060 Muíño de San Mateo de Trasancos

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Narón
  • Parroquia: San Mateo de Trasancos
  • Lugar: O Muíño do Vento
  • Paraxe: O Muíño do Vento
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.52377173207869
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.220709173917843
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: Fuso 29 // X 562.976,33 m / Y 4.819.269,40 m
  • Clasificación: Muíño de vento
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño fixo de torre con cuberta xiratoria.
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Val de San Mateo de Trasancos, nunha pequena elevación ben exposta aos ventos dominantes.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Sáese de Ferrol pola porta de Canido, enfiando a carreteira de Catabois e continuando pola estrada AC-116 de Ferrol a Valdoviño por O Val de San Mateo. A pouco máis de catro quilómetros de Ferrol, na glorieta da que arranca a autovía AG-64, continúase pola mesma estrada AC-116 cara a Valdoviño e, uns trescentos metros despois, na man dereita da carreteira, atópase a torre do muíño de vento de San Mateo.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

O aproveitamento da enerxía contida no vento mediante a súa conversión en enerxía mecánica foi levado a cabo pola humanidade desde a máis remota antigüidade. Se exceptúase a enerxía de orixe animal, cabe dicir que, xunto coa enerxía obtida dos cursos de auga, a enerxía do vento foi o recurso enerxético natural máis antigo na historia das civilizacións.

Ademais da navegación a vela (aparece xa nun gravado exipcio do Alto Imperio, uns 4.500 anos a.C.), cara ao ano 1700 a.C., Hammurabi, rei de Babilonia, chegou a proxectar o regadío da rica meseta de Mesopotamia con auxilio da enerxía eólica. Estes primitivos muíños de vento debían de ser de eixo vertical, sen dúbida análogos a aqueles cuxas ruínas aínda subsisten na meseta iraniana. En calquera caso, Persia, Iraq, Exipto e China considéranse o berce do aproveitamento da enerxía do vento.

Un estudo sobre pneumática de Herón de Alexandría no século III a.C., describe por primeira vez unha máquina eólica de eixo horizontal de catro pas en forma de cruz que accionaba unha bomba de aire para alimentar as frautas dun primitivo órgano.

En calquera caso, até o século IX non é posible atopar un documento histórico irrefutable no que se faga mención ao uso dos muíños de vento como práctica xeneralizada. Este documento é o Libro de Enxeños Mecánicos, dos irmáns Banu Musa, datado no ano 850.

A difusión do muíño de vento como máquina capaz de producir enerxía mecánica segue dúas canles ben diferentes: o primeiro, coa civilización islámica, ocupa todo o Mediterráneo e chega até a metade sur da Península Ibérica; o segundo parte do triángulo formado por Bretaña, Inglaterra e os Países Baixos.

Os muíños de vento aparecen na Idade Media (séculos XII e XIII) en Italia, Francia, España e Portugal. Algo máis tarde localízanse en Alemaña, Países Baixos e Inglaterra. Atópanse documentados muíños de vento en Lisboa (1182), Alcobaça (1262), e Évora (1303), e desde o ano 1350 utilizábanse muíños de vento con catro aletas dispostas en cruz para a desecación dos polders holandeses. Tamén utilizábanse xa nestas datas para extraer o aceite de noces e grans, serrar madeira, transformar trapos vellos en papel, preparar colorantes en po e elaborar pólvoras.

Pode entón dicirse que, aínda que o aproveitamento da enerxía eólica data das épocas máis remotas da humanidade, é a partir dos séculos XII e XIII cando empeza a xeneralizarse o uso dos muíños de vento para a elevación de auga e a moenda de gran, baseados en deseños moi rudimentarios que, con diversas melloras, especialmente nos sistemas de regulación e orientación, manteranse até ben entrado o século XIX.

O desenvolvemento dos muíños de vento interrómpese coa revolución industrial e a utilización masiva do vapor, a electricidade e os combustibles fósiles como fontes de enerxía motriz. Os muíños eléctricos pronto viñeron substituír aos muíños fariñeiros accionados pola forza do vento, do mesmo xeito que a aqueles outros que eran accionados pola auga dos ríos ou do mar.

