108 Central de As Forcadas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Valdoviño
  • Parroquia: Vilarrube
  • Lugar: Ferrerías
  • Paraxe: Central
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.63129181114765
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.0824613571167
  • Coordeadas UTM: X 574,19 / Y 4.831,61
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Producción de energía hidroeléctrica
  • Tipoloxía: Francis e Pelton
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ría de Cedeira
  • Acceso: Na estrada Ferrol-Cedeira (C-646), unha vez pasado o lugar de Loira e aproximadamente no quilómetro 22 en dirección a Cedeira, cóllese na man dereita o desvío que leva ó lugar de Ferrerías. Alí, na mesma curva da vella carreteira, camiñamos uns cincuenta metros pola pista que xurde a man dereita e chegamos a central das Forcadas.

Tipo de propiedade:

Privada (Hidroeléctrica del Forcadas, S.A.)

Visitable:

Sin permiso, so exteriormente

Xestión de visitas:

Autorizado e acompañado por persoa responsable da sociedade propietaria.

Historia:

A mediados do século XVIII máis de vinte ferrerías galegas reducían o mineral de ferro para transformalo en barras ou lingotes que vendían despois a mazos e forxas para a súa transformación en cravos, potes, tixolas, fouces, e diversas ferramentas agrarias. A maior parte das ferrerías localizábanse no Courel, onde os seus abundantes bosques proporcionaban a leña que unha vez carbonizada procesábase co mineral férreo que achegaban as minas de Roquis e Formigueiros.

A parroquia de Santiago de Sere das Somozas acollía cinco mazos hidráulicos e trinta e catro ferreiros. Segundo consta no Catastro de Ensenada (1750-1754), no chamado mazo da Igrexa traballaba un tal José Freire, cuxos descendentes acabaron por facerse con aquel enxeño que empregarían durante tres xeracións para a fabricación de ferramentas agrícolas que vendían despois nas feiras.

O Machuco da Igrexa, situado no lugar do Mazo, no río da Igrexa, parroquia das Somozas, no municipio do mesmo nome da provincia da Coruña, pertence ata 1840 a Bartolomé Freire, quen o deixaría ó seu fillo José Freire, e este ós seus herdeiros. Esta forxa hidráulica completaríase máis adiante cunha pequena central hidroeléctrica para uso local.

A principios do século XX aínda Bartolomé Freire Echevarría traballaba no mazo e vendía os seus produtos polas feiras, acompañado polo maior dos seus dez fillos, Bartolomé Freire Lago. Este mozo emprendedor, recentemente cumpridos os vinte anos emigra en 1924 a Cuba, de onde regresa en 1931 para seguir traballando na ferrería familiar. En 1933 instala na marxe dereita do río Xuvia, no municipio de Narón, un pequeno negocio no que aproveita e reelabora os recortes e restos de chapa de aceiro da ferrolá Sociedade Española de Construción Naval, que vende despois aos ferreiros da zona para a elaboración de ferramentas e apeiros agrícolas.

A pequena chatarreira e almacén de ferros medra e en 1937 Bartolomé Freire traslada o seu negocio a un solar próximo pero máis amplo, situado entre a estrada de Castela e a estación do ferrocarril que une Ferrol con Xixón. Neste novo local dedícase tamén ó estirado de tubos de aceiro usado e á fabricación de remaches de unión das chapas de aceiro.

En 1943 Bartolomé funda cos seus irmáns José e Fernando a empresa “Freire Hermanos, S.L.”, que multiplica a súa actividade e empeza a elaborar a partir de chatarra nun recentemente adquirido tren de relaminado en quente, perfís aptos para a posterior fabricación de parafusos, porcas, remaches e outros produtos finais. Tras a inesperada morte de José en 1948, Bartolomé incorpora a empresa a outro dos seus irmáns, Andrés, profesor mercantil. En 1949 a empresa, que contaba entón con tres talleres (laminados; forxa e trefilado de tubos e barras; e axuste e mecanizado) que ocupaban a uns sesenta traballadores, transfórmase en sociedade anónima.

O continuado crecemento do negocio fai que a partires de 1953 “Freire Hermanos” ocúpese exclusivamente da almacenaxe de ferros, creándose para a fabricación de tornillería e relaminación de ferros unha nova sociedade anónima, “Metalúrxica Galaica, S.A.” (MEGASA), que posteriormente se dedicará tamén á fundición de aceiro en forno eléctrico para a elaboración de palanquilla ou semielaborado de aceiro para laminación. O éxito da pequena acería naronesa propicia a adquisición en 1959 dunha pequena metalúrxica situada ao fondo da ría de Vigo, próxima á desembocadura do río Verdugo, “Ferrerías de Arcade, S.A.”, que contaba cun forno eléctrico e cun tren de laminación de perfís e chapas.

O elevado consumo de electricidade do forno eléctrico naronés e a deficiente calidade da subministración eléctrica local fai que os irmáns Freire opten pola construción dunha central hidroeléctrica para o seu abastecemento. O aproveitamento hidráulico desenvolveuse no río das Forcadas, no próximo municipio de Valdoviño, por concesión do 2 de xuño de 1956 a favor de MEGASA dun caudal de 1.200 l/s cun salto de 136,5 m e unha potencia instalada de 1.320 kW. A enerxía eléctrica xerada na central transportábase directamente mediante unha liña eléctrica aérea ás instalacións da empresa en Xuvia.

A central hidroeléctrica das Forcadas conectaríase posteriormente coa rede eléctrica de Fuerzas Eléctricas del Noroeste (FENOSA), cando esta última empresa ampliou as súas instalacións e puxo en funcionamento os saltos do Eume (setembro de 1960) e de Belesar (setembro de 1963).

