142 Cargadoiro de Porto Estreito

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Ribadeo
  • Parroquia: Santa María de Vilaselán
  • Lugar: A Torre
  • Paraxe: O Cargadoiro
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.54489320386503
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.036764621734619
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 // X 658,58 / Y 4.823,21
  • Clasificación: Auxiliar da industria extractiva
  • CNAE: 09.90 Actividades de apoio a outras industrias extractivas (Cargadoiro de minerais de ferro: Magnetita Fe2O4 con Hematites Fe2O3
  • Tipoloxía: Cargadoiro de mineral
  • Comarca: A Mariña Oriental
  • Ámbito: Periurbán
  • Acceso:

    Unha vez en Ribadeo, onde estiveran oficinas e talleres do ferrocarril de Vilaoudriz, é doado seguir o vello percorrido da liña en dirección ó Castelo de San Damián, a pouco máis de un quilómetro da vila e ó sur do cal atoparemos os restos do cargadoiro de mineral das minas de Vilaoudriz, recuperados polo Ministerio como lugar de lecer e inaugurados no ano 1997.

  • Tipo de propiedade: Pública
  • Visitable:

Historia:

Famosas en Galicia foran as minas de Vilaoudriz, na marxe dereita do río Eo, parroquia de Santiago de Vilaoudriz, en A Pontenova (Lugo). Cun couto mineiro no que xa se traballaba en 1866 e tras uns estudos xeolóxicos previos da bacía do Eo ordenados polo enxeñeiro bilbaíno Julio de Lazúrtegui González, as minas de Vilaoudriz, cunha avaliación de dous millóns e medio de toneladas de mineral de ferro, foran denunciadas en 1894, outorgándose a concesión mineira o 28 de xullo de 1895.

En 1897 a sociedade bilbaína “Sucesores de J.B. Rochet y Compañía” interesouse pola concesión e por fin o 17 de marzo de 1900 quedaba constituída a “Sociedad Minera de Villaodrid”, iniciándose a explotación a gran escala das minas no ano 1903, chegando a empregar ata unhas catrocentas persoas.

O mineral extraído exportábase á Alemaña e Inglaterra, aproveitando inicialmente as instalacións portuarias de Viveiro malia estar a grande distancia da explotación e supoñer un transporte custoso amais de complicado.

Mirando pola redución dos custos e ó seren practicamente inexistentes outras infraestruturas de transporte na comarca, a empresa proxectou construír trinta e catro quilómetros de ferrocarril de vía estreita desde Vilaoudriz ata un depósito de carga habilitado no porto de Ribadeo para resolver eficazmente o carrexo do mineral dende as minas ata o embarque marítimo.

Consonte a lei especial do 17 de abril de 1900, autorizarase ó goberno da nación para outorgar concesión a favor da “Sociedad Minera de Villaodrid” do ferrocarril de vía estreita dende A Ponte Nova (Puente Nuevo, en Villaodrid) ó cargadoiro de Porto Estreito (Puerto Estrecho, en Ribadeo), axustada ó prego de condicións particulares aprobadas por Real Orden de 23 de marzo de 1891, aceptadas polo Presidente do Consello de Administración da Compañía, don Julio de Lazurtegui, e definitivamente outorgada o 14 de xuño de 1901.

O 10 de abril de 1903 o primeiro tren de mineral percorría á liña, aínda que a inauguración oficial e a do servizo de viaxeiros non tivera lugar ata o 4 de agosto de 1905, unha vez que se completaran os edificios, a liña telefónica, o depósito e os talleres, xunto coas probas de resistencia do cargadoiro e do embarcadoiro de Porto Estreito, en Ribadeo.

A primeira partida de mineral embarcárase o 18 de abril de 1903 no vapor “Colina”, e subministrárase no ano 1903 un total de 66.320 toneladas en corenta e tres vapores, 101.216 toneladas en 1904 e 126.495 toneladas en 1905. En 1905 o ferrocarril transportara tamén 2.000 toneladas de carbonato de ferro calcinado procedente da “Mina Recogida”, que tiña o bilbaino Juan Santisteban en Vega de Ribadeo.

Dos minerais extraídos, o hidróxido (a variedade rubia) embarcábase segundo saía dos labores, namentres que o carbonato precisaba de calcinación previa (para eliminar a auga e o ácido carbónico e pasar a óxido ferroso ou férrico). O cargadoiro de Ribadeo tiña unha capacidade de 100 toneladas á hora e nas minas chegaran a alcanzarse producións medias anuais de cento oitenta mil toneladas. Consonte Hernández Sampelayo, a “Sociedad Minera de Villaodrid” habería arrigado un millón e novecentas mil toneladas entre 1904 e 1928.