En Galicia, aínda que xa existirían seguramente de antes, pois nas edificacións defensivas, xunto coa construción de cuarteis, prevíase a construción de muíños de vento para a subministración de fariñas panificables ás guarnicións (vid. ficha 340 Muíño de Monte Real, por exemplo), recolle Begoña Bas (1991:275) que as referencias máis antigas dos muíños de vento remóntanse á primeira metade do século XVI na Coruña.

Desde os primeiros anos do século XIX, como complemento necesario dos moitos muíños de río e dos poucos de marea existentes, sería xa moi frecuente a construción de muíños de vento nas zonas costeiras máis favorables, e nalgunha do interior, pero estes muíños tamén irían caendo no abandono coa chegada da electricidade, sendo moi escasos os que superarían o decenio de 1930.

Como no resto do mundo, a aplicación da enerxía do vento á produción de electricidade e o perfeccionamento das máquinas construídas a tal fin, vería a vertixinosa implantación dos novos muíños de vento, os aeroxeradores ou –máis propiamente– aeroturbinas, desde a segunda metade do decenio de 1980.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño ergueríase sobre unha plataforma artificial de terra que forma unha pequena elevación ben exposta aos ventos dominantes. Construíuse na proximidade da casa vivenda e as dependencias agrícolas dos propietarios, no val de San Mateo de Trasancos que se estende entre o rego de Aneiros e o rego de Leixa. A localización do conxunto agrícola, ao leste d’As Chousas de Taboada e a carón da estrada AC-116 de Ferrol a Valdoviño por O Val de San Mateo, garantía unha boa comunicación cos principais mercados da comarca.

Construcción:

Finais do século XVIII.

Abandono:

Decenio de 1920.

Descrición:

Construído quizais a finais do século XVIII polos comerciantes franceses que construíran tamén os muíños fluviais de Xuvia (vid. ficha 007), Santa Ícia e Os Amenadás (vid. ficha 243), e o de mar do Ponto (vid. ficha 099), atópase no lugar coñecido como Muíño de Vento, na parroquia de San Mateo de Trasancos no termo municipal de Narón, e aparece xa citado contra 1845 no Dicionario de Pascual Madoz. Está incluído no conxunto da casa grande á que pertence, cercado por unha muralla xunto cun pombal, un hórreo, o pozo e a propia casa, ademais doutros elementos e construcións adxectivas.

Trátase de un muíño do tipo de torre fixa con cuberta xiratoria, construído enriba dunha plataforma de terra de uns seis metros de diámetro, que levanta entre metro e medio e tres metros sobre o terreo circundante. A torre é cilíndrica, de fábrica de cachote de lousa con perpiaños nos vans, tomada con cal grosa e recebado do mesmo. Ten dúas portas enfrontadas e dispostas nas caras norte e sur, con dúas fiestras no primeiro andar, unha pequena ó mediodía en unha grande ó levante. O interior, cun diámetro de 3’80 m, vai dividido en altura cun andar. Os muros teñen un grosor de un metro e unha altura de uns sete metros (Bas, 1991: 213).

Perdida a cuberta -que era metálica, o que non é habitual en Galicia- e a maquinaria, as inspeccións dos restos levadas ó cabo parecen indicar que contaba cunha soa moa. Atópase en estado de semi abandono e o Concello de Narón negociaba contra o ano 2009 a súa adquisición con idea de restauralo.

O conxunto que comprende a casa grande e demais edificacións, no pasado pertenceu á familia Amor e dende 1984 o seu propietario é don Luis Alberto Gil Lago.

Como ocorrera na meirande parte dos muíños de vento, tamén este perdería a súa utilidade e caería no abandono coa chegada da electricidade pola extensión das redes de subministro das compañías eléctricas.

Polo de agora non dispomos de máis datos específicos deste muíño que os que xa foron indicados arriba. Vaia esta ficha coma aguillada para os investigadores do noso patrimonio cultural, etnográfico e industrial.

Dadas poucas referencias accesibles para un maior detalle do muíño e a falta de máis datos certos, achégase unha descrición xenérica válida para esta tipoloxía. Para os muíños de torre xiratoria, véxase a ficha 272, por exemplo.