O 4 de decembro de 1997 falecía don Bartolomé Freire Lago, coñecido polos seus próximos como Bartuco, quen sesenta e catro anos antes iniciase unha aventura empresarial da que MEGASA, empresa de fundición punteira en España a que se lle outorgase a Medalla de Prata de Galicia en 1996, é sen dúbida o seu maior éxito, e a Central Hidroeléctrica das Forcadas, ou de Ferrerías, un modesto pero brillante complemento e exemplo actualizado das posibilidades de recuperación do patrimonio industrial.

Construcción:

Contra 1956.

Abandono:

Clausura en 1965. Rehabilitada en 1985.

Descrición:

A obra de toma da central localízase unhas decenas de metros augas embaixo da presa do encoro que fornece a Ferrol e bisbarra. Esta presa construíuse sobre o río das Forcadas no lugar onde desemboca un dos seus afluentes, o río Donelle; o encoro contaba inicialmente cunha capacidade de 8 Hm3 (ampliouse ata 11 Hm3 en 1980) e a súa posta en servizo alterou de maneira tan significativa a dinámica fluvial augas embaixo da presa e as condicións de funcionamento e explotación da central de MEGASA que a empresa clausurou a central hidroeléctrica das Forcadas en 1965; a súa produción media anual era entón duns 3.100 MWh.

Desde a obra de toma desenvólvese unha canle de case tres quilómetros de lonxitude, cun tramo intermedio de cerca de setecentos metros en túnel. A canle ten unha capacidade de dous mil litros por segundo e finaliza na cámara de carga de que arrinca a tubaxe forzada que alimenta ás máquinas hidráulicas da central, uns cento trinta e sete metros máis embaixo, á beira esquerda do río das Forcadas.

O edificio da central eléctrica encóntrase no lugar de Ferrerías (Valdoviño), moi próximo á estrada Ferrol-Cedeira. É de estrutura rectangular, cunha gran sala en que se dispón os dous grupos turbina-alternador coa que está actualmente equipada. A empresa “Hidrospan, S.A.”, que puxo de novo en funcionamento a central na década de 1980, tivo a sensibilidade e o acerto de conservar nesta sala a primitiva turbina instalada en 1961. Sobre a sala principal sitúase a vivenda do operador da central, que despois da automatización encóntrase en desuso. Na fachada norte do edificio e formando parte del encóntrase adosado o local que alberga as instalacións eléctricas de control e interconexión coa rede eléctrica xeral.

A central devolve as augas ó río das Forcadas no xa citado lugar de Ferrerías, moi preto de onde ten lugar a súa desembocadura no extremo esquerdo da grande e fermosa praia de Vilarrube, no fondal da encantadora ría de Cedeira.

Ó abeiro da Lei de Conservación da Enerxía realizáronse desde principios da década de 1980 diversos estudos para a recuperación, rehabilitación e posta en explotación de antigas centrais hidroeléctricas abandonadas ou fóra de servizo. Unha das centrais estudadas foi a das Forcadas, tamén identificada como Ferrerías, cuxa rehabilitación se acometía en 1985 pola xa citada empresa “Hidrospan, S.A.”, con financiamento da “Sociedade para o Desenvolvemento Industrial de Galicia” (SODIGA) e baixo a razón social “Hidroeléctrica del Forcadas, S.A.”.

Tras un coidadoso estudo das posibilidades de aproveitamento dos caudais sobrantes do encoro das Forcadas, optouse por unha dotación de 1 m3/s para un salto bruto de 137 m. Finalizadas as obras de rehabilitación das instalacións, o 9 de xuño de 1987 asinábase a acta de posta en marcha da vella central, con 1.310 kW de potencia nominal e dous grupos turbina-alternador cun total de 1.967 kW instalados nunha turbina Francis de 1.310 kW e unha turbina Pelton de 657 kW. A produción rexistrada no ano 1999 foi de 6.489 MWh.

Tempo de uso:

Antes da construción do encoro das Forcadas, todo o ano, non sendo un par de meses de estiaxe nos vráns extremadamente secos. Trala rehabilitación ven funcionando prácticamente dende outubro a xuño.

Sistema de produción:

Dous grupos turboalternadores. Un deles cunha turbina tipo Francis de 1.310 kW. O outro cunha turbina Pelton de 657 kW.

Emprego:

A central está automatizada desde a rehabilitación de 1985, porén mantéñense visitas periódicas de mantemento das instalacións.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, X., 2009, “Bartolomé Freire Lago (1904-1997)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 522-543. ISBN 978-84-96982-37-6.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Negral, J., 1991, Forxas hidráulicas, mazos ou machucos no norte galego. Arquitectura, síntese histórica, e análise do artilugio mecánico, Cadernos do seminario de Sargadelos, Ediciós do Castro, O Castro, Sada, Coruña. ISBN 84-7492-533-9.

Minicentrales hidroeléctricas, 1989, Gestión Energética de Galicia, S.A. (GESTENGA), Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela.

Prados de la Escosura, L., 1988, De imperio a nación: crecimiento y atraso económico en España (1780-1930), Alianza Editorial, Madrid. ISBN 84-206-2530-2.

Prados de la Escosura, L., 2003, El progreso económico de España (1850-2000), Fundación BBVA, Bilbao. ISBN 84-95163-80-2.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-I Cedeira // Fuso 29 / X 574,19 / Y 4.831,61

Data de Actualización:

Setembro 2010