149 Fábrica de Lamberti ou de Ameixide
- Provincia: Pontevedra
- Concello: Cangas
- Parroquia: San Andrés de Hío
- Lugar: Ameixide
- Paraxe: Conserveira Curbera
- Coord. Xeográficas - Latitude: 42.27993230
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.83169890
- Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 514,00 / Y 4.681,16
- Clasificación: Fabricación de conservas
- CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conserva de sardiña e outros).
- Tipoloxía: Conserveira de sardiña, principalmente
- Comarca: O Morrazo
- Ámbito: Rural
- Acceso: Unha vez en Cangas seguiremos pola estrada C-550 ata o cruce do Viso, apartando alí a esquerda na procura do Iglesario, na freguesía de Hío. Dende alí, a un quilómetro cara ó norte, camiño de Pinténs e Vilanova, ó chegar ó lugar de Ameixide, tomaremos o camiño da dereita –que conserva aínda o sinal “Curbera” – e baixaremos cara ó mar, onda poderemos ver as ruinosas instalacións da vella fábrica de conservas de José Ramón Curbera e que fora anteriormente salgadoiro de Leopoldo Lamberti.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Historia:
A conservación dos alimentos foi
una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas)
téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nunha vella salgadeira, en
Bueu apareceron restos de salgadeiras e ánforas de barro romanas, e en Noville
(Mugardos) estudárase unha completa e señorial industria romana de salga.
Na Idade Media están documentadas
as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de
polbos secos e curados ó aire con destino ós portos cantábricos, portugueses e
andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á
veciña Castela.
Aínda que os diferentes portos
galegos xa despachaban ó Levante importantes cantidades de sardiña ó longo do
século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar
do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura
sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o
comercio con Inglaterra.
Co desabastecemento dos seus
mercados os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as
primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor
de mercar sardiña e preparala cos métodos de salgadura desenvolvidos no
Mediterráneo, ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre
abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– voltando despois ó Levante ata
a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.
As primeiras actividades
comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do
mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” ós
mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores,
aceite, xabón…) e bacallau danés.
No escochado a sardiña era aberta e limpada unha a unha, sacándolle
cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas tallas e cando se xuntaban as
suficientes posteriormente deixadas a salgar nos píos durante un día enteiro.
Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en voltas nas barricas,
engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba unha volta para
evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a barrica, tapábase
para a súa comercialización. Ó non lle extrae-la graxa a oxidación íalle dando
á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente o seu aspecto.
As cabezas e as tripas prensábanse
nas tallas poñendo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla,
extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros
(normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de
madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou
lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación os portos europeos
(Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).
A primeira etapa remata trala
ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías
locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único
obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a
sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade das
salgadeiras, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta
industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca. Tres foron as
innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a
xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco;
as novas técnicas de salgadura (o salpresado
fronte ó escochado); e os novos
sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do
traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.
O proceso de salpresado comezaba coa descarga do peixe das embarcacións e o
traslado ó almacén ou salgadeira. Unha vez lavado, o peixe –mormente sardiña–
metíase nos píos da chanca coa
salmoira (disolución saturada de sal en auga) onde se deixaba a salgar durante
unha ou dúas semanas. Rematada a salga, sacábase o peixe e levábase ó morto, onde colocábase coidadosamente
nos cascos, que se tapaban poñéndolles un morto
(o peso para prensar o peixe) enriba da tapa, axudando coas prensas para mellor
extraerlle a graxa, que escoaba dos cascos e ía por unhas canles ata os pozos
do saín. Este novo proceso rendía
moito máis que o tradicional, e as sardiñas –o non teren graxas– non amarelaban
e tiñan moito mellor aspecto, aínda que ó dicir dos entendidos non eran igual
de saborosas que as do tradicional escochado.
A esterilización do peixe e o seu
posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de
lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira
cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de
1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ó seu cume a finais do
século, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída
polo “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o
corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.
Pódese considerar como a primeira
fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento
en 1879 Juan Goday Gual na Illa, cun edificio construído expresamente para
contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns
soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do
proceso produtivo “ó estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu
enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa
houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.
José Ramón Curbera Fernández
nacera en Vigo no ano 1870, no seo dunha das tradicionais familias de
fomentadores cataláns estabelecida en Galicia case un século antes. De feito,
xa en 1799, o seu bisavó, Zenón Curbera Pontóns, asociado cun mestre
vascofrancés, Guillermo Broussain, fundara en Lavadores unha fábrica de coiros,
negocio que compaxinaba cos negocios de sardiña que tiña cos seus irmáns.
