144 Carpintería de Purro

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Bueu
  • Parroquia: San Martiño de Bueu
  • Lugar: Bueu
  • Paraxe: Praia da Banda do Río
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.326839785113414
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.789759874343872
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 // X 517,32 / Y 4.686,09
  • Clasificación: Construción naval
  • CNAE: 30.11 Construción de barcos e estruturas flotantes
  • Tipoloxía: Carpintería de ribeira
  • Comarca: O Morrazo
  • Marco Xeográfico: Enseada de Bueu
  • Ámbito: Urbán
  • Acceso:

    O estaleiro atópase no mesmo núcleo urbán de Bueu, na rúa Montero Ríos e fronte á Praia da banda do río.

Tipo de propiedade:

Pública (concesión administrativa)

Visitable:

Sí, exteriormente

Historia:

Nunha rexión como Galicia, con extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e reparación de embarcacións, aínda que ata o momento só poidamos remontarnos no tempo ata o achado dunha embarcación prehistórica —a monóxila— feita do tronco oco dunha árbore e desenterrada dos lodos prehistóricos da lagoa de Antela.

Desde este remotísimo descubrimento, e sen dubidar de que a construción de embarcacións mantívose activa en tantos séculos escuros, a falla de máis datos obríganos a un prodixioso salto na historia, que nos leva aos albores do século XII, cando as correrías dos normandos e os zanfoneos dos árabes fixeron, por fin, pensar en defenderse no mesmo elemento mariño.

Iniciada a actividade naval militar en Cantabria e Cataluña, a mariña castelá tomou en Galicia as súas primeiras naves, e contra 1122 Diego Xelmírez emprendeu a tarefa de crear a primeira escuadra galega: ordenou traer desde Arlés, Pisa e Xénova expertos en construción de barcos e homes entendidos nas prácticas do mar. Coa construción baixo a dirección do Mestre Oggiero de dúas galeras birremes nos afamados estaleiros de Iria Flavia, establécese a primeira base naval da armada galega no mar de Arousa.

O inicio do século XIV trasládanos á desembocadura do río Belelle no mar de Xuvia (ría de Ferrol) para encontrar os arsenais nos que os carpinteiros de Neda construíron as naves que en 1340 ó mando do capitán Alonso Esquío combateron ós berberiscos no sur peninsular, e cuxa destacada intervención moveu á concesión por Alfonso XI de foros e privilexios á Vila de Neda. Pese a que a crecente competencia ferrolá desde mediados do século XVIII e a paulatina redución do calado da ría aceleraron a súa decadencia, estes estaleiros nedenses mantiveron unha notable actividade ata principios do século XX, para ceder finalmente a testemuña ós grandes estaleiros de Maniños, Barallobre e Perlío.

A finais do século XV, cando os Reis Católicos confirmaron á Vila de Foz as súas franquías e inmunidades, os seus estaleiros eran dos principais de Galicia, destacando tamén nesta época os estaleiros de Pontevedra e –xa a principios do XVI– os diversos arsenais da ría ferrolá fundamentalmente ocupados na construción de galeras para a armada real.

Se xa en 1346 se documenta o transporte de vino desde Ribadeo a Brest, non é de estrañar a solvencia dos seus varadoiros, nos que tamén se reparaban as embarcacións que transportaban madeira a Andalucía e retornaban co valioso sal.

Noia é outra poboación costeira que destaca no século XVII, xunto coas xa nomeadas, pola calidade dos seus estaleiros e varadoiros.

Serían sen dúbida numerosos, ademais destes establecementos principais, os pequenos estaleiros e carpinteiros de ribeira diseminados polas praias e enseadas galegas. Recoñécese incluso como frecuente o desprazamento dos mestres y operarios de algún estaleiros para a construción das embarcacións que se demandaban en circunstanciais emprazamentos que se configuraban como varadoiros para a ocasión.

