116 Compañía Viguesa de Panificación (A Panificadora)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.23572051457099
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.72803419828415
  • Coordeadas UTM: Huso 29 / X 622,67 / Y 4.676,22
  • Clasificación: Fábrica de pan, fariñas e derivados
  • CNAE: 10.71 Fabricación de pan y de productos frescos de panadería y pastelería. 10.61 Fabricación de productos de molinería.
  • Tipoloxía: Fabricación automatizada e continua
  • Comarca: Vigo
  • Acceso:
    Pola rúa da Falperra. Pódese mirar dende a praza do Concello.
  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Só exteriormente

Historia:

No ano 1903, con apenas quince anos, chegaba ó porto de Vigo o mozo lugués Antonio Valcarce García. Nado en Ferreira de Pantón, en casa grande e fidalga, deixara o seminario de Lugo sen rematar os estudos, marchando cara ó mar con idea de embarcarse para América en busca de fortuna.

En Vigo atopou traballo nunha panadería e despois de dez anos de traballo, aprendizaxe e aforros, con José Abalde González constituía no mes de abril de 1914 a sociedade “Valcarce y Abalde”, dedicada á fabricación de pan nun local do barrio de Casablanca.

Baixo a marca comercial “La Espiga de Oro”,·axiña a súa panadería ía converterse na meirande de Vigo, e contra 1918 producía mil cincocentos quilogramos de pan diarios, por diante dos mil que elaboraba a tafona do seu cuñado Ángel Reboreda e do novecentos da Cooperativa Socialista.

En novembro de 1920, Antonio Valcarce xunto con outros catro panadeiros constituía a “Compañía Viguesa de Panificación, S.A.” (La Panificadora), dedicada á fabricación e a á venda de pan, e á moenda e venda de grans e cereais. O propósito de Valcarce era emprender a fabricación de pan mediante procesos continuos empregando as mais novidosas técnicas das industrias de panificación centroeuropeas.

En 1921 Valcarce recorría diversas fábricas europeas e finalmente contrataba en Alemaña a maquinaria para a construción dunha fábrica de panificación automatizada cunha capacidade máxima de elaboración de cincuenta toneladas diarias, e adquiría para ela na rúa da Falperra a parcela coñecida como “Campo de redes”.

En 1923 o arquitecto vigués Manuel Gómez Román recibe o encargo de realización do proxecto da Panificadora, no que participarían para a resolución das instalacións fabrís o enxeñeiro Otto Werner e o técnico Jürgen Buchl, da subministradora alamana “Werner und Pfleiderer”. O conxunto da instalación fabril con planta en forma de ele e cos catro silos que a complementan entra en funcionamento no mes de novembro de 1924, sendo daquela a máis moderna das industrias do seu tipo en España e destacando pola hixiene das instalacións (chan impermeable, paredes de ladrillo esmaltado en branco, cuartos para os obreiros, retretes, urinarios, lavabos e duchas con auga quente) e dos propios procesos (as mans so tocaban o pan ó recollelo das moldeadoras para levalo ós taboleiros).

A liña continua de panificación, cunha capacidade de cincuenta toneladas diarias, supera con moito ó consumo de pan na cidade, polo que o empresario ten coma obxectivo deixar obsoleta a produción doméstica e a das pequenas tafonas, substituíndo a unha gran parte dos fabricantes artesanais de pan en Vigo e na bisbarra, abastecendo ás institucións e incorporando novos consumidores de pantrigo.

A estratexia pasa por introducir no mercado pans baratos, hixiénicos e novidosos, reemprazando os modestos postos de despacho de pan por luxosos quioscos deseñados con estruturas de madeira e cristal que contribuirían o embelecemento da cidade.

A innovación da fábrica e do proceso completábase coa innovación no produto: ademais dos formatos de pan tradicionais, a Panificadora comezará fabricando o “pan de ración”, dirixido a colexios, hoteis, tabernas, fondas, etc.

A dimensión do proxecto e os conflitos sociais e corporativos fixeron que algúns dos socios abandonaran a empresa, abrindo de novo as súas vellas tafonas e reavivando a competencia. A Panificadora reaccionou reducindo os prezos e –sobre todo– comezando a produción de fariñas. O edificio principal amplíase en varios andares para acoller a sección de moenda, e en 1931 estaba rematada a nova fábrica de fariñas cos seus catro grandes silos de formigón armado de sección circular rematados por un miradoiro sobre a ría, dende aquela silueta inseparable do horizonte da cidade. Unha nova ampliación, con seis novos silos de sección ovalada, tamén construídos en formigón armado e comunicados co edificio principal por unha pasarela e un túnel, virían a sumarse ó conxunto contra o ano 1940.

A facilidade do comercio de gran con Arxentina en cos Estados Unidos na década de 1930 supoñía unha importante vantaxe competitiva, polo que a Panificadora comeza a distribuír fariñas por toda España, e Valcarce decide ampliar a capacidade de moenda aproveitando o vello edificio da rúa García Barbón no que a “Molinera Gallega” fabricara fariñas ata os primeiros anos do século XX e que viña dende entón sendo aproveitado como colexio.

As dificultades coa licenza municipal o fan abandonar o novo proxecto en Vigo, e entón Valcarce faise coa fábrica de fariñas de Peñaranda de Bracamonte (Salamanca), que comezaría a traballar a finais do ano 1936. A Guerra Civil foi un período favorábel para a empresa, que unha vez superados os problemas de transporte e abasto dos primeiros meses, viu medrar substancialmente as súas vendas de pan, mesmo convertendo ó exército rebelde nun dos seus principais clientes. Os beneficios crecen de tal maneira que a Panificadora adquire en 1938 outra fábrica de fariñas, desta volta en Fontiveros (Ávila).

