156 Fábrica de gas de Santiago

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Santiago de Compostela
  • Parroquia: Santiago de Compostela
  • Lugar: Ensanche
  • Paraxe: Agro do Machado
  • Dirección: Na esquina da rúa Montero Ríos coa rúa Alfredo Brañas
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.875626015876755
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.546338681525276
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 536.955,62 / Y 4.747.082,80
  • Clasificación: Fábrica de gas
  • CNAE: 35.21 Produción de gas, 35.22 Distribución por tubaria de combustibles gasosos, e 35.23 Comercio de gas por tubaria.
  • Tipoloxía: Destilación de carbón, principalmente hulla graxa de chama longa
  • Comarca: Santiago
  • Marco Xeográfico: Santiago de Compostela
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: No casco urbano de Santiago de Compostela, na esquina das rúas Montero Ríos e Alfredo Brañas, no solar que ocupa hoxe o Hotel Araguaney.

Tipo de propiedade:

Solar actualmente ocupado por edificacións privadas

Visitable:

Non procede ó non haber pegada algunha.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De maneira resumida pódese dicir que a industria do gas para iluminación orixínase nos anos finais do século XVIII, impulsada polos traballos do mecánico escocés William Murdock e do enxeñeiro francés Philippe Lebon e facilitada polos progresos da química, a valorización do coque e o respaldo dos estratos máis avanzados da sociedade.

Aínda que a difusión da industria do gas foi inicialmente moi dificultosa e coñeceu notables fracasos, a partir do outorgamento polo Parlamento británico en 1812 do servizo público de gas combustible para iluminación á empresa “Gas Light and Coke Company” iniciouse a expansión no Reino Unido e en 1820 quince grandes cidades británicas contaban con fábrica de gas.

Durante as primeiras décadas do século XIX a innovación chegara tamén ás principais cidades europeas continentais: Bruxelas (1819), París (1819), Dublín (1822), Berlín (1824), Róterdam (1826), Xenebra (1843), Madrid (1843), Barcelona (1843), Estocolmo (1846), Lisboa (1848), Porto (1849)…

A industria do gas aparece en España en 1842, datas nas que os procesos de acumulación de capital, fundamento de calquera proceso industrializador, a penas se iniciaran (practicamente, non existen bancos e nin sequera cóntase con leis que regulen as sociedades por accións), polo que o aforro carece dos instrumentos financeiros precisos para orientarse cara a calquera industria intensiva en capital, como é a do gas, polo que os investimentos neste contexto realízaos case na súa totalidade capital estranxeiro.

Na seguinte década, cando xorde a gran expansión bancaria española, o sistema financeiro concentra a súa atención na oportunidade investidora dos ferrocarrís, esquecendo ao sector industrial.

Chégase así a finais do século XIX, cunha industria que creceu e desenvolveuse modestamente, moi por baixo do resto da industria europea. No que incumbe á industria do gas, baste sinalar como referencia a título comparativo que mentres en Inglaterra a primeira fábrica de gas pódese datar xa en 1807 e vinte e dous anos máis tarde, en 1829, xa existían máis de duascentas, en España instalábase o primeira trinta e cinco anos despois (1842, Barcelona), e vinte e catro anos máis tarde, en 1866, tan só había vinte e seis fábricas en funcionamento.

A inicios do século XX, o proceso de industrialización español non se asentara, España seguía a ser un país de base eminentemente agraria e na industria do gas xa estaba consolidada a gran diferenza, posto que ó non realizarse os investimentos en infraestruturas, o uso de gas -coa excepción catalá- non se popularizara, mentres que no resto de Europa xa existían numerosas fábricas coas súas correspondentes redes de distribución.

Unha segunda oportunidade de recuperar o atraso da industria do gas -por outra banda, similar ó do conxunto da industria española- xorde nos anos de 1920, coa repatriación dos capitais de Cuba e os efectos fortemente expansivos da primeira guerra mundial. Esta vez, o problema xorde da competencia que representa a aparición da electricidade, primeiro de orixe térmica, e hidráulica despois, que vén substituír á aplicación básica da industria do gas, a iluminación.

