803 Encaixes de Camariñas
- Provincia: A Coruña
- Municipio: Camariñas (tomado como referencia)
- Parroquia: San Xurxo de Camariñas (tomada como referencia)
- Lugar: Camariñas (tomado como referencia)
- Paraxe: O Porto (tomado como referencia)
- Dirección: Non procede
- Coord. Xeográficas - Latitude: 43° 7' 41.93" N
- Coord. Xeográficas - Lonxitude: -9° -11' -6.06" W
- Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 484.961,31 m / Y 4.775.057,93 m
- Clasificación: Industria téxtil
- CNAE: 13.91 Fabricación de tecidos de punto.
- Tipoloxía: Obradoiros e talleres de artesanía téxtil
- Comarca: Terra de Soneira
- Marco xeográfico: Marxe dereita da ría de Camariñas (tomada como referencia)
- Ámbito: Rural e mariñeiro
- Acceso: Dende Santiago de Compostela cóllese a estrada AG-56 cara a Noia. A uns doce quilómetros e medio, na rotonda, cóllese a estrada AC-544, dirección Negreira. Outros doce quilómetros máis adiante, noutra rotonda, séguese pola estrada AC-546 dirección A Pereira. Trece quilómetros máis, na glorieta da Pereira, enfíase a estrada AC-441 cara a Muxía. En pasando Baíñas, apártase pola dereita pola CP-9203 para, en Caxadas, enfiar a estrada AC-552 cara Vimianzo e A Coruña. Xa en Vimianzo, na avenida Fisterra, apártase pola esquerda pola estrada AC-432 e, após de dezanove quilómetros máis, chegamos a Camariñas.
- Tipo de Propiedade: Privada (as vivendas) e pública (as rúas e prazas)
- Visitable: Cando as palilladas fanse en lugares públicos
Xestión de visitas
Non procede
Historia
Aínda que no centro e o norte da Europa non fallan achados que proban a existencia no neolítico de tecidos de liño e de la (o tecido europeo de lá máis antigo que se coñece descubriuse nun lamazal danés e datárase contra o 1500 a.C.), e mesmo o emprego de certos aparellos para elaboralos, en Galicia temos que esperarmos até a cultura castrexa para contar con testemuñas directas da primitiva industria do tecido.
Antes da invención das cizallas –probabelmente na Idade de Ferro– a lá arrincábase a man ou con peites de cobre. No tempo dos romanos, a la, o liño, e o coiro vestían á poboación europea; o algodón da India era unha curiosidade da que só os naturalistas oíran falar; e a seda, importada dende China pola Ruta da Seda, era un luxo extravagante.
Cinco foron as fibras téxtiles fundamentalmente empregadas dende a Idade Media en España para a elaboración de tecidos, redes e cordas: dúas de orixe animal, a la e a seda, e tres de orixe vexetal, o cánabo, o liño e o algodón. A la e o liño, abondosas no norte da península, serían as preferidas para a confección de vestimenta. O algodón quedou practicamente restrinxido á súa zona de cultivo, o val do Guadalquivir, de Xaén a Cádiz, empregándose para vestidos. A seda, ligada a poboacións de orixe musulmán, dende Aragón ata Granada e Málaga, pasando por todo Levante, só foi utilizada en roupas suntuarias. E o cáñamo, ou cánabo, cultivado en na metade meridional peninsular, A Mancha, Murcia e Andalucía, empregábase para a confección de tecidos bastos e resistentes, cordas para usos diversos e enxarcias e cabos para as embarcacións.
Despois da romanización, son case que inexistentes as referencias aos tecidos en Galicia, aínda que cabe supor que continuarían coa técnica romana. Xa na Idade Media galega, atópanse referencias documentais (vendas, testamentos) aos tecidos, nomeadamente de liño, deixando mesmo pegadas nalgunhas tampas sepulcrais de Noia e Compostela (Santa Susana).
