002 As Aceas da Illa

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Illa de Arousa
  • Parroquia: San Xulián da Illa de Arousa
  • Lugar: As Aceñas
  • Paraxe: Enseada da Brava
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.53823592143376
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.875150680541992
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: Fuso 29 // X 510.250,83 m / Y 4.709.541,23 m
  • Clasificación: Muíño de marea
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría
  • Tipoloxía: Muíño de caldeira (catro moas)
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda da ría de Arousa.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: Após chegar ata a beiramar pola estrada PO-307, cruzamos a ponte que da acceso á Illa de Arousa. Xa na illa, na segunda glorieta apartamos pola terceira saída para enfiar a carreteira EP-9802 ao final da que se atopa o muíño de marea coñecido como As Aceñas.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

O aproveitamento da enerxía dos cursos de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos: elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras).

En moito tempo a enerxía hidráulica, asociada aos recursos hídricos (fluviais e mariños) foi a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos, necesitadas de enerxía para o accionado das súas primitivas ferramentas, asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, batáns, forxas, teares, serras, muíños papeleiros…

Nas ensinanzas e experiencias de Arquímedes (287-212 a.C.) aparece a noción clara de que a auga pode mover unha roda que sirva para elevar auga, pero a máis antiga referencia escrita da roda hidráulica atopámola nos tratados de Filo de Bizancio (ca. 280-220 a.C.) que menciona a roda movida pola corrente fluvial empregada en Perakhora (Corintia, Grecia) para elevar auga, a nora, chamada tímpano (tambor) por gregos e romanos.

Tamén do Mediterráneo oriental (polo ano 240 a.C., en Alexandría, Exipto), procede a primeira evidencia da aplicación da enerxía hidráulica ao proceso da moenda de cereal. Primeiro os gregos e despois os romanos chamaron hydraleta a unha máquina hidráulica de roda vertical, que empregaba unha engrenaxe en ángulo recto para accionar o muíño rotatorio, combinando con enxeño as tres innovacións técnicas xa existentes: a roda hidráulica vertical, a engrenaxe dentada de dous eixes en ángulo recto e o muíño rotatorio.

Estrabón describiu na súa Xeografía un muíño de cereal que houbera contra o ano 71 a.C. próximo ó palacio do rei Mithrídates VI Eupator, en Cabira (Ponto, Asia Menor, Turquía). No tratado de Vitruvio atópase a exacta descrición dunha roda hidráulica vertical accionada pola parte inferior, datada cara o 25 a.C., que por medio dun mecanismo de engrenaxe facía virar unha pedra horizontal posta enriba doutra pedra fixa para moer o cereal entrámbalas dúas.

Algúns estudosos pensan que o muíño de roda horizontal puido xurdir na primeira metade do século III a.C. en Bizancio (hoxe Istambul, na Turquía) pero as evidencias arqueolóxicas máis antigas (CrocodilionRiver, Cesarea, Kibbutz Ma’agan Michael, Palestina) non chegan garantir a súa existencia máis aló de finais do século IV d.C. A roda horizontal posibelmente xurdiría coa evolución, simplificación e perfeccionamento derivado da observación dunha roda vertical deitada, que permitiría ademais prescindir do fastío da engrenaxe para accionar a moa.

Salientable foi o achado cara ao 1979 dunhas turbinas de hélice, datadas a finais do século III ou comezos do IV, que foron escavadas nos asentamentos romanos de Simitthu (Chemtou, Jendouba, Túnez) e Tichilla (Testour, Medjez-el-Bab, Túnez). En ámbolos dous casos trátase de rodas hidráulicas horizontais situadas no fondo dun pozo cilíndrico cheo de auga. O pozo é alimentado de maneira tanxencial por unha estreita abertura vertical na que remata a canle que vai estreitecendo dende o seu comezo. Tal disposición fai rotar dentro do cilindro a columna de auga que se forma sobre a roda, e que desauga polo fondo facéndoa virar co seu peso sumado ao impulso. É dicir, ven sendo o antepasado do muíño de dorna (tamén chamado de caldeira; molino de regolfo, en castelán) que ata entón se cría unha invención totalmente española da metade do século XVI, e que, seguindo as propostas de Bernard Forest de Bélidor na súa Architecture hydraulique (1737), daría orixe contra 1827 á turbina francesa Fourneyron e, xa en 1849, á estadounidense Francis.

