077 Fábrica de San Nicolás de Sar

  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Santiago de Compostela
  • Parroquia: Santiago de Compostela
  • Lugar: Santiago de Compostela
  • Paraxe: Rúa do Sar esquina coa rúa do Olvido
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.875425525922175
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.539295196533203
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 // X 537.631,91 / Y 4.747.078,82
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles
  • Comarca: Santiago
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: En Santiago de Compostela localizaremos a rúa do Castrón d'Ouro e baixaremos por ela ata atopar o comezo da rúa de Sar. Pouco máis adiante, na esquina coa rúa do Olvido temos a que fora a fábrica de San Nicolás de Sar, tamén chamada a fábrica de Huidobro, hoxe aproveitada para usos hostaleiros como pousada e casa de comidas.

Tipo de propiedade:

Parte privada e parte pública

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Información no chamado “Centro de Interpretación Ambiental de Compostela” (CIAC), aberto ao público.

Historia:

Manuel Alonso de Huidobro, natural de Cereceda (Salamanca), era un oficial de Rentas Reales que foi a vivir a Compostela. No ano 1798 compra en Belvís varias edificacións e parte da “carballeira de Andújar” para construír unha fábrica de curtidos que comeza a funcionar a finais de 1802. A comezos do ano 1803 contrata a un oficial curtidor francés como mestre da tenería e, para financiar os subministros dos materiais necesarios para curtir decide asociarse co rexedor da cidade, Juan Gutiérrez Rubio que estaba casado coa filla dun importante comerciante de A Coruña, aportando ao negocio 200.000 reais. Os seguintes anos foron frutíferos ata que este último deixou a sociedade, quedando Huidobro con graves problemas económicos que o levaron a ser embargado polos herdeiros do que fora o seu socio no ano 1819. Os novos propietarios arrendaron parte do establecemento a Santiago Harguindey Garra, un oficial vascofrancés, que aos poucos anos farase propietario da fábrica. Co seu pasamento, a tenería queda abandonada polos seus fillos e chega a ser embargada. Sen embargo, seguiría pertencendo á familia xa que Juana Broussain, viúva de Juan Harguindey e cuñada de Santiago, merca a tenería en 1861. Pasará aos seus descendentes, Juan e José Benito Harguindey Broussain, quedándose o segundo como propietario único en 1876, xa que o primeiro vendeulle a súa parte para mercar a antiga fábrica de Guadalupe. José Benito morrerá en 1899 e os seus fillos non continuarán traballando o coiro senón que liquidarán as contas e pecharán o establecemento. Aproveitaron unha pequena parte da antiga tenería para establecer unha pequena fábrica de gasosas. En 1960 o conxunto foi transmitido á familia Barros Lojo.

Construcción:

Finais do século XIX (1798) polo castelán Manuel Alonso de Huidobro.

Abandono:

Finais do século XIX (1907).

Descrición:

Unha casa habitación do maestro fabricante, o muíño de casca, o artefacto que comprende 36 pilos de asento, mudanzas e caleiras e os seus respectivas cubertas maderadas e telladas. Onde estaba a casa vivenda e mais nunha parte dos locais no sque funcionou a fábrica de gaseosas atópase hoxe un coñecido restaurante, que tendo modificado só o estrictamente preciso para poder funcionar como tal, aproveita así un espléndido marco para a súa actividade. Detrás do restaurante, que ten a súa fronte a rúa do Sar e máis á do Olvido, consérvanse os antigos departamentos da tenería, situados nunha encosta e afastados entre si por un amplo paso empedrado. Na beira dereita, o edificio da mudanza co seu regato de auga no baixo e co sequeiro de sola nun primeiro andar hoxe xa caído; ao seu carón, o local destinado a depósito de casca. Na beira esquerda, o edificio do lavadoiro –que tiña no andar superior o local da zurraxe, do que non queda nada- e mais o que aloxaba o muíño de casca. Fronte á entrada, perpendicular aos dous bloques anteriores mantanse en pé a nave que se utililizaba para almacenar a casca xa usada e destinada a combustible. A maior parte dos pios consérvanse baixo os restos dos esfarelados tellados.

Nota de decembro do 2016:
Da antiga fábrica de Sar consérvase aínda hoxe una parte substancial: onde estaba a casa vivenda e unha parte dos locais (nos que funcionaría a fábrica de gasosas) atópase hoxe un restaurante, con fronte á rúa do Sar e máis á do Olvido. Detrás e situados na costa que ten acceso polo camiño da Améixaga, consérvanse os antigos departamentos do curtidoiro: o edificio da mudanza e do sequeiro da sola (no andar superior), o edificio do lavadoiro e da zurraxe, e a nave empregada para almacenar a casca usada, que utilizábase como combustible. Estas dependencias do vello curtidoiro de Huidobro son hoxe en día de propiedade municipal, e acollen dende o ano 2011 o chamado “Centro de Interpretación Ambiental de Compostela” (CIAC), aberto ao público.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Emprego:

4 operarios en 1841.

Materias Primas:

Peles de vaca e terneira.

Produtos Elaborados:

Sola e becerro. A primeira empregábase para o piso dos zapatos ou botas e a segunda, para a empeña de zapatos e zocos ou cana para botas.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, X.; Fernández Vázquez, M. T. A Compostela Industrial: Historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, DL. 2003. 184 p.: il. ISBN 84-930667-2-9

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 94-IV Santiago de Compostela // Fuso 29 // X 537.631,91 / Y 4.747.078,82

Data de Actualización:

2009 / 30 decembro 2016