123 Azucreira de Padrón

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Padrón
  • Parroquia: Santa María de Iria
  • Lugar: Iria
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.74813095347747
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.65596055984497
  • Coordeadas UTM: Huso 29 // X 528,60 / Y 4.733,11
  • Clasificación: Fabricación de azucre
  • CNAE: 10.81 Fabricación de azúcar
  • Tipoloxía: Refinación de remolacha
  • Comarca: Sar
  • Marco Xeográfico: Veiga do Sar
  • Ámbito: Periurbano
  • Acceso: Na estrada nacional N-550 Coruña-Tui, a pouca distancia da vila de Padrón, pasada a Colexiata de Iria en dirección Santiago de Compostela, atópase na banda esquerda o pequeno edificio residencial que é o único que queda do complexo azucreiro.

Tipo de propiedade:

Pública (municipal)

Visitable:

Sí; de momento, exteriormente.

Historia:

Tralo triunfo da Revolución Francesa no verán de 1789, as monarquías europeas, a través dunha sucesión de alianzas, loitaban contra a difusión das ideas revolucionarias e o expansionismo da República Francesa que culminará con Napoleón en 1812. No axitado período vivido por Francia entre 1793 e 1797 coa primeira guerra de coalición (Gran Bretaña, Rusia, Prusia, Austria España, Portugal e algúns príncipes alemáns) unha das innovacións máis notables relacionada coas guerras libradas naquel período foi o desenvolvemento da industria francesa da remolacha azucreira, para substituír o azucre das Indias Occidentais cuxa subministración fora interrompida polo bloqueo británico dos portos franceses ordenado por William Pitt “o Mozo”, primeiro ministro do rei Jorge III.

A industria remolacheira así nacida en Francia –aínda que fosen Prusia e o Imperio Austrohúngaro quen máis desenvolvésena nos anos centrais do século XIX– foi para moitos autores a primeira industria agroalimentaria moderna, que esixía a transformación do sistema de cultivos dun medio moi amplo, substituíndo os produtos existentes por un novo –a remolacha– destinado exclusivamente á venda, ó tempo que a planta esixía un uso intensivo de fertilizantes, o que en conxunto significaba un impulso moi forte á integración mercantil da agricultura.

A primeira fábrica de azucre de remolacha que houbo en España foi promovida por don Juan López-Rubio y Pérez co nome de "Ingenio de San Juan" e construída e posta en funcionamiento en 1882 na veiga de Granada, e iría seguida poucos meses despois pola "Azucarera de Santa Isabel", en Alcolea (Córdoba). Eran industrias pouco competitivas, xa que contra 1889 o custe do quilogramo de azucre española era de setenta céntimos de peseta, fronte os vinte e oito céntimos da industria alamana.

Uns cen anos despois da primeira guerra de coalición absolutista contra a Francia revolucionaria e do desenvolvemento da industria da remolacha azucreira, no ano 1898 España perdía, despois dunha curta guerra cos Estados Unidos de América do Norte, as súas últimas colonias en Ultramar. Desta perda a máis importante será a das illas caribeñas de Cuba e Puerto Rico.

Estas dúas illas, e en particular Cuba (entón o maior produtor mundial de azucre de cana), producían o azucre necesario para fornecer o mercado da España continental. Coa independencia de Cuba, España perdía a súa produción de azucre, que pasaba a ser un produto de procedencia estranxeira e polo tanto gravado por un alto arancel á súa importación.

Nesta situación, finalizada coa independencia da colonia caribeña a subministración privilexiada do azucre cubano de que dispuña o país, algúns empresarios viron na produción de azucre en España unha boa oportunidade para emprender un negocio que lles reportaría grandes beneficios, investindo nel os capitais repatriados coa súa saída de Cuba. Con tales perspectivas, numerosas empresas azucreiras creáronse entón en España, nunha febre expansiva descontrolada do cultivo de remolacha e da construción de refinarías azucreiras que pronto fixo desbordar a oferta e levou ao cabo de pouco tempo ó peche dunha significativa parte delas.