En resumo, cando se inicia a industria do gas en España non existe o capitalismo financeiro que a difunda rápida e eficazmente; cando, tardío, aparece o capitalismo financeiro en España, a época dourada da iluminación por gas feneceu, e ese capital envórcase con entusiasmo na nova forma de enerxía, a electricidade. Esta situación tradúcese na carencia de infraestruturas, e mesmo, de mercados gasistas desenvolvidos, que son as pautas fundamentais que marcan as diferenzas con respecto a outros países industrializados no que atinxe á industria española do gas.

Os primeiros fitos do desenvolvemento da industria do gas en España márcanos a iluminación co primeiro farol de gas na aula de Debuxo da Casa Lonxa do Mar da Xunta de Comercio do Principado de Cataluña (Barcelona, 1826) e a posta en marcha da rudimentaria fábrica de gas coñecida como “O Laboratorio” no alto da rúa de Carretas de Madrid (1832), coa que se iniciou a iluminación con farois de gas dalgunhas rúas céntricas da capital do reino. O éxito do “Laboratorio” foi tal, que o rei Fernando VII dispuxo outra pequena fábrica no Campo do Mouro, inmediata ó palacio real.

Na o ano 1843, a “Compañía Madrileña de Alumbrado y Calefacción por Gas”, fíxose cargo do servizo, e en 1844, unha compañía inglesa construíu unha fábrica de gas xunto á ponte de Toledo, abastecida con carbóns de Puertollano e Asturias, estendéndose considerablemente a subministración de gas por todo Madrid, de maneira que en 1885 producíronse 13 millóns de metros cúbicos de gas, e en 1890 as canalizacións alcanzaban os 270 km de rede.

En Barcelona, tras unhas primeiras xestións realizadas en 1840 por Charles Lebon, membro dunha familia gasista francesa, no ano 1843, fúndase a “Sociedad Catalana para el Alumbrado de Gas”, substituíndo 815 farois de aceite por farois de gas, cun aforro para o Concello de 18.943 duros e 9 reais ó ano, o que supuña un notabilísimo aforro, da orde do 50% do custo precedente.

A primeira fábrica de gas construíuse na Barceloneta, e en 1854, fundábase “La Propagadora del Gas”, segunda empresa gasista barcelonesa, que instalaba a súa fábrica en Grácia, distribuíndo o gas en San Gervasio, Corts e Sarriá. En 1861, Charles Lebon, fundaba “Gas Municipal”, logrando un contrato de quince anos co concello e instalando unha nova fábrica en El Arenal, estendéndose a distribución polo Poble Nou e San Martín de Provençals.

A partir da década de 1840, o desenvolvemento da industria do gas en España é xa continuado e imparable. Tralas primeiras fábricas de Madrid (1832), Barcelona (1843), Bilbao (1847) e Santander (1852), instálase unha segunda fábrica en Barcelona (1854), ademais das da Coruña (1854), Oviedo e Palma de Mallorca (1859), Tarrasa (1860), Lérida e Valencia (1862), Murcia (1864), Zaragoza (1865), Granada (1866), Almería (1867), Cádiz (1868), Gijón (1870), El Puerto de Santa María (1871), Santiago de Compostela (1872), etc.

Malia o seu retraso, a expansión da industria do gas en España foi notable, chegándose a contabilizar até un total de 57 fábricas de gas, 28 das cales se localizaban en capitais de provincia, e as restantes atopábanse en localidades con certa concentración de poboación. Por outra banda, das 57 fábricas de gas citadas, 26 delas atopábanse en Cataluña, o que pon de manifesto o forte arraigamento da industria gasista naquela rexión.

O desenvolvemento da industria do gas en España viuse entorpecido e atrasado polo lado da demanda polo reducido consumo industrial e privado da época, e polo elevado custo da materia prima –hullas gasificables– e as limitacións financeiras para a construción das redes de subministración, no que incumbe á oferta.

