052 Muíño do Casuco ou de Santa Catalina

Galería de Fotos

Ver
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Muros
  • Parroquia: Santiago de Tal
  • Lugar: Tal de Arriba
  • Paraxe: Santa Catalina
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.78435433578123
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -9.013885259628296
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 498.988,35 m / Y 4.737.078,21 m
  • Clasificación: Muíño de vento
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño de torre fixa e cuberta xiratoria.
  • Comarca: Muros
  • Marco Xeográfico: Punta de Santa Catalina, na marxe dereita da ría de Muros e Noia
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela colleremos a estrada AC-543 que leva á Noia, e dende aló continuaremos pola estrada C-550 cara a Muros. Uns dezasete quilómetros máis adiante chegaremos a Tal, e apartaremos na man esquerda polo chamado Camiño do Muíño. Setecentos metros máis adiante, fronte a illa de Santa Catalina, atoparemos a torre do que fora muíño de vento.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O aproveitamento da enerxía contida no vento mediante a súa conversión en enerxía mecánica foi levado a cabo pola humanidade desde a máis remota antigüidade. Se exceptúase a enerxía de orixe animal, cabe dicir que, xunto coa enerxía obtida dos cursos de auga, a enerxía do vento foi o recurso enerxético natural máis antigo na historia das civilizacións.

Ademais da navegación a vela (aparece xa nun gravado exipcio do Alto Imperio, uns 4.500 anos a.C.), cara ao ano 1700 a.C., Hammurabi, rei de Babilonia, chegou a proxectar o regadío da rica meseta de Mesopotamia con auxilio da enerxía eólica. Estes primitivos muíños de vento debían de ser de eixo vertical, sen dúbida análogos a aqueles cuxas ruínas aínda subsisten na meseta iraniana. En calquera caso, Persia, Iraq, Exipto e China considéranse o berce do aproveitamento da enerxía do vento.

Un estudo sobre pneumática de Herón de Alexandría no século III a.C., describe por primeira vez unha máquina eólica de eixo horizontal de catro pas en forma de cruz que accionaba unha bomba de aire para alimentar as frautas dun primitivo órgano.

En calquera caso, até o século IX non é posible atopar un documento histórico irrefutable no que se faga mención ao uso dos muíños de vento como práctica xeneralizada. Este documento é o Libro de Enxeños Mecánicos, dos irmáns Banu Musa, datado no ano 850.

A difusión do muíño de vento como máquina capaz de producir enerxía mecánica segue dúas canles ben diferentes: o primeiro, coa civilización islámica, ocupa todo o Mediterráneo e chega até a metade sur da Península Ibérica; o segundo parte do triángulo formado por Bretaña, Inglaterra e os Países Baixos.

Os muíños de vento aparecen na Idade Media (séculos XII e XIII) en Italia, Francia, España e Portugal. Algo máis tarde localízanse en Alemaña, Países Baixos e Inglaterra. Atópanse documentados muíños de vento en Lisboa (1182), Alcobaça (1262), e Évora (1303), e desde o ano 1350 utilizábanse muíños de vento con catro aletas dispostas en cruz para a desecación dos polders holandeses. Tamén utilizábanse xa nestas datas para extraer o aceite de noces e grans, serrar madeira, transformar trapos vellos en papel, preparar colorantes en po e elaborar pólvoras.

Pode entón dicirse que, aínda que o aproveitamento da enerxía eólica data das épocas máis remotas da humanidade, é a partir dos séculos XII e XIII cando empeza a xeneralizarse o uso dos muíños de vento para a elevación de auga e a moenda de gran, baseados en deseños moi rudimentarios que, con diversas melloras, especialmente nos sistemas de regulación e orientación, manteranse até ben entrado o século XIX.

O desenvolvemento dos muíños de vento interrómpese coa revolución industrial e a utilización masiva do vapor, a electricidade e os combustibles fósiles como fontes de enerxía motriz. Os muíños eléctricos pronto viñeron substituír ós muíños fariñeiros accionados pola forza do vento, do mesmo xeito que a aqueles outros que eran accionados pola auga dos ríos ou do mar.

Na década de 1970, coincidindo coa primeira crise do petróleo, iníciase unha nova etapa no aproveitamento da enerxía do vento. A aplicación das modernas tecnoloxías (en especial, as desenvolvidas para a aviación) deu como resultado a aparición dunha nova xeración de máquinas eólicas, desta volta utilizadas fundamentalmente para a produción de enerxía eléctrica, pola facilidade para a manipulación e transporte deste tipo de enerxía e pola súa versatilidade nas aplicacións.

O muíño do Casuco fora construído por don Manuel Fernández e o seu cuñado, o canteiro don Ramón Lago, os seus primeiros propietarios. No estudo de Begoña Bas (1990) figura como propietario don Manuel Ramón Lestón, neto dun dos construtores.

Máis próximos ao núcleo de poboación houbera outros dous muíños semellantes, aínda que máis pequenos, dos que non quedan restos.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño situárase na beiramar da punta de Santa Catalina, nun emprazamento moi favorable para os ventos alí dominantes, os do nordés e os do suroeste que varren a ría de Muros e Noia.

