No Comments Yet!
You can be first to comment this post!