121 Ferrocarril Carril-Cornes
- Provincia: A Coruña
- Concello: Vilagarcía de Arousa, Catoira, Valga, Pontecesures, Padrón, Teo, Ames e Santiago de Compostela
- Coord. Xeográficas - Latitude: 42.86965813881406
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.552255630493164
- Coordeadas UTM: Cornes: Huso 29 / X 536,56 / Y 4.746,44; Carril: Huso 29 / X 519,07 / Y 4.717,34
- Clasificación: Transporte de viaxeiros e mercadorías
- CNAE: 49.10 Transporte interurbano de pasajeros por ferrocarril e 49.20 Transporte de mercancías por ferrocarril
- Tipoloxía: Ferrocarril
- Comarca: O Salnés, Caldas, O Sar e Santiago
Tipo de propiedade:
Visitable:
Historia:
Cos antecedentes da Orde de 1852 do Ministerio de Fomento
para promover o ferrocarril en Galicia e a Lei Xeral de Ferrocarrís aprobados o
3 de xuño de 1855, e a estafa da licitación e compra de dereitos ferroviarios
para revendelos sen construír un só quilómetro (operación financeira na que
participou o ferrolán e ex-alcalde coruñés Juan Flórez Freire xunto a Juan
Martínez Picabia, entre outros), o 25 de febreiro de 1860 creábase en Santiago
de Compostela a chamada Xunta Ferroviaria, presidida por Joaquín Caballero
Piñeiro e formada por representantes do Concello de Santiago de Compostela e da
Sociedade Económica de Amigos do País co fin de fundar unha compañía
ferroviaria para tender unha liña férrea entre Santiago e o mar de Arousa.
Tras a presentación e o debate no Congreso dos Deputados,
o 4 de febreiro de 1861 aprobábase por unanimidade a concesión dunha liña
férrea entre Santiago e Pontecesures, e o 7 de abril de 1861 outorgábase por
Decreto Lei a concesión ós señores Domingo Fontán, Inocencio Vilardebó e
Joaquín Caballero.
Coa asistencia das corporacións municipais de Santiago de
Compostela e de Santiago de Carril, do Presidente da Deputación de Pontevedra e
de representantes da Universidade de Santiago e da Sociedade Económica de
Amigos do País, o 30 de marzo de 1862 inaugurábanse en Carril as obras da
primeira liña ferroviaria galega. O alcalde compostelán publicou un bando
anunciando o comezo das obras.
O 10 de febreiro de 1863 os responsables do futuro
ferrocarril Carril-Cornes chegaban a un acordo co enxeñeiro inglés John
Stephenson Mould para que este encargásese da construción da liña férrea. O
proxecto da liña foi desenvolvido polo enxeñeiro inglés Thomas Rumball, cuxo
traballo se iniciaba coa introdución dalgunhas modificacións (por exemplo, o
prolongamento da liña desde o seu termo previsto en Pontecesures ata a
definitiva estación termo en Carril) no trazado orixinariamente proposto sobre
a Carta Xeométrica de Galicia realizada polo matemático e xeógrafo Domingo
Fontán, un dos concesionarios da liña. As obras estiveron a cargo do citado
Mould, o seu socio italiano Camilo Bertorini e o tamén británico Stone, ademais
da sociedade española “Aldalud, Rodríguez e Compañía”.
Xa o 8 de agosto de 1863 transferíase a concesión e
autorizábase por Real decreto a creación da Real
Sociedad del Ferrocarril Compostelano de la Infanta doña Isabel de Santiago al
Puerto de Carril, pomposo e extenso nome co que se designou á primeira liña
ferroviaria que se construíu e operou en Galicia. Nesta sociedade participaban
diversos accionistas galegos emigrados en Cuba, veciños de Carril e de
Compostela. O presidente do consello de administración era don Juan Ozores
Valderrama, señor de Rubiáns, e actuaba como xerente don Inocencio Vilardebó.
Os problemas económicos da compañía, canda diversos
inconvenientes de tipo político e a retirada de varios dos accionistas galegos,
levaron á paralización das obras ferroviarias no ano 1866, o ano da revolta
republicana dos sarxentos artilleiros do cuartel de San Gil, en Madrid, entre
os que se encontraba Juan Fernández Latorre, quen fundaría o diario A Voz de
Galicia o 4 de xaneiro de 1882.
