027 Muíño do Campo da Torre

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ortigueira
  • Parroquia: Santa Marta de Ortigueira
  • Lugar: Ortigueira
  • Paraxe: Campo da Torre
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.684903764748654
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.856447579498291
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 592.167,83 m / Y 4.837.512,66 m
  • Clasificación: Muíño de vento
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño fixo de torre con cuberta xiratoria.
  • Comarca: Ortegal.
  • Marco Xeográfico: Ubicado na finca onde estivo situado o castelo do Condado de Ortigueira, e parece ser que realizado coas pedras da torre da home
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe periurbano)
  • Acceso: Dende Ferrol colleremos a estrada AC-862 (antiga C-642) que leva ata Ribadeo. Ao chegarmos a Ortigueira dirixímonos á casa do concello e continuamos a pé para subir ata o Campo da Torre, onde atopamos o muíño de vento.

Tipo de propiedade:

Pública (Concello de Ortigueira)

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Pódese contactar co Concello de Ortigueira.

Historia:

O aproveitamento da enerxía contida no vento mediante a súa conversión en enerxía mecánica foi levado a cabo pola humanidade desde a máis remota antigüidade. Se exceptúase a enerxía de orixe animal, cabe dicir que, xunto coa enerxía obtida dos cursos de auga, a enerxía do vento foi o recurso enerxético natural máis antigo na historia das civilizacións.

Ademais da navegación a vela (aparece xa nun gravado exipcio do Alto Imperio, uns 4.500 anos a.C.), cara ao ano 1700 a.C., Hammurabi, rei de Babilonia, chegou a proxectar o regadío da rica meseta de Mesopotamia con auxilio da enerxía eólica. Estes primitivos muíños de vento debían de ser de eixo vertical, sen dúbida análogos a aqueles cuxas ruínas aínda subsisten na meseta iraniana. En calquera caso, Persia, Iraq, Exipto e China considéranse o berce do aproveitamento da enerxía do vento.

Un estudo sobre pneumática de Herón de Alexandría no século III a.C., describe por primeira vez unha máquina eólica de eixo horizontal de catro pas en forma de cruz que accionaba unha bomba de aire para alimentar as frautas dun primitivo órgano.

En calquera caso, até o século IX non é posible atopar un documento histórico irrefutable no que se faga mención ao uso dos muíños de vento como práctica xeneralizada. Este documento é o Libro de Enxeños Mecánicos, dos irmáns Banu Musa, datado no ano 850.

A difusión do muíño de vento como máquina capaz de producir enerxía mecánica segue dúas canles ben diferentes: o primeiro, coa civilización islámica, ocupa todo o Mediterráneo e chega até a metade sur da Península Ibérica; o segundo parte do triángulo formado por Bretaña, Inglaterra e os Países Baixos.
Os muíños de vento aparecen na Idade Media (séculos XII e XIII) en Italia, Francia, España e Portugal. Algo máis tarde localízanse en Alemaña, Países Baixos e Inglaterra. Atópanse documentados muíños de vento en Lisboa (1182), Alcobaça (1262), e Évora (1303), e desde o ano 1350 utilizábanse muíños de vento con catro aletas dispostas en cruz para a desecación dos polders holandeses. Tamén utilizábanse xa nestas datas para extraer o aceite de noces e grans, serrar madeira, transformar trapos vellos en papel, preparar colorantes en po e elaborar pólvoras.

Pode entón dicirse que, aínda que o aproveitamento da enerxía eólica data das épocas máis remotas da humanidade, é a partir dos séculos XII e XIII cando empeza a xeneralizarse o uso dos muíños de vento para a elevación de auga e a moenda de gran, baseados en deseños moi rudimentarios que, con diversas melloras, especialmente nos sistemas de regulación e orientación, manteranse até ben entrado o século XIX.