Malia que a elaboración de tecidos de lá tivera algunha importancia en todo o nordés da provincia de Pontevedra (nomeadamente, Cotobade, Tabeirós e Montes), e que en Monforte se traballara a seda, dun xeito que arrela foi o liño a principal fibra obxecto de transformación téxtil. Porén, e a maiores das actividades do rural que servían para completar a subsistencia das familias campesiñas, sábese de algunha experiencia coa la propiamente industrial, como fora a fábrica de panas dos irmáns Lees en Pontevedra (vid. ficha 232).
Pódese dicir que dende principios do século XVIII o liño é o motor económico principal na vida rural dunha Galicia súper poboada, cunha difusa e parcelada poboación campesiña que atopa nas feiras locais a consolidación da transacción polo miúdo de fibras, fíos e tecidos. Un dos tipos de tecido que chegaría acadar sona pola súa singularidade e prestancia sería a renda, popularizada co nome de fita de encaixe (ou puntilla) e singularizada como encaixe de Camariñas (vid. ficha 803).
Os primeiros teares eran moi estreitos e o encaixe tivo inicialmente unha función práctica: colocábase, encaixábase, entre dúas tiras do lenzo saído do tear para así conseguir un pano de maior anchura. De modesta peza secundaria, o encaixe non tardaría en pasar a ter unha función ornamental e indicadora de prestixio. Os seus principais consumidores serían as casas reais, a nobreza e os altos dignitarios da clerecía, aos que se irían incorporando os aristócratas e os comerciantes adiñeirados.
Dende a chegada dos primeiros Borbóns á coroa de España (Felipe V, no 1700) a preocupación polo desenvolvemento industrial faríase tópica, xurdindo teimudas as primeiras iniciativas para paliar a falta de ilustración dos súbditos e o atraso do país. No entanto, xa no derradeiro terzo do século XVII e aínda cos Habsburgo, o fomento da manufactura téxtil acadara un inusitado interese nos medios oficiais do reino, que devecían por equilibrar a máis que deficitaria e atrasada estrutura do sector no territorio peninsular.
De feito, sería durante o reinado de Carlos II (1665-1700) cando se decidiu contratar en Holanda, Flandes e Borgoña expertos en tal actividade industrial, mestres e oficiais nunha industria que conviña acrecentar por mor de evitar «que vasallos extranjeros nos sacasen el caudal que es preciso por faltar en España las fábricas de su consumo». Co gallo de impedir a marcha dos técnicos, contra 1692 Carlos II mesmo prohibiría a saída dos mestres e oficiais «de nuestros dominios, reinos y provincias» sen expresa licenza real.
Con tais referentes e nunha mestura de iniciativa privada e achega técnica foránea, xurdiría en Sada (vid. ficha 195) unha manufactura téxtil que elaboraría enxarcia e lona de cánabo (entre 1675 e 1762), panos finos e tecidos de lá (entre 1695 e 1713), e lenzos e manteis de liño (entre 1690 e 1725). Abandonada a fábrica de tecidos de lá en 1713, e a de lenzos en 1725, a manufactura de manteis de liño tería desde 1725 continuidade na Real Fábrica de Manteis da Coruña (vid. ficha 738). En Sada manteríase a elaboración de cordas e lona de cánabo ata 1762, cando decidiuse o traslado destas instalacións a Ferrol.
Xa no tránsito do século XVIII ó XIX son famosos os lenzos de Viveiro e de Mondoñedo, de Padrón e de Caldas, e os centros de recolleita e comercialización de liño de Verín, A Fonsagrada e Ordes, mais as liñeiras de Galicia non son bastantes para o abastecemento dos seus teares, e vai medrando a entrada de expedicións das veigas leonesas e zamoranas, e mesmo de Rusia, os países do Báltico e Holanda, chegando a supor o oitenta por cento dos lotes manexados nos teares galegos.
Os primeiros intentos modernizadores do sector liñeiro adquirirían os lenzos producidos pola industria popular para o seu branqueado ou tinguido en instalacións centralizadas, con procedementos químicos fora do alcance das familias campesiñas, o que ademais permitiría manufacturar produtos homoxéneos dunha meirande calidade. Cabe citar a fábrica de «holandillas» de Luís López de Lombardía en Mondoñedo (1738, vid. ficha 630), a de lenzos «a imitación de los de Westfalia» de Joaquín Cester en Ribadeo (1774, vid. ficha 640), e a coruñesa de Juan Antonio Marcó del Pont establecida na Coruña, en Monte Alto (1796, vid. Carmona, 1990: 163).