Os anos da Primeira Guerra Mundial (1914-18) foron moi complicados ó pecharse o acceso o mercado alemán e encarecerse moitísimo os fretes cara o mercado inglés, así que a actividade redúcese ó mínimo e os embarques no porto de Ribadeo véñense abaixo, con fortes conflitos obreiros nas minas e no porto, chegando á paralización das minas e a supresión dos trens de viaxeiros, tendo mesmo que alugar tres locomotoras á “Sociedad Carbones y Transportes” e cen vagóns que pasaran temporalmente o “Ferrocarril de La Robla”.

Finalizada a guerra, a abundancia e baratura de chatarra naqueles anos fai evolucionar a produción de aceiro dos sistemas ácidos, que precisan minerais de maior pureza, ós sistemas básicos, que permiten mesmo un 70% de ferros vellos combinados coas menas –fosforosas ou non– na carga dos fornos Siemens-Martin, o que vai afectar gravemente á demanda de minerais fosforosos. Xa que logo, as minas de Vilaoudriz, o mesmo que o resto das minas galegas de ferro, xa non se recuperan da súa decadencia e encaran os seus derradeiros días.

Entre 1918 e 1919 houbo certa reactivación do laboreo na mina, porén as dificultades foron aumentando de aquí en adiante, tanto pola competencia do transporte por estrada como polos incrementos salariais estabelecidos por Real Orden de 3 de marzo de 1919.

Na procura de garantir os fretes, a compañía mineira adquirira unha serie de vapores (Villaodriz, Algorteño, Arriluce) cos que continuara exportando mineral, aínda que as minas permanecerían inactivas entre xuño do 1922 e setembro do 1923, tralo que se alugarían de novo tres locomotoras Borsig e os correspondentes vagóns.

Á vista das crecentes dificultades, a sociedade propietaria da liña tentara, sen éxito, que parte das súas infraestruturas ferroviarias foran aproveitadas no proxecto do ferrocarril Ferrol-Xixón, facilitando o enlace co cargadoiro tanto dende Ferrol coma dende Xixón.

No marco da Guerra Civil española os servizos ferroviarios entre Vilaoudriz e Ribadeo suspendérase entre o 18 de xullo do 1936 e o 2 de abril de 1938. Neste último ano de 1938 o grupo xermano Krupp Montana fixérase cargo da explotación das minas, pero despois dun temporal incremento na explotación voltaran na posguerra a decaer na súa actividade.

O 15 de xuño de 1942 se restablecería a circulación de pasaxeiros, previa a remodelación de parte da liña que se atopaba daquela en moi deficiente estado. Como consecuencia dun informe emitido en 1952 pola “División Inspectora e Interventora de las Compañías de Ferrocarriles de Vía Estrecha” sobre o mal estado do servizo, se suspendería en 1956 o transporte de minerais, chegando á resolución do contrato de concesión e ó levante da liña consonte un informe do 26 de outubro de 1959.

O peche da liña tivo lugar o 24 de maio de 1964, pasando ó Estado en 1965. Transferida despois á entidade “Ferrocarriles de Vía Estrecha” (FEVE) foi definitivamente clausurada no ano 1968.

Afortunadamente para todos nós, os fornos de calcinación de mineral das minas de Vilaoudriz e a estación do ferrocarril de A Pontenova, xunto co cargadoiro de Ribadeo foran recuperados entre 1989 e 1997, e son xa parte visible do patrimonio industrial da nosa terra.

Construcción:

Finalizada en 1903

Abandono:

1956

Descrición:

Para o emprazamento do cargadoiro localizouse na marxe esquerda da ría de Ribadeo unha enseada que tivera profundidade dabondo para o fondeo seguro dos buques de transporte do mineral. O lugar elixido, coñecido hoxe como O Cargadoiro, localízase a pouco menos de dúas centenas de metros o sur do Castelo de San Damián.

O cargadoiro consistía nuns túneles de carga cunha capacidade de cinco mil toneladas para a recepción do mineral que chegaba nas vagonetas do ferrocarril dende as minas de Vilaoudriz.

