117 Minas de Vilaoudriz (A Pontenova)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: A Pontenova
  • Parroquia: Santiago de Vilaoudriz
  • Lugar: Alto da mina
  • Paraxe: Os fornos
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.34755806769866
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.191002368927002
  • Coordeadas UTM: Huso 29 // X 646,70 / Y 4.800,70
  • Clasificación: Minaría de ferro
  • CNAE: 07.10 Extracción de minerales de hierro (Hematites Fe2O3, Goethita Fe2O3H2O, Siderita CO3Fe y Pirita S2Fe).
  • Tipoloxía: Ceo aberto e galerías
  • Comarca: A mariña oriental
  • Marco Xeográfico: Serra de Lourenzá e val do Eo
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Unha vez na Pontenova, na estrada nacional N-640 entre Meira e Ribadeo, crúzase a ponte (a ponte "nova") e fronte dela, alí mesmo, atópanse os fornos de calcinación do mineral. Continuando pola estrada LU-741, que discorre augas arriba pola veira do río, chegaremos en apenas un quilómetro a Vilaoudriz

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Historia:

Famosas en Galicia foran as minas de Vilaoudriz, na marxe dereita do río Eo, parroquia de Santiago de Vilaoudriz, en A Pontenova (Lugo). No 1904 iniciouse a súa explotación a gran escala, embarcándose o mineral por ferrocarril ata un cargadoiro en Ribadeo. Primeiro explotouse a parte superficial de hematites e goethita (a variedade rubia), e logo extraérase por medio de galerías ó mineral profundo, de siderita (a variedade carbonatada). A siderita contén ata un 62% de FeO, con Mn, Ca ou Zn en substitución isomorfa. Hoxe en día é unha mena de ferro en desuso, debido ó alto custo enerxético da súa calcinación a 1.200 ºC para a súa transformación en óxido. Normalmente explótase a cuberta superficial que oxidou de siderita a goethita ou hematites pola acción dos axentes atmosféricos.

A provincia de Lugo ten unha longa tradición no traballo do ferro, pero non sendo as veas que subministraran ás ferrerías tradicionais, a meirande parte dos seus recursos férricos tiñan tal cantidade de fósforo que os facían inútiles para a industria siderúrxica anterior a 1880, dominada pola tecnoloxía Bessemer que miraba por minerais de ferro pobres en fósforo. Pero cando comeza a empregarse o convertedor desenvolvido por Thomas e Gilchrist, que permite eliminar o fósforo mesturando o ferro fundido con caliza, e produce ademais unha escoira que vale como fertilizante, os grandes depósitos de mineral de ferro fosfórico do norte da provincia luguesa cobraron repentino interese comercial.

Tras uns estudos xeolóxicos previos da bacía do Eo ordenados polo enxeñeiro bilbaíno Julio de Lazúrtegui González, as minas de Vilaoudriz, cunha avaliación de dous millóns e medio de toneladas de mineral de ferro, foran denunciadas en 1894, outorgándose a concesión mineira o 28 de xullo de 1895. O mineral en Vilaoudriz presentábase en dúas variedades, rubia e carbonatada. A primeira podíase empregar sen manipulación, mentres que a segunda precisaba dunha calcinación previa, para o que a empresa tivera que construír ata cinco fornos.O laboreo iniciárase baixo a dirección de Martín Gaytán de Ayala, que tomara ó seu cargo as explotacións mineiras e construíra os dous primeiros fornos de calcinación e os depósitos de mineral.

En 1897 a sociedade bilbaína “Sucesores de J.B. Rochet y Compañía” interesouse pola concesión e por fin o 17 de marzo de 1900 quedaba constituída a “Sociedad Minera de Villaodrid”.

Ó seren practicamente inexistentes as infraestruturas de transporte, a empresa houbo de construír trinta e catro quilómetros de ferrocarril de vía estreita desde Vilaoudriz ata Ribadeo para resolver o carrexo do mineral ata o porto de embarque. Os transportes ían mormente despachados para o porto de Rotterdam, con destino á conca siderúrxica do Ruhr, aínda que facíanse tamén frecuentes embarques cara os portos británicos de Ardrosan, Swansea ou Glasgow.

