141 Cargadoiro de Ínsua
- Provincia: Lugo
- Concello: Viveiro
- Parroquia: San Xoán de Covas
- Lugar: Punta Ínsua
- Paraxe: O Cargadoiro
- Coord. Xeográficas - Latitude: 43.6923595437005
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.610735893249512
- Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 611,95 / Y 4.838,64
- Clasificación: Auxiliar da industria extractiva
- CNAE: 09.90 Actividades de apoio a outras industrias extractivas (Cargadoiro de minerais de ferro: Magnetita Fe2O4 con Hematites Fe2O3
- Tipoloxía: Cargadoiro de mineral
- Comarca: A Mariña Occidental
- Marco Xeográfico: Ría de Viveiro
- Ámbito: Rural
- Acceso:
Dende Viveiro seguiremos a estrada C-642 cara a Ferrol. Sobrepasado Covas –aproximadamente no quilómetro 72– viraremos á dereita en demanda de punta Ínsua. A pouco menos de un quilómetro atoparemos os restos do cargadoiro de mineral das minas da Silvarosa, recuperados polo Ministerio como lugar de lecer e inaugurados no mes de xullo do 2002.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Historia:
Os terreos da marxe esquerda da
desembocadura do río Landro na ría de Viveiro son desde antigo coñecidos pola
súa riqueza en mineral de ferro. Aproveitando o filón que desde Punta Brela
esténdese cara a Bravos, foron varias as minas de ferro que se explotaron desde
finais do século XIX, sendo as localizadas no Monte da Silvarosa (300 m por
riba do nivel do mar) as historicamente máis importantes, e das máis activas de
Galicia. Ademais de destacar do resto pola contía da súa produción, o
transporte do mineral ata a costa mediante grandes baldes que se desprazaban
suspendidos de cables, e as mesmas instalacións costeiras ao final do
teleférico desde as que se cargaba o mineral nos buques de transporte,
confírenlle sen dúbida un atractivo especial.
A mena principal era a magnetita,
nun filón cunha potencia duns 3 m intercalado entre pizarras. Sobre o mineral que alí se extraía, escribía o enxeñeiro de minas don
Pedro Hernández Sampelayo: “El mineral de Vivero, en las dos capas oxidadas, es
magnético, con un punteado de magnetita que se hace más grueso hacia la roca
estéril y con un corte compacto de oxidulo en las clases mejores.” Aínda que sen dúbida o nome máis coñecido das veas viveirenses sexa o das
minas da Silvarosa, pode dicirse que as minas de Choupín, situadas na ladeira
sur do mesmo monte, levaron unha vida en case todo paralela ás primeiras.
Corría o ano 1889 cando o buscador
de minas don Ricardo de Llano Oleaga solicitaba a inscrición no Rexistro
Mineiro de varios afloramentos de ferro localizado na zona de Viveiro e
arredores, aínda que el nunca chegaría a explotalos. Fora o empresario alemán
Otto Kreizner, daquela aveciñado en Bilbao, quen denunciaría en 1896 estas
minas, nas que participaría por metade o enxeñeiro Joseph Massenez, un dos que
introduciran na Alemaña o procedemento Thomas-Gilchrist, utilizado a partires
do ano 1879; este procedemento permitía eliminar o fósforo do mineral
mesturando con calcita o ferro fundido, obtendo ademais unha escoira que se
empregaba como fertilizante. Os convertedores Thomas permitían empregar
recursos férricos cunha elevada proporción de fósforo –o que os fixera ata
entón inutilizables na industria siderúrxica–, e déranlle xa que logo interese
comercial ós amplos depósitos de mineral de ferro fosforoso do norte da
provincia de Lugo.
Catro anos máis tarde, a sociedade
alemá “The Vivero Iron Ore Co. Ltd.”, arrendataria da concesión de Kreizner e
Massenez e con oficinas en Londres, comezaba os traballos preparatorios para a
explotación das minas de ferro de Viveiro baixo a dirección do enxeñeiro
Frederic Staaden. Aínda que a empresa contaba con máis concesións na zona,
traballouse só nos montes da Silvarosa e Choupín. Estimáranse inicialmente
unhas reservas de 6.000 a 8.000 toneladas, aínda que se verificaría
posteriormente que eran moi superiores.
En decembro do 1899 inaugurábanse
oficialmente os traballos mineiros nos montes Silvarosa e Choupín, dirixidos
polo enxeñeiro Frederic Wilhelm Cloos, e xa o 20 do mesmo mes arribaba ó porto
de Viveiro o vapor Laurak-Bac para embarcar a primeira partida de mineral.