Ás poucas refinarías existentes en España antes da crise colonial, pronto uníronse outras novas. Entre 1899 e 1900 púñanse en marcha oito novas fábricas que sumaban unha capacidade máxima para tratar 2.775 toneladas de remolacha ó día (en Spreckies, California, a maior azucreira do mundo entón era capaz de tratar 3.000 toneladas de remolacha ó día). Entre 1900 e 1901 inaugurábanse outras dezaseis refinarías, cunha capacidade total de 6.075 t/día, e entre 1901 e 1902 eran outras sete as que se sumaban, cunha capacidade de procesado de 2.450 t/día de remolacha. Con este desaforado crecemento, no ano 1902 xa funcionaban en España máis de corenta refinarías de remolacha azucreira.

Nos seus primeiros anos de funcionamento moitas destas fábricas ofreceran grandes ganancias, pero pronto o mercado español viuse incapaz de absorber tan desproporcionada oferta de azucre: en decembro de 1901 había unha produción de 78.875 toneladas de azucre, das que unhas 30.000 toneladas carecían de posibilidades de venda e as compañías azucreiras españolas perdían cinco céntimos de peseta por cada quilogramo de azucre vendido. Nese mesmo ano cultiváronse 120.000 hectáreas destinadas a remolacha, e as fábricas empregaban a uns 20.000 obreiros.

A pesares das perdas, a produción seguiu aumentando (do mesmo xeito que os stocks), chegándose a producir no ano 1903 a cifra de 116.579 toneladas de azucre. O exceso de produción en España, coa conseguinte caída dos prezos e a feroz competencia, xunto a escaseza de materia prima e as dificultades de aprovisionamento e os baixos rendementos nos procesos industriais, levou á concentración da produción nas fábricas máis eficientes e ó peche das que o eran menos.

De tódalas factorías azucreiras que decidiron instalarse en España trala perda das últimas colonias ultramarinas, dous fixérono nunha bisbarra en que se cultivara tradicionalmente o liño, cuns requirimentos de clima e solo semellante ós da remolacha que agora se quería aclimatar. Unha, a Sociedade Anónima Azucreira Galega (constituída na Coruña en 1899, cunha capital de tres millóns e medio de pesetas) establecería a súa fábrica no lugar de Portas, a un quilómetro de Caldas de Reis. A outra, a Sociedade Anónima Azucreira de Padrón (constituída en Madrid, tamén en 1899, con tres millóns de pesetas de capital e escasa presenza galega) ergueríase na veiga de Iria, nas proximidades de Padrón e á beira da liña ferroviaria que unía Santiago con Pontevedra. Tras acumular grandes perdas, a azucreira de Portas clausurábase en 1904, e a de Padrón facíao en 1907.

Ademais destas dúas refinarías que se instalaron en Galicia, tamén se pretendeu a instalación de cadansúa azucreiras na Caeira-Poio e en Pontecesures, proxecto que partía da compañía constituída para tal efecto en febreiro de 1899 na cidade de Barcelona. Incluso a casa comercial de Pontecesures "Vda. e Fillos de José Sierra", levou a cabo no ano 1900 unhas probas de refinado para a obtención de azucre de remolacha, que resultaron satisfactorias.

Descrición Xeral do Entorno:

Asentada na veiga de Padrón, a carón de vía do ferrocarril de Cornes (Santiago de Compostela) a Carril (Vilagarcía de Arousa).

Construcción:

1900-1901.

Abandono:

En 1904 cesa a produción e en 1907 desaparece como sociedade.

Descrición:

Unha actividade que concitou grandes expectativas, e que non chegou a conformalas, foi a fabricación de azucre de remolacha na veiga de Padrón, unha industria que se mantivo durante uns poucos anos e con serias dificultades para subsistir. A “Sociedad Anónima Azucarera de Padrón” inicia a súa vida empresarial o 29 de novembro de 1899. En febreiro do mesmo ano constituírase no veciño concello de Pontecesures a sociedade “Azucarera Gallega”, promotora da azucreira de Portas. Na de Padrón, o Consello de administración, presidido por D. Alfonso Osorio de Moscoso y Osorio de Moscoso, Duque de Terranova, estaba integrado por D. Augusto Comas e Blanco como vicepresidente, D. Carlos Pazos Varela como xerente, e D. Teófilo Benar i Segnier, D. Eduardo Gasset Chinchilla, D. Saturnino Calderón Ceruelo, D. José Roig i Domas e D. Marcelino Varela Artime como vocais.