Un sistema de dobre vía de ida e volta dende os túneles de carga ata o extremo do cargadoiro, facilitaba o transporte do mineral nunhas vagonetas basculantes que, xa no final do cargadoiro e en voadizo sobre o mar, descargaban directamente nas bodegas dos buques que alí fondeaban para recoller o mineral e transportalo ós portos de destino.

O cargadoiro de Porto Estreito, do tipo chamado “cantilever” ou viga voadiza, estaba formado por dous tramos metálicos de vinte e dous metros cada un sobre piares de fábrica, cunha parte final voada de trinta e dous metros.O sostén da viga viña garantido por unha estrutura triangular superior de celosía metálica riostada.

A pequena liña ferroviaria do cargadoiro tiña uns noventa metros de lonxitude e unha capacidade máxima de carga de dúas mil toneladas de mineral nunha xornada de vinte e catro horas, en buques que tiñan unha capacidade dunhas seis mil toneladas.

O cargadoiro fora construído consonte o proxecto de Luis Torres Vidosola, auxiliado polo enxeñeiro de camiños José Ponte e o enxeñeiro industrial Ramón Gortázar. O subministrara a empresa bilbaína “Talleres de Miravalles”, cun custe de seis mil pesetas a tonelada, e a construción leváraa a cabo a tamén bilbaína “Chávarri, Petrement y Cía.”.

O primeiro tren de mineral ata o cargadoiro circulara o 10 de abril de 1903 e o 18 do mesmo mes o vapor “Colina” despachaba o primeiro transporte. En total, no ano 1903 foran corenta e tres os vapores os que embarcarían 66.320 toneladas. Os fretes subirían a 101.216 t en 1904 e 126.495 t en 1905.

O cargadoiro de mineral de Porto Estreito foi desmontado e vendido como chatarra na década de 1970, e non hai moitos anos recuperado como miradoiro polo Ministerio de Medio Ambiente coa construción dunha réplica en madeira que se inauguraba no ano 1997.

Referencias Bibliográficas:

Blas Ordóñez, G., 2005. El ferrocarril Villaodrid-Ribadeo. Castropol: Sociedad Asturgalaica de Amigos del País. ISBN 978-84-934443-1-0.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Cueto y Noval, R. del, 1928, La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Gómez Martínez, J.A., 1999. El ferrocarril Ferrol-Gijón. Gijón: Trea. ISBN 84-95178-29-X.

Hernández Sampelayo, P., 1922, Hierros de Galicia, tomo I, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1931, Hierros de Galicia, tomo II, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1934, Geología gallega (Discurso de ingreso en la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales), Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1935, Hierros de Galicia, tomo III, Gráficas Reunidas, Madrid.

Lombardero Rico, C., 2006. O porto comercial de Ribadeo nos séculos XIX e XX. A Escola de Náutica e Comercio. Castropol: Sociedad Asturgalaica de Amigos del País. ISBN 978-84-934443-3-4.

La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Galaxia, Vigo. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Nárdiz Ortiz, C., 1992. El territorio y los caminos en Galicia. Planos históricos de la red viaria. Prólogo de José Antonio Fernández Ordóñez, Coordinación y diseño de Juan Lara Coira, Colección de Ciencias, Humanidades e Ingeniería, Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, Madrid. ISBN 84-380-0066-5.

Peris Torner, J., 2007. “Ferrocarril de Villaodrid a Ribadeo”, Ferrocarriles de España [en línea]. Disponible en Internet: http://www.spanishrailway.com [Último acceso 12 de octubre del 2010].

Ramos Martínez, A.; Álvarez-Campana Gallo, J.M., 2010: “Del paisaje industrial al cultural: la transformación del paisaje desde el siglo XIX a la actualidad de la industria minera del hierro en la provincia de Lugo”. Patrimonio Industrial y Paisaje, Actas del Quinto Congreso para la Conservación del Patrimonio Industrial y de la Obra Pública en España. Miguel Ángel Álvarez Areces (coord. y ed.), Gijón: TICCIH España, p. 393-396. DL AS-3.149-2010. ISBN 978-84-936996-9-7.

Rodríguez Bugarín, M., y Nárdiz Ortiz, C., 1996. El ferrocarril en el noroeste de España, Universidade da Coruña y Fundación de la Ingeniería Civil de Galicia, Coruña.

Wais San Martín, F., 1967. Historia general de los ferrocarriles españoles, 1830-1941, 2ª ed. 1974, Editora Nacional, Madrid.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 10-III Ribadeo // Fuso 29 // X 658,58 / Y 4.823,21

Data de Actualización:

9 novembro 2010