Iniciábase o chamado sexenio revolucionario co
pronunciamento da escuadra en Cádiz o 18 de setembro de 1868, e o 26 do mesmo
mes a raíña Isabel II abandonaba o seu veraneo de Lekeitio para exiliarse en
París, desde onde o 25 de xuño de 1870 abdicaría a Corona de España a favor do
seu fillo Alfonso XII.
Tras conseguir o citado John Stephenson Mould un
empréstito de Credit Foncier, unha
compañía londinense de crédito, e tras unha axitada tempada que acabou co
despedimento do señor Mould, o 31 de xaneiro de 1871 se reiniciaban as obras do
ferrocarril compostelán.
No mes de novembro de 1872, as inundacións que provocaron
as chuvias asociadas a un forte temporal socavaron e derrubaron o viaduto de
Areal, na boca sur do túnel do Faramello, co conseguinte atraso na data
prevista para degoirada inauguración.
Finalmente, o 15 de agosto de 1873, seis meses despois de
proclamada a primeira república (11 de febreiro de 1873), a primeira locomotora
chegaba á estación de Cornes, entón termo municipal de Conxo. O 20 do mesmo mes
facíanse as probas de carga e resistencia da ponte de Ínsua, sobre o río Ulla,
entre as estacións de Padrón e Pontecesures. O 30 de agosto tiña lugar unha
sesión extraordinaria do Concello de Santiago de Compostela para a preparación
dos actos oficiais a desenvolver con motivo da inauguración da liña de
ferrocarril.
O 15 de setembro de 1873, trece anos despois da creación
da Xunta Ferroviaria e presidindo a Real Sociedade don Eugenio Montero Ríos,
tiña lugar a inauguración oficial da liña ferroviaria entre as estacións de
Carril, no termo municipal de Santiago de Carril (hoxe municipio de Vilagarcía
de Arousa) e de Cornes, no termo municipal de Conxo (hoxe municipio de Santiago
de Compostela), o primeiro ferrocarril galego.
Corenta e dous quilómetros de percorrido bordeando a ría
de Arousa, cruzando os ríos Ulla e Sar e atravesando as bisbarras do Ullán e de
Amaía. Dúas pontes metálicas, a Ponte de Ferro sobre o Sar, en Conxo, e a Ponte
dá Ínsua sobre o Ulla, en Padrón (construídas ambas as dúas na fundición de H.
J. Potter, en Manchester) canda os túneles da Fervenza, en Conxo, e do
Faramello, en Calo, eran as súas estruturas máis destacadas. Entre as estacións
termo de Carril e de Cornes contaba con seis estacións intermedias: Catoira,
Pontecesures, Padrón, A Escravitude, Osebe e máis O Casal.
O 15 de setembro de 1875, desaparecida a república polo
golpe de estado do xeral Pavía e reinando xa Alfonso XII, tiña lugar a Primeira
Xunta Xeral de Accionistas da Real
Sociedad del Ferrocarril Compostelano de la Infanta doña Isabel de Santiago al
Puerto de Carril, coñecido xa co máis práctico nome de Ferro-Carril Compostelano.
Corría o ano 1880 cando se facía cargo da xerencia da
empresa o señor John Trulock, inglés de nacemento que acabaría por casarse con
dona Camila Bertorini e establecerse en Iria Flavia, ás aforas de Padrón, onde,
fillo de don Camilo Cela Fernández e de dona Camila Emmanuela Trulock
Bertorini, nacería en 1916 o seu famoso neto Camilo José Cela Trulock, quen
chegaría a obter o Premio Nobel de Literatura no ano 1989. Outra importante
figura das letras españolas, Ramón José Simón del Valle y de la Peña, máis
coñecido como Ramón-María del Valle-Inclán, tivo tamén vinculación co primeiro
ferrocarril galego: o seu pai, o escritor liberal Ramón Valle Bermúdez foi
accionista e secretario do consello de administración do ferrocarril
compostelán.
