122 Conservas Massó en Bueu

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Bueu
  • Parroquia: San Martiño
  • Lugar: O Porto
  • Dirección: Rúa Montero Ríos, s/n
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.326863581101236
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.785725831985474
  • Coordeadas UTM: Huso 29 // X 517,82 / Y 4.686,33
  • Clasificación: Fábrica de salga e conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de pescado (Salazón y conserva de sardina y otros).
  • Comarca: O Morrazo
  • Acceso: No mesmo núcleo urbán de Bueu, na rúa Montero Ríos, fronte o porto pesqueiro.

Tipo de propiedade:

Pública (Xunta de Galicia)

Visitable:

Xestión de visitas:

• Datos de contacto

Montero Ríos s/n, 36930 Bueu (Pontevedra)

www.xunta.es/conselle/cultura/patrimonio/museos/masso/index.html

museo.masso xunta.es

Teléfono: 986 32 18 38

Fax: 986 32 18 38

Horario

Inverno (do15 de setembro ao 30 de xuño):

  • De martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
  • Domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
  • Os luns pechado.
  • Pechado os días 24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro.

Verán (do 1 de xullo ao 15 de setembro):

  • De martes a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00.
  • Domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00.
  • Os luns pechado.

Prezo: Gratuíto.

Visitas: Libres ou guiadas para grupos e escolares (concertadas previamente).

Historia:

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ó Levante importantes cantidades de sardiña ó longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Co desabastecemento dos seus mercados os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor de mercar sardiña e preparala cos métodos de salgadura desenvolvidos no Mediterráneo ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– voltando despois ó Levante ata a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.

As primeiras actividades comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” ós mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés.

No escochado a sardiña era aberta e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas tallas e cando se xuntaban as suficientes posteriormente deixadas a salgar nos píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a barrica, tapábase para a súa comercialización. Ó non lle extrae-la graxa a oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente o seu aspecto.

As cabezas e as tripas prensábanse nas tallas poñendo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla, extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros (normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación os portos europeos (Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).

A primeira etapa remata trala ocupación francesa e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade das salgadeiras, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca. Tres foron as innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco; as novas técnicas de salgadura (o salpresado fronte o escochado); e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

A familia Massó, orixinaria da vila mediterránea de Blanes, establecía contra o ano 1816 unha compañía de salgaduras de peixe na vila mariñeira de Bueu (Pontevedra), compañía mixta que levaba o nome dos catro socios: Massó, Dotras, Ricart y Buch.

Case setenta anos máis tarde, o 24 de xullo de 1883, Salvador Massó Palau que mercara a fábrica de salga entón chamada “Almacén do Rei” para cedela á sociedade “Massó e Hijos”, creada en 1880 cos seus fillos, decidía levar a cabo a transición da salgadura á conserva hermética de peixe. Xunto co empresario francés Pascual Dargenton Lafont fundaba a sociedade “La Perfección”, co obxectivo da comercialización por xunto de sardiñas en aceite e doutros peixes, ademais da fabricación das latas.

Trala morte de Salvador Massó en 1886, os seus fillos Gaspar e Salvador Massó Ferrer, disolvían en 1898 a primitiva sociedade e fundaban unha nova conserveira “Massó Hermanos” sobre as bases da anterior, dedicándose á produción de conservas e salgas de peixe, compra e venda de fariñas, redes, e fabricación de toda clase de artefactos de pesca.

Grazas ós beneficios extraordinarios xerados durante a Primeira Guerra Mundial (1914-18) os irmáns Massó Ferrer puideron levar a cabo procesos de integración vertical na súa empresa, construíndo varias embarcacións de vapor con tecnoloxía británica: o Massó 5, en 1916; o Massó 6, en 1918; o Independiente, o Nuevo Silvestre e o Colón, en 1920.

Tamén decidiran investir as ganancias na creación contra 1926 dunha nova fábrica de transformación de peixe en Bueu, ademais de un novo taller de manufactura de latas.