Nalgún momento do devir da historia, alguén observou como co fluxo e o refluxo do mar a auga subía e baixaba polo leito dun río ou regato, asolagando parte das ribeiras. Necesitado de moenda e carente dun recurso fluvial que acaese ao seu propósito, fose polo chairo do río ou polo cativo do regato, matinou a maneira de reter nun encalco a auga que o mar metía en terra, para despois deixala escapar movendo unha roda hidráulica: sería o primeiro muíño de mar ou, máis propiamente, de marea.

As mareas son variacións cíclicas no nivel dos mares e océanos, e levan asociado o desprazamento das masas de auga. O aproveitamento das variacións do nivel do mar ten lugar nos chamados muíños de mareas, que utilizan o fluxo e o refluxo da auga mariña para accionar a roda hidráulica. A marea ascendente enche primeiro o espazo configurado por unha tosta que configura na ribeira un estanque. A presa constrúese aproveitando algún entrante do litoral nos lugares máis favorables da costa, afastada dos efectos das vagas pero o bastante próxima ao mar para dispor dun razoable desnivel da auga entre a baixamar e a preamar. O posterior baleirado durante a baixamar do encoro así formado orixina unha forte corrente de auga que fai virar a roda do muíño, roda que pode ser horizontal (muíño tipo grego) ou vertical (muíño tipo romano), cun funcionamento polo demais en todo similar ao dos muíños que aproveitan as augas dos ríos.

Malia que a utilización da enerxía da auga polos romanos desenvolveuse en épocas tan temperás como o século III a.C., parece moi improbable que a enerxía das mareas fose aproveitada antes da expansión do imperio ata a costa atlántica, no século I d.C., co consecuente descubrimento do fenómeno das mareas. Os grandes coñecementos técnicos de todo tipo atesourados polos exércitos de Roma, xunto coa súa organización militar e a súa administración colonial, asegurarían a difusión da técnica hidráulica (incluído o aproveitamento enerxético das mareas) polos territorios baixo control romano.

É posible que o muíño de mareas máis antigo que se identificou ata a data fose o construído en Londres ás beiras do Támesis en plena ocupación romana, entre os anos 100 e 120. No entanto, as primeiras estruturas deste tipo que se coñecen hoxe en día con certeza son as escavadas en Irlanda e remóntanse aos séculos VI (muíño de roda vertical en Killoteran, Waterford), VII (ca. 630, muíño de roda horizontal en Little Island, Cork) e VIII (Strangford Lough, County Down, Irlanda do Norte). No caso deste último, o muíño de mareas do Mosteiro de Saint Mochaoi de Nendrum, na illa Mahee, a datación dendrocronolóxica apunta ao ano 787; as súas moas teñen 830 mm de diámetro e calculouse que a roda horizontal desenvolvía uns 650 W á máxima potencia e uns 370 W co nivel máis baixo de encoro.

En calquera caso, entre os séculos III e XII multiplícanse as referencias á difusión dos muíños hidráulicos por case todas as rexións europeas, e de finais da Alta Idade Media (séculos XI e XII) son as primeiras mencións históricas dos muíños de marea construídos no sur de Inglaterra (ca. 1067 no porto de Dover, Kent) e no Norte de Francia (ca. 1186 en Arzon, Morbihan). Na compilación emprendida por Guillermo I de Inglaterra “O Conquistador” e coñecida como Domesday Book (1086), fálase dos 5.624 muíños, de río e de mar, entón existentes en Inglaterra e parte de Gales.

