151 Factoría de Caneliñas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Cee
  • Parroquia: Santiago de Ameixenda
  • Lugar: Gures
  • Paraxe: Caneliñas
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.914744969263154
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -9.155548810958862
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 487.295,93 / Y 4.751.356,51
  • Clasificación: Factoría baleeira
  • CNAE: 10.21 Procesado de peixes, crustáceos e moluscos (Cetáceos, nomeadamente, baleas) e 10.44 Fabricación de outros aceites e graxas
  • Comarca: Fisterra
  • Marco Xeográfico: Seo de Fisterra
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Corcubión collemos a estrada C-550 cara a Cee e continuaremos cara a Ézaro. Unha vez pasada Ameixenda, aproximadamente no quilómetro 34,5 apartaremos á dereita, cara a Gures e Caneliñas, onda chegaremos tras unha forte pendente de algo máis de un quilómetro.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público

Visitable:

Sí, exteriormente

Historia:

A historia baleeira en Galicia ten dúas épocas nidiamente delimitadas: a tradicional ou artesanal, que vai do século XIII –dende a introdución da actividade no Golfo de Biscaia– ó XVIII; e a moderna, xa no século XX.

Dende o punto de vista biolóxico cumpre dicir que na primeira etapa eran os balénidos (balea franca e balea de Grenlandia), os cachalotes e os xibartes as especies de cetáceos (grandes peixes) intensamente cazadas, mentres que o foron os rorcuais (azul, común e norteño) na segunda.

Consonte Valdés Hansen, o primeiro indicio documentado da pesca da balea remóntase o ano 875 na Normandía e os termos empregados na designación dos baleeiros, as súas sociedades e pesqueiras evidencian a orixe ou impronta baleeira escandinava, e máis concretamente, norueguesa. Os sucesores dos normandos serían os vascos, á súa vez antecesores dos demais baleeiros do Cantábrico. A introdución e asimilación das técnicas de construción naval normandas podería ter como referencia na cornixa cantábrica a vila vasco-gascona de Baiona, onde aparece tamén a primeira cita documentada da actividade baleeira nesta zona (1059).

O primeiro documento baleeiro en España aparece contra o ano 1190 no mosteiro de Nájera, nos inicios do proceso de poboamento do litoral cantábrico: San Sebastián fundárase no 1180 por Sancho El Sabio, mentres que outras vilas baleeiras igualmente senlleiras, coma Fuenterrabía (1203), Guetaria (1209) e Motrico (1209), fúndanse moito despois por Alfonso VIII, mentres que o fóra inda máis tarde a tamén baleeira Zarauz (1237), pero xa por Fernando III.

A actividade baleeira guipuscoana vaise estendendo do levante ó poñente, documentándose vía o citado mosteiro de Nájera, en Santoña (Cantabria) xa no 1190, e en Entrellusa (Asturias) contra o ano 1232.

A primeira noticia documentada dun porto baleeiro en Galicia é a do porto de Prioiro (Covas, Ferrol), xa no 1286, no derradeiro tramo do século XIII, que remite o inicio da súa actividade a moitos anos atrás, anterior a 1272 e posiblemente contemporáneo coa dos portos tamén baleeiros de Bares e San Cibrao, aínda que estes non aparezan citados deica o ano 1291.

Xa fora pola perda da importancia do porto de Prioiro ou por outra razón, xa non volve a aparecer máis ligado a caza da balea, mentres que Bares e San Cibrao continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII.

Aínda que é posíbel que tamén o porto de Burela iniciara naqueles tempos a pesca da balea, non se conta con proba documental anterior ó 1527. E aínda que na Baixa Idade Media tamén aparece algún indicio documental da actividade baleeira en torno ó cabo Tosto (pasado Camelle e Aróu, e antes do cabo Vilán), os portos de Caión e Malpica non se documentan ata o 1530, e o de Camelle no 1559.

A estes portos virían a xuntarse os de Nois (1605), Rego de Foz ou Masma (1607) e Rinlo (1611), no Cantábrico, e o de Langosteira-Suevos (1607), no Atlántico. Xa avanzado o século XVII, aínda que con menor importancia, a actividade comeza en Portocelo e Morás (en ambos documentada contra 1635) e no XVIII en Foz (1709), Cal Vella en Cangas de Foz (1714) e Portovello en Augadoce de Forxán (1715).