As iniciativas no ámbito do algodón terían a priori máis posibilidades de éxito, pois na segunda metade do século XVIII este sector contaba xa con adiantos técnicos bastantes para acadar un grado de mecanización importante. A pexa foi que contra 1770 no existía en Galicia ningunha tradición de manufactura do algodón. Intentaríase sacar adiante fábricas de acabados e estampado de tecido de algodón importado, como as de Jerónimo de Hijosa (1770, en A Coruña), Josef Iglesias (Palavea, 1772) ou Miguel de Lagoanère (Cecebre, 1773), e, xa no cambio de século, os intentos de fábricas integradas de tecidos de algodón dos irmáns Lees (Pontevedra, 1798, vid. ficha 232) e da viúva de Vieytes (Santiago, 1805).
A comezos do século XIX, a perda dos mercados coloniais, a competencia do contrabando británico de tecidos de la e de algodón, a importación de fiados de liño e a consolidación do téxtil catalán coa competencia crecente do algodón, vai acelerar a decadencia de todo o téxtil galego, xa fose de liño, de la ou mesmo de algodón.
Por outra banda, a repatriación de capitais americanos e os fortes ingresos xerados pola exportación de gran favorecería en Galicia algúns investimentos produtivos que buscaban aproveitarse do devandito arancel para implantar modernas industrias de tecidos de liño.
Tres foran os estabelecementos que se puxeran daquela en marcha en Galicia para a fabricación de tecidos de liño: en 1845 a fábrica de Ángel López, no Seixo (vid. ficha 154); en 1847 a fábrica de Juan Veiga, no Roxal (que comezara en 1843 co algodón, vid. ficha 098); e en 1850 a fábrica de Jaume Bassols, en Chavín (vid. ficha 484).
Desestimados os intentos de mecanización do traballo do liño, as novas iniciativas téxtiles que xorden en Galicia a comezos da década de 1870 van quedar restrinxidas ao ramo do algodón, favorecidas pola avanzada liquidación das industrias rurais, o que lles supón unha menor competencia na conquista dunha pequena parcela do mercado rexional. Foron estas industrias La Primera Coruñesa (1873, vid. ficha 492), Barcón y Cía. (1873, vid. ficha 452), e La Arzuana (1890, vid. ficha 201), pero esta é xa outra historia…
Descrición xeral do entorno
Marxe dereita da ría de Camariñas (localización tomada como exemplo).
Construción
As primeiras noticias referentes ás palilleiras galegas serían anteriores a 1750.
Abandono
Seguen a realizarse hoxe en día labores de tecer encaixe con palillos.
Descrición
Máis alá da mitoloxía grega que concede a Aracne, unha moza natural de Lidia, unha extraordinaria habilidade para o tecido e o bordado e cuxa afouteza levouna a desafiar a Atenea, se remontan ao 2000 a.C. os primeiros vestixios do entrelazado, trenzado e anoado de fíos e cordas para a confección de redes e tecidos. Fora como fora, o tecido que coñécese como encaixe debeu aparecer na Europa a finais do século XV, atopándose elaborado con fíos de ouro e prata nos vestidos da nobreza, a realeza e o clero. Será no seguinte século cando o encaixe irá popularizándose como gornición da vestimenta, realizándose sobre camisas e roupa branca e figurando mencionado en inventarios e documentos varios, mesmo pragmáticas e leis, e claramente representado nas obras dos pintores da época.
Entre outros lugares, Bruxas e Xénova postúlanse como berce do encaixe. Faltos de documentación suficiente case que podería admitirse calquera dos lugares de orixe propostos, pois eran na altura constantes os contactos comerciais entre as principais cidades flamencas, italianas, españolas, francesas e inglesas. Os brocados, galóns, encaixes, puntillas e outros aderezos suntuarios serían unha das maneiras coas que reis, nobres e alto clero destacarían sobre as clases populares, ditándose disposicións para a observancia e mantemento da tal diferenciación.
