143 Cargadoiro de Rande (Compañía General Minera de Galicia)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Redondela
  • Parroquia: San Vicente de Trasmañó
  • Lugar: Cabanas
  • Paraxe: O Cargadoiro do Alemán
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.28476234053669
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.659645915031433
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 // X 528,04 / Y 4.681,42
  • Clasificación: Auxiliar da industria extractiva
  • CNAE: 09.90 Actividades de apoio a outras industrias extractivas (Cargadoiro de minerais de ferro: Magnetita Fe2O4 con Hematites Fe2O3
  • Tipoloxía: Cargadoiro de mineral
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Ría de Vigo
  • Ámbito: Periurbán
  • Acceso:

    Unha vez en Redondela, continuaremos costeando a marxe esquerda da ría de Vigo pola vella estrada nacional N-550. A uns catro quilómetros de Redondela chegaremos ó lugar de Rande, no punto quilométrico 145, e alí tiraremos á dereita pasando por riba da vía do tren, cara ó mar, onde atoparemos case ó pe da ponte da autopista os restos do cargadoiro de mineral das minas de Freixo (Compañía General Minera de Galicia). Na mesma vila de Rande, a uns trescentos metros do cargadoiro atoparemos os restos da Conserveira Boyé ou “fábrica do alemán”. E se seguimos camiñando pola beiramar de volta a Redondela, atoparemos a uns catrocentos metros da vila de Rande o cargadoiro –máis moderno– da “Minero Siderúrgica de Ponferrada”.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Historia:

As minas de ferro de Freixo, atópanse na parroquia de San Miguel de Marcelle do concello de Monforte de Lemos (Lugo). Os documentos máis antigos xa falan das minas no século XV, cando eran explotadas para fornecer ás ferrerías que provían de material e armamento ó primeiro Conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio.

Algúns séculos máis adiante, con capital procedente dos emigrantes establecidos na República Arxentina constituíase en 1913 a “Compañía General Minera de Galicia”, co obxectivo de “explotar las minas de hierro de Freijo (Monforte)”.

Ó fronte da mina atopábase o enxeñeiro alemán e vicecónsul de Alemaña en Monforte de Lemos don Frederic Wilhelm Cloos, coñecido como Guillermo Cloos, que tamén puxera en explotación a mina da Silvarosa, en Viveiro, e que xunto con técnicos alemáns dirixiu con gran eficacia os labores mineiros que permitiron subministrar ferro ó seu goberno para a industria bélica tanto na primeira (1914-18) como na segunda (1939-45) guerra mundial.

Igual que fixera na Silvarosa, o enxeñeiro Cloos instalou un funicular e o material transportábase por medio de vagonetas suspendidas de cables dende a bocamina de Freixo ata a estación ferroviaria de Canaval (uns oito quilómetros), no veciño concello de Sober (Lugo). Nos primeiros tempos da explotación o mineral de aquí levábase por ferrocarril ata o porto de Vigo, do que marchaba por mar ata Alemaña.

No ano 1924 constituíase en Madrid a compañía “Minerales de Hierro de Galicia”, vinculada a capital de orixe alemán. Para mellorar a loxística do transporte do mineral de Freixo ata os barcos, Cloos constrúe en Rande, na mesma ría de Vigo, o cargadoiro que alí se coñece como “do alemán”, cuxos restos atópanse case ó pe da ponte da autopista.

O primeiro cargamento de mineral de ferro extraído na mina de Freixo para a industria alemá que embarcou no cargadoiro de Rande fixérao en 1926 no vapor Estoril, como recollera o famoso fotógrafo ourensán-vigués Pacheco.

Baixo a dirección de Guillermo Cloos as minas de Freixo coñeceron tempos de esplendor e cunha nómina duns trescentos traballadores traballaron a pleno rendemento ata o ano 1931. As reivindicacións sindicais polos baixos salarios e as precarias condicións de traballo levaron a que no mes de agosto de 1931 comezara unha folga que duraría dous anos. A mina pecharía trala Segunda Guerra Mundial e aínda que sería de novo explotada por outra empresa dende 1948, pecharía definitivamente en 1958.