A carencia de carbóns de calidade e a falta de comunicacións terrestres no país limitou inicialmente o desenvolvemento a aquelas zonas costeiras que contaban con infraestruturas portuarias apropiadas para facilitar o aprovisionamento de carbóns ás fábricas de gas a uns prezos competitivos.

Xa desde principios do século XX, a popularización da iluminación eléctrica supuxo unha difícil situación para o sector gasista, que ante o declive da iluminación pública con gas, tratou de promover novas utilizacións para o gas cidade.

As dificultades de abastecemento de carbón trala guerra civil española (1936-1939), supoñen unha nova dificultade para a industria gasista, que mesmo se ve obrigada nalgúns casos á suspensión da subministración, situación que non puido normalizarse no país até 1951.

Co esgotamento dos carbóns de maior calidade, os prezos da materia prima para a gasificación incrementáronse de maneira significativa, experimentándose con modificacións nos procesos para mellorar os rendementos e permitir a utilización dos carbóns máis baratos.

Aínda que se fixeron con éxito numerosos intentos de gasificar carbóns de baixa calidade, as técnicas desenvolvidas non lograron competir cos novos métodos de obtención de gases combustibles a partir do petróleo, posto que a dispoñibilidade a baixo prezo de derivados do petróleo procedentes de refinaría e o deseño de diversos procedementos de gasificación destes derivados para fabricar gases combustibles cunha ampla gama de poderes caloríficos, incluído o propio gas de refinaría, convertían en antieconómica mesmo a utilización de carbóns de baixo grao. Numerosas fábricas de gas deste tipo entraron en explotación a partires de 1960.

O emprego do petróleo no canto do carbón, presenta indubidables vantaxes na fabricación de gases combustibles. A unha maior facilidade de manipulación das materias primas líquidas e gasosas, con instalacións menos voluminosas e que requiren menores investimentos, únese a posibilidade de fabricar unha gran variedade de gases combustibles, carentes do temido monóxido de carbono, é dicir, practicamente non tóxicos. Á ausencia de subprodutos de fabricación nos novos procesos, engádese, ademais, a posibilidade de producir gas a alta presión, reducindo os custos de transporte e facilitando a súa distribución a maiores distancias.

En definitiva, o proceso de substitución do carbón por derivados do petróleo como materia prima básica para a fabricación de gases combustibles, representou unha auténtica revolución tecnolóxica na industria do gas manufacturado, practicamente estancada durante cento cincuenta anos e que puido así renovarse e salvarse dunha segura desaparición.

En 1956, cos antecedentes do ocorrido noutros países, iníciase a primeira revolución tecnolóxica da industria do gas cidade en España, coa posta en marcha pola empresa “Catalana de Gas y Electricidad, S.A.” da primeira planta española de fraccionamento catalítico de fuel óleo para producir gas, coa secuela da desaparición de fábricas, concentración de empresas, economía de escala e espectaculares aumentos na produtividade, todo iso baseado en importantes investimentos.

Este cambio permitiu a supervivencia da industria do gas cidade, asfixiada polos elevados custos de gasificación do carbón, que facían do gas canalizado un produto non competitivo nin fronte á electricidade, nin fronte ós gases licuados do petróleo, que iniciaran a súa penetración masiva en España en 1958 trala creación da empresa “Butano, S.A.” no verán do ano anterior.

A partir de 1961 abandónanse definitivamente os sistemas clásicos de gasificación da hulla, substituíndoos polos modernos procesos de fraccionamento (cracking) catalítico de naftas lixeiras e así, na década de 1960, a industria española do gas manufacturado sufriu un cambio importante, consecuencia do cambio tecnolóxico que supuxo a introdución do novo proceso de fabricación.

Como se dixo, este cambio tecnolóxico foi absolutamente necesario para a supervivencia da industria do gas cidade, dado que os custos de produción da gasificación do carbón (cunha constante subida de prezo das materias primas), unidos a unha estrutura de prezos de venda políticos (coa consecuente escaseza de marxes de beneficios e por tanto, limitacións no autofinanciamento), levaba inexorablemente a unha fisionomía de empresa caracterizada por instalacións anticuadas, unha baixa taxa de crecemento e unha continuada descapitalización.