Ante a crecente demanda da nobreza e da incipiente burguesía, nos finais do século XVI e comezos do XVII xurdirán as primeiras regularizacións para a produción de encaixes dunha maneira organizada, instrucións que promovería a realeza, a nobreza e o clero entre as mulleres humildes, campesiñas, pescadoras e particularmente nas institucións asistenciais creadas para acoller indixentes e orfas.
Coa asunción o 16 de novembro de 1700 da coroa de España por Felipe V, se instalaría no país a teimuda preocupación da dinastía borbónica pola potenciación da economía nacional e de un desenvolvemento industrial que axudase a promover a educación da poboación, combatendo a ignorancia e falta de ilustración dos súbditos e o tremendo atraso do país no contexto europeo. A planificación da industria española, en xeral, e o fomento da artesanía popular, en particular, serían obxectivos principais da política dos Borbóns ao longo dos séculos XVIII e XIX.
Unha das grandes aportacións do movemento europeo, que coñecemos como Ilustración e impulsou fondos cambios sociais e culturais, foi a visión positiva do traballo e a industria e a transformación dunhas actividades artesás baseadas no aprendizaxe pola práctica, en coñecementos transmitidos por especialistas e adquiridos en escolas autorizadas para a expedición de acreditacións, que facilitarían a competencia nuns mercados que ían fundamentándose na industrialización da produción.
Na primeira metade do século XVIII iría implantándose na Europa un proceso de intensificación do traballo disperso nas vivendas rurais e nos pequenos talleres artesáns mediante un sistema de organización produtiva no que o promotor proporcionaba as materias primas —e as veces tamén as ferramentas— necesarias para a elaboración de determinados produtos nos domicilios e obradoiros dos traballadores, a maior parte das veces a tempo parcial, alternándoo co traballo agrícola.
Este sistema (designado na historiografía verlagssystem ou putting-out system), de principal aplicación para os produtos téxtiles e os curtumes, canalizaría a actividade de amplas rexións rurais e sería impulsado por mecenas da burguesía emerxente e sociedades económicas en áreas caracterizadas pola súa pobreza ou empobrecemento, como paliativo do problema da fame, carencia de recursos e falta de iniciativa. Desde o punto de vista do promotor sería tamén unha maneira de centralizar o control da produción e reducir os custos, favorecendo a exportación dos produtos, pero tamén o enriquecemento de intermediarios e comerciantes e propiciando un traballo informal, intensivo e domiciliario, retribuído ao axuste, a un tanto alzado por unidade de obra, e afastado de calquera organización que puidese defender os intereses dos traballadores.
Nas respostas recollidas en 1751 nos Interrogatorios do Catastro do Marqués de Ensenada figura que no casco vello de Pontevedra e os seus arrabaldes exercen cento oitenta e tres palilleiras (contando mestras e discípulas, cos seus nomes nas páxinas 120 a 123). Citando un traballo de Mario Gallego Rei, recolle Jiménez (2018: 539) que o devandito catastro acreditaría catrocentas palilleiras en Camariñas, máis de cento cincuenta no Caramiñal, vinte e cinco en Vilanova de Arousa, dezasete no Grove e sete en Cangas do Morrazo.
Comezaría tecéndose só para o consumo propio de cada familia. Alguén —palilleira, comerciante ou intermediario— consideraría que aquelas pezas podían venderse ben a terceiros, e compraría pequenas cantidades de encaixes para comercializalas nas feiras dos arredores. Das feiras pasarían ás vilas e cidades, de Galicia ao resto de España e aos principais destinos da emigración americana. O éxito e conseguinte aumento da demanda faría que o que empezou sendo unha industria caseira acadase dimensións de importancia e fose nalgunhas zonas a principal fonte de riqueza nas últimas dúas décadas do século XIX e os tres primeiros decenios do século XX.