Nos primeiros tempos, dende o século XIII ó XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida unicamente por pescadores vascos, nomeadamente nos portos cantábricos (San Cibrao e Bares), e a partires do ano 1530 os pescadores franceses comezan a se desprazar ós portos galegos atlánticos (Malpica e Caión) por eludir a oposición dos baleeiros guipuscoanos. A masiva chegada de baleeiros foráneos e a coincidencia da mingua nas pesqueiras contra 1526 levara ós pescadores locais a abrir unha fronte contra os franceses e os vascos, acusándoos de contaminar as augas coa súa actividade facendo desta maneira fuxir á sardiña, protestas que cesarían cara a 1537, establecéndose en adiante unha paulatina cooperación e entrada dos galegos no negocio mercantil e pesqueiro.

Avanzando a segunda metade do século XVI os galegos irían desprazando ós vascos do negocio baleeiro, manténdose unha certa dependencia humana e material nos portos cantábricos e prescindindo de calquera participación na captura, aproveitamento e comercialización das baleas no canto dos portos atlánticos de Malpica e Caión. Xa desde a década de 1550 pódese constatar en San Cibrao, Bares, Caión e Malpica unha certa actividade baleeira protagonizada polos pescadores, mareantes e mercadores daqueles portos. No ano 1573 Nicolás Jaspes, mercador asentado na Coruña, contrataba a once pescadores de San Cibrao e a un mareante coruñés para establecer en Malpica unha das primeiras armadas netamente galegas para a pesca da balea.

A finais do século XVI os galegos tiñan desprazado totalmente ós baleeiros vascos e desenvolveran uns fortes modelos organizativos, de tipo representativo (concejil) en Malpica e Caión e mercantil (compañías armadoras) nos portos de Rinlo, Rego de Foz, Nois e Burela, amais de modelos intermedios nos portos de Bares e San Cibrao.

O meirande protagonismo local, o descenso nas capturas de baleas e a crise da empresa vasca en Terranova supuxo no tránsito do século XVI ó XVII a fin das arribadas das embarcacións do leste do Cantábrico nas costas galegas. Dende aquela a presenza dos vascos vai quedar limitada a súa contratación polos armadores galegos.

A explotación intensiva da balea franca ó longo dos séculos, aproveitando mesmo as crías, femias e animais novos, vai levar á desfeita da especie e case que á súa extinción na segunda metade do século XVII, podéndoa considerar comercialmente extinta contra o ano 1718, no que se consignan as derradeiras capturas no libro de contas do cabido de Mondoñedo. E xa na segunda metade do século XVIII todo o aceite de balea e bacallau que se consumía no norte de España procedía do estranxeiro, cunha notable sangría económica que levou a recorrer ó saín obtido das cabezas e vísceras das sardiñas.

Nos máis de dous séculos que van en Galicia da pesca tradicional da balea á moderna (1718-1924), unicamente os cetáceos mortos ou moribundos varados na costa serán obxecto de ocasional aproveitamento polos pescadores locais, así convertidos polo azar en temporais baleeiros.

Xa nos comezos do século XX, as innovacións técnicas e a acumulación de recursos financeiros van permitir a creación de modernas industrias que capturarán na alta mar outras especies migratorias de grandes cetáceos como os rorcuais, economicamente moi rendibles pero que rara vez se achegan ás costas.

O sistema produtivo empregado ata dous séculos antes deixa entón paso á industria baleeira do século XX, que vai consolidarse coa introdución do canón lanza arpóns, o arpón granada, os barcos de vapor e as modernas factorías terrestres.

O barco baleeiro de vapor, primeiro de carbón e de fuel óleo despois (pero sempre con caldeiras de vapor para evitar a trepidación dos motores), arrombou veleiros e chalupas, permitindo coa súa maior velocidade e o canón arpoeiro a persecución e caza sistemática dos grandes mamíferos mariños, os rorcuais, ós que ó insuflarlles aire cando mortos, levábanse despois flotando ata as factorías terrestres sen risco de afundimento e perda.

As innovacións técnicas, desaparecido o interese do aceite como combustible para alumeado fronte a crecente presenza da luz eléctrica, tiveron o seu necesario complemento coa diversificación no uso industrial dos aceites animais non só para fabricar xabón, senón tamén para a elaboración de margarina, glicerina, e lubricantes.

