121 Ferrocarril Carril-Cornes

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Vilagarcía de Arousa, Catoira, Valga, Pontecesures, Padrón, Teo, Ames e Santiago de Compostela
  • Parroquia: Varias
  • Lugar: Varios
  • Paraxe: Varios
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.86965813881406
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.552255630493164
  • Coordeadas UTM: Cornes: Huso 29 / X 536,56 / Y 4.746,44; Carril: Huso 29 / X 519,07 / Y 4.717,34
  • Clasificación: Transporte de viaxeiros e mercadorías
  • CNAE: 49.10 Transporte interurbano de pasajeros por ferrocarril e 49.20 Transporte de mercancías por ferrocarril
  • Tipoloxía: Ferrocarril
  • Comarca: O Salnés, Caldas, O Sar e Santiago
  • Marco Xeográfico: Recorrido ferroviario inicial entre a estación ferroviaria construída na vila e porto de Carril e a estación ferroviaria edifica
  • Ámbito: Rural e urbano
  • Acceso: A vella estación de Cornes, no hoxe barrio santiagués de Conxo. Outras estacións (Carril, Padrón, A Esclavitude) e singularidades do trazado (pontes e túneis) poden localizarse seguindo o antigo trazado ferroviario.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Cos antecedentes da Orde de 1852 do Ministerio de Fomento para promover o ferrocarril en Galicia e a Lei Xeral de Ferrocarrís aprobados o 3 de xuño de 1855, e a estafa da licitación e compra de dereitos ferroviarios para revendelos sen construír un só quilómetro (operación financeira na que participou o ferrolán e ex-alcalde coruñés Juan Flórez Freire xunto a Juan Martínez Picabia, entre outros), o 25 de febreiro de 1860 creábase en Santiago de Compostela a chamada Xunta Ferroviaria, presidida por Joaquín Caballero Piñeiro e formada por representantes do Concello de Santiago de Compostela e da Sociedade Económica de Amigos do País co fin de fundar unha compañía ferroviaria para tender unha liña férrea entre Santiago e o mar de Arousa.

Tras a presentación e o debate no Congreso dos Deputados, o 4 de febreiro de 1861 aprobábase por unanimidade a concesión dunha liña férrea entre Santiago e Pontecesures, e o 7 de abril de 1861 outorgábase por Decreto Lei a concesión ós señores Domingo Fontán, Inocencio Vilardebó e Joaquín Caballero.

Coa asistencia das corporacións municipais de Santiago de Compostela e de Santiago de Carril, do Presidente da Deputación de Pontevedra e de representantes da Universidade de Santiago e da Sociedade Económica de Amigos do País, o 30 de marzo de 1862 inaugurábanse en Carril as obras da primeira liña ferroviaria galega. O alcalde compostelán publicou un bando anunciando o comezo das obras.

O 10 de febreiro de 1863 os responsables do futuro ferrocarril Carril-Cornes chegaban a un acordo co enxeñeiro inglés John Stephenson Mould para que este encargásese da construción da liña férrea. O proxecto da liña foi desenvolvido polo enxeñeiro inglés Thomas Rumball, cuxo traballo se iniciaba coa introdución dalgunhas modificacións (por exemplo, o prolongamento da liña desde o seu termo previsto en Pontecesures ata a definitiva estación termo en Carril) no trazado orixinariamente proposto sobre a Carta Xeométrica de Galicia realizada polo matemático e xeógrafo Domingo Fontán, un dos concesionarios da liña. As obras estiveron a cargo do citado Mould, o seu socio italiano Camilo Bertorini e o tamén británico Stone, ademais da sociedade española “Aldalud, Rodríguez e Compañía”.

Xa o 8 de agosto de 1863 transferíase a concesión e autorizábase por Real decreto a creación da Real Sociedad del Ferrocarril Compostelano de la Infanta doña Isabel de Santiago al Puerto de Carril, pomposo e extenso nome co que se designou á primeira liña ferroviaria que se construíu e operou en Galicia. Nesta sociedade participaban diversos accionistas galegos emigrados en Cuba, veciños de Carril e de Compostela. O presidente do consello de administración era don Juan Ozores Valderrama, señor de Rubiáns, e actuaba como xerente don Inocencio Vilardebó.

Os problemas económicos da compañía, canda diversos inconvenientes de tipo político e a retirada de varios dos accionistas galegos, levaron á paralización das obras ferroviarias no ano 1866, o ano da revolta republicana dos sarxentos artilleiros do cuartel de San Gil, en Madrid, entre os que se encontraba Juan Fernández Latorre, quen fundaría o diario A Voz de Galicia o 4 de xaneiro de 1882.