A Azucreira, fortemente vinculada á persoa de Alfonso Osorio de Moscoso por ser o verdadeiro artífice da súa construción e posta en funcionamento, foi inaugurada oficialmente o 15 de novembro de 1901, segundo recollía O Faro de Vigo na súa edición do día seguinte. Non pode sorprender a elección do momento, tal vez si a do lugar, tendo en conta que esta industria gozaba dunha forte protección fronte ó exterior e nela era posible obter cuantiosos beneficios. A erección da Azucreira garda relación coa etapa final do imperio español, que remata coa perda de Cuba e Puerto Rico. Intentábase agora substituír o azucre cubano polo de produción propia a partir do cultivo de remolacha.

Aínda que a constitución da sociedade data do ano 1899, non será ata o mes de novembro do ano seguinte cando figure na Declaración de Altas da Contribución Industrial e de Comercio. Nese momento se lle asignan as actividades de “fábrica de azucre de remolacha con doce difusores de corenta e dous hectolitros cada un”, “fábrica de refinación de azucre con nove turbinas” e unha “fábrica de luz eléctrica que produce cento catorce quilovatios de termo medio de produción eléctrica diaria destinada ó uso exclusivo da fábrica de azucre”.

No mes de xullo do ano 1903 rexístrase a nome da sociedade outra instalación consistente nun taller de reparacións que dispón dun torno “e un trade movido por gas e unha máquina de tradear movida a man”. No mesmo que no caso da azucreira de Portas, a maquinaria importouse directamente de Alemaña e a mesma procedencia tiña o persoal técnico encargado de supervisar a posta en funcionamento da fábrica.

A sociedade adquiriu terreos na parroquia de Iria que abarcaban unha extensión de 5,98 hectáreas situadas xunto á liña de ferrocarril. A materia prima, a remolacha, na súa maior parte procedía de Aragón, cunha pequena representación de produción remolacheira local, xa que os campesiños padroneses mostrábanse receosos ante o seu cultivo debido á crenza de que a remolacha queimaba os terreos; e por outra banda un cultivo “comercial” como o da remolacha azucreira tiña dificultades para inserirse nunha agricultura aínda asentada no que se coñece como “policultivo de subsistencia”.

Nesta difícil situación do aprovisionamento, a fábrica puido manter a súa produción grazas ós envíos de materia prima procedentes das grandes plantacións aragonesas da Baronesa da Joyosa, sogra do Duque de Terranova, quen fora verdadeiro impulsor da azucreira; tais envíos víanse favorecidos pola facilidade de acceso ó ferrocarril. A fábrica viviu unha serie de dificultades á morte do seu principal artífice, o que acabaría levándoa o cesamento da súa actividade, xa no ano 1904.

Coa finalidade de regular a competencia entre produtores creouse no ano 1903 a “Sociedad General Azucarera”, na que non se integraron todas as fábricas españolas, pero si a de Padrón, creándose así unha forte competencia entre os dous grupos azucreiros españois, que finalmente tivo como resultado unha importante redución do prezo do azucre e as dificultades de moitas empresas para manterse en funcionamento, como foi o caso da azucreira de Padrón, que desaparecía como sociedade no ano 1907 tras acumular grandes perdas.

Desta maneira a azucreira de Padrón, ó contar con pouca materia prima dispoñible e ter uns rendementos en sacarosa moi baixos no seu proceso produtivo, acababa a súa curta vida industrial ó non poder competir na nova situación do mercado azucreiro en España. As instalacións fóronse abandonando e a maquinaria trasladouse en 1912 a La Puebla de Híjar (Teruel), onde se construíu unha nova fábrica de azucre da “Sociedad General Azucarera” próxima ás grandes áreas dos cultivos remolacheiros.

Cando Eugenio Carré Aldao escribe para a Xeografía do Reino de Galicia na segunda metade da década de 1920 constata que “cando a implantación da industria remolacho-azucreira, foi Padrón punto elixido para montar unha excelente refinaría, pero deixou de funcionar ó formarse o trust”. Lembremos que a creación de diversas fábricas azucreiras nos anos finais do século XIX, obedecendo ó intento de substituír a produción de azucre de cana de procedencia cubana polo azucre de remolacha, deu lugar a unha situación de sobreprodución de azucre, que superaba sobradamente a demanda española, coa conseguinte caída dos prezos.

