102 Minas de ferro de A Silvarosa

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Viveiro
  • Parroquia: Covas (San Xoán)
  • Lugar: A Silvarosa
  • Paraxe: Monte de A Silvarosa
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.65486318179068
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.640368938446045
  • Coordeadas UTM: Huso 29 // X 609,70 / Y 4.834,60
  • Clasificación: Mina de ferro
  • CNAE: 07.10 Extracción de minerais de ferro
  • Tipoloxía: Galerías
  • Comarca: A Mariña Occidental
  • Marco Xeográfico: Monte de A Silvarosa
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Seguindo a C-642 tras cruzar a ponte sobre o río Landro, desde Covas é necesario ascender algo máis de 3 km por pistas locais ata os altos de A Silvarosa.
    Ao embarcadoiro do mineral chégase volvendo a Covas e seguindo a C-642 en dirección Ferrol durante 2 km para desviarse á dereita por unha pista local que leva á terminal do embarcadoiro en menos de 1 km.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Sí, só exteriormente

Xestión de visitas:

No poboado mineiro hai xente vivindo e compre falar con eles e pedírlles permiso (e que amarren os cáns!)

Historia:

Os terreos da marxe esquerda da desembocadura do río Landro na ría de Viveiro son desde antigo coñecidos pola súa riqueza en mineral de ferro. Aproveitando o filón que desde Punta Brela esténdese cara a Bravos, foron varias as minas de ferro que se explotaron desde finais do século XIX, sendo as localizadas no Monte da Silvarosa (300 m por riba do nivel do mar) as historicamente máis importantes, e das máis activas de Galicia. Ademais de destacar do resto pola contía da súa produción, o transporte do mineral ata a costa mediante grandes baldes que se desprazaban suspendidos de cables, e as mesmas instalacións costeiras ao final do teleférico desde as que se cargaba o mineral nos buques de transporte, confírenlle sen dúbida un atractivo especial.

A mena principal era a magnetita, nun filón cunha potencia duns 3 m intercalado entre pizarras. Sobre o mineral que alí se extraía, escribía o enxeñeiro de minas don Pedro Hernández Sampelayo: “El mineral de Vivero, en las dos capas oxidadas, es magnético, con un punteado de magnetita que se hace más grueso hacia la roca estéril y con un corte compacto de oxidulo en las clases mejores.” Aínda que sen dúbida o nome máis coñecido das veas viveirenses sexa o das minas da Silvarosa, pode dicirse que as minas de Choupín, situadas na ladeira sur do mesmo monte, levaron unha vida en case todo paralela ás primeiras.

Corría o ano 1889 cando o buscador de minas don Ricardo de Llano Oleaga solicitaba a inscrición no Rexistro Mineiro de varios afloramentos de ferro localizado na zona de Viveiro e arredores, aínda que el nunca chegaría a explotalos. Fora o empresario alemán Otto Kreizner, daquela aveciñado en Bilbao, quen denunciaría en 1896 estas minas, nas que participaría por metade o enxeñeiro Joseph Massenez, un dos que introduciran na Alemaña o procedemento Thomas-Gilchrist, utilizado a partires do ano 1879; este procedemento permitía eliminar o fósforo do mineral mesturando con calcita o ferro fundido, obtendo ademais unha escoira que se empregaba como fertilizante. Os convertedores Thomas permitían empregar recursos férricos cunha elevada proporción de fósforo –o que os fixera ata entón inutilizables na industria siderúrxica–, e déranlle xa que logo interese comercial ós amplos depósitos de mineral de ferro fosforoso do norte da provincia de Lugo.

Catro anos máis tarde, a sociedade alemá “The Vivero Iron Ore Co. Ltd.”, arrendataria da concesión de Kreizner e Massenez e con oficinas en Londres, comezaba os traballos preparatorios para a explotación das minas de ferro de Viveiro baixo a dirección do enxeñeiro Frederic Staaden. Aínda que a empresa contaba con máis concesións na zona, traballouse só nos montes da Silvarosa e Choupín. Estimáranse inicialmente unhas reservas de 6.000 a 8.000 toneladas, aínda que se verificaría posteriormente que eran moi superiores.

En decembro do 1899 inaugurábanse oficialmente os traballos mineiros nos montes Silvarosa e Choupín, dirixidos polo enxeñeiro Frederic Wilhelm Cloos, e xa o 20 do mesmo mes arribaba ó porto de Viveiro o vapor Laurak-Bac para embarcar a primeira partida de mineral.

A empresa construíu no alto da Silvarosa, ó lado das explotacións mineiras, unha barriada que contaba con trinta fogares, un pequeno hospital, un almacén de comestibles, un cuartel, unha capela e un local para escola con xardín. A primeira pedra colocarase o 8 de outubro do 1905 e o 29 de xullo do 1906 inaugurábase oficialmente o poboado. Neste importante núcleo mineiro chegaran a traballar preto de catrocentas persoas, e aquí xurdiron as primeiras asociacións sindicais que se coñeceron na bisbarra.