Os muíños de marea expandíronse rapidamente no ámbito europeo, particularmente en Escocia, Gales, Inglaterra, Países Baixos, Bélxica, Francia (sobre todo en Bretaña), España (de Irún a Cádiz) e Portugal. Sinalouse tamén a súa presenza en Alemaña (Hamburgo), Rusia e Italia e o seu número total na Europa achegaríase ao milleiro. Por outra banda, e xa no século XIX, chegou a haber na costa atlántica de Canadá e os Estados Unidos máis de trescentos muíños de marea en funcionamento, con cento cincuenta deles concentrados nas costas de Maine e Massachusetts.

A localización dos muíños de mar viña determinada por diferentes factores: a configuración das costas, a preferencia polos estuarios, a amplitude das mareas e o desenvolvemento demográfico e portuario de certas rexións. Algúns estuarios contaron cunha elevada concentración de muíños de marea, como foi o caso do río Texo nas proximidades de Lisboa, onde se documentou a existencia de máis de corenta instalacións, proba da súa importancia para a economía da rexión.

Ademais da referencia documental e fáctica dos innumerábeis muíños de río, na Península Ibérica hai evidencia documentada e física de muíños de marea en Castro Marim (Algarve, 1290), Alcántara (Ribatejo, 1313), Aldeia Galega (Baixo Alentejo, 1386), Corroios (Baixo Alentejo, 1403) e Aveiro (Beira Litoral, 1449), e outros moitos posteriores no litoral de Portugal. Dende o século XV documéntanse en Gibraleón e Moguer (Huelva) e algo máis tarde nos caños da baía de Cádiz, onde chegou haber dezanove deles. De datas máis recentes son os muíños de marea da cornixa cantábrica (Bizkaia, 1528; Cantabria, 1550; Asturias, 1600), contabilizándose ata trinta e tres nas costas vascas.

Nas costas cantábrica e atlántica de Galicia son catorce os muíños de marea identificados: Acea da Ama (Culleredo, 1550, vid. ficha 006), Aceas do Burgo (Culleredo, 1580, vid. ficha 389), Muíño do Rei (Neda, 1609, vid. ficha 233), Muíño da Seca (Cambados, 1622, vid. ficha 001), Muíño das Torres (Vimianzo, 1647, vid. ficha 005), Aceas da Illa (Illa de Arousa, 1681, vid. ficha 002), Aceñas da Ponte Gaiteira (A Coruña, 1751, vid. ficha 248), Aceas do Ponto (Narón, 1785, vid. ficha 099), Aceas dos Verxeles (Viveiro, 1795, vid. ficha 009), Muíño das Mareas (Muros, 1815, vid. ficha 004), Aceas de Ove (Ribadeo, 1868, vid. ficha 307), Muíño do Cura (Catoira, 1870, vid. ficha 003), Muíño de Riocastro (Cabanas, 1890, vid. ficha 319), Muíño do Mar (Ortigueira, 1905, vid. ficha 008).

Descrición Xeral do Entorno:

Emprazado na parte suroeste da Illa de Arousa, concretamente na Enseada da Brava, entre a Punta Quilme e a Punta Revello, un área moi pouco poboada no pasado. O conxunto forma parte do Parque Natural de O Carreirón, que ocupa toda a parte sur da illa.

Construcción:

Entre 1609 e 1681.

Abandono:

Mediado o decenio de 1980.

Descrición:

Emprazado na enseada da Brava da illa de Arousa, entre Punta Quilma e Punta Revello, o muíño de mareas coñecido como As Aceñas figura citado nos foros de 1681 vinculado aos topónimos Camiño das Aceñas, Lagoa das Aceñas e Mar das Aceñas. Xa que estes muíños non aparecen mencionados nos foros do 1609, cabe pensar que foran construídos entre ámbalas dúas datas.