No 1927, nun artigo publicado na revista Eco de Galicia da Habana, José Cardós denunciaba que “Quen queira que por ferrocarril faga un percorrido desde Pontevedra a Santiago, poderá ver próximo á vía do tren dous magníficos edificios en estado ruinoso que por un exceso de amor propio e falta de compenetración entre os seus propietarios e os agricultores desta rexión fai que os elementos cos seus efectos destrutores vaian ós poucos facéndoas desaparecer ata que non queden nin os cimentos, cando precisamente, puideran ser dúas fontes de ingresos que por si soas abóndanse para proporcionar o benestar a unha moi extensa bisbarra. Estas son: as azucreiras de Caldas e de Padrón”. O edificio da primeira serviu como almacén dunha explotación agraria nos anos seguintes á guerra civil española, mentres que as instalacións desta última acabaron sendo utilizadas durante a posguerra como campo de concentración para presos políticos.

Segundo recóllese no traballo realizado por Xesús Costa e Xesús Santos, entre decembro de 1937 e o abril de 1939, os terreos da antiga azucreira de Iria Flavia convertéronse nun campo de concentración por que pasaron uns tres mil prisioneiros do exército franquista, algúns dos que terían que quedar enterrados no camposanto de Iria. A maior parte dos presos chegaron directamente por ferrocarril, aínda que algúns foron enviados por barco ata Vilagarcía e de alí ata Padrón por tren. Dous foron alí colectividades destacadas: os asturianos chegados ao principio da guerra tras a ocupación de Asturias, e os cataláns represaliados –xa en 1939- trala caída de Barcelona. Por suposto, foron tamén moitos os presos galegos, en especial da bisbarra compostelá.

De todo o complexo azucreiro padronés, só o pequeno edificio residencial conservouse, e está sendo rehabilitado polo concello padronés.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Refino de remolacha azucreira

Proceso:

Recepción da remolacha, pesado e control de calidade.

Lavado da remolacha, eliminación de terra, follas, herbas, etc.

Difusión para extracción da sacarosa da remolacha e separación da polpa e do zume de dilución.

Depuración dos zumes.

Evaporación para a concentración do xarope.

Filtración do xarope e cristalización con separación da melaza.

Secado e almacenamento (granel e bolsas).

Envasado, expedición e distribución.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Remolacha azucreira.

Produtos Elaborados:

Azucre refinado de remolacha.

Distribución e comercialización:

Territorio nacional.

Referencias Bibliográficas:

Azucarera Ebro Agrícolas, S.A., 1998. La industria azucarera en España. Madrid: Azucarera Ebro Agrícolas, S.A.

Cardwell, D., 1996, Historia de la tecnología, Alianza Editorial, Madrid. ISBN 84-2062-847-6.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Carré Aldao, E., 1928. “Provincia de La Coruña”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Costa Rodil, X.; Santos Suárez, X., 2007. Galiza na guerra civil. Campos de concentración de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo. Santiago de Compostela: Concellos de Rianxo e A Pobra do Caramiñal.

Freire Esparís, M.P., 2005. La formación del tejido manufacturero en una comarca litoral de la provincia de A Coruña: Padrón, 1850-1950. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Seijas Llerena, D., 2005. “Un caso de demografía industrial de principios del siglo XX: las comarcas de Caldas y O Ullán pontevedrés entre los años 1899 y 1921”. Congreso de Historia Económica, Sesión: Demografía Empresarial, Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Soutelo Vázquez, R., 2009, “Laureano Salgado (1847-1930)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 196-221. ISBN 978-84-96982-37-6.

Tettamancy Gastón, F., 1900: Apuntes para la Historia Comercial de La Coruña. Edición facsímil de 1994. A Coruña: Ayuntamiento de A Coruña.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 120-IV Padrón // Huso 29 // X 528,60 / Y 4.733,11

Data de Actualización:

23 outubro 2010 / 7 abril 2018