O mineral extraíase inicialmente a ceo aberto, en bancadas desenvolvidas sobre as ladeiras e a parte alta do monte. Conforme avanzábase na escavación facíase máis difícil o desentulle, polo que tivo que recorrerse á execución de traballos subterráneos. O método que se utilizaba para arranque e recheo era o de grandes tallos. De acordo cos datos que puideron recompilarse, a mina principal dividíase en polo menos seis niveis, nos que se escavaron galerías de arranque dentro da pizarra san desde a ladeira do monte. Cada cincuenta metros de desenvolvemento as galerías transversais cortaban a capa do mineral, e nelas formábanse os tallos de arranque cada catro metros. As operacións de arranque e recheo repetíanse por plantas de tres metros ata unha altura de total de trinta metros. Para o arranque da rocha utilizábanse martelos de aire comprimido, que se alimentaban por medio de dous compresores que podían servir un total de dez a doce martelos. En total chegáronse a escavar uns tres quilómetros de galerías, que incluían unha gran sala con capacidade para unhas cincocentas persoas, sala que sería posteriormente clausurada.

O transporte do mineral, cun rendemento de 250 t/h, realizábase por medio dun sistema aéreo bicable de 5.570 m de lonxitude, por que baixaban as vagonetas desde a estación de carga da Silvarosa ata o cargadoiro da Ínsua, situado na Concha de San Xoán ó abeiro da Punta do Cabalo, na marxe esquerda da ría de Viveiro, cargadoiro desde o que se embarcaba o mineral nos buques de vapor que o exportarían a Alemaña, á comarca siderúrxica do Ruhr e case exclusivamente vía Rotterdam.

O teleférico, do denominado sistema Bleicher (Adolf Bleicher & Co., Leipzig-Gohlis, Alemaña), aproveitaba a diferenza de alturas entre as minas e o mar para o seu funcionamento, e foi o primeiro sistema deste tipo que se implantara en Galicia. A liña principal de transporte que se iniciaba na estación central na Silvarosa, ía dividida pola estación intermedia da Garganta. Contábase tamén con outras dúas liñas menores: un empalme desde Lavandeiras ata a estación central da Silvarosa, e un transporte especial desde o depósito do cargadoiro da Ínsua ata a estación de descarga sobre o mar.

O mineral transportábase nas vagonetas suspendidas do teleférico desde a mina ata o cargadoiro da Ínsua, onde atracaban os buques de vapor que tiñan que transportalo ós portos de destino. Unha vez recibido nas moegas superiores do cargadoiro, o mineral descargábase por unhas aberturas situadas na súa parte inferior nun túnel no que se recollía para o seu lavado e posterior traslado ata o extremo do cargadoiro, xa sobre o mar, desde onde se embarcaba nos buques alí atracados.

A parte final do cargadoiro estaba formada por unha viga duns cento dez metros de lonxitude, estrutura que contaba cun único apoio nun piar situado a uns setenta metros da liña de costa. Nas moegas do cargadoiro da Ínsua podíanse almacenar ata vinte mil toneladas de mineral, que tralo seu lavado transportábase ata a punta do cargadoiro mediante baldes dunha tonelada de capacidade suspendidos dunha pequena liña aérea. Nunha xornada de dez horas podíanse chegar a cargar dous mil toneladas de mineral en vapores de ata seis mil toneladas. Como xa quedou indicado, o destino destes barcos eran os portos de Alemaña e de Inglaterra, países nos que o mineral de ferro galego utilizábase principalmente na fabricación de canóns.

Tralo inicio en 1914 da Primeira Guerra Mundial, a exportación do mineral a Alemaña foise facendo máis e máis difícil, o que levou finalmente á paralización das explotacións mineiras case ó inicio da guerra. Desde o comezo da explotación en 1899, quince anos atrás, producíranse ata entón da orde dun millón seiscentas setenta mil toneladas de mineral de ferro, cunha periodicidade de cento trinta mil toneladas anuais de minerais exportadas nun total de catrocentos sesenta e nove buques.

Finalizada a guerra, a baratura da chatarra e a prevalecencia na siderurxia do procedemento Siemens-Martin básico, que permitía combinar as menas –fosforosas ou non– cunha proporción variable de chatarra, afectaron gravemente á demanda de minerais fosforosos.

As minas foran adquiridas no 1924 polo industrial biscaíño don Horacio Echevarrieta, coa intención de substituír o mercado alemán polo inglés coa axuda do seu socio británico James Campbell, reemprendéndose os traballos de maneira intermitente en varias ocasións, e volvendo interromperse pola intensa crise industrial acontecida trala crise mundial do outono do 1929. No 1951 fíxose cargo delas o Instituto Nacional de Industria (INI), cedendo os dereitos de explotación á Empresa Nacional Siderúrxica (ENSIDESA), que volvera as pór en explotación ata que na década de 1960 as minas da Silvarosa e Choupín pecháronse definitivamente.


Descrición Xeral do Entorno:

Situada nos terreos da marxe esquerda do río Landro, na parte occidental do municipio de Viveiro.