Como era habitual no sector conserveiro, as súas múltiples marcas de diferentes calidades (Massó, Kairel, Gaviota, El Porrón, Massó Brand) se comercializaban tamén nos mercados da exportación, tanto en América (principalmente Estados Unidos, Arxentina e Chile) como en Europa (especialmente Francia).

Unha parte do espazo que ocupaba a vella salgadeira establecida por Salvador Massó en Bueu en 1816 transformaríase no “Museo Massó”, que se inauguraba en 1932 cunha ampla colección de obxectos relacionados co mar e unha salientábel colección bibliográfica pertencentes á familia dos Massó.

Nas salas do museo amósanse modelos de embarcacións históricas, raros exemplares de cartografía náutica, incunábeis e documentación naval. Ademais presenta pezas de carácter etnográfico e industrial coa exposición dos útiles de boa parte dos oficios vencellados á pesca e das antigas máquinas da industria conserveira.

Na primeira sala amósanse obxectos da antiga factoría de conservas (prensas, cuños, cizallas…), pranchas litografadas e latas coas súas respectivas marcas comerciais. Varias fotos antigas axudan a comprender o funcionamento da antiga fábrica.

Na segunda sala pódese contemplar a antiga colección bibliográfica recompilada pola familia Massó, que abrangue temas de astronomía, cartografía, pesca, arquitectura naval, e mesmo cociña e literatura. Nesta colección destacan varios incunábeis, coma a Cosmographia de Claudio Tolomeo de 1493.

Complétase o museo cunha colección de instrumentos náuticos (astrolabios, compases, bitácoras, octantes, etc.); maquetas de embarcacións históricas como o San Juan Nepomuceno, a Victoria, a Santa María; e un bo número de gravados de escenas mariñas. Ademais o museo recuperou material fílmico inédito de arquivos privados para ser proxectado dentro das instalacións.

No ano 1992 o museo, incluíndo a actual sede e a colección do antigo museo, foi adquirido á familia Massó pola Xunta de Galicia (Consellería de Cultura e Deporte), inventariado e musealizado, abrindo as súas portas no ano 2002. Entre os servizos e actividades do museo destacan as visitas guiadas para grupos e escolares, as exposicións temporais, as conferencias e a presentación de libros, as actividades infantís, a colaboración na organización da regata "Trofeo Museo Massó", ou a colaboración nos "Encontros de embarcacións tradicionais" de Bueu.

Construcción:

1816

Abandono:

1993

Descrición:

Polo xeral os almacéns de salga foran edificados na mesma liña do mar, próximos á beira, en enseadas ó abeiro e de acceso doado para as pequenas embarcacións que descargaban a sardiña. De non contaren con porto construíanse pequenos peiraos ou unha sinxela rampla de atraque.

Para dispor dos terreos nos que edificar a súa industria, os fomentadores cataláns propoñían contratos ou pactos polos que se aforaban os solares en troques dunha venda, aínda que tamén podían optar por unha cesión en réxime de arrendo.

A meirande parte dos almacéns consta unicamente de unha planta baixa disposta en forma rectangular, cunhas dimensións de ata vinte metros de fachada e corenta metros de fondo. A construción, con pedra de gra na cantería, vaos de portas e ventás, e mailos esquinais, cachotería nas paredes e cuberta a dúas augas con tella do país, distribuíase pola periferia do solar, deixando un espazoso patio no interior. Nas marxes do patio os madeiros que soportan o teito descansan en pilastras de granito.

O almacén ou fábrica de salga tiña tres partes principais: a chanca, o claro e o morto. A chanca é onde se salgaba a sardiña e adoita ter de oito a dezaseis ou máis píos ou lagares, cadanseu pío con capacidade de douscentos milleiros de sardiñas. O claro viña sendo a parte central, o patio, non cuberto para que houbese luz en toda a fábrica. O morto era a parte do almacén onde se prensaba a sardiña.

