134 Salgadeira de Bogador
- Provincia: Pontevedra
- Concello: Cangas
- Parroquia: San Andrés de Hío
- Lugar: Nerga
- Paraxe: O Temperán
- Coord. Xeográficas - Latitude: 42.25547086329607
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.821163177490234
- Coordeadas UTM: Huso 29 / X 514,86 / Y 4.678,35
- Clasificación: Fabricación de conservas
- CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de pescado (Salazón y conserva de sardina y otros).
- Tipoloxía: Salga de peixe
- Comarca: O Morrazo
- Ámbito: Rural
- Acceso:
Unha vez en Cangas seguiremos pola estrada C-550 ata O Hío e alí viraremos o sur cara a Nerga. Unha vez en Nerga baixaremos en dirección sueste cara a enseada de Liméns, onda atoparemos O Temperán uns douscentos metro costa ó norte da Praia das Moscas. Alí podemos ver o exterior da vella fábrica e o peirao e embarcadoiro.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Historia:
Aínda que os diferentes portos
galegos xa despachaban ó Levante importantes cantidades de sardiña ó longo do
século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar
do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura
sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o
comercio con Inglaterra.
Co desabastecemento dos seus
mercados os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as
primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor
de mercar sardiña e preparala cos métodos de salgadura desenvolvidos no
Mediterráneo ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre
abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– voltando despois ó Levante ata
a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.
As primeiras actividades
comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do
mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” ós
mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores,
aceite, xabón…) e bacallau danés.
No escochado a sardiña era aberta
e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas
tallas e cando se xuntaban as suficientes posteriormente deixadas a salgar nos
píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en
voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba
unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a
barrica, tapábase para a súa comercialización. Ó non lle extrae-la graxa a
oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente
o seu aspecto.
As cabezas e as tripas prensábanse
nas tallas poñendo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla,
extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros
(normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de
madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou
lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación os portos europeos
(Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).
A primeira etapa remata trala
ocupación francesa e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías
locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único
obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a
sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade das
salgadeiras, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta
industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca. Tres foron as
innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a
xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco;
as novas técnicas de salgadura (o salpresado fronte o escochado); e os novos
sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do
traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.
A esterilización do peixe e o seu
posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de
lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira
cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de
1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ó seu cume a finais do
século, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída
polo “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o
corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.
Pódese considerar como a primeira
fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento
en 1879 Juan Goday Gual na Illa, cun edificio construído expresamente para
contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns
soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do
proceso produtivo “ó estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu
enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa
houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.
Aínda coas técnicas de salga dos
fomentadores cataláns, o promotor Ángel González Vidal construíra contra 1880
unha fábrica de salga nos arredores de Nerga, no Hío (Cangas, Pontevedra), no
paraxe chamado Temperán, na marxe dereita da abrigada enseada de Liméns.
Aínda poden verse os restos da
fábrica e do fermoso peirao de atraque.
Construcción:
Abandono:
Descrición:
Polo xeral os almacéns de salga
foran edificados na mesma liña do mar, próximos á beira, en enseadas ó abeiro e
de acceso doado para as pequenas embarcacións que descargaban a sardiña. De non
contaren con porto construíanse pequenos peiraos ou unha sinxela rampla de
atraque.
Para dispor dos terreos nos que
edificar a súa industria, os fomentadores cataláns propoñían contratos ou
pactos polos que se aforaban os solares en troques dunha venda, aínda que tamén
podían optar por unha cesión en réxime de arrendo.
A meirande parte dos almacéns
consta unicamente de unha planta baixa disposta en forma rectangular, cunhas
dimensións de ata vinte metros de fachada e corenta metros de fondo. A
construción, con pedra de gra na cantería, vaos de portas e ventás, e mailos
esquinais, cachotería nas paredes e cuberta a dúas augas con tella do país,
distribuíase pola periferia do solar, deixando un espazoso patio no interior.
Nas marxes do patio os madeiros que soportan o teito descansan en pilastras de
granito.