A pesca e o comercio marítimo souberon das gabarras de Viveiro; as bucetas de O Barqueiro; os barlotes de Bares; os traiñóns de Cariño; os trincados de Maniños e Barallobre; as miñotas de Miño e as sadiñas de Sada; as lanchas de Fisterra; os galeóns de Arousa; as batelas e os anguleiros de Tui; os botes, menuetas, chalupas, gamelas, chalanas, faluchos,pataches… e, por suposto, as dornas: dornas de O Son, de Castiñeiras, de O Grove…

Estaleiros de Domaio, de Baldráns, de Cangas, de Coruxo… Afortunadamente podemos recuperar a memoria de moitos deles nos traballos de Staffan Mörling ou de José María de Juan-García. Non son, sen embargo, demasiados os que hoxe sobreviven á invasión do ferro e, sobre todo, dos plásticos. Aínda estamos a tempo de fixar no recordo a pegada da maioría de eles e aínda quizá de conservar a memoria viva do traballo amoroso de algún dos que, en verbas de Antón Avilés de Taramancos, “na outra banda do mar…están a construír a torre de cristal da miña infancia”.

Construcción:

1920

Descrición:

Coñecido como Estaleiro da Banda do Rio ou Carpintería de Purro, na praia da Banda do Río de Bueu, foi fundado no ano 1920 por José del Río Casal, a partires dunha concesión administrativa para ocupación de espazo público. A elección desta situación para o obradoiro non é casual pois nesta parte de Bueu dábanse as condicións idóneas: un entorno xeográfico con bo subministro de materias primas; unhas boas comunicacións por estar no centro da vila; unha praia abrigada que facilitaba facer as botaduras con seguridade; e súa proximidade á desembocadura do río Bispo que permitía facer o curado da madeira no seu cauce.

Amosa unha configuración común a tódalas carpinterías de ribeira que comprende unha pequena oficina, unha zona para o trazado de proxectos, outra para a elaboración das pezas de madeira onde se axeitan o banco e as ferramentas, o gran alboio para a construción dos cascos baixo teito, unha área descuberta para almacenamento e secado da madeira e o varadoiro con vías, orientado sempre en perpendicular á beiramar.

A parte máis antiga da carpintería está formada por unha estrutura cuberta por un tellado a dúas augas asentado sobre columnas de pedra onde se ergue un pequeno faio no que está instalada a máquina de afiado da serra de cinta. Noutra parte do taller sitúase a pequena oficina que tamén era utilizada para agochar as ferramentas, este elemento foi engadido nunha ampliación levada a cabo despois do ano 1938, cando, ó morrer o anterior carpinteiro, o estaleiro foi comprado por Rosa Cortizo Cerviño para o seu fillo, José González Cortizo, coñecido como Purro e que había aprendido o oficio no estaleiro de José de Rafael, tamén en Bueu.

Con este novo propietario a carpintería incrementou a súa actividade pasando dunha produción exclusiva de embarcacións de pequeno porte, gamelas, chalanas, lanchas xeiteiras, botes polbeiros e traíñas, a construír tamén embarcacións de maiores dimensións. Coa implantación do motor como método de propulsión principal, as embarcacións aumentaron as súas dimensións, o que fixo necesario a ampliación das instalacións en varias fases e conferiulle o aspecto tan peculiar que amosa na actualidade. A implantación das bateas nas Rías Baixas abriu un novo mercado para os carpinteiros de ribeira, e supuxo unha carga de traballo importante durante os derradeiros anos.

No ano 1975 ampliáronse as instalacións cara as testas NW e N, pero cando en 1988 se constrúe un muro de abrigo para protexer as casas das marusías, perdéronse as vías de varada do estaleiro; unha estrutura que estaba composta por tres raís paralelos, dous laterais a mesma altura e o central máis baixo, a modo de “v”, que se fincaban nuns pilotes de madeira enterrados na area da praia, as vías tiñan unha lonxitude aproximada de trinta metros cara a liña de mar. A perda desta infraestrutura básica provocou que entre os anos 1986 e 1988 se construísen dous barcos a carón do porto pesqueiro, nun alboio levantado para esta obra. Porén o estaleiro, vella testemuña de mellores tempos, mantense no seu emprazamento de sempre rodeado dun valado de madeira e separado do seu mar por un parapeto de pedra.

