122 Conservas Massó en Bueu
- Provincia: Pontevedra
- Concello: Bueu
- Parroquia: San Martiño
- Lugar: O Porto
- Dirección: Rúa Montero Ríos, s/n
- Coord. Xeográficas - Latitude: 42.326863581101236
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.785725831985474
- Coordeadas UTM: Huso 29 // X 517,82 / Y 4.686,33
- Clasificación: Fábrica de salga e conservas de peixe
- CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de pescado (Salazón y conserva de sardina y otros).
- Comarca: O Morrazo
- Acceso: No mesmo núcleo urbán de Bueu, na rúa Montero Ríos, fronte o porto pesqueiro.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Xestión de visitas:
• Datos de contacto
Montero Ríos s/n, 36930 Bueu (Pontevedra)
www.xunta.es/conselle/cultura/patrimonio/museos/masso/index.html
museo.masso
Teléfono: 986 32 18 38
Fax: 986 32 18 38
Horario
Inverno (do15 de setembro ao 30 de xuño):
- De martes a
sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
- Domingos e
festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
- Os luns pechado.
- Pechado os días
24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro.
Verán (do 1 de xullo ao 15 de setembro):
- De martes a
sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00.
- Domingos e
festivos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00.
- Os luns pechado.
Prezo: Gratuíto.
Visitas: Libres ou guiadas para grupos e escolares (concertadas
previamente).
Historia:
Aínda que os diferentes portos
galegos xa despachaban ó Levante importantes cantidades de sardiña ó longo do
século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar
do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura
sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o
comercio con Inglaterra.
Co desabastecemento dos seus
mercados os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as
primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor
de mercar sardiña e preparala cos métodos de salgadura desenvolvidos no
Mediterráneo ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre
abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– voltando despois ó Levante ata
a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.
As primeiras actividades
comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do
mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” ós
mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores,
aceite, xabón…) e bacallau danés.
No escochado a sardiña era aberta
e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas
tallas e cando se xuntaban as suficientes posteriormente deixadas a salgar nos
píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en
voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba
unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a
barrica, tapábase para a súa comercialización. Ó non lle extrae-la graxa a
oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente
o seu aspecto.
As cabezas e as tripas prensábanse
nas tallas poñendo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla,
extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros
(normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de
madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou
lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación os portos europeos (Hamburgo,
Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).
A primeira etapa remata trala
ocupación francesa e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías
locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único
obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a
sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade das
salgadeiras, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta
industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca. Tres foron as
innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a
xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco;
as novas técnicas de salgadura (o salpresado fronte o escochado); e os novos
sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do
traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.
A familia Massó, orixinaria da
vila mediterránea de Blanes, establecía contra o ano 1816 unha compañía de
salgaduras de peixe na vila mariñeira de Bueu (Pontevedra), compañía mixta que
levaba o nome dos catro socios: Massó, Dotras, Ricart y Buch.
Case setenta anos máis tarde, o 24
de xullo de 1883, Salvador Massó Palau que mercara a fábrica de salga entón chamada
“Almacén do Rei” para cedela á sociedade “Massó e Hijos”, creada en 1880 cos
seus fillos, decidía levar a cabo a transición da salgadura á conserva
hermética de peixe. Xunto co empresario francés Pascual Dargenton Lafont
fundaba a sociedade “La Perfección”, co obxectivo da comercialización por xunto
de sardiñas en aceite e doutros peixes, ademais da fabricación das latas.
Trala morte de Salvador Massó en
1886, os seus fillos Gaspar e Salvador Massó Ferrer, disolvían en 1898 a
primitiva sociedade e fundaban unha nova conserveira “Massó Hermanos” sobre as
bases da anterior, dedicándose á produción de conservas e salgas de peixe,
compra e venda de fariñas, redes, e fabricación de toda clase de artefactos de
pesca.
Grazas ós beneficios
extraordinarios xerados durante a Primeira Guerra Mundial (1914-18) os irmáns
Massó Ferrer puideron levar a cabo procesos de integración vertical na súa
empresa, construíndo varias embarcacións de vapor con tecnoloxía británica: o Massó 5, en 1916; o Massó 6, en 1918; o Independiente,
o Nuevo Silvestre e o Colón, en 1920.