Ata o século XIX non hai máis referencias aos muíños: a primeira aparece nunha nota no dicionario de Sebastián Miñano (1826-1829) feita por Domingo Fontán, na que fala dos «molinos harineros en favor de la marea». Aparece tamén no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 7 de outubro de 1842 «un establecimiento de molinos de marea». Aínda que un tanto confusa, outra referencia atópase no dicionario de Pascual Madoz (1845-1850).

Pertence á parroquia de San Xulián da Illa de Arousa, no termo municipal de A Illa de Arousa (Pontevedra). En 1821, na relación de concellos de nova planta aparece o Concello Constitucional da Illa de Arousa, que desaparecería en 1823 co restablecemento do absolutismo por Fernando VII, volvendo depender ata 1836 do compostelán Mosteiro de San Martiño Pinario. Co proceso de desamortización de Mendizábal, en 1836 as posesións e privilexios que viñan ostentando os beneditinos na Illa de Arousa pasarían ao Estado, e deste a mans particulares. Na organización administrativa levada a cabo en 1931, a illa pasaría a formar parte do termo municipal de Vilanova de Arousa, ao que pertencería durante medio século, excepto unha decena de anos (1935-1945) en que formou parte do termo municipal de Vilagarcía de Arousa, independizándose de Vilanova o ano 1997.

A finca As Aceñas foi mercada en 1952 a Gumersinda Mariño Sieira por Vicente Otero Iglesias, quen a vendería ao que foi último propietario, José Paz Mariño, que moería nel ata o decenio de 1980, aínda que unicamente para a súa casa e só nun dos dous últimos muíños operativos dos catro que chegou a haber. O derradeiro muiñeiro estimou un rendemento duns cen quilogramos á hora traballando cun só muíño.

O conxunto das Aceas da Illa está formado polo edificio dos muíños cos muros de presa, a vivenda dos propietarios (de construción recente), un hórreo ou piorno e outra construción adxectiva. Existiu tamén un muíño de vento do que hoxe non quedan restos, xa que se aproveitaron as pedras na construción da vivenda (vid. ficha 048).

A presa ou estanque está dividida en tres zonas comunicadas entre si. A fábrica dos muros é de grandes perpiaños e cachotería, con anchuras de un a dous metros. O primeiro tramo, no que estiveron os catro muíños, ten 40 metros de lonxitude; o segundo avanza en dirección sueste 45 metros, rematando nun saínte rochoso do que arranca o terceiro, con 28 metros. En total configuran unha lámina de auga dun máximo de 10.570 metros cadrados (no ano 1956), cun fondo de medio metro a dous metros e unha capacidade da orde dos 15.000 metros cúbicos. Moíase durante as secas (baixamar) en dúas moendas diarias, separadas unhas seis horas; cada moenda duraba unha media dunhas tres horas. A potencia eficaz máxima do conxunto dos dous muíños empregados nos últimos tempos utilizados con mareas vivas podía achegarse aos 20 quilovatios.

O edificio de muíño, de 14’1 metros de lonxitude, 8’65 de ancho e 9’3 de alto total, foi realizado con perpiaños de granito e cachotes, sen encintado ningún. Ten dúas portas de acceso situadas unha fronte a outra e moi poucas fiestras. Orixinariamente tiña dúas plantas e un faiado que se perdeu. Na planta baixa, dividida en dúas partes, atópanse os elementos que poñen en funcionamento os dous muíños: nunha hai dúas entradas de auga dende a presa que van estreitándose ata dar en cadansúa caldeira, de tres metros de altura sobre o fondo mariño, na que asenta cadansúa roda motriz. Na outra parte houbera outros dous muíños, que tiñan unha entrada única de auga; foron despois cegados e deles só quedan as antigas estruturas. É interesante que destes últimos dous, un deles foi pensado para funcionar coa entrada da auga no estanque (único caso coñecido en Galicia) e o outro coa saída, pero non funcionaron ben e abandonáronse. Na primeira planta, dividida en dous espazos, están instalados os elementos de trituración.

