126 Fábrica de Soutorredondo

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Lousame
  • Parroquia: San Martiño de Lesende
  • Lugar: Soutorredondo
  • Paraxe: A Ponte
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.7937001367189
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.83101224899292
  • Coordeadas UTM: Huso 29 // X 513,83 / Y 4.737,90
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel y cartón (Papel de varias calidades).
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de elaboración manual
  • Comarca: Noia
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: No quilómetro 11 da estrada AC-308 (22 da antiga LC-301) de Padrón a Noia, cóllese na man dereita o desvío ó lugar de Soutorredondo, e dende alí un camiño de uns catrocentos metros lévanos ata entrada da fábrica, moi ben conservada ó estar en uso como almacén e servizos dunha piscifactoría alí construída.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Pódese observar bastante ben exteriormente

Historia:

A fábrica de papel de Soutorredondo aproveitaba as augas do río de Sóñora, tamén chamado do Castro, de Vilacova, ou de Os Batáns (polo gran número que deles houbo), localizándose na súa marxe esquerda, a uns catrocentos metros ó nordeste do lugar de Soutorredondo, na parroquia de San Martiño de Lesende, termo municipal de Lousame na provincia da Coruña.

O 18 de decembro de 1839 don Francisco Antonio Crespo manifestaba ante notario en Noia a súa vontade para construír unha fábrica de papel con outros socios. O 26 de xullo de 1841 constituíase en Santiago de Compostela a sociedade “Crespo y Compañía”. Os anos entre 1843 e 1848 son os de maior esplendor da fábrica, con ventas en Noia, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Ribadeo, Luarca, Gijón e Málaga.

O fundador falecía o 26 de maio de 1848 e o 15 de setembro de 1848 o fillo de Francisco Antonio, Antonio Crespo Patiño, pasaba a ser dono exclusivo da fábrica de Soutorredondo, e o 18 de novembro de 1854 a propiedade pasaba a dona Marcelina López Ballesteros, sobriña da esposa do fundador. Luis Patiño López, fillo de dona Marcelina, vendía a fábrica a don Manuel Bournacell Mariño o 13 de xullo de 1879. O 23 de maio de 1881 a propiedade pasaba a Juan Bartolomé Pérez, quen a cedía ó seu fillo Juan Bartolomé García o 13 de outubro de 1882.

O mesmo que a meirande parte dos muíños papeleiros galegos, a produción estivo inicialmente bastante diversificada e xunto con papeis de calidade inferior elaborábase tamén papel florete e de naipes.

A crise do comercio colonial das dúas primeiras décadas do século XIX afectaría dobremente a estes muíños papeleiros: por unha banda xa que América era o destino do segmento superior das súas producións, e pola outra porque o peche do mercado americano levou á papelería catalá a voltar cara ó mercado interior, presionando e desprazando a outros produtores.

Porén, a partires da década de 1820 atopamos unha expansión relativamente forte do sector na área noiesa, que contaba en 1846 con sete fábricas e convertíase no principal núcleo papeleiro galego. Consonte Alonso Álvarez, este crecemento relacionase coa a expansión a partir de 1817 da fábrica de tabacos da Coruña, que consumía cantidades notables de papel de estraza para ó envasado das súas producións, e coa vantaxe da área noiesa para o transporte marítimo ata a Coruña.

Aínda que a meirande parte das fábricas de papel establecidas en Galicia destinaban a produción ó mercado galego, as da área de Noia remitían unha parte importante cara a Cádiz e Málaga, e outras localidades do sur español, precisamente aquelas zonas que eran tamén consumidoras de coiros noieses, aproveitando os mesmos canais de comercialización e completando así a simbiose produtiva de ambas industrias.

Coa expansión do papel mecánico ou continuo nos anos sesenta e setenta do século XIX comeza o declive do papel manual, que o sufre principalmente nas calidades inferiores, o papel de estraza, refuxiándose nun maior peso relativo do papel de escribir e de imprimir, de maior calidade e aínda competitivo.

Aínda que a fábrica de Soutorredondo deixara de funcionar en 1911, o 31 de maio de 1922 Juan Bartolomé García a vendía a Ramón López Rodríguez, e nese mesmo ano a fábrica voltaba a traballar con maquinaria moderna, de forma redonda e accionamento eléctrico, fabricando papeis filtro para laboratorios, refinerías de aceite e fábricas de licores baixo a propiedade do devandito Ramón López, propietario tamén da fábrica da Barreira, no río Ulla.

En 1959, por falecemento de Ramón, a propiedade pasou á súa filla, Aurora López Freijedo, e consonte Gayoso Carreira figura no Catálogo de empresas papeleras de 1966 e no Censo Papelero de 1967 cunha máquina redonda para fabricación de estracilla e papel de filtro.

A fábrica deixou de traballar en 1969, cun expediente de crise por antieconómica. Coa morte en 1970 de Aurora, a propiedade pasa ó seu esposo, José María Tomé Fuentes, e ós seus fillos, Gonzalo e Rosa Tomé López.

Construcción:

Cara a 1841

Abandono:

Como fábrica de papel, en 1969. Na súa localización instalárase posteriormente unha piscifactoría.

Descrición:

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río de Vilacova permitía derivar as augas a unha canle construída na súa marxe esquerda, que tras un percorrido duns douscentos metros, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde vertíanse sobre unha gran roda hidráulica vertical de uns dous metros de diámetro.

Esta roda motriz, do tipo gravitatorio de caixóns ou arcaduces, levaba o seu eixe erizado de levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa con tres grupos de mazos diferenciados para os labores específicos de esfiañado (tres pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda) e desleído (unha pía de homoxeneización da pasta) tras as que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario.

Retirados os pregos dos moldes poñíanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

Materias Primas:

Trapos

Produtos Elaborados:

Papel de varias calidades. Dende 1923 e ata os últimos tempos de actividade (década de 1960) fabricaba estracilla e papel filtro de recoñecida calidade.

Distribución e comercialización:

Interrexional

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1986. Comercio colonial y crisis del Antiguo Régimen en Galicia (1778-1818). La Coruña: Xunta de Galicia. ISBN 84-505-2914-X.

Alonso Álvarez, L., 2001. Las tejedoras del humo. Historia de la fábrica de tabacos de A Coruña, 1804-2000, Vigo: A Nosa Terra y Fundación Altadis.

Asunción Pastor, J., 2002, El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración, Parramón, Barcelona. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966, “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Basanta Campos, J.L., 1999, “La fábrica de papel de Soutorredondo, en Noia, provincia de A Coruña”, Actas del III Congreso Nacional de Historia del Papel en España, Banyeres de Mariola, Alicante, 1 al 4 de septiembre de 1999, Asociación Histórica de Historiadores del Papel, Consell de Cultura, Educació i Ciéncia de la Generalitat Valenciana, p. 357-394. D.L. CU-316-1999. ISBN 84-482-2243-1.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-95892-38-3.

Carré Aldao, E., 1928. “Provincia de La Coruña”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Gayoso Carreira, G., 1965, “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994, Historia del papel en España, 3 vol., 2ª ed. 2006, Lugo: Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, p. 195. D.L. S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

González Tascón, I., 1987, Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros, Madrid. ISBN 84-7790-147-3.

Larruga Boneta, E., 1784-1800, Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos, órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento, tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro publicados (Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Extremadura y Galicia), imprenta de Benito Cano, 1787-1800, Madrid.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón, publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828, Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Verea y Aguiar, J., 1803, Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia, Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866, El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 120-I Lousame / Huso 29 // X 513,83 / Y 4.737,90

Data de Actualización:

30 outubro 2010