Tamén decidiran investir as
ganancias na creación contra 1926 dunha nova fábrica de transformación de peixe
en Bueu, ademais de un novo taller de manufactura de latas.
Como era habitual no sector
conserveiro, as súas múltiples marcas de diferentes calidades (Massó, Kairel,
Gaviota, El Porrón, Massó Brand) se comercializaban tamén nos mercados da
exportación, tanto en América (principalmente Estados Unidos, Arxentina e Chile)
como en Europa (especialmente Francia).
Unha parte do espazo que ocupaba a
vella salgadeira establecida por Salvador Massó en Bueu en 1816 transformaríase
no “Museo Massó”, que se inauguraba en 1932 cunha ampla colección de obxectos relacionados co
mar e unha salientábel colección bibliográfica pertencentes á familia dos
Massó.
Nas salas do museo amósanse
modelos de embarcacións históricas, raros exemplares de cartografía náutica,
incunábeis e documentación naval. Ademais presenta pezas de carácter
etnográfico e industrial coa exposición dos útiles de boa parte dos oficios
vencellados á pesca e das antigas máquinas da industria conserveira.
Na primeira sala amósanse obxectos
da antiga factoría de conservas (prensas, cuños, cizallas…), pranchas
litografadas e latas coas súas respectivas marcas comerciais. Varias fotos
antigas axudan a comprender o funcionamento da antiga fábrica.
Na segunda sala pódese contemplar
a antiga colección bibliográfica recompilada pola familia Massó, que abrangue
temas de astronomía, cartografía, pesca, arquitectura naval, e mesmo cociña e literatura.
Nesta colección destacan varios incunábeis, coma a Cosmographia de Claudio Tolomeo de 1493.
Complétase o museo cunha colección
de instrumentos náuticos (astrolabios, compases, bitácoras, octantes, etc.);
maquetas de embarcacións históricas como o San Juan Nepomuceno, a Victoria, a
Santa María; e un bo número de gravados de escenas mariñas. Ademais o museo
recuperou material fílmico inédito de arquivos privados para ser proxectado
dentro das instalacións.
No ano 1992 o museo, incluíndo a
actual sede e a colección do antigo museo, foi adquirido á familia Massó pola
Xunta de Galicia (Consellería de Cultura e Deporte), inventariado e
musealizado, abrindo as súas portas no ano 2002. Entre os servizos e
actividades do museo destacan as visitas guiadas para grupos e escolares, as exposicións
temporais, as conferencias e a presentación de libros, as actividades infantís,
a colaboración na organización da regata "Trofeo Museo Massó", ou a colaboración
nos "Encontros de embarcacións tradicionais" de Bueu.
Construcción:
Abandono:
Descrición:
Polo xeral os almacéns de salga
foran edificados na mesma liña do mar, próximos á beira, en enseadas ó abeiro e
de acceso doado para as pequenas embarcacións que descargaban a sardiña. De non
contaren con porto construíanse pequenos peiraos ou unha sinxela rampla de
atraque.
Para dispor dos terreos nos que
edificar a súa industria, os fomentadores cataláns propoñían contratos ou
pactos polos que se aforaban os solares en troques dunha venda, aínda que tamén
podían optar por unha cesión en réxime de arrendo.
A meirande parte dos almacéns
consta unicamente de unha planta baixa disposta en forma rectangular, cunhas
dimensións de ata vinte metros de fachada e corenta metros de fondo. A
construción, con pedra de gra na cantería, vaos de portas e ventás, e mailos
esquinais, cachotería nas paredes e cuberta a dúas augas con tella do país,
distribuíase pola periferia do solar, deixando un espazoso patio no interior.
Nas marxes do patio os madeiros que soportan o teito descansan en pilastras de
granito.
O almacén ou fábrica de salga tiña
tres partes principais: a chanca, o claro e o morto. A chanca é onde se salgaba
a sardiña e adoita ter de oito a dezaseis ou máis píos ou lagares, cadanseu pío
con capacidade de douscentos milleiros de sardiñas. O claro viña sendo a parte
central, o patio, non cuberto para que houbese luz en toda a fábrica. O morto
era a parte do almacén onde se prensaba a sardiña.