O piso é de madeira e de pedra no lugar onde están as moas. No primeiro espazo había dous muíños asentados sobre plataformas; na outra sala houbo outros dous dos que non quedan restos. A segunda planta correspóndese co faiado que albergou a vivenda dos muiñeiros noutro tempo, na actualidade non existe piso. O edificio do muíño pola parte do mar vai protexido das ondadas por un recheo de grandes pedras.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo do abalo e devalo das mareas e do caudal que levara o pequeno rego que desemboca no estanque formado na enseada.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada aos recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou convertedor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga cae nuns cubos situados na periferia da roda ou actúa sobre unhas paletas tamén periféricas e co seu peso e o impulso do seu movemento fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar o eixo da roda; dito doutro xeito, a enerxía potencial e cinética da auga transformouse na enerxía de rotación que ten agora o eixe.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ao non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de convertedor hidráulico mecánico foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (elevación de auga, moenda, olería, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, barquíns, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ao asociarse o movemento xiratorio a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ao longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas, ceñas ou bruias) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ao 60%.

Un deseño hidráulico de particular aplicación nos muíños de marea é o designado en galego como muíño de dorna ou muíño de caldeira (correspondente ao nome en castelán de molino de regolfo). O rodicio neste tipo de muíño traballa colocado horizontalmente no fondo dunha cámara cilíndrica vertical (o cubeto ou caldeira) totalmente de pedra, de altura variable e de arredor dun metro de diámetro, totalmente integrada na parte baixa da construción, que mesmo pode carecer de inferno. A auga chega á caldeira por unha canle practicamente horizontal, cuxas paredes van estreitándose até remataren nunha regaña duns dez ou quince centímetros de ancho, pola que se verte de modo tanxencial na periferia.

O caudal retido no estanque do muíño (o chamado regolfo en castelán) vai entrando lateralmente na caldeira e o xiro da auga dentro dela, máis o peso da columna de auga que se forma, fan virar o rodicio ao iren atravesándoo e a auga vai saíndo por debaixo del pola grecha, unha abertura practicada a tal fin na base da caldeira. Como nos demais muíños de rodicio, este xira solidario cun eixo vertical que arrastra a moa xiratoria (a capa ou voadora) e a fai rotar sobre a moa fixa (o pé) do muíño.

Este tipo de muíño coñece tamén eficaces aplicacións naqueles muíños de río nos que é moi escaso o caudal da auga circulante, pois o pequeno impulso do xiro súmase co peso da columna de auga formada sobre o rodicio e que o vai atravesando, facéndoo virar con máis aproveitamento. Cando a configuración do muíño do río mestura o deseño dos de canle (forte pendente) co dos de dorna (rodicio en caldeira), recebe o nome de muíño de talla (tinaja en castelán), estando esta construída en dúas pezas semicilíndricas non integradas na construción, que xacen dentro do inferno sen tocar as paredes da edificación.

Quedou xa descrito que o muíño coñecido como As Aceñas, na Illa de Arousa, tivera ata catro rodas motrices e mesmo semella que a edificación fora construída en dúas etapas. A metade da construción que mira ao leste podería ser a máis antiga e contaba na parte inferior con dúas rodas motrices: unha delas funcionaría coa entrada da auga no estanque no abalo da marea, único caso coñecido en Galicia; a outra, configurada como muíño de caldeira, traballaría co baleirado do estanque no devalo da marea. O muíño que debería andar coa subida da marea nunca chegou a traballar e abandonouse, dedicándose o outro a trigo.

A outra metade da construción ten dúas entradas de auga dende a presa, que van dar na parte inferior ás outras dúas rodas motrices, instaladas na parte máis baixa de cadanseu cubeto cilíndrico coa configuración dos muíños de caldeira. A disposición das canles e cubetos é simétrica e desaugan nun amplo espazo rectangular que baixo un arco ten unha ampla saída ao mar.