No ano 1914 os noruegueses Lorentz F. Bruun e Carl F. Herlofson creaban en Madrid a “Compañía Ballenera Española, S.A.”, que tralo retraso provocado pola Primeira Guerra Mundial vai poñer en funcionamento contra 1921 a súa primeira factoría española en Getares (Algeciras, Cádiz) e no mes de novembro de 1924 outra factoría terrestre en Caneliñas (Cee, Coruña). A factoría de Caneliñas estivo abastecida de cetáceos por catro vapores baleeiros que se incorporaron progresivamente dende finais do 1924 (o Morote), durante a campaña de 1925 (o Caneliñas, o Galicia, e o William Wilson), e comezos do 1926 (o Leslie). Para o transporte da produción contaba co mercante Blus, que afundiu en Caneliñas en 1925 e cuxos grandes tanques de almacenamento do aceite foran voltos a instalar no Blus II, un buque similar que o substituíra tralo sinistro.

Uns meses antes, en xuño, a compañía tamén norueguesa “A/S Corona” fondeaba na enseada de Barra, o norte da ría de Vigo un buque factoría, bautizado como Rey Alfonso mentres operou en España, e constituía o 4 de xuño de 1925 a “Sociedad Española Corona”. O buque operaba durante o verán en Barra e trasladábase a Huelva durante o inverno, xa e que o mal estado da mar complicaba o traballo nas augas de Galicia dos catro vapores baleeiros que abastecían ó barco factoría.

A vida das baleeiras norueguesas en Galicia foi tan curta coma intensa e produtiva, e mentres o barco factoría marchaba definitivamente da praia de Barra ó rematar a campaña de 1926, a factoría de Caneliñas pechaba na campaña de 1927.

Trala inseguridade xurídica e económica propiciadas pola Guerra Civil Española, primeiro (1936-39), e a Segunda Guerra Mundial, despois (1939-45), reaparecen en Galicia iniciativas empresariais baleeiras: en 1946 a “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA) nas instalacións norueguesas de Caneliñas (Cee, Coruña); en 1955 os irmáns Massó en Punta Balea (Cangas, Pontevedra); e xa en 1965, no antigo porto baleeiro de Morás (Xove, Lugo), tamén promovida polos irmáns Massó.

O 3 de outubro de 1947 José Chas Rodríguez, que pretendía construír unha factoría baleeira na súa salgadeira de Razo (Carballo, Coruña), conseguía os dereitos de pesca no norte e noroeste de España entre Estaca de Bares e a desembocadura do Miño, e a comezos do ano 1948 a totalidade do accionariado da “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA) había sido adquirida por Chas e outros empresarios coruñeses, que decidían potenciar a factoría de Caneliñas en detrimento da proxectada en Razo e construír ademais unha fábrica de xabón no Pasaxe (Coruña). O 28 de abril de 1952, a factoría de Caneliñas obtén a ansiada autorización para dedicarse á actividade baleeira en Galicia.

Os primeiros barcos de IBSA foran o Caneliñas e o Temerario, adquiridos en Durban (Sudáfrica) a unha compañía baleeira a finais de 1950. Viría despois o Lobeiro, que se dedicaría desde 1955 ó abasto por conta de IBSA da factoría dos Massó en Punta Balea.

Nos mes de outubro de 1962 Gaspar Massó adquiría dous barcos, o Carrumeiro e o Cabo Morás, que a empresa dos irmáns Massó dedicaría a proporcionar cetáceos á futura factoría que establecerían en Morás.

O 26 de marzo de 1971 as industrias baleeiras de “Massó Hermanos, S.A.” establecidas en Punta Balea e en Morás pasaban a formar parte da “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA), inda que a colaboración entre os barcos e as factorías de ámbalas dúas empresas era xa un feito anos antes. Comezaba entón a derradeira e máis proveitosa etapa de IBSA ata o cese da súa actividade industrial contra o ano 1985.

Trala campaña de 1976 se retiraban do servizo o Caneliñas, o Temerario, e o Cabo Morás, substituídos no verán de 1978 polo Ibsa I, Ibsa II e Ibsa III, vellos barcos noruegueses de máis de vinte anos remolcados en maio de 1975 dende Aalesund (Noruega) a Marín (Pontevedra), onda foran reparados antes da súa entrada en servizo. O 27 de abril de 1980 un atentado dun grupo ecoloxista afundía no peirao comercial de Marín ó Ibsa I e ó Ibsa II, que quedarían xa para o despece, sinalando o principio da fin desta actividade industrial na Europa.

