AGAMAC

AGAMAC_Tractor ruedas macizas

Tractor de ruedas macizas (AGAMAC, 2007)

A introdución das máquinas no rural non trouxo a destrución do mesmo nin a fin do colectivismo agrario. Ben o contrario axudou a liberar a humanos e mesmo ós animais da escravitude do traballo directo da terra, reducindo a fame no mundo e descubrindo novas maneiras de traballo colectivo. Despois da ferramenta manual, a maquinaria agrícola pasou a ser elemento decisivo na cadea de produción de alimentos, dando emprego a numerosas persoas en moitos sectores conexos: o deseño, a fabricación, a reparación, o mantemento, a comercialización… Formas novas da cooperación no traballo que foron atopando o seu acougo no agro galego.

A mecanización do traballo suporía unha mellor e máis eficaz resposta ás necesidades de cada xeira, adaptándoa ás circunstancias de cada lugar e cada tempo, e por tanto moitas veces reflexo auténtico do devir profundo dun pobo.

Porén, o mesmo que non podemos perder a lingua, se queremos seguir sendo nós, non podemos esquecer as mostras da nosa primeira mecanización, e, por iso, moito temos que agradecer aos orgullosos traballadores do rural, que co seu esforzo ilusionado axudan a que non se perdan as pegadas do que fomos, das que teremos que tirar moitas veces para manter o valioso pulo de tan insubstituíble achega á nosa realidade e á nosa diferenza.

Son moitas, moitísimas, as pegadas da mecanización na nosa historia agrícola, gandeira e forestal, sustento das nosas necesidades básicas que esperan da achega de traballos agarimosos para que non se perdan as súas lembranzas. E as ferramentas e as máquinas da labranza son merecentes de que lles conservemos en enxalcemos a memoria do singular papel que fixeron cabo de nós, na nosa vida, na nosa historia, na construción do noso país, facendo máis livián os nosos esforzos para tirar adiante da vida propia e da dos nosos.

E é nesta angueira na que canda tódolos que amamos á nosa terra desexo felicitar e apoiar nas súas propostas á Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (www.agamac.org), que ven de presentar un fermoso libro, e que xunto con outras igualmente meritorias iniciativas como a da Casa do Patrón (www.museocasadopatron.com), a da Casa Tendeiro (www.casatendeiro.com), ou a da De Bosende (www.bosende.com), teiman por recordármonos o valor do traballo no rural, fonte básica de riqueza, integral e sostible, que debe continuar a contribuír á auténtica calidade de vida da nosa xente e recibir o recoñecemento do que sen discusión é merecedor.

Agamac

Portada do libro da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMAC)

Author

Related

Comments

No Comments Yet!

You can be first to comment this post!

Post Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.