Iniciábase o chamado sexenio revolucionario co pronunciamento da escuadra en Cádiz o 18 de setembro de 1868, e o 26 do mesmo mes a raíña Isabel II abandonaba o seu veraneo de Lekeitio para exiliarse en París, desde onde o 25 de xuño de 1870 abdicaría a Corona de España a favor do seu fillo Alfonso XII.

Tras conseguir o citado John Stephenson Mould un empréstito de Credit Foncier, unha compañía londinense de crédito, e tras unha axitada tempada que acabou co despedimento do señor Mould, o 31 de xaneiro de 1871 se reiniciaban as obras do ferrocarril compostelán.

No mes de novembro de 1872, as inundacións que provocaron as chuvias asociadas a un forte temporal socavaron e derrubaron o viaduto de Areal, na boca sur do túnel do Faramello, co conseguinte atraso na data prevista para degoirada inauguración.

Finalmente, o 15 de agosto de 1873, seis meses despois de proclamada a primeira república (11 de febreiro de 1873), a primeira locomotora chegaba á estación de Cornes, entón termo municipal de Conxo. O 20 do mesmo mes facíanse as probas de carga e resistencia da ponte de Ínsua, sobre o río Ulla, entre as estacións de Padrón e Pontecesures. O 30 de agosto tiña lugar unha sesión extraordinaria do Concello de Santiago de Compostela para a preparación dos actos oficiais a desenvolver con motivo da inauguración da liña de ferrocarril.

O 15 de setembro de 1873, trece anos despois da creación da Xunta Ferroviaria e presidindo a Real Sociedade don Eugenio Montero Ríos, tiña lugar a inauguración oficial da liña ferroviaria entre as estacións de Carril, no termo municipal de Santiago de Carril (hoxe municipio de Vilagarcía de Arousa) e de Cornes, no termo municipal de Conxo (hoxe municipio de Santiago de Compostela), o primeiro ferrocarril galego.

Corenta e dous quilómetros de percorrido bordeando a ría de Arousa, cruzando os ríos Ulla e Sar e atravesando as bisbarras do Ullán e de Amaía. Dúas pontes metálicas, a Ponte de Ferro sobre o Sar, en Conxo, e a Ponte dá Ínsua sobre o Ulla, en Padrón (construídas ambas as dúas na fundición de H. J. Potter, en Manchester) canda os túneles da Fervenza, en Conxo, e do Faramello, en Calo, eran as súas estruturas máis destacadas. Entre as estacións termo de Carril e de Cornes contaba con seis estacións intermedias: Catoira, Pontecesures, Padrón, A Escravitude, Osebe e máis O Casal.

O 15 de setembro de 1875, desaparecida a república polo golpe de estado do xeral Pavía e reinando xa Alfonso XII, tiña lugar a Primeira Xunta Xeral de Accionistas da Real Sociedad del Ferrocarril Compostelano de la Infanta doña Isabel de Santiago al Puerto de Carril, coñecido xa co máis práctico nome de Ferro-Carril Compostelano.

Corría o ano 1880 cando se facía cargo da xerencia da empresa o señor John Trulock, inglés de nacemento que acabaría por casarse con dona Camila Bertorini e establecerse en Iria Flavia, ás aforas de Padrón, onde, fillo de don Camilo Cela Fernández e de dona Camila Emmanuela Trulock Bertorini, nacería en 1916 o seu famoso neto Camilo José Cela Trulock, quen chegaría a obter o Premio Nobel de Literatura no ano 1989. Outra importante figura das letras españolas, Ramón José Simón del Valle y de la Peña, máis coñecido como Ramón-María del Valle-Inclán, tivo tamén vinculación co primeiro ferrocarril galego: o seu pai, o escritor liberal Ramón Valle Bermúdez foi accionista e secretario do consello de administración do ferrocarril compostelán.

O 7 de decembro de 1886 iniciábase o reinado de Alfonso XIII e a compañía inglesa Railway Company Limited substitúe ó Ferro-Carril Compostelán, trasladando o seu domicilio social e o consello de administración a Londres, aínda que a xerencia permaneceu sempre en Vilagarcía de Arousa, onde xunto ás oficinas da compañía habíanse tamén construído os talleres para o servizo da liña e do material móbil. A medio de escritura pública outorgada o 12 de xaneiro de 1887 o nome oficial da empresa queda rexistrado coa razón social de The West Galicia Railway Company Limited. O ferrocarril, coñecido ata entón como “O Compostelán” ou “O Carril-Cornes”, pasou a ser desde ese momento tamén designado como “Te-Bes”, nunha contundente versión indíxena do orixinal “The West”.