Durante a Segunda Guerra Mundial, ademais do ferro de Freixo tamén se cargaría aquí o volframio procedente das minas galegas e mailo ferro das leonesas (como do Coto Wagner, en Ponferrada). O cargadoiro caería despois en desuso e a parte construída en ferro que metíase no mar foi desmantelada; porén aínda hoxe pódese ver o resto da estrutura construída en pedra e formigón.

En 1960 iniciábase en Rande a construción doutro cargadoiro máis moderno, formado por tres plataformas unidas a terra por unha estrutura metálica que dispuña dunha cinta transportadora. Pertencía á empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada, S.A.”, que o empregaba para embarcar o ferro (do Coto Wagner) e o carbón (de Laciana e do Bierzo), que chegaban por tren procedentes de Ponferrada para seren exportados a Inglaterra e Alemaña, fundamentalmente. Este segundo cargadoiro mantivérase operativo ata mediados da década do 1970 e conserva aínda as instalacións propias da actividade: o pantalán de carga, as moegas, as liñas de transporte, etc.

Construcción:

1925-1926

Abandono:

Década de 1950

Descrición:

O primeiro cargadoiro localízase na marxe esquerda da ría de Vigo, no estreito de Rande, onda hai profundidade dabondo para o fondeo seguro dos buques de transporte do mineral. O lugar elixido, coñecido como “o cargadoiro do alemán”, localízase a uns trescentos metros o poñente da vila de Rande.

O cargadoiro consistía nun apartadoiro ferroviario para a recepción do mineral que chegaba nas vagonetas do ferrocarril procedentes da estación de Canabal (Sober, Lugo), onde se cargaba o mineral extraído das minas de Freixo e que alí se recibía transportado polo funicular que partía da bocamina, a uns oito quilómetros.

Un sistema de dobre vía de ida e volta dende o apartadoiro ata o extremo do cargadoiro, facilitaba o transporte do mineral nas vagonetas basculantes que, xa no final da parte terrestre do cargadoiro descargaban na cinta transportadora instalada na estrutura metálica inferior que penetraba no mar e que tiña en voadizo sobre o mar unha cinta transportadora sobre un brazo articulado para facilita a descarga directa do mineral nas bodegas dos buques que alí fondeaban para recollelo e transportalo ós portos de destino.

O cargadoiro de Rande, do tipo chamado “cantilever” ou viga voadiza, estaba formado por unha primeira parte en terra feita de pedra e formigón, que continuaba por unha estrutura metálica que se entremetía no mar apoiando no seu final sobre un piar de fábrica, cunha parte final articulada voada sobre o mar. O sostén da viga viña garantido por unha estrutura superior curvada de celosía metálica riostada.

O cargadoiro de mineral de Rande foi desmontado e vendido como chatarra na década de 1950, porén aínda sobrevive a estrutura de fábrica citada.

O segundo cargadoiro, construído pola empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada, S.A.” na década de 1960 e que aínda permanece no seu sitio, está configurado por tres plataformas de formigón no mar como grandes “Duques de Alba” sobre as que apoia unha estrutura metálica a guisa de pantalán. Esta estrutura sostiña as cintas de transporte dos materiais dende terra ata as bodegas dos buques.

Referencias Bibliográficas:

Aira Pardo, F., y Casanova Otero, J.R., 2009. Minas de Freixo [en línea]. Disponible en Internet: http://www.jrcasan.com/MONFORTE/freixo/minas.htm [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Cueto y Noval, R. del, 1928, La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Hernández Sampelayo, P., 1922, Hierros de Galicia, tomo I, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1931, Hierros de Galicia, tomo II, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1934, Geología gallega (Discurso de ingreso en la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales), Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1935, Hierros de Galicia, tomo III, Gráficas Reunidas, Madrid.

Lara Coira, M., 2010: “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Migueles González, J., 2009. As antigas empresas. Anecdotario Redondelán [en línea]. Disponible en Internet: http://anecdotarioredondelan.jimdo.com/as-antigas-empresas/ [Último acceso 21 de agosto del 2009].

La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Galaxia, Vigo. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-II Redondela // Fuso 29 // X 528,04 / Y 4.681,42

Data de Actualización:

12 novembro 2010 (rev. 29 mar 2011)