145 Real Fábrica da Barreira
- Provincia: Pontevedra
- Concello: A Estrada
- Parroquia: San Martiño de Rioboo
- Lugar: A Mota
- Paraxe: A Barreira
- Coord. Xeográficas - Latitude: 42.74730762768595
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.403838276863098
- Coordeadas UTM: Fuso 29 // X 548,78 / Y 4.732,93
- Clasificación: Fabricación de papel
- CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón (Papel de varias calidades).
- Tipoloxía: Muíño papeleiro de fabricación manual
- Comarca: Tabeirós - Terra de Montes
- Ámbito: Rural
- Acceso:
Dende Santiago de Compostela collemos a estrada nacional N-525 cara a Ourense. Unha vez pasado o lugar de Ponte Ulla continuamos algo máis de dous quilómetros ata Valboa, onde colleremos á dereita a carreteira que leva o Pazo de Oca. Dende alí continuaremos uns setecentos metros, ata o quilómetro 8, xa pasado Os Besteiros, e alí enfiaremos un camiño na man dereita que baixa con forte pendente cara ó emprazamento da Torre da Barreira, rodeado polo río Bo ou río da Barreira, e continuaremos costa abaixo hasta a ponte que cruza o río, onda atoparemos os restos da fábrica de papel. Outra posibilidade é dende o lugar de A Mota seguir cara a Berres, chegar a Rabuñado e dende alí seguir por Pazos o camiño cara o leste que leva directamente á fábrica.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Historia:
No lugar de A Mota, parroquia de San
Martiño de Rioboo do termo municipal de A Estrada (Pontevedra) localízanse na
marxe esquerda do rego da Barreira, chamado tamén río Bo, que xunta as augas
do río de Oca e do río Mota ou río da Torre, os restos da fábrica de papel da
Barreira, que coñecérase tamén como “Fábrica del Ulla”.
A desaparecida fortaleza da Barreira,
propiedade do Arcebispado de Santiago e con moitas pegadas na historia da
rexión, dominara en tempos o emprazamento da fábrica, uns catrocentos metros
augas arriba, aínda que hoxe, cuberta de maleza e árbores tan só pódese
adiviñar o seu perímetro defensivo polas pegadas dos restos pétreos que o
conformaron.
Corría o ano 1729 cando don Andrés de
Silva, veciño de Santiago de Compostela e propietario de terras na freguesía de
San Xulián de Arnois, xurisdición de Taveirós (hoxe municipio da Estrada, na
provincia de Pontevedra), decidira instalar unha fábrica de papel para fabricar
de trinta a corenta resmas ó día, pedindo a oportuna licencia á Real Junta de
Comercio, obrigándose a mantela cando menos por corenta anos e a fabricar cada
día dez resmas de papel florete e vinte resmas de papel común, coa marca que a
tal fin se lle sinalase.
Opúxose a tal petición don Bartolomé
Piombino, propietario da fábrica do Faramello e beneficiario dunha Real Cédula
que lle concedía o monopolio en Galicia durante vinte anos a partires de 1714,
alegando tamén a falta de trapo fino suficiente e de coñecementos por parte do
seu futuro competidor.
Tras unha longa e lenta resolución do
expediente, que levara doce anos, a fábrica da Barreira comezaba a fabricar
papel no ano 1741.
En 1746 solicitou a concesión dalgunhas
franquías, e contaba daquela con dúas rodas, oito pías e unha tina, fabricando
nada máis que seis resmas de papel cada día, que se vendían a baixo prezo pola
competencia co Faramello. A falta de medios do seu propietario fixo que deixara
de traballar en 1753.
Contra 1793, don Ramón María de Silva,
Capitán do Rexemento Provincial de Santiago, acometeu o perfeccionamento da
fábrica con dúas tinas para elaborar papel de mellor calidade, retomando a
elaboración de papel en 1795, obtendo a consideración de Real Fábrica, o que
eximía do remprazo no exército e milicias ós seus empregados especializados,
ademais de favorecelo coa exención de cargas concelleiras.
Falecido don Ramón no ano 1806,
continuou ó fronte da fábrica o seu fillo, don Vicente María de Silva e Ozores.
Consonte recolle Gayoso Carreira, a fábrica aparece citada como de papel fino
por Alexandre Laborde en 1806 no seu Itineraire
descriptif de l’Espagne e por Miñano en 1826, aínda que a sitúan na
freguesía de San Xulián de Arnois, que linda na marxe dereita do rego da
Barreira.
En 1849, aparece citada por Madoz, xa
ben situada en San Martiño de Rioboo, al igual que no mapa de Pontevedra de
1856, de Coello. O Indicador de 1864
volve a situala en Arnois, figurando como propietario don Bonifacio Silva.
No ano 1880 a fábrica era propiedade de
don Gumersindo Otero, de A Estrada, e así aparece citada nos Bailly-Bailliere
de 1900 e 1910 e na Xeografía de Pontevedra de Álvarez Limeses de 1935. Nalgún
documento aparece referida como “Fábrica de Otero de la Mota no Ulla”.