Na reunión anual da Comisión Baleeira Internacional de 1982 en Brighton (Reino Unido), acordábase o estabelecemento dende o 1 de xaneiro de 1986 dunha moratoria que suporía o final da actividade baleeira en Galicia, e por ende, das últimas factorías baleeiras europeas, tralo peche da de Skjelnan (Noruega) en 1971, ó que seguiría Morás (1976), Punta Balea (1983) e, finalmente, Caneliñas (1985).

Fronte a desidia española, a iniciativa dos habitantes dunha distante localidade norueguesa rescatou por subscrición popular ó Ibsa I, buque que fora construído en 1950 nos estaleiros de Middlesbrough (Inglaterra, Reino Unido), navegara primeiro dez anos no Antártico, outros dez no Ártico, e que tras render os seus derradeiros servizos ós baleeiros galegos, esperaba no outono de 1989 o seu despezamento no seo de Cee, e que é agora un museo flotante en Sandefjord (Vestfold, Noruega), a vila balnearia, baleeira e construtora de barcos dos seus beneméritos salvadores.

Construcción:

En 1924 pola norueguesa “Compañía Ballenera Española, S.A.”, cun aproveitamento parcial e construción de novas instalacións contra 1951 pola la española “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA).

Abandono:

A mediados do ano 1927 no primeiro período noruegués, e a finais do ano 1985 na segunda e derradeira etapa.

Descrición:

A primeira factoría baleeira moderna de Galicia establecérase nunha apartada enseada do gran seo de Fisterra. Afastada de portos ou praias, lonxe de zonas habitadas e case inaccesible dende terra ata a construción da pina e sinuosa carreteira, tal emprazamento respondía o interese dos noruegueses por desenvolver a súa actividade sen trabas locais, conscientes dos malos olores e restos putrefactos que xeraba a súa industria.

Chegado o vapor baleeiro á factoría e convenientemente amarrado o peirao alí construído na ribeira dereita da pequena enseada de Caneliñas, o animal –que viña atado pola cola– era arrastrado dende terra coa axuda dun gran chigre, quedando varado na rampla de pedra preparada a tal efecto na ribeira esquerda da enseada. Esta rampla foi destruída pola mar, polo que IBSA construiría no medio da praia unha nova na década de 1950.

Enganchábase despois a outro chigre que o arrastraba ata a explanada de traballo, feita de cemento e de máis de cen metros de lonxitude, tamén na ribeira esquerda. Na explanada pegábanlle ó cetáceo os primeiros cortes, separándolle cabeza e queixada do resto do corpo. Arrancábaselle tamén a capa de pel e graxa da que se obtiña o aceite de mellor calidade cocéndoas no edificio principal da factoría.

Ó final da pista de arrastre situábase unha plataforma ou taboado de madeira con dúas ramplas: pola máis grande subíase o corpo da balea, mentres que pola pequena facíao a cabeza e a queixada. Alí arriba facíanse os últimos labores de despece, chimpando tódolos restos (carne, vísceras, tripas e ósos) polas escotillas que daban ás caldeiras situadas baixo da tarima, nas que se obtiña aceite de menor calidade que se deixaba despois arrefriar e depurar no conxunto de oito pías que aínda hoxe poden mirarse diante da fachada principal da factoría moderna.

O aceite quedaba almacenado en seis grandes depósitos metálicos instalados ó longo da ribeira canda o peirao, dos que pasaba directamente ó barco de transporte por unhas tubarias ou mangueiras de transvase.

Unha vez retirado o aceite das caldeiras, os restos de carne e ósos metíanse nunha gran caldeira horizontal –a caldeira secadora– na que baixo elevadas temperaturas se deshidrataban e pulverizaban, transformándose en guano, un abono ou fariña de pescado cun importante contido en nitróxeno e fósforo.

Pola marxe dereita, entre o peirao e a factoría, uns carrís dispostos enriba dun muro de cantería permitían o desprazamento das vagonetas nas que se descargaba o carbón dos barcos para as instalacións fabrís.

A empresa daba ocupación a oitenta traballadores, e a produción de aceite e guano exportábase por mar directamente a Noruega e Inglaterra; a carne, que tiña boa acollida, debía comercializarse localmente case na súa totalidade.

Cando IBSA se fixo cargo das instalacións nos primeiros anos da década de 1950, construíu unha nova rampla de máis de cen metros que cruzaba a praíña dende o fondo da enseada ata plataforma de despece. Nos primeiros tempos tiñan unha rampla con carrís sobre os que se desprazaba un gran carro de varada de uns vinte metros de largo formado por catro vagonetas das que tiraba o chigre, e que se somerxían no arranque da rampla para cargar o cetáceo e sacalo ata a zona de traballo. Para axudar á manobra levantárase na marxe esquerda da rampla un espigón que facía de guía, pese o cal as veces envorcaba e caía o animal do carro, polo que a principios da década de 1960 substituírase pola actual rampla de cantería e cemento.