No conxunto das minas de Vilaoudriz os xacementos designados como “Vivero”, “Luisa” e “Consuelo” poderían seren considerados os mellores, con potencias de entre catro e dez metros e nos que a explotación chegaba ós douscentos cincuenta metros de profundidade encol dunha corrida ferruxinosa de dous quilómetros.

Dos minerais extraídos, o hidróxido (a variedade rubia) embarcábase segundo saía dos labores, namentres que o carbonato precisaba de calcinación previa (para eliminar a auga e o ácido carbónico e pasar a óxido ferroso ou férrico), como xa se ten dito. O cargadoiro de Ribadeo tiña unha capacidade de 100 toneladas á hora e nas minas chegaran a alcanzarse producións medias anuais de cento oitenta mil toneladas. Consonte Hernández Sampelayo, a “Sociedad Minera de Villaodrid” habería arrigado un millón e novecentas mil toneladas entre 1904 e 1928.

Os anos da Primeira Guerra Mundial (1914-18) foron moi complicados ó pecharse o acceso o mercado alemán e encarecerse moitísimo os fretes cara o mercado inglés, así que a actividade redúcese ó mínimo e os embarques no porto de Ribadeo véñense abaixo, con fortes conflitos obreiros nas minas e no porto.

Finalizada a guerra os proxectos de Julio de Lazúrtegui de incardinar os xacementos de Vilaoudriz nun vasto complexo mineiro-siderúrxico que incluiría as minas leonesas, cunha ampla rede de transporte ferroviario Ponferrada-Lugo-Ribadeo, non van adiante, e, por outra banda, a abundancia e baratura de chatarra naqueles anos fai evolucionar a produción de aceiro dos sistemas ácidos, que precisan minerais de maior pureza, ós sistemas básicos, que permiten mesmo un 70% de ferros vellos combinados coas menas –fosforosas ou non– na carga dos fornos Siemens-Martin, o que vai afectar gravemente á demanda de minerais fosforosos. Xa que logo, as minas de Vilaoudriz, o mesmo que o resto das minas galegas de ferro, xa non se recuperan da súa decadencia e encaran os seus derradeiros días.

Afortunadamente para todos nós, os fornos de calcinación de mineral das minas de Vilaoudriz e a estación do ferrocarril de A Pontenova, xunto co cargadoiro de Ribadeo foran recuperados contra 1989 e son xa parte visible do patrimonio industrial da nosa terra.

Construcción:

Cara a 1900

Abandono:

Década de 1930

Sistema de produción:

O mineral en Vilaoudriz presentábase en dúas variedades, a rubia e a carbonatada. A primeira podíase empregar sen manipulación, polo que embarcábase segundo saía dos labores, namentres que a segunda precisaba dunha calcinación previa para eliminar a auga e o ácido carbónico e pasar a óxido ferroso ou férrico, e a empresa construiu cinco fornos de calcinación.

Materias Primas:

Mineral de ferro (Hematites Fe2O3, Goethita Fe2O3H2O, Siderita CO3Fe y Pirita S2Fe)

Produtos Elaborados:

Óxidos de ferro

Distribución e comercialización:

Expedición dende o porto de Ribadeo o porto de Rotterdam, con destino á conca siderúrxica do Ruhr. Tamén foron frecuentes embarques cara os portos británicos de Ardrosan, Swansea e Glasgow.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Cueto y Noval, R. del, 1928, La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Hernández Sampelayo, P., 1922, Hierros de Galicia, tomo I, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1931, Hierros de Galicia, tomo II, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1934, Geología gallega (Discurso de ingreso en la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales), Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1935, Hierros de Galicia, tomo III, Gráficas Reunidas, Madrid.

La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Galaxia, Vigo. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Peris Torner, J., 2007. “Ferrocarril de Villaodrid a Ribadeo”, Ferrocarriles de España [en línea]. Disponible en Internet: http://www.spanishrailway.com [Último acceso 12 de octubre del 2010].

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 24-IV A Pontenova // Huso 29 // X 646,70 / Y 4.800,70

Data de Actualización:

15 outubro 2010