Descoñecemos o momento no que a confección de encaixes deixaría de ser unha actividade puramente limitada ao ámbito doméstico e comezaría a desenvolverse como unha actividade produtiva especializada, pero xa en 1784 o encaixe de Camariñas era coñecido fora de Galicia e considerado tradicional (Jiménez, 2018: 532), o que indicaría que posibelmente a súa expansión xa estaría organizada baixo o putting-out system antes mencionado. Consonte Lema (2018), xa en 1753 figuran como tratantes de encaixes camariñáns Juan Díaz Porrúa, Roque Fernández, Francisco de Pazos, Domingo de Trava e Andrés Rodríguez.
Convén aquí lembrar o apunte de Xaquín Lorenzo (1962: 582 e 1983: 166-167) de que «Os encaixes que fan as palilleiras son coñecidos co nome de encaixes de Camariñas, inda que este pobo non sexa o único nin o principal centro de produción, senón máis ben o que centraliza os encaixes para a súa venda ao exterior». Efectivamente, a confección de encaixes documéntase en tódalas parroquias de Camariñas, Muxía e Vimianzo, e en diferentes lugares dos termos municipais de Cabana, Carnota, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Muros, Noia, Ribeira, Betanzos, Santiago de Compostela, A Fonsagrada, Viveiro e algúns núcleos da provincia de Pontevedra.
En 1804 o ferrolán José Lucas Labrada Romero na súa Descrición económica do Reyno de Galicia deixaría anotado que na xurisdición de Camariñas (que na altura incluía a Muxía, Laxe e Vimianzo) unhas trescentas mulleres dedicábanse á confección de encaixes ordinarios principalmente realizados con fío de liño «que benefician dentro y fuera del país» (Labrada, 1804: 55). Da xurisdición de Fisterra (que incluía Corcubión, Cee e O Pindo) indica, sen precisar o número, que as mulleres dedicábanse con preferencia a fiar e fabricar encaixes ordinarios de liño do país (ibídem, 57). Do Caramiñal di que unhas cento cincuenta mulleres dedícanse unicamente a facer encaixes (ibídem, 59) e da xurisdición de Noia, que incluía Muros e Porto do Son, que as mulleres dedicábanse a fiar e facer encaixes (ibídem, 58).
Do parágrafo precedente infírese que a principios do século XIX a artesanía do encaixe atópase ben asentada na costa atlántica galega, salientando nas comarcas de Camariñas e O Caramiñal. A feira da vila camariñá de Ponte do Porto configurarase como importante centro do comercio de encaixes e, en 1852, nela destacarían Pedro Carballo e o abade de Toba, Francisco Couto, donos da firma comercial Couto y Carballo, como os principais grandes tratantes de encaixes. Após da Gran Guerra Europea (1914-1918) xurdiría nas aldeas da ría de Camariñas a moderna organización das palilladas e as palilleiras poderían contar con ter traballo de palillo todo o ano e, nalgúns casos, incluso xuntarse como operarias a xornal en pequenas fábricas, como as houbo en Ponte do Porto ou, desde 1924 en Muxía, na empresa Galicia Industrial, de Manuel Balboa (Lema, 2018). Con todo, cun grao baixo de produtividade, como toda artesanía, en ausencia de mecanización, un factor fulcral na produción de encaixes sería a amplitude da forza de traballo, do número de traballadoras a iso dedicadas, o que leva sempre aparellada a depreciación do valor do traballo individual e da retribución que por el podían percibir as traballadoras.
O xerente de Galicia Industrial, Manuel Balboa López, foi o fillo maior de Francisco Manuel Balboa Lagoa (1866-1954), emigrante en América que, retornado cara a 1900, instalou en Muxía a dita fábrica de encaixes. En 1926, coa intención de exportar a produción española de encaixes da mellor maneira posible, varios talleres especializados no encaixe de palillos crearon en Almagro (Ciudad Real) a empresa Encajeras Peninsulares Reunidas, S.A. como un gran proxecto gremial, e Galicia Industrial se incorporaría á nova compañía (Martínez, 2008). Malia que o mercado hispanoamericano absorbía máis do noventa por cento do encaixe español, a crise económica de 1929 carrexaría graves dificultades económicas, que porían fin a este proxecto de asociacionismo (Greil, 2017: 5).
