O abandono do patrimonio
En 1785 Santiago Beaujardin, vicecónsul de Francia na vila de Ferrol, emprendía a construción dunha fábrica de fariñas nas Aceas do Ponto, no esteiro do río Freixeiro. O seu compatriota e socio, Juan Lembeye, comisionado de abastecemento dos Reais Arsenais e director da Real Compañía Marítima, quedaba en 1796 como único propietario. Cos seus tres muíños e unha capacidade de moenda de máis de mil toneladas ao ano, moía gran chegado de Filadelfia, Bayona, Bordeus, Londres, Ámsterdam, Hamburgo e San Petersburgo, atendendo á forte demanda dunha poboación en incesante crecemento e enviando fariñas á Habana. En 1860 vendéronse os muíños a Nicolás Fernández e José Rodríguez, que aproveitaron a recuperación da moenda na comarca nun novo apoxeo da construción naval ferrolá. Este muíño de mareas, o maior dos nove que se conservan en Galicia, pechou as súas portas mediada a década de 1960, e hoxe, lamentablemente abandonado, camiña cara á súa ruína.
No Comments Yet!
You can be first to comment this post!