O avó, Agustín Curbera Pascual,
compartía en Vigo unha sociedade dedicada á salga da sardiña, transporte de
emigrantes a América, e comercio de por xunto, baixo a razón social “Curbera y
Rovira”. Tres dos seus fillos, Francisco, Víctor e Agustín continuaron no
negocio da pesca e da salga baixo a razón social “Curbera Hermanos”, mentres
que un cuarto, José Ramón, emprendía novos negocios pola súa conta. Agustín
tivera tamén unha filla, Amalia Curbera Puig.
Francisco e Víctor Curbera Puig
fundaban no ano 1863 a primeira fábrica de conservas herméticas que houbera nas
Rías Baixas. Esta primitiva conserveira estaba na praia de Arealonga, lugar de
Mirabéns do entón Concello de Lavadores, e tiña o mesmo carácter artesanal que
tiveran en Galicia tódalas iniciativas anteriores á fábrica de Goday de 1879.
Os pobres resultados económicos levaron á disolución da sociedade en 1877, case
na mesma data na que o seu irmán Agustín abría en Guixar outra fábrica de
conservas herméticas, que seguiría a mesma sorte e se declararía en suspensión
de pagos contra o ano 1892.
José Ramón Curbera Puig era
daquela un sólido comerciante de por xunto de bacallau, coloniais (cacao e
azucre), augardente catalán, aceites sevillanos e levantinos, e figos
malagueños. A mala marcha dos negocios dos seus irmáns o leva a mercar a
fábrica de Agustín para evitarlle a creba da industria familiar. Canda el
comezarán a traballar os seus fillos, José Ramón e Julio Curbera Fernández. En
1897 o vello comerciante encarga ó maior dos seus fillos, José Ramón, a xestión
da fábrica de Guixar, mentres que o menor, Julio, faise cargo das actividades
comerciais do pai.
Nestes anos de cambio de século,
José Ramón Curbera fai unha aposta pola especialización cara á sardiña en
aceite con destino á exportación fronte o que ata entón era unha produción en
exceso diversificada (camaróns, pombiño estufado, percebes, linguado en aceite,
perdices e ostras entre outras conservas). O éxito da iniciativa e a redución
nos custos co uso do cerco da xareta e das traíñas o leva a adquirir en 1900
unha segunda fábrica en Bueu, ata entón explotada por “Alonso, Ferrer y
Compañía”. Coas dúas fábricas elaborando conxuntamente un total de trinta e
cinco mil caixas de cen latas cada unha ó ano, vaise converter nunha das
principais conserveiras galegas.
No ano 1906 inauguraba unha nova
fábrica na finca coñecida como “Villa Joaquina”, no Areal vigués, incorporando
as últimas novidades na tecnoloxía da conserva, novidades que levaría de
inmediato á fábrica de Bueu e, xa a finais de 1908, á de Guixar.
En 1909 ten lugar a crise
sardiñeira galega, ó desaparecer a sardiña das nosas costas e dar cabo ó
primeiro gran ciclo de crecemento sectorial da historia industrial de Galicia.
A crise durou tres anos e arrastrou a numerosas empresas conserveiras. Curbera
foi dos primeiros empresarios que decidira seguir á sardiña no seu rumbo ós
portos do sur, mercando a finais de 1910 o vapor Segunda Felisa para adquirir sardiña para a fábrica do Areal por
todo o litoral atlántico dende Ayamonte a Xixón. Comezaría así a actividade
armadora para a casa Curbera, que adquiriría un segundo vapor –o Feliz Tercero– nos primeiros meses do
1911 para o abasto de sardiña ás fábricas, pero que axiña ía converterse nunha
das principais flotas pesqueiras galegas.
Coa morte en 1911 de Leopoldo
Lamberti, avó de Fermina Alonso Lamberti, que casara con José Ramón Curbera
Fernández en 1908, a fábrica que aquel fundara en Ameixide intégrase no
conxunto de empresas, ó que aínda vai sumar contra 1916 a fábrica de Alcabre
que fora adquirida a Daniel Rodríguez Valdés trala súa quebra perante o Banco
de Vigo trala crise sardiñeira.
A actividade conserveira
completábase no grupo Curbera cunha serraría mecánica, unha fábrica de chaves e
puntas, un taller de fabricación de envases de folla de lata e unha fábrica de
recuperación do estaño contido en recortes e latas usadas, estaño que alcanzara
elevadísimos prezos durante a Primeira Guerra Mundial pola negativa dos
británicos de subministralo ás nacións neutrais.