A nova plataforma de despece tiña o chan de madeira para non estragar os coitelos e estaba cuberta cun teito de “uralita” (fibrocemento). Un par de chigres axudaban a arrincar a pel e a graxa do animal. Os grandes cachos de carne e masa muscular se arrastraban cos croques ou bicheiros ata a tarima na que un grupo de mulleres os limpaba e cortaba en tallos máis pequenos para o seu almacenamento nas cámaras frigoríficas coas que agora se contaba na factoría.

A pel e as graxas tallábanse en pequenos cachos para metelas nos modernos autoclaves (doce, construídos por Vulcano en Vigo) nos que se elaboraba o aceite, en autoclave seco o de mellor calidade e por cocción en auga o extraído de despoxos e ósos, que daba un aceite hidrolizado, ácido, de peor calidade. Deixábanse os aceites decantar e pasábanse despois ós depósitos, purificándoos con sal para reter toda canta auga puidera quedar neles. Aínda que os aceites con maior acidez podían tamén refinarse na propia factoría por neutralización dos ácidos graxos libres con sosa cáustica, o normal era envialo ás industrias especializadas que operaban en Vigo.

Os restos de todo o proceso, unha vez deshidratados na secadora (un forno rotatorio de quince metros de longo, tamén construído en Vigo por Vulcano), moíanse para vendelo como abono (fariña de peixe) á industria especializada na elaboración de fertilizantes. As vagonetas nas que os noruegueses transportaran o combustible para a factoría servían agora para tirar ó mar os restos e desperdicios do proceso. O fuel óleo empregado como combustible chegaba por unhas tubarias que corrían paralelas os carrís das vagonetas dende o edificio situado ó lado do peirao ata a fábrica.

O subministro da auga viña garantido por tres depósitos, dous de setenta toneladas construídos na propia factoría, e o terceiro levantado na ladeira do monte, con cento setenta toneladas de auga de capacidade.

En 1953 se instalaron unas grandes tinas de barro para o almacenamento do aceite, cunha capacidade de oito toneladas cada unha, que pronto se evidenciaron ineficaces e quedaron fora de servizo, co lóxico problema de falta de capacidade de almacenamento, que foise resolvendo sempre en precario. Finalmente, en 1975, cando remolcado polo Caneliñas trasladábase dende Vigo á factoría un gran depósito metálico fabricado en Vulcano que resolvería a carencia, pola falta de estanquidade afundiu a altura de Sálvora, alugándose despois cadanseu depósito nos portos de Vilagarcía e Coruña para así aumentar a capacidade de almacenamento da empresa.

Tralo abandono das instalacións no ano 1986, parte da maquinaria e elementos metálicos foron roubados na década de 1990, parte do tellado e das paredes derrubouse no 2003, e o incendio dese mesmo ano completou o abandono no que se atopan os restos da derradeira factoría baleeira europea.

Tempo de uso:

Pesca marcadamente estacional, tanto nos primeiros tempos, coa costeira da balea de outubro a marzo, como nos derradeiros, con campañas neste caso de verán para a captura en alta mar dos grandes cetáceos.

Sistema de produción:

A costeira da balea discorría entre mediado outubro e mediado marzo, con decembro, xaneiro e febreiro como meses de maior sazón. Na tempada os baleeiros contaban cuns postos de vixía, as atalaias, próximos os portos base. Cando os atalaieiros descubrían o paso das baleas, acendían grandes fogos e facían ruído para lle dar aviso ós mariñeiros, quen se apresuraban a saír tralos cetáceos.

A lancha, derivada da chalupa biscaíña –pola súa banda posiblemente derivada da ferja viquinga– era a embarcación desde a que se perseguía, atrapaba, mataba e remolcaba a terra a captura. Oito homes en sete bancadas compoñían a tripulación: de pe na proa o arpoeiro; na popa o espaldeiro; e seis remeiros alternados a babor e estribor. Xa en terra –e as veces mesmo coa tripulación– o “motila” (mutil vale por mozo en éuscaro) era o criado aprendiz que garantía a transmisión xeracional do oficio.