O 21 de marzo de 1889, “The West” obtiña a concesión do prolongamento ferroviario entre as localidades de Carril e Pontevedra. O 24 de xullo de 1899 completábanse os trinta e dous quilómetros que unían Carril con Pontevedra, co que o vello ferrocarril compostelán quedaba unido ó resto de España e a Portugal por medio da ligazón de Redondela. Xa en marzo de 1903 inaugurábase o ramal ferroviario ó porto de Vilagarcía de Arousa. Por outra banda, o 7 de abril de 1925, durante a ditadura de Primo de Rivera, tiña lugar a anexión do Concello de Conxo ó de Santiago de Compostela.

O 1 de xaneiro de 1928 The West Galicia Railway Company Limited era absorbida pola compañía MZOV (Compañía de Ferrocarril de Medina del Campo a Zamora e de Ourense a Vigo), que era pola súa parte absorbida un ano despois pola Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste de España.

Finalizada a Guerra Civil 1936-1939, a Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste de España intégrase o 1 de febreiro de 1941 na recentemente constituída Rede Nacional de Ferrocarrís (RENFE).

O 14 de abril de 1943 entraba en servizo a nova estación ferroviaria de Santiago de Compostela, inaugurándose os setenta e catro quilómetros da conexión ferroviaria coa Coruña. O 24 de xaneiro de 1956 iniciábase o funcionamento da nova estación de Vilagarcía de Arousa, que arrombaba a vella estación de Carril como simple apeadoiro para a chamada Praia de Compostela.

En 1992 pechábanse definitivamente os talleres ferroviarios que se crearan en Vilagarcía de Arousa en 1880, e o 15 de xuño do ano 2007 púñase en servizo o novo trazado da liña do chamado Eixe Atlántico no tramo Faramello-Osebe-Santiago, pechándose o vello apeadoiro e antiga estación de Casal tras cento trinta e catro anos de ininterrompido servizo.

Construcción:

Inicio das obras en Carril, o 30 de marzo de 1862.

Inauguración do traxecto Carril-Cornes o 15 de setembro de 1873.

O 24 de xullo de 1899 completábase o tramo Carril-Pontevedra, quedando unido ó resto da rede ferroviaria española e portuguesa polo nó de Redondela.

Abandono:

A meirande parte da liña Carril-Cornes segue a prestar servizo ferroviario, aínda que foron abandonándose algúns tramos e instalacións:

- O 14 de abril de 1943 entraba en servizo a nova estación ferroviaria de Santiago de Compostela, e a primitiva de Cornes ía quedando relegada como apartadoiro ata o seu definitivo abandono. Hoxe alberga instalacións municipais.

- O 24 de xaneiro de 1956 iniciábase o funcionamento da nova estación de Vilagarcía de Arousa, que arrombaba a vella estación de Carril como simple apeadoiro para a chamada Praia de Compostela.

- En 1992 pechábanse definitivamente os talleres ferroviarios que se crearan en Vilagarcía de Arousa en 1880.

- O 15 de xuño do ano 2007 púñase en servizo o novo trazado da liña do chamado Eixe Atlántico no tramo Santiago Faramello-Osebe-Santiago, pechándose o vello apeadoiro e antiga estación de Casal tras cento trinta e catro anos de ininterrompido servizo.

Descrición:

A liña desenvolvíase nun percorrido de corenta e dous quilómetros bordeando a ría de Arousa, cruzando os ríos Ulla e Sar e atravesando as bisbarras do Ullán e de Amaía.

No seu traxecto contaba con dúas pontes metálicas, a Ponte da Ínsua sobre o Ulla, en Padrón, e a Ponte de Ferro sobre o Sar, en Conxo (construídas amba-las duas na fundición de H. J. Potter, en Manchester), e os túneles do Faramello, en Calo, e da Fervenza, en Conxo.

Entre as estacións termo de Carril e de Cornes contaba con outras seis estacións intermedias, xa que logo un total de oito paradas no total da viaxe: Carril, Catoira, Pontecesures, Padrón, A Escravitude, Osebe, O Casal, e Cornes.

Notas:

Francisco Porto Codesido foi o primeiro maquinista da locomotora Sar, máis coñecida como A Sarita. Deixamos expreso o agradecemento ao seu bisneto, Juan Carlos Porto, quen nos fixo chegar as fotografías do seu bisavó e da locomotora.

