109 A Telleira Arzúa
- Provincia: A Coruña
- Concello: Ares
- Parroquia: San Xosé de Ares
- Lugar: A Telleira
- Paraxe: A Telleira
- Coord. Xeográficas - Latitude: 43.43726200512363
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.248157501220703
- Coordeadas UTM: X 560,85 / Y 4.809,65
- Clasificación: Industria cerámica
- CNAE: 23.32 Fabricación de ladrillos, tejas y productos de tierras cocidas para la construcción e 23.41 Fabricación de artículos cerám
- Tipoloxía: Telleira e oleira
- Comarca: Ferrol
- Marco Xeográfico: Ría de Ares
- Acceso: Localízase na marxe esquerda da estrada local AC-130 de Ares a Mugardos e aproximadamente a un quilómetro da vila aresá.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Historia:
A telleira Arzúa, que deu
o nome de A Telleira ó lugar no que se localiza (parroquia de San José de Ares,
termo municipal de Ares, provincia da Coruña) era coñecida desde principios da
década de 1930 con tal nome polo apelido do seu propietario, Manuel Arzúa,
oriúndo da bisbarra pontevedresa do Rosal, coñecida zona de “cabaqueiros” (telleiros
na súa xerga) próxima á vila da Guarda, xa na desembocadura do río Miño.
Ó dicir de don Luciano
García Alén, por Ares abundan os terreos arxilosos de estimable calidade. De
feito, nun lugar non afastado ó que nos ocupa dise que traballaran uns oleiros
procedentes de Buño, que de tanto escavar para extraer o barro formaron o fondal
lameiro que hoxe se coñece como “O lago de Ares”.
O barro recollido nos
arredores (Chanteiro, Xanes e A Xunqueira) transportábase en carros do país á
fábrica, onde se amasaba, moldeaba e secaba, cocéndose despois no forno
disposto para ese fin. Ó depender excesivamente da climatoloxía, o oficio era
marcadamente estacional, cun claro paroxismo estival, de xuño a setembro, con
xornadas de sol a sol de quince horas, para aproveitar o secado natural, que
chegaban a ocupar na fábrica ata trinta operarios simultaneamente.
Recibido o barro na
fábrica, depositábase nun pequeno recinto circular, onde se amasaba pisándoo
reiteradamente (no principio, por un home; despois axudándose de cabalos) ata
que adquiría a plasticidade requirida. Transportábase despois o barro xa
amasado ao banco do telleiro, onde se lle daba a forma desexada con axuda do
apropiado molde de madeira. As pezas elaboradas depositábanse coidadosamente na
gran explanada descuberta que rodeaba ó forno, onde secaban pola acción do sol
e o aire durante polo menos vinte e catro horas.
As pezas xa secas
transportábanse a un espazo cuberto próximo ó forno, onde se acumulaban á
espera da cocción. Unha vez cargado o forno, inicialmente cilíndrico e aberto –a
imitación dos característicos da zona do Rosal– pechábanse todas as aberturas e
quentábase o forno para proceder á cocción do material, proceso que duraba
varios días baixo a constante supervisión dun especialista. A tella era o
produto principal, chegando a fabricar mil nunha xornada, acadando as cen mil
unidades na tempada estival. A área de distribución estendíase desde Miño ata
Ferrol, facéndose inicialmente o reparto en carros de bois.
Cara a 1935 o propietario
do telleira decidiu diversificar a fabricación de tellas, tixolos, bloques e
rasillas e orientar o seu negocio á elaboración de olaría e para iso contratou
oleiros de Buño que desenvolveron as súas propias formas de traballo adaptándoas
ó forno cilíndrico e aberto co tipo tradicional da súa terra. Esta instalación
inicial, totalmente artesanal, contaba cun espazo produtivo cuberto, ademais do
forno citado.
A estes primeiros oleiros
sumouse pouco despois Hipólito Castaño, quen traballara en figuras de molde na
Cerámica Celta de Pontecesures (Pontevedra). Posteriormente, xa na década de
1950, incorporouse o famoso mestre louceiro da Guarda, Francisco Álvarez “O Miúdo”
e coa súa chegada modificouse o forno, construíndose dúas cúpulas acampanadas
tipo “botella”, tipicamente inglesas, e similares a que segundo parece existía
no seu lugar de procedencia.
A produción de Arzúa
identificábase inicialmente coas formas típicas de Buño, orientándose con
posterioridade cara ás formas propias da zona do Rosal e da Guarda. As vasillas
de tipoloxía de Buño fabricadas en maior abundancia foron as cuncas, de medio
litro para o caldo, de douscentos centímetros cúbicos para o viño do país, e as
“chiquitas” de cento cincuenta centímetros cúbicos para o viño do Ribeiro.
Entre as formas da Guarda elaboráronse a “ola catalá”, a “tarteira catalá”, as
graxeiras, os escorredoiros e os testos. Fabricáronse tamén figuras decorativas
de molde, como ras e leóns, habituais nos mercados.
Cara a 1955, xa baixo a
dirección do seu fillo, Juan Arzúa, e do seu xenro, Severino Portela, unha nova
construción fabril permitiu a mecanización do proceso produtivo e a adopción
dunha produción de tipo industrial. Outro fillo do propietario da Telleira
Arzúa, repetiría a experiencia aresán instalándose en Narón e fabricando entre
1950 e 1970 olaría en formas utilitarias de barro ordinario (cántaros, testos,
tarteiras) seguindo as xa ben coñecidas formas galaico-portuguesas baixo a
dirección do mestre guardés Isidro Oliveira.
A mecanización do proceso
produtivo fíxolle perder o seu carácter artesanal, dándolle un cariz claramente
industrial. Abandonouse a estacionalidade, empregándose de forma directa un
número variable de operarios, entre quince en inverno e vinte en verán, con
oito horas de traballo en xornada partida. As cúpulas incorporadas ao forno e
as melloras no proceso permitiron reducir o tempo de cocción a tres días, acadándose
ata sesenta mil pezas de capacidade de carga. A motorización do transporte
ampliou a radio de distribución dos produtos ata chegar as feiras de Santiago e
de Padrón.
A produción decaeu
notablemente na década de 1960 e o esgotamento do barro nas canteiras
tradicionais levou ao peche definitivo en 1971. As instalacións da Telleira
Arzúa en Ares, únicas no seu estilo, encóntranse actualmente nun lamentable
abandono e ameazan unha inminente ruína.
Construcción:
Abandono:
Sistema de produción:
Emprego:
Materias Primas:
Produtos Elaborados:
Distribución e comercialización:
Referencias Bibliográficas:
García Alén, L., 1983, La alfarería de Galicia, colaboración de Alfredo García Alén y Xosé
M. Gómez Vilasó, edición facsimilar del 2008, Catalogación Arqueológica y
Artística de Galicia del Museo de Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de
Ladra Fernández, X.L., 2006,
"As telleiras tradicionais. O
exemplo aresán”, Cátedra. Revista eumesa de estudios, nº 14, Pontedeume,
Coruña, p. 343-376. ISSN: 1133-9608.
Leiro Lois, A.,
Daporta Padín, X.R., e Otero Otero, S., 1993. As telleiras (cabaqueiros).
Colección Raigame. Vigo: Ir Indo Edicións. DL VG-542-1993. ISBN 84-7680-155-6.
Llano Cabado, P. de, 1983, Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a
casa do viño, as construccións adxetivas, Introdución xeográfica de Augusto
Pérez Alberti, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de
Compostela. ISBN 84-85665-08-2.
Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós,
Buenos Aires. Vol. II, p. 671-681. ISBN 84-9745-054-X.