099 Reais Fábricas das Aceas do Ponto

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Narón
  • Parroquia: Piñeiros
  • Lugar: O Ponto
  • Paraxe: As Aceas
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.51274769894996
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.169638514518738
  • Coordeadas UTM: H 29 // X 567262.27 // Y 4818297.25
  • Clasificación: Muíño de mar
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría
  • Tipoloxía: Muíños de regolfo
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Río Freixeiro
  • Ámbito: Periurbano
  • Acceso: Saíndo de Ferrol pola vella Estrada de Castela (N-VI, C-641 ou AC-882) cara a Xuvia, a pouco máis de cinco quilómetros, ó pasarmos a parroquia de Piñeiro, atópase na man dereita o lugar do Ponto e o camiño que tras uns trescentos metros nos leva ó estribo esquerdo da presa do muíño; cruzando por enriba dela chegaremos á mesma porta do muíño, xa no lugar de Outeiro da parroquia de San Martiño de Xuvia.

Tipo de propiedade:

Privada (en trámite de reversión á Autoridade Portuaria de Ferrol)

Visitable:

Só exteriormente

Historia:

Santiago Beaujardin, “de nación francés” e a sazón vicecónsul de Francia na vila de Ferrol, obtiña o 10 de outubro de 1785 licencia do Intendente Xeneral da Mariña para a construción dunha fábrica de fariñas nas Aceas do Ponto, no esteiro do río Freixeiro e nas inmediacións dunhas vetustas salinas de orixe romana. Pouco tempo despois recibía tamén licencia de prior do mosteiro de San Martín de Xuvia para edificar no lugar de Outeiro “almacén, casa, huerta y más edificios que se le acomoden”. Por último, José María Bermúdez, “señor de Jubia, sus puertos y salinas”, señor xurisdicional de Xuvia e rexedor perpetuo da vila de Ferrol concedía o permiso para as obras.

Coas obras xa avanzadas e funcionando a pleno rendemento dous dos tres muíños proxectados, o 12 de setembro de 1791 Santiago de Beaujardin asóciase co seu compatriota Juan Lembeye, notable comerciante acomodado na vila de Ferrol desde 1762, comisionado de abastecemento dos Reais Arsenais e director da Real Compañía Marítima, entre outros importantes cargos. En 1796 Beaujardin e Lembeye deciden disolver a súa sociedade, quedando este último como único propietario das Aceas do Ponto.

Este muíño de mareas, o máis grande dos existentes en Galicia e ata non fai moito un dos mellor conservados, construíuse no emprazamento duns antigos muíños de roda vertical (de aí o nome de “las grandes aceñas nombradas de Lembeye, en la parroquia de San Martín de Jubia”), e era accesible desde o mar en embarcacións de pequeno calado.

Ao igual que os demais muíños da comarca suplían a forte demanda dunha poboación en incesante crecemento desde que en 1750 Ferrol acollese aos máis importantes estaleiros do Estado.

O abastecemento do trigo necesario estaba garantido pola sociedade mercantil creada por Santiago Beaujardin, o seu irmán Dionisio e o empresario Juan Lestache, tamén francés, para achegar grans de Filadelfia, ademais das habituais remesas cerealistas chegadas a Ferrol desde os portos de Baiona, Burdeos, Londres, Amsterdam, Hamburgo e San Petersburgo.

No marco da política económica do momento, as Aceas do Ponto recibiron o título de Reais Fábricas concedido por Carlos IV o 11 de xuño de 1798 en Aranxuez. A Real Cédula permitía gozar de exencións de aranceis e de libre comercio con América, autorizaba a facer provisión de trigo noutras rexións e a cortar madeira para doelas dos barrís de fariña dos bosques entón incautados pola Mariña para a construción naval.