É tamén de xustiza o noso agradecemento á Asociación Amigos de Conxo, que nos fixo chegar a fotografía do depósito de máquinas e a planta de envasado de aceites da empresa Elosúa, en fotografía de César González Mazaira de 1979.


Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Variadas actividades de enxeñaría, construción, obra civil e edificación.

Actividades laborais:

Cabe facer diferencia entre as tarefas e obras de deseño e construción da liña férrea e instalacións accesorias e os traballos vinculados á explotación do ferrocarril.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Variadas e numerosas, asociadas tanto á construción da liña como á explotación e mantemento da mesma.

Produtos Elaborados:

Liña ferroviaria Carril-Cornes.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Abellán Ruiz, C., 2008, “El ferrocarril cumple 135 años”, El Correo Gallego, 14 de septiembre, p. 59. ISSN 1579-1572.

Barreiro Fernández, X.R., 2007, “Historia política da Galicia contemporánea. De Isabel II á Restauración (1833-1874)”, A gran historia de Galicia, 32 vol. coordinados por Xosé Ramón Barreiro Fernández y Ramón Villares Paz, Arrecife Edicións Galegas y La Voz de Galicia, A Coruña, vol. 23, tomo XI, vol. 2, p. 123 y sigs. DL M-37.671-2007. ISBN 978-84-96931-00-8.

Carmona Badía, X., 1974, “Ferrocarril”, Gran enciclopedia gallega, 30 vol., Otero Pedrayo, R. (dir.), Silverio Cañada Editor, Gijón, vol. 12, p. 167 y sigs. DL VI-415-1974. ISBN 84-7286-029-9 (general). ISBN 84-7286-046-9 (tomo XII).

Cavanna Benet, T., 2008, “El ferrocarril en Galicia”, El Extramundi y los papeles de Iria Flavia, Año nº 14, Nº 54, ejemplar dedicado a: El ferrocarril compostelano de la Infanta Dª Isabel & The West Galicia Railway Company (la azarosa historia del primer ferrocarril gallego), p. 23-40. ISSN 1134-9905.

Lema Negrillo, J.J., y Vilariño Vieites, A., 2009, Concello de Conxo (1836-1925): unha historia esquecida, Asociación Amigos de Conxo, Santiago de Compostela. DL C-2044-2009.

Miguéns García, X.L., 2008, Historia do Carril-Cornes, Sotelo Blanco y Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela. D.L. AS-7517-2008. ISBN 978-84-7824-570-3.

Nárdiz Ortiz, C., 1992, El territorio y los caminos en Galicia. Planos históricos de la red viaria, Prólogo de José Antonio Fernández Ordóñez, Coordinación y diseño de Juan Lara Coira, Colección de Ciencias, Humanidades e Ingeniería, Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, Madrid. ISBN 84-380-0066-5.

Peris Torner, J., 2007. “The West Galicia Railway Company Limited”, Ferrocarriles de España [en línea]. Disponible en Internet: http://www.spanishrailway.com [Último acceso 12 de octubre del 2010].

Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, 2006, La Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela 1784-2006. Enrique Fernández Castiñeiras y María del Carmen Folgar de la Calle (coordinadores), Santiago de Compostela: Fundación Caixa Galicia, 2006.

Rodríguez Bugarín, M., y Nárdiz Ortiz, C., 1996, El ferrocarril en el noroeste de España, Universidade da Coruña y Fundación de la Ingeniería Civil de Galicia, Coruña.

Villares Paz, R., y Artiaga Rego, A., 2007, “Galicia no século XIX. Industria e ordenación do territorio”, A gran historia de Galicia, 32 vol. coordinados por Xosé Ramón Barreiro Fernández y Ramón Villares Paz, Arrecife Edicións Galegas y La Voz de Galicia, A Coruña, vol. 28, tomo XII, vol. 2, p. 44 y sigs. DL M-37.671-2007. ISBN 978-84-96931-00-8.

Wais San Martín, F., 1967, Historia general de los ferrocarriles españoles, 1830-1941, 2ª ed. 1974, Editora Nacional, Madrid.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000:

Hoja 94-IV Santiago de Compostela / Huso 29 / X 536,56 / Y 4.746,44 (Estacións de Cornes e de O Casal)

Hoja 120-II Extramundi de Abaixo (Estacións de Osebe e Escravitude)

Hoja 120-IV Padrón (Estacións de Padrón e Pontecesures)

Hoja 152-III Catoira (Estación de Catoira)

Hoja 152-I Vilagarcía de Arousa / Huso 29 / X 519,07 / Y 4.717,34 (Estación de Carril)

Data de Actualización:

17 outubro 2010 / 25 setembro 2023