O desenvolvemento dos muíños de vento interrómpese coa revolución industrial e a utilización masiva do vapor, a electricidade e os combustibles fósiles como fontes de enerxía motriz. Os muíños eléctricos pronto viñeron substituír aos muíños fariñeiros accionados pola forza do vento, do mesmo xeito que a aqueles outros que eran accionados pola auga dos ríos ou do mar.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño do Campo da Torre situárase nun outeiro ubicado na península que acolle a vila de Ortigueira, na ría do mesmo nome e na finca onde estivo situado o castelo do Condado de Ortigueira. O outeiro no que se ergue, sobre o barrio do Ponto, a sesenta e cinco metros de altitude e ben exposto aos ventos dominantes, domina a vila de Santa Marta de Ortigueira e ofrece espléndidas vistas sobre a ría.

Construcción:

No decenio de 1880.

Abandono:

Contra 1930.

Descrición:

O Muíño do Campo da Torre localízase na finca na que estivera situado o Castelo do Condado de Ortigueira, nun outeiro dende o que se domina –ó sueste– a vila de Santa Marta, capital do concello de Ortigueira. Disque José García Gómez, natural de Redondela (Pontevedra) construíu na década de 1880 "un antiestético molino de viento". Probablemente o muíño fora levantado aproveitando as pedras da torre da homenaxe do vello castelo, do que nesas datas só quedaba "algo dos seus muros exteriores y almenas".

Trátase de un muíño fixo de torre con cuberta xiratoria, ergueito sobre unha pequena plataforma térrea. A torre é cilíndrica, con fábrica de cachotes enripiados, enlucida e con perpiaños nos vans. Os muros teñen un diámetro interior de 4’75 metros e un espesor de 1’05 metros, o que fai un diámetro exterior de 6’85 metros.

A cuberta é cónica, de uns oito metros de diámetro, feita de madeira e cun remate ondulado no beiril; leva no cumio unha veleta sobre un pináculo apuntado. Os muros da torre van coroados cunhas pezas de cantería cun rebaixe á guisa de canaleta pola que se moven as rodiñas da cuberta. Un pau longo suxeito á cuberta polo exterior (o “rabo” do muíño) fai de temón e permite ó muiñeiro xirar a cuberta para orientar as velas ó vento, asegurándose despois mediante o amarre do “rabo” ás estacas espetadas no chan arredor do muíño. Unha estrutura formada por oito paus en cruz perpendiculares ó eixe do muíño conforma as aspas e sirve para termar das catro velas feitas de lona.

A porta do muíño ábrese ó sueste, mirando á vila, e conta con catro pequenas fiestras: unha enriba da porta, dúas que miran ó suroeste e unha máis cara ó norte. O interior está dividido en dúas plantas, cunha altura de 2’30 metros na metade sur e 1’60 metros na norte. A planta superior acolle ás moas mentres que na baixa están os engrenaxes e os mecanismos de regulación da finura da moenda.

O muíño conta con dúas pedras para moenda, unha de pedra de gra (pé e capa) para o trigo e a outra de pedra albar (tamén pé e capa) para o maínzo.

O muíño sufrira contra 1910 danos nas aspas e no eixo por mor dun vendaval, pero trala oportuna reparación seguiu traballando até a década de 1930, caendo despois no abandono.

O Concello de Ortigueira, a través da Fundación Ortegalia (a antiga Fundación Federico Maciñeira), adquiriuno na primavera do 2004 para a súa restauración, abríndose ó publico contra o verán do 2006 unha vez rematados os traballos de rehabilitación levados ó cabo pola empresa de Oleiros “Ollarte Tecnología y Conservación”, especializada na recuperación do patrimonio. Dende aquela, o muíño de vento ven empregándose con fins educativos, divulgativos e turísticos.

Tempo de uso:

Todo o ano, sempre que houbese vento bastante para facer a moenda!

Sistema de produción:

A distribución non uniforme da enerxía absorbida pola atmosfera, e a consecuente formación de gradientes térmicos, é a causa primaria do movemento das masas de aire e por tanto, orixe da enerxía eólica, ou enerxía do vento.