Na banda dos lagares (normalmente nun dos laterais da edificación) situábase o almacén do sal –o alfolín– o almacén dos utensilios propios da industria e mailo taller de carpintería. Na outra banda, a do morto (comunmente fronte á chanca, no outro lateral) dispúñanse os depósitos para as morcas e o saín, a graxa das sardiñas que saía das prensas; o chan do morto ía lousado de cantería, cunhas acanaladuras que desembocaban no depósito de decantación do saín no cal quedaba a auga embaixo e o saín rebordaba para o depósito propio del. O claro tiña o chan totalmente lousado cunha lixeira caída cara o centro no que se dispuña unha gabia ou canaleta para desauga-los líquidos do lavado das sardiñas, as augas con sosa do baldeo e a auga da chuvia.

No fronte do almacén situábase a vivenda do fomentador e a súa familia. Aínda que inicialmente eran tamén de planta baixa, nalgúns casos a bonanza económica permitiu habilitar unha segunda planta. O despacho do fomentador, e nalgúns casos do seu capataz ou encargado, miraban ó interior do patio, co gallo de controlar o traballo dos operarios, mulleres na súa meirande parte.

No taller de carpintería construíanse os cascos, recipientes cilíndricos feitos con doelas de madeira de piñeiro suxeitas con aros de cinta de castiñeiro ou ameneiro. Os primeiros cascos (chamados pipas, medias pipas, etc.) foran de gran tamaño con capacidades de seis mil a vinte mil sardiñas e pesos de ata trescentos quilogramos, o que facía sumamente dificultoso o seu manexo. Foron reducíndose os tamaños dos cascos que recibían entón os nomes de cuartos, sextos, novenos, ou xenericamente tabais. A finais do século XIX eran dous os tipos fundamentais de casco: o tabal, duns trinta quilogramos, e a pandeireta, de arredor de vinte quilogramos de peixe.

Nas salgadeiras aparece as veces o complemento do encascador para curar as redes de algodón, consistente nun pequeno solar cunha caldeira, a poza da casca e un pequeno almacén. Na caldeira cocíase a casca (cortiza de piñeiro mediterráneo, rica en tanino, traída de Barcelona ou Mallorca) en auga doce para preparar a tintura coa a que se cubrirían as redes introducidas na poza da casca; o almacén servía para gardar piñas e leña de piñeiro e de carballo, ademais da casca de piñeiro, pinturas, pinceis, alcatrán, patente, brea, fío, cortizas, chumbos, cabos, agullas, etc.

Referencias Bibliográficas:

Agrafoxo Pérez, X., 1991, 400 anos na historia da vila de Noia: dende a Idade Moderna ata a Segunda República. Noia: Concello de Noia.

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Asociación Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da conserva. Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.

Carmona Badía, J., 1985. «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 16, Galicia. Madrid: Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS), p. 177-191. ISSN 1136-4777.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. ISBN 84-8121-719-0.

García Fernández, A., 2006, "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

López Capont, F., 1998, El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-89748-26-8.

Mariño del Río, M., 1996, A industria derivada da pesca no Concello de Porto do Son. As salgadeiras (1774-1934), Toxosoutos, Muros. ISBN 84-89129-20-7.

Muñoz Abeledo, L., 2006, “Gaspar Massó García (1892-1991)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 412-431. ISBN 84-96494-83-7.

Romaní García, A., 1981: La pesca de bajura en Galicia. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-087-1

Romaní García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.

Sánchez Cidrás, A. (coord.), 1997. “A salazón en Bueu”. O candil: revista do Colexio Público de Bueu, nº 14, xuño 1997. Bueu: Colexio Público de Bueu. DL PO-2-1996. ISSN 1137-1994.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 223-I Cangas // Huso 29 // X 517,82 / Y 4.686,33

Data de Actualización:

22 outubro 2010