Construcción:

Finais do século XIX (1893).

Abandono:

Segunda metade do século XX (anos 1960).

Descrición:

O mineral extraíase inicialmente ao descuberto, en bancadas desenvolvidas sobre as ladeiras e a parte alta do monte. Conforme se avanzaba na escavación facíase máis difícil o rebo, polo que houbo de recorrerse á execución de traballos subterráneos. O método que se utilizaba para arranque e recheo era o de grandes tallos. De acordo cos datos que puideron recompilarse, a mina principal dividíase en polo menos seis niveles, nos que se escavaron galerías de arranque dentro da lousa sa desde a ladeira do monte. Cada cincuenta metros de desenvolvemento as galerías transversais cortaban a capa do mineral, e nelas formábanse os tallos de arranque cada catro metros. As operacións de arranque e recheo repetíanse por plantas de tres metros até unha altura de total de trinta metros. Para o arranque da roca utilizábanse martelos de aire comprimido, que se alimentaban por medio de dous compresores que podían servir a un total de dez a doce martelos. En total chegáronse a escavar un tres quilómetros de galerías, que incluían unha gran sala con capacidade para unhas cincocentas persoas, sala que sería posteriormente clausurada.

O transporte do mineral realizábase por medio dun sistema aéreo bicable de 5.570 m de lonxitude, polo que baixaban as vagonetas desde a estación de carga da Silvarosa até o cargadoiro da Ínsua, situado na Cuncha de San Juan ao abrigo da Punta do Cabalo, na marxe esquerda da ría de Viveiro, cargadoiro desde o que se embarcaba o mineral nos buques de vapor que o exportarían a Inglaterra e Alemaña.

O teleférico, do denominado sistema Bleichert, aproveitaba a diferenza de alturas entre as minas e o mar para o seu funcionamento, e foi o primeiro sistema deste tipo que se implantou en Galicia. A liña principal de transporte que se iniciaba na estación central na Silvarosa, estaba dividida pola estación intermedia da Garganta. Contábase tamén con outras dúas liñas menores: un empalme desde Lavandeiras até a estación central da Silvarosa, e un transporte especial desde o depósito do cargadoiro da Ínsua até a estación de descarga sobre o mar.

O mineral transportábase por medio das vagonetas suspendidas do teleférico desde a mina até o cargadoiro da Ínsua, onde atracaban os buques de vapor que habían de transportalo ós portos de destino. Unha vez recibido nas tolvas superiores do cargadoiro, o mineral descargábase por unhas aberturas situadas no seu parte inferior nun túnel no que se recollía para o seu lavado e posterior traslado até o extremo do cargadoiro, xa sobre o mar, desde onde se embarcaba nos buques alí atracados.

A parte final do cargadoiro estaba formado por unha viga dun cento dez metros de lonxitude, estrutura que contaba cun único apoio nun alicerce situado a un setenta metros da liña de costa. Nas tolvas do cargadoiro da Ínsua podíanse almacenar até vinte mil toneladas de mineral, que tras o seu lavado transportábase até a punta do cargadoiro mediante baldes dunha tonelada de capacidade suspendidos dunha pequena liña aérea. Nunha xornada de dez horas podíanse chegar a cargar dous mil toneladas de mineral en vapores de até seis mil toneladas. Como xa quedou indicado, o destino destes barcos eran os portos de Alemaña e de Inglaterra, países nos que o mineral de ferro galego utilizábase principalmente na fabricación de canóns.

Tempo de uso:

Todo o ano

Sistema de produción:

Iniciada a ceo aberto e continuada con galerías subterráneas

Actividades laborais:

Extracción de minerais de ferro, sobre todo a magnetita.

Emprego:

Cerca de 400 traballadores

Materias Primas:

Minerais de ferro: Magnetita Fe2O4 con Hematites Fe2O3 e Goethita Fe2O3H2O)

Produtos Elaborados:

Fundamentalmente Magnetita Fe2O4 para exportación

Distribución e comercialización:

Exportación por vía marítima ós portos de Inglaterra e Alemaña

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Cueto y Noval, R. del, 1928, La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Donapetry Iribarnegaray, J., 1953, Historia de Vivero y su Concejo, edición facsímil de 1991 de la Diputación Provincial de Lugo, Lugo. ISBN 84-86824-00-1.

Hernández Sampelayo, P., 1922, Hierros de Galicia, tomo I, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1931, Hierros de Galicia, tomo II, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1934, Geología gallega (Discurso de ingreso en la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales), Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1935, Hierros de Galicia, tomo III, Gráficas Reunidas, Madrid.

La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Galaxia, Vigo. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Viveiro. Unha historia en fotografías 1888-1930, 2004, Textos de Carlos Nuevo Cal, Seminario de Estudos Terra de Viveiro, Lugo. ISBN 84-921804-5-5.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 8-II Viveiro // Fuso 29 / X 609,70 / Y 4.834,60

Data de Actualización:

3 oct. 2010