058 Muíño de Bemantes ou do Boucelo

Galería de Fotos

VerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Miño
  • Parroquia: Santo Tomé de Bemantes
  • Lugar: O Torrón
  • Paraxe: O Boucelo, agra do muíño de vento
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.34421908219639
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.174250746993948
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 567.048,06 m / Y 4.799.587,78 m
  • Clasificación: Muíño de vento
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño fixo de torre con cuberta xiratoria.
  • Comarca: Betanzos
  • Marco Xeográfico: Os altos do interfluvio costeiro dos ríos Baxoi e Lambre, nunha zona razoablemente exposta aos ventos do poñente
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Ferrol, dirixímonos cara a Miño pola autoestrada AP-9 (ou ben pola estrada nacional N-651). Ao chegarmos a Miño, apartamos á esquerda pola carreteira AC-160 cara a Vilamateo e Vilarmaior, no interior do país. A uns tres quilómetros enfiaremos a carreteira da esquerda ata A Torre. Xa alí, miraremos polo camiño a Terrón, e un pouco máis adiante atoparemos o muíño.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Abandoado dende que un temporal lle levara a cuberta en 1870, foi restaurado contra o ano 2008 polo concello de Miño

Historia:

O aproveitamento da enerxía contida no vento mediante a súa conversión en enerxía mecánica foi levado a cabo pola humanidade desde a máis remota antigüidade. Se exceptúase a enerxía de orixe animal, cabe dicir que, xunto coa enerxía obtida dos cursos de auga, a enerxía do vento foi o recurso enerxético natural máis antigo na historia das civilizacións.

Ademais da navegación a vela (aparece xa nun gravado exipcio do Alto Imperio, uns 4.500 anos a.C.), cara ao ano 1700 a.C., Hammurabi, rei de Babilonia, chegou a proxectar o regadío da rica meseta de Mesopotamia con auxilio da enerxía eólica. Estes primitivos muíños de vento debían de ser de eixo vertical, sen dúbida análogos a aqueles cuxas ruínas aínda subsisten na meseta iraniana. En calquera caso, Persia, Iraq, Exipto e China considéranse o berce do aproveitamento da enerxía do vento.

Un estudo sobre pneumática de Herón de Alexandría no século III a.C., describe por primeira vez unha máquina eólica de eixo horizontal de catro pas en forma de cruz que accionaba unha bomba de aire para alimentar as frautas dun primitivo órgano.

En calquera caso, até o século IX non é posible atopar un documento histórico irrefutable no que se faga mención ao uso dos muíños de vento como práctica xeneralizada. Este documento é o Libro de Enxeños Mecánicos, dos irmáns Banu Musa, datado no ano 850.

A difusión do muíño de vento como máquina capaz de producir enerxía mecánica segue dúas canles ben diferentes: o primeiro, coa civilización islámica, ocupa todo o Mediterráneo e chega até a metade sur da Península Ibérica; o segundo parte do triángulo formado por Bretaña, Inglaterra e os Países Baixos.

Os muíños de vento aparecen na Idade Media (séculos XII e XIII) en Italia, Francia, España e Portugal. Algo máis tarde localízanse en Alemaña, Países Baixos e Inglaterra. Atópanse documentados muíños de vento en Lisboa (1182), Alcobaça (1262), e Évora (1303), e desde o ano 1350 utilizábanse muíños de vento con catro aletas dispostas en cruz para a desecación dos polders holandeses. Tamén utilizábanse xa nestas datas para extraer o aceite de noces e grans, serrar madeira, transformar trapos vellos en papel, preparar colorantes en po e elaborar pólvoras.

Pode entón dicirse que, aínda que o aproveitamento da enerxía eólica data das épocas máis remotas da humanidade, é a partir dos séculos XII e XIII cando empeza a xeneralizarse o uso dos muíños de vento para a elevación de auga e a moenda de gran, baseados en deseños moi rudimentarios que, con diversas melloras, especialmente nos sistemas de regulación e orientación, manteranse até ben entrado o século XIX.