A fabricación de encaixes coñecería tempos de esplendor dende mediado o século XIX ata o decenio de 1920, estes últimos anos dunha considerable caída da demanda, principalmente polas crises económicas e monetarias dos países latinoamericanos, pero tamén pola evolución dos gustos e os cambios nas formas de vida, que fixeron os encaixes superfluos e pasados de moda, coa paulatina eliminación deles na vestimenta. Por outra banda, a perda dos mercados americanos neste período faría que o sector téxtil catalán, maioritario no emprego do algodón, fora concentrando as súas vendas no territorio español, afogando a industria galega do liño ata a súa práctica desaparición, ao mesmo tempo que o fío de algodón desprazaba ao de liño como materia prima dos encaixes.
Os problemas de abasto do algodón durante a Guerra Civil Española (1936-1939) e a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) comprometerían gravemente a produción dos encaixes, malia a introdución dun cativo fío de algodón procedente de Portugal. Cunha certa recuperación na década de 1960 e o impulso ao encaixe nos decenios de 1980 e 1990 pola administración autonómica galega, xunto coa revalorización aportada co retorno da emigración, enxalzando as peculiaridades históricas e culturais e reintroducíndoo como modernidade nos deseños do vestiario, os labores de palillos serían en adiante conceptuados como algo digno, merecente de ser valorado, apreciado e conservado como un signo máis de identidade e pertenza.
Tempo de uso
Todo o ano, sempre que houbera vagar e especialmente nos meses nos que minguaban os traballos agrícolas e pesqueiros.
Sistema de produción
A produción e distribución de produtos téxtiles é relativamente complicada, xa que segundo o tipo de tea, a materia prima (sexan fibras vexetais ou animais, e mesmo produtos químicos) pode prepararse de maneira independente ou como unha etapa preliminar na fabricación da tea, polo que o número de procesos distintos implicados na produción pode variar segundo cada produto téxtil. Unha vez fiadas as fibras, o fío obtido vai tecerse, a man ou a máquina, para obter a tea ou tecido, unha estrutura téxtil obtida por entrelazado de un só fío (tecido de punto) ou de dúas ou máis series de fíos, cada unha das cales móvese segundo unha determinada lei (tecido plano e tecido aglutinado) (para máis detalles, véxase, por exemplo, a ficha 746 Viriato).
As orixes do tecido de punto, tamén chamado de malla ou de bucle, elaborado a man e hoxe en día tamén mecanizado, parece remontarse aos traballos de anoado de redes para a caza e a pesca nos pobos antigos. O tecido xorde ao pasar un longo fío continuo, a man ou mediante agullas, entre outros grupos de fíos, para formar unha reixa entrelazándoos nunha serie de lazadas máis ou menos amplas unidas entre si. Pódese tamén facerse pasando unha lazada de fío sobre unha agulla para logo pasala a outra agulla, entrelazando sempre o mesmo e único fío para formar unha soa estrutura.
O tecido chamado de encaixe comezou tendo unha función práctica, a de xuntar dúas tiras estreitas de lenzo para conseguir un pano de maior anchura, encaixándoo entre as pezas a unir. Despois tería principalmente unha función ornamental sobre a vestimenta e a roupa branca (vid. supra) e mesmo como peza decorativa independente nos repousa brazos, centros de mesa, etc.
O proceso de elaboración do encaixe comeza co modelo a tecer debuxado nun cartón sobre un padrón cuadriculado. Feito o debuxo, cun alfinete groso pícanse no cartón uns buratiños nos sitios nos que van cruzarse os fíos do tecido. Posto o cartón sobre a almofada (un coxín duro), espétanse uns alfinetes nos buratiños feitos no picado e os fíos —previamente enrolados sobre os palillos, unhas pezas torneadas en madeira— vanse trenzando por pares, manexando dous palillos en cada man. O traballo das palilleiras exixe unha grande atención e moita axilidade e destreza nos dedos, xa que «é corrente que traballen con corenta pares e un cento de alfinetes e calquera erro fai desmerecer a obra» (Lorenzo, 1962: 584-585).