O 7 de decembro de 1886 iniciábase o reinado de Alfonso
XIII e a compañía inglesa Railway Company Limited substitúe ó Ferro-Carril
Compostelán, trasladando o seu domicilio social e o consello de administración
a Londres, aínda que a xerencia permaneceu sempre en Vilagarcía de Arousa, onde
xunto ás oficinas da compañía habíanse tamén construído os talleres para o
servizo da liña e do material móbil. A medio de escritura pública outorgada o
12 de xaneiro de 1887 o nome oficial da empresa queda rexistrado coa razón
social de The West Galicia Railway
Company Limited. O ferrocarril, coñecido ata entón como “O Compostelán” ou
“O Carril-Cornes”, pasou a ser desde ese momento tamén designado como “Te-Bes”,
nunha contundente versión indíxena do orixinal “The West”.
O 21 de marzo de 1889, “The West” obtiña a concesión do
prolongamento ferroviario entre as localidades de Carril e Pontevedra. O 24 de
xullo de 1899 completábanse os trinta e dous quilómetros que unían Carril con
Pontevedra, co que o vello ferrocarril compostelán quedaba unido ó resto de
España e a Portugal por medio da ligazón de Redondela. Xa en marzo de 1903
inaugurábase o ramal ferroviario ó porto de Vilagarcía de Arousa. Por outra
banda, o 7 de abril de 1925, durante a ditadura de Primo de Rivera, tiña lugar
a anexión do Concello de Conxo ó de Santiago de Compostela.
O 1 de xaneiro de 1928 The West Galicia Railway Company Limited era absorbida pola
compañía MZOV (Compañía de Ferrocarril de Medina del Campo a Zamora e de
Ourense a Vigo), que era pola súa parte absorbida un ano despois pola Compañía
Nacional dos Ferrocarrís do Oeste de España.
Finalizada a Guerra Civil 1936-1939, a Compañía Nacional
dos Ferrocarrís do Oeste de España intégrase o 1 de febreiro de 1941 na
recentemente constituída Rede Nacional de Ferrocarrís (RENFE).
O 14 de abril de 1943 entraba en servizo a nova estación ferroviaria
de Santiago de Compostela, inaugurándose os setenta e catro quilómetros da
conexión ferroviaria coa Coruña. O 24 de xaneiro de 1956 iniciábase o
funcionamento da nova estación de Vilagarcía de Arousa, que arrombaba a vella
estación de Carril como simple apeadoiro para a chamada Praia de Compostela.
En 1992 pechábanse definitivamente os talleres
ferroviarios que se crearan en Vilagarcía de Arousa en 1880, e o 15 de xuño do
ano 2007 púñase en servizo o novo trazado da liña do chamado Eixe Atlántico no
tramo Santiago Faramello-Osebe-Santiago, pechándose o vello apeadoiro e antiga
estación de Casal tras cento trinta e catro anos de ininterrompido servizo.
Construcción:
Inicio das obras en
Carril, o 30 de marzo de 1862.
Inauguración do
traxecto Carril-Cornes o 15 de setembro de 1873.
O 24 de xullo de
1899 completábase o tramo Carril-Pontevedra, quedando unido ó resto da rede
ferroviaria española e portuguesa polo nó de Redondela.
Abandono:
A meirande parte da
liña Carril-Cornes segue a prestar servizo ferroviario, aínda que foron
abandonándose algúns tramos e instalacións:
- O 14 de
abril de 1943 entraba en servizo a nova estación ferroviaria de Santiago de
Compostela, e a primitiva de Cornes ía quedando relegada como apartadoiro
ata o seu definitivo abandono. Hoxe alberga instalacións municipais.
- O 24 de
xaneiro de 1956 iniciábase o funcionamento da nova estación de Vilagarcía de
Arousa, que arrombaba a vella estación de Carril como simple apeadoiro para a
chamada Praia de Compostela.
- En 1992
pechábanse definitivamente os talleres ferroviarios que se crearan en
Vilagarcía de Arousa en 1880.
- O 15 de xuño
do ano 2007 púñase en servizo o novo trazado da liña do chamado Eixe Atlántico
no tramo Santiago Faramello-Osebe-Santiago, pechándose o vello apeadoiro e
antiga estación de Casal tras cento trinta e catro anos de ininterrompido
servizo.