Sendo o seu derradeiro propietario don Manuel González Ferradás, igual que o seu pai coñecido tamén como Purro, a carpintería de ribeira, fechou a súa actividade construtora aló polo ano 2003, despois de ter feito como derradeira encarga o bote xeiteiro Os Galos para a Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais “Os Galos”, do mesmo Bueu.

As meirandes embarcacións construídas foran o Sibaniño, no ano 1973, de dezanove metros de quilla, e o Galaico, en 1981, de dezaoito metros de quilla. O propietario aínda lembráballe ó profesor José María de Juan-García Aguado no ano 2001 como a reparación dun pesqueiro que viñera de Cádiz no ano 1960, de nome Tigre, lles obrigara a cavar un dique na area da praia para poderlle cambiar a popa de galo.

A partires da finalización da súa actividade principal no dito ano de 2003, quedou aberta unha fronte de loita pola conservación do estaleiro de Purro, batalla que no decurso do tempo non atopou máis que atrancos nun esforzo, ata no hai moito baldeiro, levado en solitario polos Galos, que teñen o firme convencemento de que é necesario a implicación das diferentes administracións para garantir a presenza do sector da carpintería de ribeira en Bueu có fin de tecer unha relación entre a produción económica e a potenciación turística da bisbarra, dándolle pulo, xunto coa navegación tradicional, como un dos elementos sobre o que construír a dinamización turística e a preservación do patrimonio cultural e etnográfico.

Mentres se debate esta loita conservacionista o estaleiro está sendo utilizado pola asociación como obradoiro para realizar o mantemento da pequena flota de embarcacións tradicionais da que dispoñen. Mágoa que esta asociación non poida contar nin coa disposición económica para facer os amaños necesarios nin cunha mínima capacidade decisoria sobre o uso final das instalacións.

O estaleiro está ligado intimamente á historia marítima recente do concello de Bueu: foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e se formaron moitos profesionais e nela construíronse infinidade de embarcacións, moitas aínda en activo. O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente patrimonial do concello unha vez destruídos aqueles outros bens arquitectónicos susceptibles de ocupar tal lugar. De tal xeito, nalgunhas páxinas web aparece como un símbolo tanto do pobo como da carpintería de ribeira e son varias as publicacións que fan mención a este taller. Polo tanto, a súa imaxe é un vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado ós barcos e o mar, que pode significar o reencontro cunhas orixes culturais que, a pesares da súa proximidade, son ignorados por unha boa parte da poboación.

Non se trata de aplicar ningunha solución preexistente senón estudar unha solución adaptada ó entorno social no que se pretende desenvolver a proposta. Para iso, resulta preciso iniciar un proceso que valore todas aquelas ideas sobre as diferentes actividades ou usos que se poderían dar ó estaleiro de Purro. Que dúbida cabe que o primeiro paso sería a realización dun amplo proxecto, no que se valorasen tódalas posibilidades, así como as reformas ou arranxos precisos para o desenvolvemento das diferentes actividades ás que se poida dedicar, sempre coa temática da carpintería de ribeira como eixo vertebrador.

Proponse tamén o desenvolvemento dunha parte viva, na que se trataría de ter unha actividade que permita ós visitantes poder seguir de cerca a construción dunha embarcación tradicional, e poder observar as diferentes técnicas que empregan estes artesáns, para crear unha embarcación a partir dunha morea de táboas.