Ata a organización do tecido do encaixe polos acaparadores, as palilladas tiñan lugar conforme ao modo tradicional do fiado, no que «A xente fía sempre que ten vagar, mais é nos fiadeiros onde se fai con máis intensidade. Os fiadeiros teñen carácter comunal; en cada lugar hai un turno e tódalas casas teñen a obriga de se prestar a acollel-o cando lle toca a vez: por regra xeral, na casa en que hai dúas mozas, emprestan o curral para o fiadeiro durante unha semán» (Lorenzo, 1962: 637 e 1983: 242).
As palilladas formábanse coa xuntanza informal dun grupo de mulleres e nenas para traballar tecendo en cadanseu labor de encaixe. A reunión tiña lugar na anoitecida, unha vez concluídas outras angueiras domésticas ou tarefas formais, nunha casa da aldea que os seus propietarios poñían ao dispor das traballadoras, que compartían os gastos de luz e outras necesidades da reunión.
En 1914, nun artigo da revista semanal madrileña Nuevo Mundo (1894-1933), o reporteiro que visitara as vilas de Ponte do Porto e Camariñas para realizar unha reportaxe sobre o encaixe comentaba como «Las escuelas de encajeras se forman en una casa particular a la que concurren varias muchachas y mujeres de la aldea o del pueblo. La luz de los quinqués se costea entre todas, exceptuándose tan sólo de esta contribución, la hija o una de las hijas de la dueña del local. Para traer agua a la palillada, barrer y fregar el suelo, se establece entre todas un turno riguroso» (citado en Lema, 2018).
E precisaba que, xeralmente, ás escolas do encaixe (como na altura tamén se coñecían as palilladas) só concorrían as mozas e as nenas, pois as nais de familia, que tiñan ademais que atender aos mesteres da casa, palillaban na súa propia vivenda nos intres que lles deixan libres os seus quefaceres. Con todo, apuntaba o periodista «hay palilladas hasta de treinta y cuarenta mujeres». Nas reunións deses anos unha xefa ou encargada controlaba e apuraba ás palilleiras, e distribuía as tarefas e a cantidade de encaixe que cada unha delas tiña que producir.
Actividades laborais
A confección do tecido de encaixe era habitualmente feito por mulleres, axudadas por nenas que asistían ás palilladas para ir aprendendo a facer o labor.
Emprego
A peculiar industria das palilleiras chegaría a contar —só na provincia da Coruña— con máis de vinte mil mulleres.
Materias primas
Fío de liño e de algodón.
Produtos elaborados
Tecidos de encaixe de liño e de algodón de variadas calidades, tamaños e deseños.
Distribución e comercialización
Rexional, nacional e internacional (principalmente, Cuba e Arxentina). A contía das exportacións chegaba a sorprendentes cifras como as que están a seguir, correspondentes ao ano 1901 e embarcadas nos portos de A Coruña e Vigo: a Cuba, 63 caixas cun total de 5.910 quilogramos; a Arxentina, 45 caixas, 4.569 quilogramos; a México, 6 caixas, 720 quilogramos; a Puerto Rico, 5 caixas, 575 quilogramos; a Chile, 2 caixas, 195 quilogramos.
Referencias bibliográficas
Alonso Población, Enrique (2007). «Éxito empresarial y disposiciones culturales. El caso de los talleres de costura en la Costa da Morte», en García Hurtado, Manuel Reyes (ed.): El Futuro de las Humanidades, p. 153-160. Ferrol: Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña. ISBN 84-9749-229-3.
Blanco Campaña, Xosé Luís (1991). Camariñas: terra de palilleiras. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-602-5.
Brüggemann, H. (1942). «Tecnología textil y fabricación del papel. Industrias textiles», en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo VII, p. 777-857. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.
Canoura Leira, Concepción (2008). Raizame do encaixe galego. Santiago de Compostela: Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. DL 2194-2008.
Carmona Badía, Joam (1990). El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900). Barcelona: Ariel. DL B-35453-1990. ISBN 84-344-6566-3.
Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). «Industrias del tejido y del cuero», en Navascués Palacio, Pedro (coord.): Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.