O proceso de modernización das fábricas de gas españolas supuxo, por unha banda, a concentración de empresas de distribución de gas, que pasaron das 31 existentes en 1960 ás 17 en funcionamento en 1979. Por outra banda, dita reconversión comportou unha profunda modificación na relación entre capital e traballo, e así no período de 1960 a 1969, mentres as vendas de gas case se duplicaron, pasando de 318 a 605 millóns de metros cúbicos, o persoal empregado reduciuse nun 33%, pasando de 5.426 a 3.723 persoas.

A penetración do gas natural en España a partir de 1969, coa construción da planta de regasificación de Barcelona, supuxo a modificación definitiva da industria do gas canalizado, coa paulatina substitución do gas manufacturado polo devandito gas natural. Esta substitución acelerouse notablemente cara a 1980, o gas natural introduciuse con firmeza nos mercados e o gas manufacturado continuou o seu rápido retroceso, representando na década do ano 2000 a penas un 0,3% do total de gas consumido en usos finais.

Tralo peche das fábricas de San Sebastián (1998) e Murcia (1999), e a reconversión da fábrica de Palma de Mallorca (2001), a familia dos gases combustibles manufacturados queda representada en España unicamente polas mesturas gasosas de aire metanado e aire propanado, que se manterán en tanto e en canto non se atope dispoñible a subministración de gas natural nas súas actuais zonas de utilización.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase nun solar amplo que garantía a dispoñibilidade de terreo para futuras ampliacións. Atopábase nunha cota inferior á das principais zonas a subministrar e non lonxe do casco urbano, aínda que separado del, tanto por seguridade como polo rexeitamento social das actividades industriais.

Construcción:

En 1874 pola compañía asturiana “Menéndez, Valdés y Cía.”

Abandono:

A principios do mes de abril do ano 1916 suspendíase a subministración de gas por falta de carbón para fabricalo, e ante as continuas dificultades, o 30 de xuño de 1917 o servizo de alumeado con gas dábase por definitivamente concluído en Santiago de Compostela.

Descrición:

Extinguido o esplendor medieval, cara a metade do século XIX Santiago de Compostela era unha cidade estancada, escasamente urbanizada e cunha poboación reducida, cuxa pouco dinámica economía se sustentaba nos servizos (educación, sanidade, comercio, igrexa). Malia todo iso, foi a primeira cidade galega en prestarlle atención ó alumeado por gas, pois xa contra 1846 o concello compostelán aprobaba o prego de condicións para a concesión do servizo.

Así e todo, temos que esperar ó mes de agosto de 1871, cando a compañía xixonesa “Menéndez, Valdés y Compañía” comunicaba ó concello que o seu director, François Saunier, desprazábase a Compostela co gallo de estudar a implantación do gas na cidade. O 25 de xaneiro de 1872 o alcalde e o representante da compañía escrituraban o contrato para o estabelecemento do alumeado público en Santiago de Compostela.

Para a implantación das instalacións elixiuse o solar chamado Agro do Machado, detrás das casas e hortas da Carreira do Conde, con fronte ó norte na travesa de Matacáns ó campo de Rapa da Folla (hoxe rúa de Montero Ríos), a rúa de Matacáns a Ramírez ó leste (no seu solar levántase hoxe o Hotel Araguaney). Cumpría cos requisitos de atoparse lonxe das zonas habitadas e a un máis baixo nivel que o das rúas a subministrar, o que facilitaba o transporte do gas de alumeado, máis lixeiro que o aire.

Despois dun longo proceso de expropiación, o director da fábrica comunicaba no mes de abril de 1874 o comezo das obras de canalización o primeiro de xuño. E o 27 de xullo de 1874 tiñan lugar as probas da iluminación, retirándose os pescantes e farois de petróleo. A recente inauguración do ferrocarril de Cornes a Carril facía prever unha redución nos custes de aprovisionamento de carbón, que supuñan un custe de cinco pesetas por tonelada para o seu traslado en carros de bois dende Pontecesures. Mais tal expectativa non se cumprira, xa que ás cinco pesetas por tonelada do ferrocarril tiñan que engadirlle outra peseta pola manipulación dende o porto á estación ferroviaria de Carril, e dúas pesetas máis polo carrexo dende Cornes ata o almacén da fábrica: en total oito pesetas por tonelada fronte ás cinco das carretas.