A radiación solar, absorbida irregularmente pola atmosfera, dá lugar a masas de aire con diferentes temperaturas e polo tanto, diferentes densidades e presións. Estas masas de aire, ao desprazarse desde as altas presións cara ás baixas presións, dan lugar ao fenómeno meteorolóxico coñecido como vento.

Por conseguinte, podería entenderse como aproveitamento dos recursos eólicos calquera forma de aproveitamento da enerxía do vento, dos que existen non poucos exemplos: dende a navegación a vela á dispersión de contaminantes atmosféricos. Con todo, é costume agrupar baixo tal designación a conversión da enerxía do vento en enerxía mecánica, e emprégase este termo cada vez con máis frecuencia para referirse á conversión da enerxía do vento en enerxía eléctrica.

Ao actuar sobre as pas do muíño de vento, as masas de aire en movemento ceden ao mecanismo parte da súa enerxía cinética e obrígano a virar ao redor do seu eixo, proporcionando así unha enerxía mecánica de rotación que pode despois aplicarse a distintos fins, como facer virar un muíño, accionar unha bomba, mover unha serra, ou mesmo arrastrar unha dínamo ou un alternador para producir enerxía eléctrica.

Nos muíños de vento construídos en Galicia para moenda de cereais, as aspas están dispostas sobre un eixo horizontal, polo que hai que transferir o xiro mediante unhas engrenaxes (coroa e lanterna) a un eixo vertical, que é o que acciona a capa ou moa xiratoria do muíño. Ademais, normalmente o conxunto das aspas pode virarse á vontade do muiñeiro para orientalas e enfrontalas ao vento da mellor maneira para o aproveitamento enerxético.

Nalgún caso, como ocorre cos existentes en Catoira, os muíños foron construídos co eixo na dirección dos ventos dominantes no seu emprazamento e sen posibilidade de orientación, dotándoos por iso de pas en ámbolos dous extremos para aproveitar os ventos principais e os seus opostos, que son os que alí sopran habitualmente.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trigo e millo (maínzo).

Produtos Elaborados:

Fariñas de trigo e de millo (maínzo).

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, Begoña (1991): Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Cádiz Deleito, Juan Carlos (1992): Molinos de viento. Historia de las máquinas eólicas, ilustraciones de Juan Ramos Cabrero, Empresa Nacional de Electricidad S.A. (ENDESA), Madrid: Tabapress. DL M-39267-2011. ISBN 84-7952-096-5.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Caro Baroja, Julio (1952): "Disertación sobre los molinos de viento”, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, VIII, Madrid, p. 212-366. ISSN 0034-7981.

Caro Baroja, Julio (1983): Tecnología popular española. Colección ‘Artes del Tiempo y del Espacio’, 6. Madrid: Editora Nacional. ISBN 84-27605-88-9.

Caro Baroja, Julio (1995): Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Lara Coira, Manuel (1990): Las energías renovables y Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-1531-1990. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-544-1991. ISBN 84-604-0101-4.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 671-681.

Reyes Mesa, Juan Manuel (2001): Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Fundación Juanelo Turriano, Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Xandlinathry (2012): “Muíño de vento do Campo da Torre”, Patrimonio Galego [en liña] Accesible na Internet http://patrimoniogalego.net/index.php/30401/2012/12/muino-de-vento-do-campo-da-torre/ [Acceso 24 xaneiro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 1-IV Ortigueira // Datum ETRS89: H 29 // X 592.167,83 m / Y 4.837.512,66 m

Centro Nacional de Información Geográfica: Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2018].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 22 diciembre 2019].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1961): De San Ciprián a Cabo Ortegal. Océano Atlántico Norte. Costa Norte de España. Carta 931, con levantamientos de 1917 y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1449-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 24 xaneiro 2020].

Data de Actualización:

2009 / 24 xaneiro 2020