Cos quebrantos sufridos pola rede de muiñaría industrial dos franceses, cando saía máis barato traer ao porto de Ferrol as sacas de fariña xa elaborada desde Santander, Bilbao e San Sebastián, as Aceas do Ponto caeron no abandono, e Juan Lembeye morreu en 1823, empeñado e cos seus muíños hipotecados.

A propiedade pasou a mans de Juan Preyarte, e de este a María Josefa Lembeye e a o seu marido Manuel José Ciaran. En 1860 os herdeiros de Ciaran venderon os muíños á sociedade formada por Nicolás Fernández e José Rodríguez, quen aproveitaron a brillante recuperación da muiñaría na comarca habida a partir de 1849 por unas especiais regulación municipais e pola favorable conxuntura do aumento da demanda de cereal tanto en Europa –en razón da Guerra de Crimea (1854-55)- como na comarca trasanquesa por un novo apoxeo da construción naval ferrolá durante o estable e próspero quinquenio de goberno (1858-1863) da Unión Liberal fundada e dirixida por Leopoldo O’Donnell.

Sen embargo, co paso dos anos e pese aos seus intentos de adaptación aos novos tempos e a súa tenaz resistencia á desaparición, a evolución técnica e mercantil envelleceu irremediablemente a estas instalación, que foron finalmente pechando as súas portas cara a finais da década de 1960, incapaces xa de sobrevivir nunha economía tendente ao xigantismo e á uniformidade, unha economía que menospreza o traballo de dimensións humanas, feito con gusto e con orgullosa sabedoría artesá.

Descrición Xeral do Entorno:

Situada no esteiro do río Freixeiro e nas inmediacións dunhas vetustas salinas de orixe romana.

Construcción:

Segunda metade do século XVIII (1785) por Santiago Beaujardin

Abandono:

Segunda metade do século XX (finais década 1960)

Descrición:

O conxunto estaba formado por unha presa, tres muíños, almacéns, armadoiros, vivenda e casa de recreo. A presa, que aínda se conserva, é de grandes dimensións superando os 50.000 metros cúbicos de capacidade. A súa función residía en dar acceso aos muíños permitindo a entrada das mareas a través dunha comporta xiratoria.

Tempo de uso:

Traballaba todo o ano, acomodando os ciclos de moenda ós ciclos luares das mareas.

Sistema de produción:

Convencional, con moas horizontais arrastradas por turbinas de regolfo.

Actividades laborais:

Elaboración de fariñas

Materias Primas:

Trigo e maíz

Produtos Elaborados:

Contaba cunha capacidade de moenda dunhas vintecinco mil fanegas de trigo ao ano (un millón trescentos oitenta e sete mil cincocentos litros, cun peso aproximado dun millón oitenta e un mil douscentos cincuenta quilogramos)

Distribución e comercialización:

Venda na comarca e preparación "ó baleiro" en barrís para exportación o resto do país e a Cuba.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, España. ISBN 84-87819-13-3.

Montero Aróstegui, J., 1858, Historia y descripción de la villa y departamento del Ferrol, reedición de 1972 con el título de “Historia de El Ferrol del Caudillo”, Gersán, Ferrol, p. 407.

Pena Graña, A., 2007, Industriais e Reais Fábricas de Narón en Tempos da Ilustración, Epílogo de José María Cardesín Díaz, Concello de Narón, Equona Deseño Editorial, Narón, Coruña. ISBN 978-84-920185-81.

Soraluce Blond, J.R., y Fernández Fernández, X. (directores), 1999, Arquitecturas da provincia da Coruña: Ares, Fene, Mugardos, Narón e Neda, Deputación Provincial da Coruña, Coruña, p. 207. ISBN 84-95335-07-7.

Urgorri Casado, F., 1986, “Los molinos de Bermúdez en Puente Lambre y la molinería en Ferrol y Betanzos en los siglos XVIII y XIX”, Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, vol. II, pp. 153-183, Betanzos.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 7-III Neda / Huso 29 / X 567,25 / Y 4.819,31

Data de Actualización:

26 dic. 2009