La empresa contaba inicialmente cun director técnico, un director administrativo e seis operarios. No ano 1883 a iluminación compostelán sufre un profundo cambio ó desaparecer case totalmente o alumeado con farois de petróleo, substituídos polos de gas, e estenderse o servizo por toda a cidade e a súa periferia.

Al igual que sucedía noutros concellos, os problemas económicos da facenda local traducíanse frecuentemente en atrasos nos pagamentos coas conseguintes reclamacións da empresa. Da outra banda, as reclamacións pola baixa calidade da subministración eran tamén correntes, provocados polo emprego pola empresa de carbóns de baixa calidade (mesturaba carbóns ingleses e asturianos) non apropiados para a produción de gas de alumeado. Asemade, a extensión do servizo a barrios como Sar ou San Lourenzo, situados a un nivel inferior ó da fábrica, supuxo a aparición nestas zonas de deficiencias no alumeado por perda de presión do gas.

Polo elevado custo do servizo para as arcas públicas, tomáranse algunhas medidas de aforro, consistentes –como fixeran en outras vilas– en apagar algúns farois ás once da noite e non acender a meirande parte deles os días de lúa.

O deficiente mantemento das instalación tivo o seu cumio o 28 de decembro de 1888, cando un accidente na fábrica custáralle a vida a tres operarios e deixara a cidade ás escuras. O concello viña xa pensando na substitución do alumeado por gas pola iluminación eléctrica, e aquel suceso déralle pulo ás reclamacións que víñalle facendo á empresa. O primeiro día do mes de agosto de 1887, o pleno municipal acordaba someter a estudo pola Comisión de Alumeado a substitución do sistema de iluminación na cidade.

Temerosa de perder a exclusividade do subministro do alumeado, o 10 de decembro de 1894 a sociedade “Menéndez, Valdés y Cía.” presentaba un proxecto de central eléctrica na fábrica de gas de Santiago. A proposta consistía en instalar catro motores de gas de cincuenta cabalos de vapor cada un que arrastrarían cadansúa dínamo de baixa tensión, e do cadro xeral da fábrica sairían inicialmente tres cables alimentadores.

O 20 de maio de 1895, a corporación municipal santiaguesa autorizaba a don Miguel Bruzos Cimadevila a tender redes eléctricas aéreas para o alumeado particular, con carácter de exclusividade durante doce anos. E o 29 de xuño de 1895 outorgábase escritura pública de constitución da “Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago”, aportando o dito señor Bruzos, xunto coa autorización municipal, a concesión outorgada pola administración do estado para o aproveitamento dun salto de auga para a produción de electricidade. A transición estaba en camiño e o 1 de xullo “Menéndez, Valdés y Cía.” vendía á nova sociedade a fábrica de gas santiaguesa con todos os seus dereitos.

Co cambio de século a nova empresa gasista emprendeu numerosas reformas para mellorar a calidade na subministración do gas de alumeado, e o mesmo tempo, o 22 de marzo de 1900 propoñía ó concello a execución dun ambicioso proxecto: colocar sete transformadores alimentados por liñas eléctricas subterráneas de alta tensión en outros tantos puntos estratéxicos da cidade, para desde eles alimentar con condutores aéreos ós diferentes puntos de luz do alumeado público. A enerxía eléctrica sería proporcionada pola central eléctrica (ou “fábrica da luz”) que estaba a construírse no río Tambre, a uns once quilómetros da cidade.

A central hidroeléctrica do Tambre, en San Xoán de Fecha, entón termo municipal de Enfesta, inaugurábase no mes de outubro de 1901. Contaba con dúas turbinas de 180 CV cada unha, con cadanseu alternador de 125 CV e subministraba diariamente uns 30 kWh (vid. ficha 729).