O almacén ou fábrica de salga tiña
tres partes principais: a chanca, o claro e o morto. A chanca é onde se salgaba
a sardiña e adoita ter de oito a dezaseis ou máis píos ou lagares, cadanseu pío
con capacidade de douscentos milleiros de sardiñas. O claro viña sendo a parte
central, o patio, non cuberto para que houbese luz en toda a fábrica. O morto
era a parte do almacén onde se prensaba a sardiña.
Na banda dos lagares (normalmente
nun dos laterais da edificación) situábase o almacén do sal –o alfolín– o
almacén dos utensilios propios da industria e mailo taller de carpintería. Na outra
banda, a do morto (comunmente fronte á chanca, no outro lateral) dispúñanse os
depósitos para as morcas e o saín, a graxa das sardiñas que saía das prensas; o
chan do morto ía lousado de cantería, cunhas acanaladuras que desembocaban no
depósito de decantación do saín no cal quedaba a auga embaixo e o saín
rebordaba para o depósito propio del. O claro tiña o chan totalmente lousado
cunha lixeira caída cara o centro no que se dispuña unha gabia ou canaleta para
desauga-los líquidos do lavado das sardiñas, as augas con sosa do baldeo e a
auga da chuvia.
No fronte do almacén situábase a
vivenda do fomentador e a súa familia. Aínda que inicialmente eran tamén de
planta baixa, nalgúns casos a bonanza económica permitiu habilitar unha segunda
planta. O despacho do fomentador, e nalgúns casos do seu capataz ou encargado,
miraban ó interior do patio, co gallo de controlar o traballo dos operarios,
mulleres na súa meirande parte.
No taller de carpintería
construíanse os cascos, recipientes cilíndricos feitos con doelas de madeira de
piñeiro suxeitas con aros de cinta de castiñeiro ou ameneiro. Os primeiros
cascos (chamados pipas, medias pipas, etc.) foran de gran tamaño con
capacidades de seis mil a vinte mil sardiñas e pesos de ata trescentos
quilogramos, o que facía sumamente dificultoso o seu manexo. Foron reducíndose
os tamaños dos cascos que recibían entón os nomes de cuartos, sextos, novenos,
ou xenericamente tabais. A finais do século XIX eran dous os tipos fundamentais
de casco: o tabal, duns trinta quilogramos, e a pandeireta, de arredor de vinte
quilogramos de peixe.
Nas salgadeiras aparece as veces o
complemento do encascador para curar as redes de algodón, consistente nun
pequeno solar cunha caldeira, a poza da casca e un pequeno almacén. Na caldeira
cocíase a casca (cortiza de piñeiro mediterráneo, rica en tanino, traída de
Barcelona ou Mallorca) en auga doce para preparar a tintura coa a que se
cubrirían as redes introducidas na poza da casca; o almacén servía para gardar
piñas e leña de piñeiro e de carballo, ademais da casca de piñeiro, pinturas,
pinceis, alcatrán, patente, brea, fío, cortizas, chumbos, cabos, agullas, etc.
Materias Primas:
Produtos Elaborados:
Referencias Bibliográficas:
Alonso
Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la
Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN
84-7339-243-4.
Asociación
Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da
conserva. Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.
Carmona
Badía, J., 1985. «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de
Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 16, Galicia. Madrid: Fundación Fondo para
Carmona
Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El
empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña:
Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico,
adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández
Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de
Compostela, p.
139-206. ISBN 84-8121-719-0.
García Fernández, A., 2006, "Construcións marítimas da
nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista
Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados,
Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.
López
Capont, F., 1998, El desarrollo
industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a
Galicia, Fundación Pedro Barrié de
Mariño
del Río, M.,
Romaní
García, A., 1981: La pesca de bajura en Galicia. Sada: Ediciós do
Castro. ISBN 978-84-7492-087-1
Romaní
García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en
Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.
Sáñez
Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca
Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de
Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.
Taboada
Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y
ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de
las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.
Índice de mapas e planos:
Localización Mapa Topográfico Nacional
1:25.000:
Hoja 223-I Cangas // Huso 29 / X 514,86 / Y 4.678,35