Construcción:

Cara a 1890

Abandono:

En 1920, aproximadamente

Descrición:

O muíño de vento de Santa Catalina aparece recollido na case exhaustiva obra de Begoña Bas (1990). Unha afortunada coincidencia fíxonos decatar da súa existencia ao aparecer sinalada unha torre nunha vella carta de navegación, como punto de orientación para as marcacións dos navegantes da ría de Muros e Noia. A toponimia local e a comprobación dos restos van confirmar que efectivamente a torre é a dun muíño de vento.

Trátase dun muíño do tipo de torre fixa con cuberta xiratoria, semellante ao construído en Punta Ínsua, no próximo Lariño, saíndo de Muros xa camiño de Carnota.

A torre érguese sobre unha plataforma con murete de pedras polo sur, onde o terreo baixa cara ao mar. A altura exterior é de 3’2 m, e de 2’6 m a interior.
A torre é cilíndrica, de 3’5 m de diámetro interior e muros de 70 cm de groso, de fábrica de cachote con grandes pezas nos vans, tomada con cal grosa e recebado nas xuntas. Os vans na porta e nas tres fiestras teñen os laterais feitos dunha soa peza que ocupa todo o alto e o fondo do oco. A porta vai disposta na cara que mira ao sueste.

O muíño está dividido en dúas plantas, con escaleiras interiores e o piso a 2’3 m do chan. Non se atoparon restos de lacenas nin de lareiras.

A parte superior da torre ten as cantearías con restos de ferro nas acanaladuras (de 4’5 cm de ancho e 2’5 cm de alto), polo que é de supor que xiraba con rodas de ferro sobre carril de ferro. A cuberta orientábase movendo o rabo do muíño e amarrándoo nos cáncamos do chan.

Nos vareiros levaba catro velas de lona, e no chan tiñan cáncamos para amarrar os ventos.

Perdida a cuberta e maquinaria, a inspección dos restos levada ao cabo parece indicar que contaba cunha soa moa. Atópase en estado de abandono.

Polo de agora non dispomos de máis datos del. Vaia esta ficha coma aguillada para os investigadores do noso patrimonio cultural, etnográfico e industrial.

Tempo de uso:

Todo o ano, ¡sempre que houbera vento bastante!

Sistema de produción:

A distribución non uniforme da enerxía absorbida pola atmosfera e a consecuente formación de gradientes térmicos, é a causa primaria do movemento das masas de aire e por tanto, orixe da enerxía eólica, ou enerxía do vento.

A radiación solar, absorbida irregularmente pola atmosfera, dá lugar a masas de aire con diferentes temperaturas e por tanto, diferentes densidades e presións. Estas masas de aire, ao desprazarse desde as altas presións cara ás baixas presións, dan lugar ao fenómeno meteorolóxico coñecido como vento.

Por conseguinte, podería entenderse como aproveitamento dos recursos eólicos calquera forma de aproveitamento da enerxía do vento, dos que existen non poucos exemplos: dende a navegación a vela á dispersión de contaminantes atmosféricos. Con todo, é costume agrupar baixo tal designación a conversión da enerxía do vento en enerxía mecánica, e emprégase este termo cada vez con máis frecuencia para referirse á conversión da enerxía do vento en enerxía eléctrica.

Ao actuar sobre as pas do muíño de vento, as masas de aire en movemento ceden ao mecanismo parte da súa enerxía cinética e obrígano a virar ao redor do seu eixo, proporcionando así unha enerxía mecánica de rotación que pode despois aplicarse a distintos fins, como facer virar un muíño, accionar unha bomba, mover unha serra, ou mesmo arrastrar unha dínamo ou un alternador para producir enerxía eléctrica.

Nos muíños de vento construídos en Galicia para moenda de cereais, as aspas están dispostas sobre un eixo horizontal, polo que hai que transferir o xiro mediante unhas engrenaxes a un eixo vertical, que é o que acciona a moa xiratoria. Ademais, o conxunto das aspas pode virarse a vontade do muiñeiro para orientalas enfrontadas ao vento da mellor maneira para o aproveitamento enerxético.

Nalgún caso, como ocorre cos existentes en Catoira, os muíños foron construídos co eixo na dirección dos ventos dominantes no seu emprazamento e sen posibilidade de orientación, dotándoos por iso de pas en ámbolos dous extremos para aproveitar os ventos principais e os seus opostos, que son os que alí sopran habitualmente.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Centeo, trigo e maínzo.

Produtos Elaborados:

Fariñas de centeo, de trigo, de maínzo e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, B., 1991. Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Cádiz Deleito, J.C., 1992. Molinos de viento. Historia de las máquinas eólicas, ilustraciones de Juan Ramos Cabrero, Empresa Nacional de Electricidad S.A. (ENDESA), Madrid: Tabapress. DL M-39267-2011. ISBN 84-7952-096-5.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1964. De Cabo de La Nave a la Isla de Sálvora. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 926. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1427-1972.

Lara Coira, M., 1990. Las energías renovables y Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-1531-1990. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-544-1991. ISBN 84-604-0101-4.

Llano Cabado, P. de, 1983. Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. DL VG-375-1983. ISBN 84-85665-08-2.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 671-681.

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Fundación Juanelo Turriano, Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 119-II Noia // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 498.988,35 m / Y 4.737.078,21 m

Data de Actualización:

2009 / 3 abril 2013