Aínda que mantíñase parte do alumeado con gas, o crecemento da demanda de electricidade era imparable, e a empresa decidiu instalar en Santiago unha fábrica de enerxía eléctrica auxiliar, con caldeiras e motores de vapor, solicitando o 11 de abril de 1904 a oportuna licenza de obras, que rematarían a comezos do ano 1907.

A Primeira Guerra Mundial (1914-1918) trouxo graves problemas na subministración de carbón, ata o punto de que a comezos do mes de abril de 1916 a fábrica compostelá víase obrigada a suspender a produción do gas de alumeado e a substituílo con urxencia polo alumeado eléctrico. O 30 de xuño de 1917 o servizo de alumeado con gas dábase por definitivamente concluído en Santiago de Compostela.

O 4 de xullo do ano 1917 o Concello adxudicaba o subministro do alumeado eléctrico municipal público e privado a favor da “Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago”. Nese mesmo ano aparecería un novo competidor no mercado eléctrico compostelán, a “Cooperativa Santiaguesa, S.A.” (vid. ficha 723), que tiña como fonte de enerxía a central hidroeléctrica do río Toxa (vid. ficha 733) e que competiría dende aquela pola subministración de electricidade á cidade ata ser absorbida contra 1926 pola todopoderosa “Sociedad General Gallega de Electricidad”.

No ano 1923 culminaba o acordo acadado en 1921 entre a “Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago”, a “Electra Popular de Vigo y Redondela” e a “Sociedad General Gallega de Electricidad”, fusionándose as tres baixo a razón social desta última, trocando o mapa galego da subministración de electricidade… mais esta vai ser outra historia.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo da subministración de carbón.

Sistema de produción:

A destilación de carbóns a alta temperatura, en vaso pechado (destilación seca) permite obter gas de alumeado, con coque e alcatrán como subprodutos. Os produtos e subprodutos de mellor calidade obtense destilando hulla de chama longa, mormente carbón inglés procedente de Newcastle (chamado cannel, contracción de candle coal, cabón de buxía ou de alumeado).

A destilación dos combustibles bituminosos, a temperaturas entre 900 e 1.400 ºC, provoca unha descomposición do carbón que da lugar a novos produtos sólidos (coque), líquidos (alcatrán e auga) e volátiles (gases e vapores combustibles). O proceso ten tres fases diferenciadas:

Ata os 375 ºC ten lugar a desgasificación inicial, na que o carbón que se carga nas retortas (cámaras, nos fornos modernos) comeza a abrandarse desprendendo anhídrido carbónico, monóxido de carbono e hidrocarburos da serie do metano.

Continúa ata os 425 ºC a desgasificación principal, co carbón amolecendo ata chegar á fusión total, liberando gran cantidade de gas e esponxando a masa pastosa residual, que aglomera nun produto poroso que solidifica para formar o coque.

A partires dos 425 ºC ten lugar a desgasificación final, proseguindo o desprendemento de gases (principalmente hidróxeno) do coque en cantidades considerables.

Os primeiros fornos eran dos chamados de retortas, cun rendemento de mil douscentos quilogramos a dúas toneladas destiladas en vinte e catro horas. Os fornos de cámaras, máis modernos, acadaban capacidades de destilación de ata vinte e cinco toneladas en vinte e catro horas.

O gas obtido sometíase seguidamente a unha serie de procesos de depuración. O primeiro era o arrefriamento do gas ata uns 100 ºC e unha primeira separación de alcatrán no barrilete por medio do lavado con auga amoniacal. Despois o gas arrefriábase de novo nos condensadores ata uns 10 ou 20 ºC, separándose máis alcatrán, amoníaco e benzol. Tralos condensadores dispúñanse os exhaustores, uns ventiladores para impulsar o gas coa presión suficiente ata o gasómetro.

Viñan despois os separadores de alcatrán, para reter os residuos que aínda puidera conter o gas, e os lavadores de cianógeno, para extraer o ácido cianhídrico. E aínda tiña que separarse a naftalina, lavando o gas con aceite destilado de alcatrán de lignito; recuperarse o amoníaco mediante lavado con auga; extraer o benzol por lavado do gas con aceite destilado de alcatrán de hulla; e finalmente, depurar o xofre por absorción con hidróxido férrico antes de enviar o gas ó gasómetro.

