024 Muíño do Vento de Santabaia

Galería de Fotos

Ver
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Catoira
  • Parroquia: Santa Baia de Oeste
  • Lugar: Santabaia
  • Paraxe: Monte Cabreiro
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.68774087195968
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.719796146532905
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 522.972,32 m / Y 4.726.175,15 m
  • Clasificación: Muíño de vento
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría
  • Tipoloxía: Muíño fixo de torre con cuberta xiratoria.
  • Comarca: Caldas
  • Marco Xeográfico: Monte Cabreiro, no límite con termo municipal de Valga, na marxe esquerda do tramo final de río Ulla, nunha zona ben exposta aos
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Catoira colleremos a estrada EP-8702 cara a Santabaia. Antes de chegar apartaremos pola esquerda por unha carreteira que, cruzando sobre a traza do ferrocarril, vai cara a ribeira do río Ulla e as telleiras do Vilar. Na man dereita da carreteira, fronte a aldea da Vacariza (que está do outro lado do río) atoparemos un camiño que sube ao monte Cabreiro, onde identifícanse os restos do muíño de vento.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O aproveitamento da enerxía contida no vento mediante a súa conversión en enerxía mecánica foi levado a cabo pola humanidade desde a máis remota antigüidade. Se exceptúase a enerxía de orixe animal, cabe dicir que, xunto coa enerxía obtida dos cursos de auga, a enerxía do vento foi o recurso enerxético natural máis antigo na historia das civilizacións.

Ademais da navegación a vela (aparece xa nun gravado exipcio do Alto Imperio, uns 4.500 anos a.C.), cara ao ano 1700 a.C., Hammurabi, rei de Babilonia, chegou a proxectar o regadío da rica meseta de Mesopotamia con auxilio da enerxía eólica. Estes primitivos muíños de vento debían de ser de eixo vertical, sen dúbida análogos a aqueles cuxas ruínas aínda subsisten na meseta iraniana. En calquera caso, Persia, Iraq, Exipto e China considéranse o berce do aproveitamento da enerxía do vento.

Un estudo sobre pneumática de Herón de Alexandría no século III a.C., describe por primeira vez unha máquina eólica de eixo horizontal de catro pas en forma de cruz que accionaba unha bomba de aire para alimentar as frautas dun primitivo órgano.

En calquera caso, até o século IX non é posible atopar un documento histórico irrefutable no que se faga mención ao uso dos muíños de vento como práctica xeneralizada. Este documento é o Libro de Enxeños Mecánicos, dos irmáns Banu Musa, datado no ano 850.

A difusión do muíño de vento como máquina capaz de producir enerxía mecánica segue dúas canles ben diferentes: o primeiro, coa civilización islámica, ocupa todo o Mediterráneo e chega até a metade sur da Península Ibérica; o segundo parte do triángulo formado por Bretaña, Inglaterra e os Países Baixos.

Os muíños de vento aparecen na Idade Media (séculos XII e XIII) en Italia, Francia, España e Portugal. Algo máis tarde localízanse en Alemaña, Países Baixos e Inglaterra. Atópanse documentados muíños de vento en Lisboa (1182), Alcobaça (1262), e Évora (1303), e desde o ano 1350 utilizábanse muíños de vento con catro aletas dispostas en cruz para a desecación dos polders holandeses. Tamén utilizábanse xa nestas datas para extraer o aceite de noces e grans, serrar madeira, transformar trapos vellos en papel, preparar colorantes en po e elaborar pólvoras.

Pode entón dicirse que, aínda que o aproveitamento da enerxía eólica data das épocas máis remotas da humanidade, é a partir dos séculos XII e XIII cando empeza a xeneralizarse o uso dos muíños de vento para a elevación de auga e a moenda de gran, baseados en deseños moi rudimentarios que, con diversas melloras, especialmente nos sistemas de regulación e orientación, manteranse até ben entrado o século XIX.

O desenvolvemento dos muíños de vento interrómpese coa revolución industrial e a utilización masiva do vapor, a electricidade e os combustibles fósiles como fontes de enerxía motriz. Os muíños eléctricos pronto viñeron substituír aos muíños fariñeiros accionados pola forza do vento, do mesmo xeito que a aqueles outros que eran accionados pola auga dos ríos ou do mar.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño de Santabaia situárase nun outeiro da marxe esquerda do río Ulla, a cincuenta e sete metros de altitude e ben exposto aos ventos dominantes da ría de Arousa.

Construcción:

Posiblemente no decenio de 1890.

Abandono:

Contra 1930.

Descrición:

Trátase de un muíño fixo de torre con cuberta xiratoria, ergueito sobre unha pequena plataforma térrea que levanta ata dous metros polo oeste e está polo este ao nivel do terreo. A torre é cilíndrica, con fábrica de cachotes e pequenas rachas, con perpiaños nos vans. Os muros teñen un diámetro interior de 4’30 m na planta baixa e 4’65 m na alta, e espesores respectivos dos muros de 0’90 m e 0’75 m, o que fai un diámetro exterior de aproximadamente 6’10 m.