Na planta superior, dividida en dous espazos, están instalados os elementos de trituración e as pancas de goberno do tempero das moas e de axuste das comportas verticais para a regulación do paso da auga polos rodicios. O piso é de madeira, con plataformas de pedra no asento das moas. O faiado, co piso xa non existente, albergou noutro tempo a vivenda dos muiñeiros.

Actividades laborais:

Un só muiñeiro bastábase para sacar adiante o traballo, aínda que as veces contaran con axudantes.

Emprego:

Unha persoa.

Materias Primas:

Auga en movemento e máis cereais a moer: trigo e millo (maínzo).

Produtos Elaborados:

Fariñas de trigo, de millo (maínzo), e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, Begoña (1991). Muiños de marés e de vento en Galicia. Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Caro Baroja, Julio (1995). Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). Madrid: Tabapres. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Fernández Lavandera, Efrén; Fernández Rodríguez, Carmelo Millán (1998). Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. DL GR-276-1998. ISBN 84-89908-29-X.

García-Diego Ortiz, José Antonio; García Tapia, Nicolás (1987). Vida y técnica en el Renacimiento. Manuscrito de Francisco Lobato, vecino de Medina del Campo. Valladolid: Universidad de Valladolid. DL VA-296-1990. ISBN 84-7762-104-7.

González Tascón, Ignacio (1987). Fábricas hidráulicas españolas. 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU), Madrid: Turner Libros. DL M-40836-1992. ISBN 84-7790-147-3.

González Tascón, Ignacio (2008). “La difusión medieval del molino hidráulico”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.): Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 99-117. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). ISBN 978-84-7790-470-0.

Lara Coira, Manuel (1990). Las energías renovables y Galicia. Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-1531-1990. ISBN 84-404-8124-1. Existe unha edición de 1991 en galego, titulada As enerxías renovables e Galicia. Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-544-1991. ISBN 84-604-0101-4.

Lara Coira, Manuel (2019). “Os muíños do mar en Galicia”, en Nova Ardentía, Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, núm. 11, maio 2019, p. 78-87. Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. DL PO-295-2004. ISSN 1699-3128.

Lara Coira, Manuel (2020). “Os muíños do mar en Galicia (II). Séculos XVI e XVII”, en Nova Ardentía, Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, núm. 11, xuño 2020, p. 48-56. Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. DL PO-295-2004. ISSN 1699-3128.

Lara Coira, Manuel (2021). “Os muíños do mar en Galicia (e III). Séculos XVIII a XX”, en Nova Ardentía, Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, núm. 13, xuño 2021, p. 51-58. Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. DL PO-295-2004. ISSN 1699-3128.

López García, Rafael (2006). Molinos hidráulicos. Apuntes de historia y tecnología. Alcalá la Real (Jaén): Alcalá Grupo Editorial. DL J-656-2006. ISBN 978-84-85539-86-4.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.): Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 671-681. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, Adam R. (2006). Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology. Technology and Change in History. Leiden (The Nederlands): Brill. ISBN 987-90-04-14649-5.

Pseudo-Juanelo Turriano (1983). Los veintiún libros de los ingenios y de las máquinas. Prólogo de José Antonio García-Diego Ortiz. Colección Ciencias, Humanidades e Ingeniería. Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada (1750-1754). 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Reyes Mesa, José Miguel (2001). Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica. Fundación Juanelo Turriano. Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña]. Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 151-IV Santa Uxía de Ribeira /// Datum ETRS89: H 29 // X 510.250,83 m / Y 4.709.541,23 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [17/04/2024].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 19/08/2023].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 6 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964). De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.13 [en línea] https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [17/04/2024].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas V 4.14 [en liña] https://sixpac.xunta.es/visorhtml5/ [17/04/2024].

Data de Actualización:

2009 / 18-04-2024