O desenvolvemento dos muíños de vento interrómpese coa revolución industrial e a utilización masiva do vapor, a electricidade e os combustibles fósiles como fontes de enerxía motriz. Os muíños eléctricos pronto viñeron substituír aos muíños fariñeiros accionados pola forza do vento, do mesmo xeito que a aqueles outros que eran accionados pola auga dos ríos ou do mar.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño do Boucelo ou Bemantes situárase a uns 170 m sobre o nivel do mar, hoxe en día en parte ao socaire do arbolado, daquela nun coto ben exposto aos ventos do poñente.

Construcción:

1840.

Abandono:

1870. Restaurado no 2008.

Descrición:

Pola referencia recollida por Begoña Bas (1991), o muíño pertencía a don Francisco Vázquez, que fora asemade o seu construtor, un home moi habelencioso que fixera moitos enxeños para a casa, e que para facer o muíño desprazouse a Meirás (Sada) e fixo unha maqueta; ao comprobar que a maqueta funcionaba, ergueu o seu muíño. Deixouno aos seus cinco fillos, pero entre todos descoidárono e quedou abandoado dende que un temporal lle levara a cuberta en 1870.

O muíño era da tipoloxía de torre fixa e cuberta xiratoria, e contaba cunha soa moa. Aparece citado por Madoz (1845) quen di que en Santo Tomé de Bemantes “hay dos molinos harineros impulsados por las aguas del Lambre, y uno de viento situado en el punto más alto de la parroquia”.

O muíño construírase sobre unha plataforma de once metros de diámetro que iguala o desnivel do terreo e vai consolidada cun muro de cachote que acada até 1’70 m de alto na parte máis alta. Accédese á plataforma por cadansúa rampla oposta e tanxencial.

A torre é de fábrica en cachotería de granito, con perpiaños nos vans. Os accesos van dar a cadansúa porta. Ten unha grande fiestra e dúas máis pequenas a xeito de buratas. A planta é circular de tres metros e dez centímetros de diámetro interior, cun grosor dos muros de noventa centímetros e unha altura total sobre o chan de cerca de cinco metros e oitenta centimetros. A iso de dous metros do piso dispúñase no interior unha repisa de madeira ocupando a metade da planta, e a tres metros e oitenta centímetros estaba o andar do muíño, accesible a medio dunha escaleira de pedra de dezaseis chanzos para o acceso á moa.

A cuberta e o teito se conformaba con táboas de madeira dispostas a modo de cono sobre unha estrutura ou trabe circular cunhas rodiñas que rulaban nun carril encaixado na soleira da parede e que permitían xirar todo o teito, co eixe e as aspas a il suxeitas, para orientalo muíño ao vento. A tal fin, enganchábase á cuberta cun galleto un pau ou panca inclinada cara ó chan (o rabo), situada na parte contraria as aspas e que o muiñeiro podía manexar dende fora do muíño para virar a cuberta na procura da orientación desexada. O rabo (ou goberno) atábase a unhas estacas ou cepos espichados no chan para asegurar a posición elixida; este muíño contaba con doce cepos, dos que catro eran os principais.

Na cuberta apoiaba horizontalmente o eixo do muíño, chamado árbore, coas catro aspas dispostas no exterior e cunha roda dentada (a coroa ou catalina, de entre un metro dez e un metro cincuenta de diámetro) solidaria co eixe na parte interior do muíño.

A catalina engrenaba cunha roda pequena (o piñón, lanterna ou farol) construída con dous discos de madeira de uns vinte e catro centímetros de diámetro xunguidos entre si por travesas tamén de madeira. Este mecanismo transfería o xiro do eixe horizontal ó eixo vertical que facía xirar a capa (moa xiratoria ou pedra voandeira) sobre o pe (moa fixa ou pedra durminte) do muíño. O mesmo que nos muíños hidráulicos, o eixo vertical descansaba sobre unha trabe que podía subir e baixar, para regular a finura da moenda variando a altura da capa sobre o pe.