En 1923, morto o patrucio Curbera
Puig a comezos de 1919, a viúva e tres dos fillos, Julio, Amalia e Epifanía,
deixan a empresa familiar e queda como único propietario José Ramón Curbera
Fernández, quen aínda sumaría ó grupo conserveiro un vello salgadoiro de
sardiña en Ayamonte (Huelva) que convertería en fábrica de conservas de sardiña
e de atún, e unha fábrica de conservas que tiña a casa bancaria “Olimpio Pérez”
en Cabo de Cruz (Boiro, Coruña).
A fábrica de Ameixide pecharía no
ano 1990. Hoxe e propiedade da familia Baqueiro.
Abandono:
Descrición:
Polo xeral as fábricas de
conservas de peixe, igual que os almacéns de salga, foran edificadas na mesma
liña do mar, próximos á beira, en enseadas ó abeiro e de acceso doado para as
pequenas embarcacións que descargaban a sardiña. De non contaren con porto
construíanse pequenos peiraos ou unha sinxela rampla de atraque.
A meirande parte das conserveiras
consta unicamente dunha planta baixa disposta en forma rectangular, cunhas
dimensións variables de ata vinte metros de fachada e corenta metros de fondo,
aínda que ás veces, pola fasquía do solar, a fachada era a parte máis longa do
edificio. A construción das conserveiras máis antigas facíase con pedra de gra
na cantería, vaos de portas e ventás, e mailos esquinais, e cachotería nas
paredes, con cuberta a dúas augas con tella do país. Edificacións máis recentes
teñen as paredes de ladrillo e as cubertas de chapa ondulada de fibrocemento
(“uralita”).
O interior da fábrica tiña
normalmente as oficinas separadas do resto da zona de traballo, e nesta
distinguíanse cinco partes principais: a zona de limpeza e eviscerado do peixe;
a zona de e cocción, en grellas ou enlatadas; a zona de empacado e peche; a
zona de esterilizado e limpeza de latas; e a zona de estoxado e empaquetado
para expedición.
Algunhas fábricas tiñan tamén unha
sección de carpintería para a preparación de caixas de madeira, así como un
taller mecánico para a elaboración dos envases metálicos e a reparación da
maquinaria.
Nalgúns casos, unha vivenda
construída nas proximidades da fábrica se destinaba para vivenda do encargado e
a súa familia.
Sistema de produción:
Completadas as capturas, os barcos
retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa
pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas
(ou das sirenas) advertía ós de terra da chegada do peixe e os veciños
–mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor
dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente
sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para
proceder á preparación das conservas.
Para moitos veciños das
conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as
praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques
e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a
vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.
No caso da sardiña e outros peixes
(xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á
fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ó descabezado,
eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das
pezas en salmoira ou ben ó vapor. Para o cocido ó vapor púñanse as sardiñas (ou
o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ó carro para as
introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da
fábrica.
Sacábanse logo os carros coas
grellas e púñanse os peixes xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban
nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate,
salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de
pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros
tempos, e despois nas máquinas de sertido
ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no
autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo
rastro de aceite ou graxa e se levaban ó estuchado
e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.
Materias Primas:
Produtos Elaborados:
Distribución e comercialización:
Referencias Bibliográficas:
Alonso
Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la
Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN
84-7339-243-4.
Asociación
Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da
conserva. Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.
Carmona
Badía, J., 1985. «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de
Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 16, Galicia. Madrid: Fundación Fondo para
Carmona
Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El
empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña:
Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Carmona
Badía, X., 2006, “José Ramón Curbera Fernández (1870-1937)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía
(coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación
Caixa Galicia, Coruña, p. 282-301. ISBN 84-96494-83-7.
Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico,
adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández
Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de
Compostela, p.
139-206. ISBN 84-8121-719-0.
García Fernández, A., 2006, "Construcións marítimas da
nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista
Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados,
Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.
López
Capont, F., 1998, El desarrollo
industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a
Galicia, Fundación Pedro Barrié de
Mariño
del Río, M.,
Romaní
García, A., 1981: La pesca de bajura en Galicia. Sada: Ediciós do
Castro. ISBN 978-84-7492-087-1
Romaní
García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en
Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.
Sáñez
Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca
Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de
Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.
Taboada
Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y
ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de
las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.
Índice de mapas e planos:
Localización no Mapa Topográfico Nacional
1:25.000:
Folla 223-I Cangas // Fuso 29 / X 514,00 / Y 4.681,16