Trala guerra o intervencionismo do goberno franquista obriga á busca de estratexias para captar cartillas de racionamento e clientes institucionais. A Panificadora xa acaparaba trinta mil cartillas en marzo de 1943, e subministraba pan á Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA) en Marín, ó cuartel vigués de Barreiros, ó campamento pontevedrés de Figueirido, ós campos de prisioneiros de Camposancos e de Santa María de Oia, á Sociedade de Armadores, á flota pesqueira de Bouzas…

Malia os contratempos, a posición da Panificadora no mercado vaise reforzando, e Valcarce decide aumentar a produción na fábrica da Falperra, para o que presenta en 1941 un proxecto de ampliación que lle permitiría pasar de vinte e catro a trinta e cinco ou corenta toneladas diarias, para o que finalmente recibe autorización en 1946.

A abundancia de recursos líquidos nestes anos levou a Antonio Valcarce a entrar noutras actividades económicas: accionista maioritario en “Tranvías Eléctricos de Vigo, S.A.” e membro constituinte de “Vidrios La Florida, S.A.” contra 1943, e mesmo socio en 1954 na banca “Viñas Aranda”, que se convertería en 1957 no “Banco de Vigo, S.A.”

Cara á década dos anos 1960, a Panificadora, que fora unha empresa punteira no seu sector en España, ten unha maquinaria en gran parte obsoleta e unha estrutura empresarial familiar e paternalista. Ademais coa paulatina superación da posguerra e o aumento da renda familiar, o pan vai perdendo protagonismo nutricional e as ventas decaen. Valcarce concibe entón a idea do aproveitamento dos salvados e de outros subprodutos da actividade tradicional de elaboración de pan para a fabricación de pensos compostos, masas alimentarias e outros produtos afíns.

En 1962 crea dentro do mesmo recinto da Panificadora a empresa “Gallega de Nutrición Animal, S.A.” (GANASA), para a elaboración de pensos compostos e masas alimentarias, habilitando coa mesma obra os baixos do edificio da Falperra como locais comerciais. Continuando coa integración vertical, esta novas empresa participaría na creación da “Productora Avícola do Noroeste, S.A.” (PROANASA), granxa dedicada á produción e comercialización de polos e ovos de galiña.

Xa na década de 1970, Valcarce comeza a elaborar tamén pasta de fariña para a masa dos conxelados, industria da que Vigo convertérase en indiscutible referencia española, e a liña de empanados e ultraconxelados de Pescanova convértese no principal cliente da Panificadora.

En novembro de 1968 “Tranvías Eléctricos de Vigo, S.A.” presentaba expediente de crise. Pouco despois, en 1970, o Banco de Vigo pasaba ás mans do Banco Popular. En 1971 “Vidrios La Florida” sofre crecentes complicacións pola competencia da factoría vidreira que o grupo Álvarez levantara en Cabral, “Vidrios Automáticos del Noroeste, S.A.” (VANOSA). O vello edificio da “Molinera Gallega” na céntrica rúa García Barbón é derrubado, levantándose no seu soar un edificio de pisos.

En 1977 “Vidrios La Florida”, impotente ante a subida dos custos enerxéticos, a caída da demanda e a competencia de VANOSA, pecha temporalmente para reparar os graves danos causados na fábrica por unha tormenta, pero xa non volve a abrir e un ano despois remata por pechar definitivamente.

En xaneiro de 1978 morre Antonio Valcarce. No mesmo ano, Pescanova monta a súa propia fábrica de masas de conxelados no Porriño, e GANASA declárase en quebra ó perder o seu primeiro cliente. En 1979 hipotécase a factoría da Falperra para facer fronte os pagos de PROANASA. En 1980 a Panificadora suspende pagos e no 1981 a liña de produción pecha definitivamente tras cincuenta e seis anos de ininterrompidos traballos.

Dende entón o edificio fica a súa sorte, namentres a súa propiedade entra nun círculo de especulación inmobiliario: o Concello de Vigo planea o seu derribo para promover a construción de vivendas, aparcadoiros e locais comerciais.

Construcción:

1924

Abandono:

1981

Tempo de uso:

Traballou a dous turnos

Sistema de produción:

Dende 1924 fabricación continua e automatizada de pan.
Dende 1931 moenda de cereal e elaboración de fariñas panificables.
Dende 1962 fabricación de pensos para alimentación animal e masas alimentarias para a industria.
Dende 1970 elaboración de pasta de fariña para a masa dos conxelados.

Materias Primas:

Cereais

Produtos Elaborados:

Fariñas, pan, pensos, masas alimentarias.

Distribución e comercialización:

O longo do seu desenvolvemento histórico, no ámbito local, rexional e estatal.

Referencias Bibliográficas:

Entremos na Panificadora, 2009. Compañía Viguesa de Panificación [en línea]. Disponible en Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 4 de outubro do 2010].

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Cunqueiro Mora, A., y Álvarez Blázquez, J.M., 1980. Vigo en su historia. Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo.

Facal Rodríguez, M.J., 2006, “Antonio Valcarce García (1888-1978)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 362-385. ISBN 84-96494-83-7.

Garrido Rodríguez, X., e Iglesias Veiga, X.M., 1995. Manuel Gómez Román. Mestre da Arquitectura Galeguista. Prólogo de Francisco Fernández del Riego. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-7507-875-4.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 223-III Vigo / Huso 29 / X 622,67 / Y 4.676,22

Data de Actualización:

9 outubro 2010