A lancha baleeira tiña uns oito metros de eslora, dous de manga e case un de puntal. Seis buratos por cada banda na regala permitían espichar os toletes para unxir os remos cos estrobos. Outro burato na banda de babor da popa servía para montar a espaldilla, o remo de goberno. Opcionalmente podíanse montar dous paus: no centro da embarcación o maior, de uns oito metros, e o trinquete na proa, con uns seis metros e medio, para izar un velame ó terzo nas vergas inclinadas neles dispostas. O casco ensamblado a tope na obra viva e a tingladillo na obra morta garantían a rixidez e lixeireza da chalupa.

Na lancha levaban a armazón, así chamado o conxunto dos elementos ofensivos empregados para a caza e morte dos cetáceos: arpóns, sangradoiros e lanzas. O arpón levaba unha arpoeira de cáñamo que o unía a unha estacha de 60 ou 120 brazas de lonxitude (de cen a douscentos metros) coidadosamente enrolada en cestas dentro da embarcación.

Mirando de non asustala, os pescadores acercábanse silandeiros ata a balea e cando a tiñan ó alcance e ben afastados da aleta caudal, o arpoeiro largáballe o ferro. Despois so tiñan que ir largando estacha e navegar seguindo ó animal ferido ata que o esforzo da escapada, o continuo emerxer para respirar, e a perda de sangue esgotase ó cetáceo o suficiente para poder achegarse canda il para ferilo de morte con outros arpóns, sangradoiros e lanzas, tarefa na que xa podían participar outras chalupas chegadas para axudar na cacería. E xa non había outra que recoller os ferros e a estacha, amarrar o animal pola cola e facer unha cordada coas chalupas e, ós poucos, ir achegando o animal a terra para o seu despezamento.

Para o despezamento e o aproveitamento das baleas os portos tiñan que prepararse mais que con outras pesqueiras, xa que había que achandar parte da ribeira e preparar as “casas de baleas”, precedentes das modernas factorías do século XX. Unha das casas era a vivenda dos mariñeiros e o almacén para a armazón, outros fornecementos e os víveres. A outra choupana empregábase para “derreter a balea”, quer dicir que alí gardábanse as caldeiras de cobre nas que se fundía a graxa. Nestes tempos tanto as caldeiras como as armazóns fabricábanse en Biscaia, e alí se mandaban de volta para reparar.

Xa en terra abríase o ventre do animal para liberar os gases e desollábase o cetáceo separando o touciño do magro, seccionando a lingua e as aletas e arrancando as barbas. Empregábanse primeiro grandes coitelos, e outros máis pequenos despois para tallar as tiras de carne e graxa en cachos máis pequenos.

O magro salgábase para a súa conservación e posterior consumo, e os tallos de touciño ou graxa levábanse a cocer na caldeira, onde derretíanse para obter a valiosa graxa, que hoxe chamaríamos aceite ou saín. Unha vez fría, a graxa embarrilábase en barricas de doelas de carballo con arcos de salgueiro ou vimbio para a súa conservación e comercialización, fundamentalmente como “graxa para arder” (aceite de alumeado), aínda que fora de Galicia tamén se empregara para fabricar xabón e para preparar lá e coiros.

As graxas comercializábanse dende os portos principais de Coruña, Viveiro e Ribadeo, nos que se pagaba “el diezmo de la mar”. Eran os destinos principais os portos de Bilbao, Orio e Guetaria, canda outros portos vascos e os de Comillas (Cantabria) e Xixón (Asturias). A lingua, da que se obtiña a mellor graxa, quedaba reservada os arpoeiros, quen dispoñían do seu uso ou reparto.

As barbas (empregadas fundamentalmente nas armaduras dos xustillos, saias, paraugas, parasoles, chapeus, abanicos, bastóns, fustas e cepillos) non tiveran demasiada importancia comercial ata comezos do século XVII, en que chegaran mesmo a superar o comercio das graxas nalgún porto vasco francés.

As colas e alas adoitaban reservarse para os mosteiros, que nalgúns casos destinaban a súa resistente pel para fabricar loros (para unir o xugo ó temón do carro ou arado), ladrizos (a correa para atar o xugo ó pescozo das bestas) e enzedoiros (para articular no mallo a mangueira á pértega).

Algunhas grandes pezas da osamenta aproveitábanse como material de construción en linteis de portas e ventás, como travesas nos teitos ou como pasos de escaleira; as grandes vértebras servían como banquetas ou tallos, e Valdés Hansen fala de unha columna feita de vértebras nunha vivenda de Malpica.