A empresa construíu no alto da
Silvarosa, ó lado das explotacións mineiras, unha barriada que contaba con
trinta fogares, un pequeno hospital, un almacén de comestibles, un cuartel,
unha capela e un local para escola con xardín. A primeira pedra colocarase o 8
de outubro do 1905 e o 29 de xullo do 1906 inaugurábase oficialmente o poboado.
Neste importante núcleo mineiro chegaran a traballar preto de catrocentas
persoas, e aquí xurdiron as primeiras asociacións sindicais que se coñeceron na
bisbarra.
O mineral extraíase inicialmente a
ceo aberto, en bancadas desenvolvidas sobre as ladeiras e a parte alta do
monte. Conforme avanzábase na escavación facíase máis difícil o desentulle,
polo que tivo que recorrerse á execución de traballos subterráneos. O método
que se utilizaba para arranque e recheo era o de grandes tallos. De acordo cos datos
que puideron recompilarse, a mina principal dividíase en polo menos seis
niveis, nos que se escavaron galerías de arranque dentro da pizarra san desde a ladeira do monte. Cada cincuenta metros de desenvolvemento as
galerías transversais cortaban a capa do mineral, e nelas formábanse os tallos
de arranque cada catro metros. As operacións de arranque e recheo repetíanse
por plantas de tres metros ata unha altura de total de trinta metros. Para o
arranque da rocha utilizábanse martelos de aire comprimido, que se alimentaban
por medio de dous compresores que podían servir un total de dez a doce
martelos. En total chegáronse a escavar uns tres quilómetros de galerías, que incluían unha gran sala con capacidade para unhas cincocentas
persoas, sala que sería posteriormente clausurada.
O transporte do mineral, cun
rendemento de 250 t/h, realizábase por medio dun sistema aéreo bicable de 5.570
m de lonxitude, por que baixaban as vagonetas desde a estación de carga da
Silvarosa ata o cargadoiro da Ínsua, situado na Concha de San Xoán ó abeiro da
Punta do Cabalo, na marxe esquerda da ría de Viveiro, cargadoiro desde o que se
embarcaba o mineral nos buques de vapor que o exportarían a Alemaña, á comarca
siderúrxica do Ruhr e case exclusivamente vía Rotterdam.
O teleférico, do denominado
sistema Bleicher (Adolf Bleicher & Co., Leipzig-Gohlis, Alemaña),
aproveitaba a diferenza de alturas entre as minas e o mar para o seu
funcionamento, e foi o primeiro sistema deste tipo que se implantara en
Galicia. A liña principal de transporte que se iniciaba na estación central na
Silvarosa, ía dividida pola estación intermedia da Garganta. Contábase tamén
con outras dúas liñas menores: un empalme desde Lavandeiras ata a estación
central da Silvarosa, e un transporte especial desde o depósito do cargadoiro
da Ínsua ata a estación de descarga sobre o mar.
O mineral transportábase nas
vagonetas suspendidas do teleférico desde a mina ata o cargadoiro da Ínsua,
onde atracaban os buques de vapor que tiñan que transportalo ós portos de destino.
Unha vez recibido nas moegas superiores do cargadoiro, o mineral descargábase
por unhas aberturas situadas na súa parte inferior nun túnel no que se recollía
para o seu lavado e posterior traslado ata o extremo do cargadoiro, xa sobre o
mar, desde onde se embarcaba nos buques alí atracados.
A parte final do cargadoiro estaba
formada por unha viga duns cento dez metros de lonxitude, estrutura que contaba
cun único apoio nun piar situado a uns setenta metros da liña de costa. Nas
moegas do cargadoiro da Ínsua podíanse almacenar ata vinte mil toneladas de
mineral, que tralo seu lavado transportábase ata a punta do cargadoiro mediante
baldes dunha tonelada de capacidade suspendidos dunha pequena liña aérea. Nunha
xornada de dez horas podíanse chegar a cargar dous mil toneladas de mineral en
vapores de ata seis mil toneladas. Como xa quedou indicado, o destino destes
barcos eran os portos de Alemaña e de Inglaterra, países nos que o mineral de
ferro galego utilizábase principalmente na fabricación de canóns.
Tralo inicio en 1914 da Primeira
Guerra Mundial, a exportación do mineral a Alemaña foise facendo máis e máis
difícil, o que levou finalmente á paralización das explotacións mineiras case ó
inicio da guerra. Desde o comezo da explotación en 1899, quince anos atrás,
producíranse ata entón da orde dun millón seiscentas setenta mil toneladas de
mineral de ferro, cunha periodicidade de cento trinta mil toneladas anuais de
minerais exportadas nun total de catrocentos sesenta e nove buques.