O extremo exterior da árbore ía atravesada radialmente por catro paus de uns cinco metros e medio de longo, dispostos perpendicularmente e que configuran as oito vergas nas que ían as catro velas triangulares de dezaoito cuartas cada unha suxeitas con cordas, e que podían despregarse ou recollerse segundo o vento.

Tempo de uso:

Todo o ano, ¡sempre que houbera vento bastante!

Sistema de produción:

A distribución non uniforme da enerxía absorbida pola atmosfera, e a consecuente formación de gradientes térmicos, é a causa primaria do movemento das masas de aire e por tanto, orixe da enerxía eólica, ou enerxía do vento.

A radiación solar, absorbida irregularmente pola atmosfera, dá lugar a masas de aire con diferentes temperaturas e polo tanto, diferentes densidades e presións. Estas masas de aire, ao desprazarse desde as altas presións cara ás baixas presións, dan lugar ao fenómeno meteorolóxico coñecido como vento.

Por conseguinte, podería entenderse como aproveitamento dos recursos eólicos calquera forma de aproveitamento da enerxía do vento, dos que existen non poucos exemplos: dende a navegación a vela á dispersión de contaminantes atmosféricos. Con todo, é costume agrupar baixo tal designación a conversión da enerxía do vento en enerxía mecánica, e emprégase este termo cada vez con máis frecuencia para referirse á conversión da enerxía do vento en enerxía eléctrica.

Ao actuar sobre as pas do muíño de vento, as masas de aire en movemento ceden ao mecanismo parte da súa enerxía cinética e obrígano a virar ao redor do seu eixo, proporcionando así unha enerxía mecánica de rotación que pode despois aplicarse a distintos fins, como facer virar un muíño, accionar unha bomba, mover unha serra, ou mesmo arrastrar unha dínamo ou un alternador para producir enerxía eléctrica.

Nos muíños de vento construídos en Galicia para moenda de cereais, as aspas están dispostas sobre un eixo horizontal, polo que hai que transferir o xiro mediante unhas engrenaxes (coroa e lanterna) a un eixo vertical, que é o que acciona a capa ou moa xiratoria do muíño. Ademais, normalmente o conxunto das aspas pode virarse á vontade do muiñeiro para orientalas e enfrontalas ao vento da mellor maneira para o aproveitamento enerxético.

Nalgún caso, como ocorre cos existentes en Catoira, os muíños foron construídos co eixo na dirección dos ventos dominantes no seu emprazamento e sen posibilidade de orientación, dotándoos por iso de pas en ámbolos dous extremos para aproveitar os ventos principais e os seus opostos, que son os que alí sopran habitualmente.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Centeo, trigo, e millo (maínzo).

Produtos Elaborados:

Fariñas de centeo, de trigo, de millo (maínzo), e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, B., 1991. Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. 439 p.: il. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Cádiz Deleito, J.C., 1992. Molinos de viento. Historia de las máquinas eólicas, ilustraciones de Juan Ramos Cabrero, Empresa Nacional de Electricidad S.A. (ENDESA), Madrid: Tabapress. DL M-39267-2011. ISBN 84-7952-096-5.

Caro Baroja, J., 1952. "Disertación sobre los molinos de viento”, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, VIII, Madrid, p. 212-366. ISSN 0034-7981.

Caro Baroja, J., 1983. Tecnología popular española. Colección ‘Artes del Tiempo y del Espacio’, 6. Madrid: Editora Nacional. ISBN 84-27605-88-9.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Lara Coira, M., 1990. Las energías renovables y Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-1531-1990. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-544-1991. ISBN 84-604-0101-4.

Llano Cabado, P. de, 1983. Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. DL VG-375-1983. ISBN 84-85665-08-2.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 671-681.

Madoz Ibáñez, P., 1845-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Fundación Juanelo Turriano, Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-III Pontedeume // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 567.048,06 m / Y 4.799.587,78 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Data de Actualización:

2009 / 18 abril 2014