Este sistema produtivo, que remata na segunda década do século XVIII, nada ten que ver coa industria baleeira do século XX, que vai consolidarse coa introdución do canón lanza arpóns, o arpón granada, os barcos de vapor e as modernas factorías terrestres.

O barco baleeiro de vapor, primeiro de carbón e de fuel óleo despois (pero sempre con caldeiras de vapor para evitar a trepidación dos motores), arrombou veleiros e chalupas, permitindo coa súa maior velocidade e o canón arpoeiro a persecución e caza sistemática dos grandes mamíferos mariños, os rorcuais, ós que ó insuflarlles aire cando mortos, levábanse despois flotando sen risco de afundimento ata as factorías terrestres.

As innovación técnicas, desaparecido o interese do aceite como combustible para alumeado, tiveron o seu necesario complemento coa diversificación no uso industrial dos aceites animais: elaboración de margarina, glicerina, xabón ou lubricantes.

Unha vez capturado o animal, os buques dispuñan de unhas quince horas para chegar á factoría antes de que a carne comezase a estragarse.

Xa na factoría a balea pelábase, despezábase e tallábase, cocendo nas caldeiras as partes máis acaídas para a elaboración do aceite, separando a carne apropiada para á alimentación e deshidratando todo tipo de restos nunha caldeira de alta temperatura para a elaboración de abono (fariña de peixe).

Actividades laborais:

Pola marcada estacionalidade da pesca, a industria baleeira empregaba persoal fixo-descontinuo, contratado co comezo de cada campaña e dado de baixa ó rematala. Entre campaña e campaña mantíñanse os postos imprescindibles de dirección, administración, laboratorio, mantemento e vixilancia. Durante a campaña contratábanse homes para a varada e despezamento do cetáceo na plataforma e mulleres para o tallado da carne, e algúns oficios precisaban de unha certa competencia ou especialización, como os do encargado do laboratorio, os despezadores principais, os empregados no taller de fragua e carpintaría, os encargados dos autoclaves e os responsables dos chigres.

Emprego:

Na primeira época cos noruegueses chegara ter oitenta empregados. Trala modernización emprendida polos armadores coruñeses, a nova factoría contabilizaba na década de 1960 unha media de cincuenta empregados, ós que hai que sumar as tripulacións dos dous baleeiros que operaban na zona, de uns quince homes por barco.

Materias Primas:

Balea franca (Eubalaena glacialis), balea xivarte (Megaptera novaeangliae), cachalote ou trompa (Physeter macrocephalus), e orca ou serea (Orcinus orca), na primeira época, do século XIII ó XVIII. E principalmente rorcual azul (Balaenoptera musculus), rorcual común (Balaenoptera physalus) e rorcual norteño (Balaenoptera borealis) a partires do século XX.

Produtos Elaborados:

Aceites, principalmente, e carne para alimentación. Nos tempos antigos, tamén as barbas. Xa na época moderna, como subproduto, guano de peixe, abono cun importante contido en nitróxeno e fósforo, obtido pola deshidratación e pulverización dos restos dos osos, carne e vísceras. E malia a súa menor dimensión, polo prezo tivera moita importancia a venda de ámbar e dos dentes dos cachalotes.

Distribución e comercialización:

Na etapa de 1924 a 1927 os mercados principais do aceite e o guano da “Compañía Ballenera Española, S.A.” eran Noruega e Inglaterra, vendéndose a carne localmente.

A partires de 1952, xa con a “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA), os destinos principais do aceite eran industrias bilbaínas e barcelonesas, ademais de industrias galegas de Vigo e Coruña. A carne vendíase, ademais de localmente, na meirande parte dos mercados do norte español (Madrid, Bilbao, Zaragoza, Barcelona, etc.)

No ano 1972, e previo acordo coa viguesa “Auxiliar Conservera, S.A.” (AUCOSA), especializada en la manipulación, conservación en frío y exportación de peixe en grandes cantidades, comezan as exportacións de carne de cetáceo ó Xapón, o que marcaría a etapa de meirande prosperidade da industria baleeira galega. Técnicos xaponeses e coreanos supervisaban o despece, tallado e clasificación da carne, garantindo coa súa sinatura a correcta manipulación da mesma a satisfacción dos clientes asiáticos.

Referencias Bibliográficas:

Aguilar, A.; Alpuente, M.; Lorrio, F., 2006: A factoría baleeira Massó: fotografías de Félix Lorrio. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. DL C-1508-2006. ISBN 978-84-453-4310-4.