Na banda dos lagares (normalmente
nun dos laterais da edificación) situábase o almacén do sal –o alfolín– o
almacén dos utensilios propios da industria e mailo taller de carpintería. Na
outra banda, a do morto (comunmente fronte á chanca, no outro lateral) dispúñanse
os depósitos para as morcas e o saín, a graxa das sardiñas que saía das prensas;
o chan do morto ía lousado de cantería, cunhas acanaladuras que desembocaban no
depósito de decantación do saín no cal quedaba a auga embaixo e o saín rebordaba
para o depósito propio del. O claro tiña o chan totalmente lousado cunha
lixeira caída cara o centro no que se dispuña unha gabia ou canaleta para
desauga-los líquidos do lavado das sardiñas, as augas con sosa do baldeo e a
auga da chuvia.
No fronte do almacén situábase a
vivenda do fomentador e a súa familia. Aínda que inicialmente eran tamén de
planta baixa, nalgúns casos a bonanza económica permitiu habilitar unha segunda
planta. O despacho do fomentador, e nalgúns casos do seu capataz ou encargado,
miraban ó interior do patio, co gallo de controlar o traballo dos operarios,
mulleres na súa meirande parte.
No taller de carpintería
construíanse os cascos, recipientes cilíndricos feitos con doelas de madeira de
piñeiro suxeitas con aros de cinta de castiñeiro ou ameneiro. Os primeiros
cascos (chamados pipas, medias pipas, etc.) foran de gran tamaño con
capacidades de seis mil a vinte mil sardiñas e pesos de ata trescentos
quilogramos, o que facía sumamente dificultoso o seu manexo. Foron reducíndose
os tamaños dos cascos que recibían entón os nomes de cuartos, sextos, novenos,
ou xenericamente tabais. A finais do século XIX eran dous os tipos fundamentais
de casco: o tabal, duns trinta quilogramos, e a pandeireta, de arredor de vinte
quilogramos de peixe.
Nas salgadeiras aparece as veces o
complemento do encascador para curar as redes de algodón, consistente nun
pequeno solar cunha caldeira, a poza da casca e un pequeno almacén. Na caldeira
cocíase a casca (cortiza de piñeiro mediterráneo, rica en tanino, traída de
Barcelona ou Mallorca) en auga doce para preparar a tintura coa a que se
cubrirían as redes introducidas na poza da casca; o almacén servía para gardar
piñas e leña de piñeiro e de carballo, ademais da casca de piñeiro, pinturas,
pinceis, alcatrán, patente, brea, fío, cortizas, chumbos, cabos, agullas, etc.
Referencias Bibliográficas:
Agrafoxo
Pérez, X., 1991, 400 anos na historia da
vila de Noia: dende a Idade Moderna ata a Segunda República. Noia: Concello
de Noia.
Alonso
Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la
Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN
84-7339-243-4.
Asociación
Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da
conserva. Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.
Carmona
Badía, J., 1985. «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de
Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 16, Galicia. Madrid: Fundación Fondo para
Carmona
Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El
empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña:
Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico,
adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen
Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade
de Santiago de Compostela, p. 139-206. ISBN 84-8121-719-0.
García Fernández, A., 2006, "Construcións marítimas da
nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista
Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra,
p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.
López
Capont, F., 1998, El desarrollo
industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a
Galicia, Fundación Pedro Barrié de
Mariño
del Río, M.,
Muñoz
Abeledo, L., 2006, “Gaspar Massó García (1892-1991)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación
Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 412-431.
ISBN 84-96494-83-7.
Romaní
García, A., 1981: La pesca de bajura en Galicia. Sada: Ediciós do
Castro. ISBN 978-84-7492-087-1
Romaní
García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en
Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.
Sánchez
Cidrás, A. (coord.), 1997. “A salazón
en Bueu”. O candil: revista do Colexio Público de Bueu, nº 14, xuño 1997.
Bueu: Colexio Público de Bueu. DL PO-2-1996. ISSN 1137-1994.
Sáñez
Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca
Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de
Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.
Taboada
Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y
ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de
las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.