A construción adoitaba realizarse en cachotería con pezas de granito (ou lousa) de bo tamaño, con rachas entre delas, tomadas con barro e cal. A torre sería cilíndrica ou lixeiramente troncocónica, cunha planta circular interior de tres a cinco metros de diámetro na base e unha altura sobre o chan de catro a cinco metros (sen contar a cuberta de madeira). Os muros terían un grosor de sesenta centímetros a un metro e os vans serían de cantearía ou de madeira. A iso dun metro e medio ou dous sobre o piso dispúñase no interior unha repisa de madeira todo arredor, accesible a medio dunha escaleira tamén de madeira para o acceso ás moas.

A cuberta e o teito se conformaba con táboas de madeira dispostas a modo de cono sobre unha estrutura ou trabe circular cunhas rodiñas que rulaban nun raíl encaixado na soleira das pezas de cantearía nas que remata a parede da torre, rodiñas que permitían xirar todo o teito, co eixe e as aspas a el suxeitas, para orientalo muíño ao vento. A tal fin, a cuberta contaba cun pau inclinado cara ó chan (o rabo) situado na parte contraria as aspas e que o muiñeiro podía manexar dende fora do muíño para virar a cuberta na procura da orientación desexada. O rabo (ou goberno) atábase a unhas estacas ou cepos espichados no chan para asegurar a posición elixida.

Na cuberta apoiaba horizontalmente o eixo do muíño, chamado árbore, coas aspas dispostas no exterior e cunha roda dentada (a coroa ou catalina, de entre un metro dez e un metro cincuenta de diámetro) solidaria co eixe na parte interior do muíño.

A catalina engrenaba cunha roda pequena (o piñón, lanterna ou farol) construída con dous discos de madeira de uns vinte e catro centímetros de diámetro xunguidos entre si por travesas tamén de madeira. Este mecanismo transfería o xiro do eixe horizontal ó eixo vertical que facía xirar a capa (moa xiratoria ou pedra voandeira) sobre o pe (moa fixa ou pedra durminte) do muíño. O mesmo que nos muíños hidráulicos, o eixo vertical descansaba sobre unha trabe que podía subir e baixar, para regular a finura da moenda variando a altura da capa sobre o pe.

O extremo exterior da árbore vai atravesada radialmente por catro paus de uns cinco metros e medio de longo, dispostos perpendicularmente e que configuran as oito vergas nas que ían as catro velas triangulares suxeitas con cordas.

Ademais da porta de entrada, os muíños de vento adoitaban contar na súa metade superior cunha ou dúas ventás situadas unha fronte da outra. Algúns deles podían teren no interior unha lareira e mesmo un forno. Nalgúns casos, o muíño estaría construído sobre unha plataforma terrea consolidada e cinguida por un muro de cachotería construído posibelmente con pedras aproveitadas dalgunha outra edificación.

Tempo de uso:

Todo o ano, ¡sempre que houbera vento bastante!

Sistema de produción:

A distribución non uniforme da enerxía absorbida pola atmosfera, e a consecuente formación de gradientes térmicos, é a causa primaria do movemento das masas de aire e por tanto, orixe da enerxía eólica, ou enerxía do vento.

A radiación solar, absorbida irregularmente pola atmosfera, dá lugar a masas de aire con diferentes temperaturas e polo tanto, diferentes densidades e presións. Estas masas de aire, ao desprazarse desde as altas presións cara ás baixas presións, dan lugar ao fenómeno meteorolóxico coñecido como vento.

Por conseguinte, podería entenderse como aproveitamento dos recursos eólicos calquera forma de aproveitamento da enerxía do vento, dos que existen non poucos exemplos: dende a navegación a vela á dispersión de contaminantes atmosféricos. Con todo, é costume agrupar baixo tal designación a conversión da enerxía do vento en enerxía mecánica, e emprégase este termo cada vez con máis frecuencia para referirse á conversión da enerxía do vento en enerxía eléctrica.

Ao actuar sobre as pas do muíño de vento, as masas de aire en movemento ceden ao mecanismo parte da súa enerxía cinética e obrígano a virar ao redor do seu eixo, proporcionando así unha enerxía mecánica de rotación que pode despois aplicarse a distintos fins, como facer virar un muíño, accionar unha bomba, mover unha serra, ou mesmo arrastrar unha dínamo ou un alternador para producir enerxía eléctrica.