Canoura Quintana, A., 2002, A pesca da balea en Galicia nos séculos XVI e XVII, limiar de Xoán Carmona Badía, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-3207-4.

Carmona Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Ariel, Barcelona, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carreras Candi, F. (dir.), 1928, Geografía General del Reino de Galicia, trece volúmenes, Editorial Alberto Martín, Barcelona, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Crespo Alfaya, C., et al., 1983. A pesca en Galicia. A Coruña: Escola Aberta. DL C-920-1983. ISBN 986-542921.

Donapetry Iribarnegaray, J., 1953, Historia de Vivero y su Concejo, edición facsímil de 1991 de la Diputación Provincial de Lugo, Lugo. ISBN 84-86824-00-1.

Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. ISBN 84-8121-719-0.

Fernández del Riego, F., 1998, A pesca galega de mar a mar, Seminario de Estudos Galegos e Ediciós do Castro, Sada, Coruña. DL C-69-1998. ISBN 84-7492-871-0.

Ferreira Priegue, E.M., 1988. Galicia en el comercio marítimo medieval. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, p. 91. ISBN 84-85728-71-8.

Ferreira Priegue, E.M., 1988. Galicia en el comercio marítimo medieval. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-85728-71-8.

Ferreira Priegue, E.M., 1998, “O desenvolvemento da actividade pesqueira dende a alta idade media o século XVII”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, p. 71-86. ISBN 84-8121-719-0.

Giráldez Rivero, J., 1996. Crecimiento y transformaciones de la pesca en Galicia (1880-1936). Madrid: Ministerio de Agricultura.

González Echegaray, R., 1978. Balleneros cántabros. Santander: Institución Cultural de Cantabria, p. 38. ISBN 84-85349-01-6.

Iglesias Almeida, E., 2006, Tráfico marítimo e fluvial nos portos do sur da provincia de Pontevedra (séculos XIII-XVII), limiar de Clodio González Pérez, Toxosoutos, Noia. D.L. C-2302-2006. ISBN 84-96673-08-1.

Labarta Fernández, U., 1985, A Galicia mariñeira, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Galaxia, Vigo. ISBN 84-7154-492-X.

Lara Coira, M., 2009, “La pesca en Galicia hasta 1750”, Gallegos, número 6, II trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 134-141. D.L. VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

López Capont, F., 1998, El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-89748-26-8.

Massó García, G. 1967. Origen y desarrollo de la industria conservera en Galicia. Vigo.

Meijide Pardo, A., 1971. Economía marítima de la Galicia cantábrica en el siglo XVIII, Valladolid.

Ménard, C., 2008. La pesca gallega en Terranova, siglos XVI-XVIII. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Universidad de Sevilla y Diputación de Sevilla. DL M-57.791-2008. ISBN 978-84-00-08741-8.

Pardo Gómez, F., 2002. La navegación a vela en la mariña lucense. Lugo: El Progreso. DL LU-72-2002.

Pardo Gómez, F., 2008. Historia de San Ciprián. Lugo: El Progreso. DL LU-26-2008.

Pazos Pérez, L.J., 2000. Ballenas y balleneros en Galicia. Vigo: Tórculo. DL VG-1042-2000. ISBN 84-607-1553-1.

Pazos Pérez, L.J., 2008. Balleneros. Barcos-Factorías… Siglo XX. Pontevedra: Damaré Edicións. DL PO-308-2008. ISBN 978-84-935835-5-2.

Rey Escariz, A., 1912. “La pesca de la ballena en las costas gallegas”. Boletín de la Real Academia Gallega, Año VII, nº 62, La Coruña, p. 33-36.

Rodríguez Ojea, F. (coord.), 2000, Grandes empresas, grandes historias de Galicia, La Voz de Galicia, Coruña. D.L. C-1698-2000.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Valdés Hansen, F., 2010. Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-355-2010. ISBN 978-84-95892-78-2.

Vallejo Pousada, R., 2003. "Historia da pesca en Galicia. (Das orixes ata o século XVIII)", Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais, 19, 2003, p. 153-178.

Vázquez Varela, J.M., 1998, “O aproveitamento dos recursos mariños na prehistoria e a antigüidade de Galicia”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, p. 13-49. ISBN 84-8121-719-0.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 93-III O Pindo // Fuso 29 / X 487.295,93 / Y 4.751.356,51

Data de Actualización:

6 xaneiro 2011