Os muros da torre van coroados cunhas pezas de cantería cun rebaixe de dezasete centímetros de anchura a guisa de canal polo que se moverían as rodas da cuberta. A altura da torre alcanza os 6’75 m, e a planta superior (actualmente desaparecida) estaría a uns 4’40 m sobre o chan. A cuberta e os elementos mecánicos teñen desaparecido. A planta superior acollería as moas mentres que na baixa estarían os engrenaxes e os mecanismos de regulación da finura da moenda. As pedras para moenda serían unha de pedra de gra (pé e capa) para o trigo e a outra de pedra albar (tamén no pé e capa) para o maínzo.

Un pau longo suxeito á cuberta polo exterior (o “rabo” do muíño) faría de temón e permitiría ao muiñeiro xirar a cuberta para orientar as velas ó vento, asegurándose despois mediante o amarre do “rabo” ás estacas espetadas no chan arredor do muíño. Unha estrutura formada por oito paus en cruz perpendiculares ó eixe do muíño conformaría as aspas e serviría para termar de catro velas feitas de lona. As dúas portas que tiña o muíño ábrense ao este e o oeste, e sobre a do leste ten unha grande fiestra.

Tempo de uso:

Todo o ano, ¡sempre que houbera vento bastante!

Sistema de produción:

A distribución non uniforme da enerxía absorbida pola atmosfera, e a consecuente formación de gradientes térmicos, é a causa primaria do movemento das masas de aire e por tanto, orixe da enerxía eólica, ou enerxía do vento.

A radiación solar, absorbida irregularmente pola atmosfera, dá lugar a masas de aire con diferentes temperaturas e polo tanto, diferentes densidades e presións. Estas masas de aire, ao desprazarse desde as altas presións cara ás baixas presións, dan lugar ao fenómeno meteorolóxico coñecido como vento.

Por conseguinte, podería entenderse como aproveitamento dos recursos eólicos calquera forma de aproveitamento da enerxía do vento, dos que existen non poucos exemplos: dende a navegación a vela á dispersión de contaminantes atmosféricos. Con todo, é costume agrupar baixo tal designación a conversión da enerxía do vento en enerxía mecánica, e emprégase este termo cada vez con máis frecuencia para referirse á conversión da enerxía do vento en enerxía eléctrica.

Ao actuar sobre as pas do muíño de vento, as masas de aire en movemento ceden ao mecanismo parte da súa enerxía cinética e obrígano a virar ao redor do seu eixo, proporcionando así unha enerxía mecánica de rotación que pode despois aplicarse a distintos fins, como facer virar un muíño, accionar unha bomba, mover unha serra, ou mesmo arrastrar unha dínamo ou un alternador para producir enerxía eléctrica.

Nos muíños de vento construídos en Galicia para moenda de cereais, as aspas están dispostas sobre un eixo horizontal, polo que hai que transferir o xiro mediante unhas engrenaxes (coroa e lanterna) a un eixo vertical, que é o que acciona a capa ou moa xiratoria do muíño. Ademais, normalmente o conxunto das aspas pode virarse á vontade do muiñeiro para orientalas e enfrontalas ao vento da mellor maneira para o aproveitamento enerxético.

Nalgún caso, como ocorre cos existentes en Catoira, os muíños foron construídos co eixo na dirección dos ventos dominantes no seu emprazamento e sen posibilidade de orientación, dotándoos por iso de pas en ámbolos dous extremos para aproveitar os ventos principais e os seus opostos, que son os que alí sopran habitualmente.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trigo e millo (maínzo).

Produtos Elaborados:

Fariñas de trigo e de millo (maínzo).

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, Begoña (1991): Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Cádiz Deleito, Juan Carlos (1992): Molinos de viento. Historia de las máquinas eólicas, ilustraciones de Juan Ramos Cabrero, Empresa Nacional de Electricidad S.A. (ENDESA), Madrid: Tabapress. DL M-39267-2011. ISBN 84-7952-096-5.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Caro Baroja, Julio (1952): "Disertación sobre los molinos de viento”, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, VIII, Madrid, p. 212-366. ISSN 0034-7981.

Caro Baroja, Julio (1983): Tecnología popular española. Colección ‘Artes del Tiempo y del Espacio’, 6. Madrid: Editora Nacional. ISBN 84-27605-88-9.

Caro Baroja, Julio (1995): Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Lara Coira, Manuel (1990): Las energías renovables y Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-1531-1990. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-544-1991. ISBN 84-604-0101-4.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 671-681. Buenos Aires: Editorial Nós.

Reyes Mesa, Juan Manuel (2001): Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Fundación Juanelo Turriano, Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 120-III Catoira // Datum ETRS89: H 29 // X 522.972,32 m / Y 4.726.175,15 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 27 marzo 2020].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

2009 / 20 xuño 2021