Descrición:
A liña desenvolvíase nun percorrido de corenta e dous quilómetros bordeando
a ría de Arousa, cruzando os ríos Ulla e Sar e atravesando as bisbarras do
Ullán e de Amaía.
No seu traxecto contaba con dúas pontes metálicas, a Ponte da Ínsua sobre o
Ulla, en Padrón, e a Ponte de Ferro sobre o Sar, en Conxo (construídas amba-las
duas na fundición de H. J. Potter, en Manchester), e os túneles do Faramello,
en Calo, e da Fervenza, en Conxo.
Entre as estacións termo de Carril e de Cornes contaba con outras seis estacións
intermedias, xa que logo un total de oito paradas no total da viaxe: Carril, Catoira, Pontecesures, Padrón, A Escravitude, Osebe, O
Casal, e Cornes.
Referencias Bibliográficas:
Abellán
Ruiz, C., 2008, “El ferrocarril cumple 135 años”, El Correo Gallego, 14 de septiembre, p. 59. ISSN 1579-1572.
Barreiro
Fernández, X.R., 2007, “Historia política da Galicia contemporánea. De Isabel
II á Restauración (1833-1874)”, A gran
historia de Galicia, 32 vol.
coordinados por Xosé Ramón Barreiro Fernández y Ramón Villares Paz, Arrecife
Edicións Galegas y
Carmona
Badía, X., 1974, “Ferrocarril”, Gran
enciclopedia gallega, 30 vol., Otero Pedrayo, R. (dir.), Silverio Cañada
Editor, Gijón, vol. 12, p. 167 y sigs. DL VI-415-1974. ISBN 84-7286-029-9
(general). ISBN 84-7286-046-9 (tomo XII).
Cavanna Benet, T.,
2008, “El ferrocarril en Galicia”, El
Extramundi y los papeles de Iria Flavia, Año nº 14, Nº 54, ejemplar
dedicado a: El ferrocarril compostelano de
Lema Negrillo,
J.J., y Vilariño Vieites, A., 2009, Concello
de Conxo (1836-1925): unha historia esquecida, Asociación Amigos de Conxo,
Santiago de Compostela. DL C-2044-2009.
Miguéns García,
X.L., 2008, Historia do Carril-Cornes,
Sotelo Blanco y Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela. D.L.
AS-7517-2008. ISBN 978-84-7824-570-3.
Nárdiz Ortiz, C., 1992, El territorio y los caminos en Galicia. Planos históricos de la red
viaria, Prólogo de José Antonio Fernández Ordóñez, Coordinación y diseño de
Juan Lara Coira, Colección de Ciencias, Humanidades e Ingeniería, Colegio de
Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, Madrid. ISBN 84-380-0066-5.
Peris
Torner, J., 2007. “The West Galicia Railway Company
Limited”,
Ferrocarriles de España [en línea]. Disponible en Internet: http://www.spanishrailway.com [Último acceso 12 de octubre del 2010].
Real Sociedad Económica de Amigos del País de
Santiago, 2006,
Rodríguez Bugarín, M., y Nárdiz Ortiz, C., 1996, El ferrocarril en el noroeste de España,
Universidade da Coruña y Fundación de
Villares
Paz, R., y Artiaga Rego, A., 2007, “Galicia no século XIX. Industria e
ordenación do territorio”, A gran
historia de Galicia, 32 vol.
coordinados por Xosé Ramón Barreiro Fernández y Ramón Villares Paz, Arrecife
Edicións Galegas y
Wais San Martín, F., 1967, Historia general de los ferrocarriles españoles, 1830-1941, 2ª ed.
1974, Editora Nacional, Madrid.
Índice de mapas e planos:
Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000:
Hoja 94-IV Santiago de Compostela / Huso
29 / X 536,56 / Y 4.746,44 (Estacións de Cornes e de O Casal)
Hoja 120-II Extramundi
de Abaixo (Estacións de Osebe e Escravitude)
Hoja 120-IV Padrón (Estacións de
Hoja 152-III
Hoja 152-I Vilagarcía de Arousa / Huso
29 / X 519,07 / Y 4.717,34 (Estación de Carril)