Fábrica de Joaquín Vieta Ros

2016-04-03_Fábrica Daniel Rodríguez Blanco en Muros (Pepe Sacau, 2016)_DSC_6740

Fotografía de José Luis Sacau Fontenla no outono do ano 2015

Consonte os datos recollidos por Santiago Llovo Taboada no seu espléndido traballo, fora construida en 1909 no Paseo do Cabo ou Paseo de Bombé, na vila de Muros, aproveitando o almacén de salga que alí erguera contra 1870 Bentura Moreu Teixidor. A actividade fabril cesou coa morte de Joaquín Vieta en 1930. Sería empregada entre o verán de 1937 e o de 1938 como cárcere para máis de trescentos prisioneiros galegos, asturianos, cántabros, vascos e madrileños calificados de “republicáns”. Alugada nos comezos do decenio de 1940 a José Folgueira Rubido, veciño de Ortigueira, e, na segunda metade da mesma década, a Ricardo Rego Castro, tamén de Ortigueira. Xa en 1974, a vella conserveira foi mercada, modernizada e posta de novo en funcionamento por Daniel Rodríguez Blanco, nado en Carnota e veciño de Muros. Case trinta anos despois, e malia os esforzos do seu fillo, Daniel Rodríguez Otero, a fábrica de “Conservas Leocadia” cesaría na súa actividade co comenzo da década do ano 2000. Contra o ano 2012, a concesión foi rescatada polo Estado, que decidiu a súa demolición para completar a ampliación da estrada Muros-Corcubión nese tramo. Porén, só a ampliación efectuada por Daniel Rodríguez foi demolida, construíndose no lugar unha pequena área de descanso e miradoiro. A vella conserveira de Vieta e a súa casa vivenda salváronse ao ter sido protexidas como patrimoniais.

Author

Related

Comments

No Comments Yet!

You can be first to comment this post!

Post Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.