O gasómetro consistía nunha cuba cilíndrica para conter o gas cuberta cunha campá tamén cilíndrica que podía deslizarse verticalmente dentro da cuba en función da cantidade de gas almacenado nesta, mantendo así constante a presión do gas. A estanquidade entre ambos recipientes viña garantida por un anel de peche hidráulico a base da auga ou de aceite de alcatrán. Consonte a carga encol da campá a presión do gas nela contido podía variar entre 80 e 220 milímetros de columna de auga, presión coa que o gas enviábase polas redes de distribución ata os diferentes puntos de consumo na cidade.

O alcatrán obtido sometíase a destilación fraccionada para obter aceite lixeiro (ata 170 ºC), aceite intermedio (170 a 230 ºC), aceite pesado (230 a 270 ºC), antraceno e pez (máis de 270 ºC), produtos de gran valor industrial.

Actividades laborais:

Nos primeiros anos da súa implantación as fábricas de gas dependían maioritariamente de persoal estranxeiro, pola necesidade de unha certa competencia ou especialización nos oficios propios da industria. Máis adiante a mellora na formación dos traballadores locais permitiría a substitución do persoal estranxeiro.

Emprego:

O número de empregados, todos homes, era de trinta e catro no ano 1906.

Materias Primas:

Carbón, preferiblemente hulla graxa de chama longa, aínda que por veces mesturárase con carbón asturiano, producindo gas de peor calidade.

Produtos Elaborados:

Gas de alumeado (182.500 m3 no ano 1906).

Distribución e comercialización:

Na área urbana e zonas periféricas da cidade de Santiago de Compostela.

Referencias Bibliográficas:

Arroyo Huguet, M., 2006, El gas en Ferrol (1883-1898). Condiciones técnicas, iniciativas económicas e intereses sociales, Universidad de Barcelona, Barcelona. ISBN 84-689-6500-6.

Barreiro Fernández, X.R., 1990, “Saunier y la fábrica de gas”, Cien años de luz eléctrica en Galicia, Ramón García Fontenla (ed.), introd. de Domingo García Sabell, Unión Fenosa, Madrid, p. 37-40. DL M-45870-1990.

Carmona Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Ariel, Barcelona, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carré Aldao, E., 1928. “Provincia de La Coruña”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Carreras Candi, F. (dir.), 1928, Geografía General del Reino de Galicia, trece volúmenes, Editorial Alberto Martín, Barcelona, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Lindoso Tato, E., 2006, “A la sombra del Arsenal: la oferta empresarial ferrolana en siglo XIX”, Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, enero-diciembre 2006, p. 271-304. ISSN 0210-847 X.

Lindoso Tato, E., 2006, Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913), LID Editorial Empresarial, Madrid. ISBN 84-88717-94-6.

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Barcelona: Gustavo Gili.

Martínez López, A. (coord.), Mirás Araujo, J., e Lindoso Tato, E., 2009. La industria del gas en Galicia: del alumbrado por gas al siglo XXI, 1850-2005. Grupo de Estudios de Historia de la Empresa. Barcelona: Fundación Gas Natural. DL M-53214-2009. ISBN 978-84-613-5597-6.

Meijide Pardo, A., 1974-75. “La primera industria coruñesa del vidrio (1827-1850)”. Revista del Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, número 10-11, p. 143-201. La Coruña: Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.

Portela Silva, E., 2003: Historia de la ciudad de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela: Concello de Santiago de Compostela; Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela; Universidade de Santiago de Compostela. DL C-225-2003. ISBN 84-9750-137-3.

Rodríguez Ojea, F. (coord.), 2000, Grandes empresas, grandes historias de Galicia, La Voz de Galicia, Coruña. D.L. C-1698-2000.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 94-IV Santiago de Compostela // Fuso 29 / X 536.955,62 / Y 4.747.082,80

Data de Actualización:

13 febreiro 2011