149 Fábrica de Lamberti ou de Ameixide

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Cangas
  • Parroquia: San Andrés de Hío
  • Lugar: Ameixide
  • Paraxe: Conserveira Curbera
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.27993230
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.83169890
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 514,00 / Y 4.681,16
  • Clasificación: Fabricación de conservas
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conserva de sardiña e outros).
  • Tipoloxía: Conserveira de sardiña, principalmente
  • Comarca: O Morrazo
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Unha vez en Cangas seguiremos pola estrada C-550 ata o cruce do Viso, apartando alí a esquerda na procura do Iglesario, na freguesía de Hío. Dende alí, a un quilómetro cara ó norte, camiño de Pinténs e Vilanova, ó chegar ó lugar de Ameixide, tomaremos o camiño da dereita –que conserva aínda o sinal “Curbera” – e baixaremos cara ó mar, onda poderemos ver as ruinosas instalacións da vella fábrica de conservas de José Ramón Curbera e que fora anteriormente salgadoiro de Leopoldo Lamberti.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Sí, exteriormente

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nunha vella salgadeira, en Bueu apareceron restos de salgadeiras e ánforas de barro romanas, e en Noville (Mugardos) estudárase unha completa e señorial industria romana de salga.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ó aire con destino ós portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ó Levante importantes cantidades de sardiña ó longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Co desabastecemento dos seus mercados os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor de mercar sardiña e preparala cos métodos de salgadura desenvolvidos no Mediterráneo, ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– voltando despois ó Levante ata a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.

As primeiras actividades comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” ós mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés.

No escochado a sardiña era aberta e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas tallas e cando se xuntaban as suficientes posteriormente deixadas a salgar nos píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a barrica, tapábase para a súa comercialización. Ó non lle extrae-la graxa a oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente o seu aspecto.

As cabezas e as tripas prensábanse nas tallas poñendo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla, extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros (normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación os portos europeos (Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade das salgadeiras, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca. Tres foron as innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco; as novas técnicas de salgadura (o salpresado fronte ó escochado); e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

O proceso de salpresado comezaba coa descarga do peixe das embarcacións e o traslado ó almacén ou salgadeira. Unha vez lavado, o peixe –mormente sardiña– metíase nos píos da chanca coa salmoira (disolución saturada de sal en auga) onde se deixaba a salgar durante unha ou dúas semanas. Rematada a salga, sacábase o peixe e levábase ó morto, onde colocábase coidadosamente nos cascos, que se tapaban poñéndolles un morto (o peso para prensar o peixe) enriba da tapa, axudando coas prensas para mellor extraerlle a graxa, que escoaba dos cascos e ía por unhas canles ata os pozos do saín. Este novo proceso rendía moito máis que o tradicional, e as sardiñas –o non teren graxas– non amarelaban e tiñan moito mellor aspecto, aínda que ó dicir dos entendidos non eran igual de saborosas que as do tradicional escochado.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ó seu cume a finais do século, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa, cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ó estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

José Ramón Curbera Fernández nacera en Vigo no ano 1870, no seo dunha das tradicionais familias de fomentadores cataláns estabelecida en Galicia case un século antes. De feito, xa en 1799, o seu bisavó, Zenón Curbera Pontóns, asociado cun mestre vascofrancés, Guillermo Broussain, fundara en Lavadores unha fábrica de coiros, negocio que compaxinaba cos negocios de sardiña que tiña cos seus irmáns.

O avó, Agustín Curbera Pascual, compartía en Vigo unha sociedade dedicada á salga da sardiña, transporte de emigrantes a América, e comercio de por xunto, baixo a razón social “Curbera y Rovira”. Tres dos seus fillos, Francisco, Víctor e Agustín continuaron no negocio da pesca e da salga baixo a razón social “Curbera Hermanos”, mentres que un cuarto, José Ramón, emprendía novos negocios pola súa conta. Agustín tivera tamén unha filla, Amalia Curbera Puig.

Francisco e Víctor Curbera Puig fundaban no ano 1863 a primeira fábrica de conservas herméticas que houbera nas Rías Baixas. Esta primitiva conserveira estaba na praia de Arealonga, lugar de Mirabéns do entón Concello de Lavadores, e tiña o mesmo carácter artesanal que tiveran en Galicia tódalas iniciativas anteriores á fábrica de Goday de 1879. Os pobres resultados económicos levaron á disolución da sociedade en 1877, case na mesma data na que o seu irmán Agustín abría en Guixar outra fábrica de conservas herméticas, que seguiría a mesma sorte e se declararía en suspensión de pagos contra o ano 1892.

José Ramón Curbera Puig era daquela un sólido comerciante de por xunto de bacallau, coloniais (cacao e azucre), augardente catalán, aceites sevillanos e levantinos, e figos malagueños. A mala marcha dos negocios dos seus irmáns o leva a mercar a fábrica de Agustín para evitarlle a creba da industria familiar. Canda el comezarán a traballar os seus fillos, José Ramón e Julio Curbera Fernández. En 1897 o vello comerciante encarga ó maior dos seus fillos, José Ramón, a xestión da fábrica de Guixar, mentres que o menor, Julio, faise cargo das actividades comerciais do pai.

Nestes anos de cambio de século, José Ramón Curbera fai unha aposta pola especialización cara á sardiña en aceite con destino á exportación fronte o que ata entón era unha produción en exceso diversificada (camaróns, pombiño estufado, percebes, linguado en aceite, perdices e ostras entre outras conservas). O éxito da iniciativa e a redución nos custos co uso do cerco da xareta e das traíñas o leva a adquirir en 1900 unha segunda fábrica en Bueu, ata entón explotada por “Alonso, Ferrer y Compañía”. Coas dúas fábricas elaborando conxuntamente un total de trinta e cinco mil caixas de cen latas cada unha ó ano, vaise converter nunha das principais conserveiras galegas.