Finalizada a guerra, a baratura da
chatarra e a prevalecencia na siderurxia do procedemento Siemens-Martin básico,
que permitía combinar as menas –fosforosas ou non– cunha proporción variable de
chatarra, afectaron gravemente á demanda de minerais fosforosos.
As minas foran adquiridas no 1924
polo industrial biscaíño don Horacio Echevarrieta, coa intención de substituír
o mercado alemán polo inglés coa axuda do seu socio británico James Campbell,
reemprendéndose os traballos de maneira intermitente en varias ocasións, e
volvendo interromperse pola intensa crise industrial acontecida trala crise
mundial do outono do 1929. No 1951 fíxose cargo delas o Instituto Nacional de
Industria (INI), cedendo os dereitos de explotación á Empresa Nacional
Siderúrxica (ENSIDESA), que volvera as pór en explotación ata que na década de
1960 as minas da Silvarosa e Choupín pecháronse definitivamente.
Construcción:
Abandono:
Descrición:
Para o emprazamento do cargadoiro
localizouse na marxe esquerda da ría de Viveiro unha enseada que tivera profundidade
dabondo para o fondeo seguro dos buques de transporte do mineral. O lugar elixido
foi Punta Ínsua, o norte da chamada Concha da Enseada de San Xoán.
O cargadoiro consistía nunhas
grandes moegas con capacidade de ata vinte mil toneladas para a recepción do
mineral que chegaba dende as minas da Silvarosa nas vagonetas do funicular, un sistema
aéreo bicable de 5.570 metros de lonxitude que tiña un rendemento de transporte
de 250 toneladas á hora.
Unhas aberturas na parte inferior
das moegas permitía a descarga do mineral nun túnel, no que se recollía e se
lavaba antes de introducilo nuns baldes dunha tonelada de capacidade
suspendidos dunha pequena liña aérea na que se levaban ata o extremo do
cargadoiro, xa en voadizo sobre o mar, desde onde se descargaba directamente nas
bodegas dos buques que alí fondeaban para recoller o mineral e transportalo ós
portos de destino.
A parte final do cargadoiro era unha
estrutura metálica configurada por unha viga “cantilever” ou viga voadiza duns
cento vinte metros de lonxitude total situada a uns quince metros sobre o mar e
cunha parte voada de uns corenta metros. A estrutura inferior da viga apoiaba
nun piar de fábrica levantado aproveitando un illote situado a uns setenta e
cinco metros da liña de costa. O pequeno funicular do cargadoiro tiña uns
douscentos metros de lonxitude e nunha xornada de dez horas permitía cargar ata
dúas mil toneladas de mineral en buques que tiñan unha capacidade dunhas seis
mil toneladas.
O cargadoiro de mineral de punta Ínsua
foi recuperado polo Ministerio de Medio Ambiente como Parque Etnográfico, que se
inauguraba no mes de xullo do 2002 como primeira fase dunha actuación que
pretende a rehabilitación do entorno da Ínsua e a conexión peonil –nunha
segunda fase– co paseo marítimo de Covas a Sacido, afectando un total de catro
quilómetros de costa.
Referencias Bibliográficas:
Carmona
Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El
empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación
Pedro Barrié de
Cueto y
Noval, R. del, 1928, La minería de la
región gallega, reproducción facsimilar por
Donapetry
Iribarnegaray, J., 1953, Historia de
Vivero y su Concejo, edición facsímil de 1991 de
Hernández
Sampelayo, P., 1922, Hierros de Galicia,
tomo I, Gráficas Reunidas, Madrid.
Hernández
Sampelayo, P., 1931, Hierros de Galicia,
tomo II, Gráficas Reunidas, Madrid.
Hernández
Sampelayo, P., 1934, Geología gallega
(Discurso de ingreso en
Hernández
Sampelayo, P., 1935, Hierros de Galicia,
tomo III, Gráficas Reunidas, Madrid.
La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de
Industria de
Mirre,
J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia,
Galaxia, Vigo. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.
Viveiro. Unha historia en fotografías
1888-1930, 2004,
Textos de Carlos Nuevo Cal, Seminario de Estudos Terra de Viveiro, Lugo. ISBN
84-921804-5-5.
Índice de mapas e planos:
Localización no
Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 2-IV Celeiro
// Fuso 29 / X 611,95 / Y 4.838,64