Dávila Corona, Rosa María; Durán Pujol, Montserrat; García Fernández, Máximo (2004). Diccionario histórico de telas y tejidos. Colección Estudios de Historia. Consejería de Cultura y Turismo de la Junta de Castilla y León. Salamanca: Caja Duero. ISBN 84-9718-206-5.
Greil, María (2017). «El encaje de Almagro: una artesanía centenaria», en Datatèxtil, 2017, núm. 36 [en línea] https://raco.cat/index.php/Datatextil/article/view/321853 [27/11/2025].
Herrero García, Miguel (2014). Los tejidos en la España de los Austrias. Fragmentos de un diccionario. Madrid: Centro de Estudios Europa Hispánica. ISBN 978-84-15245-41-4.
Jiménez Esquinas, Guadalupe (2018). Del paisaje al cuerpo: una crítica feminista de la patrimonialización del encaje en la Costa da Morte. Tesis doctoral. Escuela de Master y Doctorado de la Universidad del País Vasco.
Labrada Romero, José Lucas (1804). Descripción económica del Reyno de Galicia. Ferrol: imprenta de Don José Riesgo Montero. Edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja. Vigo: Galaxia. DL VG-62-1971.
Larruga Boneta, Eugenio (1800). «Fábricas de sombreros, lienzos y metales del Reyno de Galicia», en Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los Reales Decretos, Órdenes, Cédulas, Aranceles y Ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento. Tomo XLV, p. 155. Madrid: Oficina de Don Antonio Espinosa, MDCCC.
Leiro Lois, Adela; Daporta Padín, Mon; Correa Piñeiro, Duarte (2006). Galiza. Poboación e Industria. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-96403-34-3.
Lema Mouzo, Rafael (2018). «El encaje de Camariñas, artesanía de la edad moderna», en Adiante Galicia [en línea] https://www.adiantegalicia.es/reportaxes/2018/03/28/el-encaje-de-camarinas-artesania-de-la-edad-moderna.html [27/11/2025].
Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). «Palilleiras», en Otero Pedrayo, Ramón (dir.): Historia de Galiza, vol. II O home-II, Etnografía: cultura material, sección III.1 Os oficios, p. 582-585. Buenos Aires: Editorial Nós.
Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). «Os tecidos», en Otero Pedrayo, Ramón (dir.): Historia de Galiza, vol. II O home-II, Etnografía: cultura material, sección III.2 Os tecidos, p. 623-658. Buenos Aires: Editorial Nós.
Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). «Palilleiras», en Os oficios, sección Os Oficios, p. 166-170. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.
Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). «Os tecidos», en Os oficios, p. 223-271. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.
Martínez Cerro, Manuel (2008). «Encajeras Peninsulares Reunidas», en El Cronista Almagreño, nº 81, diciembre 2008, p. 39-40.
Meijide Pardo, Antonio (1965). «Aportación a la historia industrial coruñesa: las fábricas textiles de Sada (1675-1762)», Revista del Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, Año I, nº 1, Separata, p. 77-126.
Meijide Pardo, Antonio (1984): «Negociantes franceses en la Coruña precapitalista: Miguel de Lagoanère y Cía.”, en Revista del Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, núm 12, p. 207-224.
Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada. (1750-1754). 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes. Ministerio de Cultura del Gobierno de España [en línea] https://pares.mcu.es/Catastro [21/12/2021].
Ribas San Emeterio, Neus (2022). «Mujeres tejiendo una red de encaje, las encajeras como modelo de colaboración y complicidad», Asparkía. Investigació Feminista, 40, p. 169-187. Universitat Jaume I. ISSN 1132-8231.
Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.
Índice de mapas e planos
Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 68-I Camariñas /// Datum ETRS89: H 29 // X 484.961,31 m / Y 4.775.057,93 m
Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] https://fototeca.cnig.es/ [20/08/2024].
Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] https://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [20/08/2024].
Instituto Geográfico Nacional (s/d). «Mapa Topográfico Nacional 1:25.000», en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [18/01/2021].
Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC) [en línea] https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [20/08/2024].
Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] https://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [20/08/2024].
Palabras chave
Galicia, historia, industria, tecido, encaixe, palilleiras, Camariñas.
