O estaleiro de Purro podería constituír, xunto co próximo Museo Massó e coa flota de embarcacións tradicionais da Asociación Os Galos, un referente da cultura marítima convertendo o obradoiro nun elemento único e diferenciador do pobo, favorecendo o seu atractivo cultural e turístico. Co pulo que está a vivir o patrimonio marítimo a escala europea, dende a Bretaña francesa ós países nórdicos, a recuperación do taller de Purro contribuiría a estabilizar e focalizar en Bueu esta oferta na bisbarra do Morrazo, creándose ó tempo os elementos necesarios para afrontar o liderado como referente nas Rías Baixas e en Galicia.

Referencias Bibliográficas:

Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais “Os Galos”. “Eu em-purro Bueu. Proposta de rehabilitación da carpintería de ribeira de Purro”. O apupo, Boletín Informativo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, ano VII, número 12, maio 2007.

Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais “Os Galos”. O estaleiro de Purro en Bueu. Documento remitido a Buxa polo seu secretario, Suso Framil, o 14 de maio do 2010.

Artime González, A., 1994, La construcción de embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco, Museo Marítimo de Asturias, Luanco. ISBN 84-86889-28-6.

Ateneo Ferrolán, 2009. A construcción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Blanco García, J., 2008, Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas, Edicións Nigra Trea, Vigo. DL VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.

Carmona Badía, X., 2009. “El patrimonio industrial maritimo en Galicia: la conservación de la pesca y la construcción naval”. Il patrimonio industriale marítimo in Italia e Spagna. Strutture e territorio (Genova, 26-27 ottobre 2007). A cura di A. di Vittorio, C. Barciela López, P. Massa. Societá Italiana degli Storici dell’Economia e Universitá degli Studi di Genova, p. 167-186. Genova: De Ferrari.

Gil de Bernabé López, J.M., 1984, Guía de la Artesanía de Galicia, Servicio de Publicaciones del Ministerio de Industria y Energía, Madrid. DL M-945-1984, ISBN 84-7474-229-3.

Gil de Bernabé López, J.M., 1988, Galicia Artesana, Editorial Everest, León. DL LE-39-1988, ISBN 84-241-4652-2.

Juan-García Aguado, J.M. de, 2001, La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000), Servicio de Publicacións da Universidade da Coruña, Monografías nº 95, Coruña. ISBN 84-95322-71-4.

Juan-García Aguado, J.M. de, 2009. “A carpintaría de ribeira na ría de Ferrol”. A construcción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán, p. 33-40. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Juan-García Aguado, J.M. de, y Rey Fraguela, J., 2008, “Los últimos carpinteros de ribera de Neda”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 76-85. ISSN 1139-1154.

Lara Coira, M., 2009, “Carpintería de ribera”, Gallegos, número 5, I trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 94-97. D.L. VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de ribeira”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 486-491. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia, Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Máiz Vázquez, B., y Freire Hermida, E., 2009, As embarcacións tradicionais: do Arco Ártabro a Ribadeo, Museo do Pobo Galego e Edicións Embora, Ferrol. ISBN 978-84-92644-01-8.

Massó y García-Figueroa, J.M., 1992, Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre, (2ª ed.), Diputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, S., 1989, As embarcacións tradicionais de Galicia, Dirección Xeral de Formación e Promoción Social da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-0070-9.

Mörling, S., 2005, Lanchas e dornas. A estabilidade cultural e a morfoloxía das embarcacións na costa occidental de Galicia, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-4130-8.

Pazos Pérez, L.J., 2009. Aqueles barcos de madeira. Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia. Pontevedra: Damaré Edicións. ISBN 978-84-935835-8-3.

Santalla López, M., 2003, Las Reales Fábricas de Ferrol. Gremios y barcos en el siglo XVIII, Ilustraciones de Xoán Braxe, Edicións Embora, Ferrol. ISBN 84-95460-32-7.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-I Cangas // Fuso 29 // X 517,32 / Y 4.686,09

Data de Actualización:

14 novembro 2010