No ano 1906 inauguraba unha nova fábrica na finca coñecida como “Villa Joaquina”, no Areal vigués, incorporando as últimas novidades na tecnoloxía da conserva, novidades que levaría de inmediato á fábrica de Bueu e, xa a finais de 1908, á de Guixar.

En 1909 ten lugar a crise sardiñeira galega, ó desaparecer a sardiña das nosas costas e dar cabo ó primeiro gran ciclo de crecemento sectorial da historia industrial de Galicia. A crise durou tres anos e arrastrou a numerosas empresas conserveiras. Curbera foi dos primeiros empresarios que decidira seguir á sardiña no seu rumbo ós portos do sur, mercando a finais de 1910 o vapor Segunda Felisa para adquirir sardiña para a fábrica do Areal por todo o litoral atlántico dende Ayamonte a Xixón. Comezaría así a actividade armadora para a casa Curbera, que adquiriría un segundo vapor –o Feliz Tercero– nos primeiros meses do 1911 para o abasto de sardiña ás fábricas, pero que axiña ía converterse nunha das principais flotas pesqueiras galegas.

Coa morte en 1911 de Leopoldo Lamberti, avó de Fermina Alonso Lamberti, que casara con José Ramón Curbera Fernández en 1908, a fábrica que aquel fundara en Ameixide intégrase no conxunto de empresas, ó que aínda vai sumar contra 1916 a fábrica de Alcabre que fora adquirida a Daniel Rodríguez Valdés trala súa quebra perante o Banco de Vigo trala crise sardiñeira.

A actividade conserveira completábase no grupo Curbera cunha serraría mecánica, unha fábrica de chaves e puntas, un taller de fabricación de envases de folla de lata e unha fábrica de recuperación do estaño contido en recortes e latas usadas, estaño que alcanzara elevadísimos prezos durante a Primeira Guerra Mundial pola negativa dos británicos de subministralo ás nacións neutrais.

En 1923, morto o patrucio Curbera Puig a comezos de 1919, a viúva e tres dos fillos, Julio, Amalia e Epifanía, deixan a empresa familiar e queda como único propietario José Ramón Curbera Fernández, quen aínda sumaría ó grupo conserveiro un vello salgadoiro de sardiña en Ayamonte (Huelva) que convertería en fábrica de conservas de sardiña e de atún, e unha fábrica de conservas que tiña a casa bancaria “Olimpio Pérez” en Cabo de Cruz (Boiro, Coruña).

A fábrica de Ameixide pecharía no ano 1990. Hoxe e propiedade da familia Baqueiro.

Abandono:

1990

Descrición:

Polo xeral as fábricas de conservas de peixe, igual que os almacéns de salga, foran edificadas na mesma liña do mar, próximos á beira, en enseadas ó abeiro e de acceso doado para as pequenas embarcacións que descargaban a sardiña. De non contaren con porto construíanse pequenos peiraos ou unha sinxela rampla de atraque.

A meirande parte das conserveiras consta unicamente dunha planta baixa disposta en forma rectangular, cunhas dimensións variables de ata vinte metros de fachada e corenta metros de fondo, aínda que ás veces, pola fasquía do solar, a fachada era a parte máis longa do edificio. A construción das conserveiras máis antigas facíase con pedra de gra na cantería, vaos de portas e ventás, e mailos esquinais, e cachotería nas paredes, con cuberta a dúas augas con tella do país. Edificacións máis recentes teñen as paredes de ladrillo e as cubertas de chapa ondulada de fibrocemento (“uralita”).

O interior da fábrica tiña normalmente as oficinas separadas do resto da zona de traballo, e nesta distinguíanse cinco partes principais: a zona de limpeza e eviscerado do peixe; a zona de e cocción, en grellas ou enlatadas; a zona de empacado e peche; a zona de esterilizado e limpeza de latas; e a zona de estoxado e empaquetado para expedición.

Algunhas fábricas tiñan tamén unha sección de carpintería para a preparación de caixas de madeira, así como un taller mecánico para a elaboración dos envases metálicos e a reparación da maquinaria.

Nalgúns casos, unha vivenda construída nas proximidades da fábrica se destinaba para vivenda do encargado e a súa familia.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía ós de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ó descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ó vapor. Para o cocido ó vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ó carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ó estuchado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

Materias Primas:

Peixe, principalmente sardiña

Produtos Elaborados:

Conservas de sardiñas e outros

Distribución e comercialización:

Principalmente exportación

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Asociación Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da conserva. Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.

Carmona Badía, J., 1985. «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 16, Galicia. Madrid: Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS), p. 177-191. ISSN 1136-4777.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, X., 2006, “José Ramón Curbera Fernández (1870-1937)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 282-301. ISBN 84-96494-83-7.

Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. ISBN 84-8121-719-0.

García Fernández, A., 2006, "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

López Capont, F., 1998, El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-89748-26-8.

Mariño del Río, M., 1996, A industria derivada da pesca no Concello de Porto do Son. As salgadeiras (1774-1934), Toxosoutos, Muros. ISBN 84-89129-20-7.

Romaní García, A., 1981: La pesca de bajura en Galicia. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-087-1

Romaní García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-I Cangas // Fuso 29 / X 514,00 / Y 4.681,16

Data de Actualización:

18 novembro 2010