En 1940 a fábrica foi adquirida a
Herederos de Gumersindo Otero por Ramón López, de Noia, propietario da fábrica
de Soutorredondo (Lousame, Coruña) e dirixida polo seu fillo traballou ata
1959. A forza hidráulica fora remprazada pola electricidade e o papel
fabricábase nunha pequena máquina redonda, cunha satinadora de mazos.
Cara a 1960 cesou a actividade
papeleira e parte dos edificios e das instalacións hidráulicas foron
acondicionados para o seu uso como piscifactoría, aínda en explotación.
Construcción:
Abandono:
Sistema de produción:
O proceso de fabricación de papel
iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica
segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de
calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto,
como a estraza ou a estracilla.
Acumulada a cantidade de trapos
suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro,
engadindo auga e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis
semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”.
Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos,
con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.
Un apresamento construído nunha revolta
do río permitía derivar as augas a unha canle construída na súa
marxe esquerda, que tras un percorrido superior ós douscentos metros, conducíaas ás
instalacións da fábrica de papel, onde vertíanse sobre unha ou máis grandes rodas hidráulicas verticais de máis de dous metros de diámetro.
Estas rodas motrices, do tipo gravitatorio
de caixóns ou arcaduces, levaban o seu eixe erizado de levas que accionaban os
mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos
cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.
Descoñécese a configuración precisa e
detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi
posible que contase xa con tres grupos de mazos diferenciados para os labores
específicos de esfiañado (tres pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda)
e desleído (unha pía de homoxeneización da pasta) tras as que se obtiña a polpa
ou pasta para a elaboración do papel.
Unha vez obtida a pasta de papel
procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde
rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a
través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla
de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida,
rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario.
Retirados os pregos dos moldes poñíanse
en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os
saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para
escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.
O papel xa seco, que pola súa gran
porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de
encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi
cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado
ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde)
traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as
irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser
empaquetado e posto á venda.
Materias Primas:
Produtos Elaborados:
Distribución e comercialización:
Referencias Bibliográficas:
Alonso
Álvarez, L., 1986. Comercio colonial y
crisis del Antiguo Régimen en Galicia (1778-1818). La Coruña: Xunta de
Galicia. ISBN 84-505-2914-X.
Álvarez
Limeses, G, 1928. “Provincia de Pontevedra”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi
(dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición
facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas,
Asunción
Pastor, J., 2002, El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración,
Parramón, Barcelona. DL
NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.
Bailly-Bailliere,
1879. Anuario del Comercio, de
Basanta
Campos, J.L., 1966, “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel
en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41.
D.L. M-13650-1964.
Basanta
Campos, J.L., 1999, “La fábrica de papel de Soutorredondo, en Noia, provincia
de A Coruña”, Actas del III Congreso
Nacional de Historia del Papel en España, Banyeres de Mariola, Alicante, 1
al 4 de septiembre de 1999, Asociación Histórica de Historiadores del Papel,
Consell de Cultura, Educació i Ciéncia de
Carmona
Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El
empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, A Coruña:
Fundación Pedro Barrié de
Fernández Casal, Juan (2004): " Fábrica de papel en Riobó", en A Estrada, Miscelánea Histórica e Cultural, vol. 7, p. 9-27. A Estrada: Museo Manuel Reimóndez Portela. ISSN 1139-921X.
Gayoso
Carreira, G., 1965, “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a
nuestros días”, Investigación y Técnica
del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.
Gayoso
Carreira, G., 1994, Historia del papel en
España, 3 vol., 2ª ed. 2006, Lugo: Servicio de Publicaciones de
González
Tascón, I., 1987, Fábricas hidráulicas
españolas, 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras
Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros, Madrid. ISBN
84-7790-147-3.
Laborde,
A., 1809, Itinerario descriptivo de las
provincias de España, y de sus islas y posesiones en el Mediterráneo, con una
sucinta idea de su situación geográfica, población, historia civil y natural.
Traducción libre de Mariano de Cabrerizo y Báscuas publicada en 1816, Valencia:
Librería de Cabrerizo, Imprenta de Ildefonso Mompié.
Larruga
Boneta, E., 1784-1800, Memorias políticas
y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos,
órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento,
tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro
publicados (Castilla
Madoz
Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario
geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16
vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9:
Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario
Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario
geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión
digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía:
http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].
Ministerio
de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas
de la industria del papel y cartón, publicadas de
Miñano
y Bedoya, S. de, 1826-1828, Diccionario
geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de
Pierart-Peralta.
Servicio
Sindical de Estadística, 1966. Catálogo
de empresas y productos industriales, Madrid.
Verea y
Aguiar, J., 1803, Proyecto económico para
promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia,
Santiago de Compostela.
Viñas y
Campi, 1866, El indicador de España y de
sus posesiones ultramarinas, Barcelona.
Índice de mapas e planos:
Localización no Mapa Topográfico Nacional
1:25.000:
Folla 121-III A Estrada // Fuso 29 // X 548,78 / Y 4.732,93