Nos muíños de vento construídos en Galicia para moenda de cereais, as aspas están dispostas sobre un eixo horizontal, polo que hai que transferir o xiro mediante unhas engrenaxes (coroa, ou catalina, e a lanterna, ou piñón) a un eixo vertical, que é o que acciona a capa ou moa xiratoria do muíño. Ademais, normalmente o conxunto das aspas pode virarse á vontade do muiñeiro para orientalas e enfrontalas ao vento da mellor maneira para o aproveitamento enerxético.

Nalgún caso, como ocorre cos existentes en Catoira (vid. ficha 025 Muíño do Monte Mesón, por exemplo), os muíños foron construídos co eixo na dirección dos ventos dominantes no seu emprazamento e sen posibilidade de orientación, dotándoos por iso de pas en ámbolos dous extremos para aproveitar os ventos principais e os seus opostos, que son os que alí sopran habitualmente.

Actividades laborais:

Elaboración de fariñas de trigo e millo. O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Aire en movemento e máis cereais: centeo, trigo e millo (maínzo).

Produtos Elaborados:

Fariñas de centeo, de trigo, de millo (maínzo), e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, Begoña (1991). Muiños de marés e de vento en Galicia. Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Cádiz Deleito, Juan Carlos (1992). Molinos de viento. Historia de las máquinas eólicas. Ilustraciones de Juan Ramos Cabrero. Empresa Nacional de Electricidad S.A. (ENDESA). Madrid: Tabapress. DL M-39267-2011. ISBN 84-7952-096-5.

Caro Baroja, Julio (1952). "Disertación sobre los molinos de viento”, en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, VIII, p. 212-366. Madrid. ISSN 0034-7981.

Caro Baroja, Julio (1983). Tecnología popular española. Colección ‘Artes del Tiempo y del Espacio’, 6. Madrid: Editora Nacional. ISBN 84-27605-88-9.

Caro Baroja, Julio (1995). Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Haltmeier, O. (1942). “Industrias de la alimentación y afines. Molinería y panificación: fabricación de harinas”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo V, p. 594-609. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Lara Coira, Manuel (1990). Las energías renovables y Galicia. Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-1531-1990. ISBN 84-404-8124-1. Existe unha edición de 1991 en galego, titulada As enerxías renovables e Galicia. Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. DL C-544-1991. ISBN 84-604-0101-4.

Llano Cabado, Pedro de (1983). Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. DL VG-375-1983. ISBN 84-85665-08-2.

Llorca Freire, Guillermo; Pérez Alberti, Augusto; Romero Masiá, Ana María (1982). Camiños de Ferrolterra. Ferrol: Mancomunidade de Ferrol. DL C-913-1983. ISBN 84-500-9056-3.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.): Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 671-681. Buenos Aires: Editorial Nós.

Madoz Ibáñez, Pascual (1845-1850). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009]. Tomo VIII-Ferrol.

Montero Aróstegui, José (1858). Historia y descripción de la villa y departamento del Ferrol. Madrid: Imprenta de Beltrán y Viñas. Reedición de 1972 titulada “Historia de El Ferrol del Caudillo”. El Ferrol del Caudillo: Gervasio Sánchez “Gersán”.

Reyes Mesa, José Miguel (2001). Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica. Granada: J.M. Reyes-Fundación Juanelo Turriano. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Soraluce Blond, José Ramón; Fernández Fernández, Xosé (directores) (1999). “Arquitectura popular en Narón: conxunto en San Mateo de Trasancos”, en Arquitecturas da provincia da Coruña, vol VIII. Comarca de Ferrol I: Ares, Fene, Mugardos, Narón e Neda, p. 194-195. Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña. DL 937-1997. ISBN 84-95335-07-7.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 6-IV San Salvador de Serantes /// Datum ETRS89: H 29 // X 562.976,33 m / Y 4.819.269,40 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 17 marzo 2023].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 17 marzo 2023].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1960). De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.11 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2023].

Data de Actualización:

2009 / 08 xullo 2023