158 Fábrica de gas de Vigo

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: Vigo (núcleo urbano)
  • Lugar: Berbés
  • Paraxe: Ribeira do Berbés
  • Dirección: Rúa Picacho (na mazá entre as rúas Santa Marta, Teófilo Llorente e o comezo da Conde de Torrecedeira).
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.23509099379764
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.730686901679405
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 522.359,46 / Y 4.676.292,72
  • Clasificación: Fábrica de gas
  • CNAE: 35.21 Produción de gas, 35.22 Distribución por tubaria de combustibles gasosos, e 35.23 Comercio de gas por tubaria.
  • Tipoloxía: Destilación de carbón, principalmente hulla de chama longa
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Ría de Vigo
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: A fábrica situárase no casco urbano de Vigo, en fronte da dársena do Berbés e no que daquela era o mesmo borde do mar e camiño do cemiterio, entre o que hoxe é a rúa Teófilo Llorente (antigamente rúa Picacho) a rúa Santa Marta e o comezo da rúa Conde de Torrecedeira.

Tipo de propiedade:

Solar actualmente ocupado por edificacións privadas

Visitable:

Non procede ó non haber pegada algunha das instalacións

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

De maneira resumida pódese dicir que a industria do gas para iluminación orixínase nos anos finais do século XVIII, impulsada polos traballos do mecánico escocés William Murdock e do enxeñeiro francés Philippe Lebon e facilitada polos progresos da química, a valorización do coque e o respaldo dos estratos máis avanzados da sociedade.

Aínda que a difusión da industria do gas foi inicialmente moi dificultosa e coñeceu notables fracasos, a partir do outorgamento polo Parlamento británico en 1812 do servizo público de gas combustible para iluminación á empresa “Gas Light and Coke Company” iniciouse a expansión no Reino Unido e en 1820 quince grandes cidades británicas contaban con fábrica de gas.

Durante as primeiras décadas do século XIX a innovación chegara tamén ás principais cidades europeas continentais: Bruxelas (1819), París (1819), Dublín (1822), Berlín (1824), Róterdam (1826), Xenebra (1843), Madrid (1843), Barcelona (1843), Estocolmo (1846), Lisboa (1848), Porto (1849)…

A industria do gas aparece en España en 1842, datas nas que os procesos de acumulación de capital, fundamento de calquera proceso industrializador, a penas se iniciaran (practicamente, non existen bancos e nin sequera cóntase con leis que regulen as sociedades por accións), polo que o aforro carece dos instrumentos financeiros precisos para orientarse cara a calquera industria intensiva en capital, como é a do gas, polo que os investimentos neste contexto realízaos case na súa totalidade capital estranxeiro.

Na seguinte década, cando xorde a gran expansión bancaria española, o sistema financeiro concentra a súa atención na oportunidade investidora dos ferrocarrís, esquecendo ao sector industrial.

Chégase así a finais do século XIX, cunha industria que creceu e desenvolveuse modestamente, moi por baixo do resto da industria europea. No que incumbe á industria do gas, baste sinalar como referencia a título comparativo que mentres en Inglaterra a primeira fábrica de gas pódese datar xa en 1807 e vinte e dous anos máis tarde, en 1829, xa existían máis de duascentas, en España instalábase o primeira trinta e cinco anos despois (1842, Barcelona), e vinte e catro anos máis tarde, en 1866, tan só había vinte e seis fábricas en funcionamento.

A inicios do século XX, o proceso de industrialización español non se asentara, España seguía a ser un país de base eminentemente agraria e na industria do gas xa estaba consolidada a gran diferenza, posto que ó non realizarse os investimentos en infraestruturas, o uso de gas -coa excepción catalá- non se popularizara, mentres que no resto de Europa xa existían numerosas fábricas coas súas correspondentes redes de distribución.

Unha segunda oportunidade de recuperar o atraso da industria do gas -por outra banda, similar ó do conxunto da industria española- xorde nos anos de 1920, coa repatriación dos capitais de Cuba e os efectos fortemente expansivos da primeira guerra mundial. Esta vez, o problema xorde da competencia que representa a aparición da electricidade, primeiro de orixe térmica, e hidráulica despois, que vén substituír á aplicación básica da industria do gas, a iluminación.

En resumo, cando se inicia a industria do gas en España non existe o capitalismo financeiro que a difunda rápida e eficazmente; cando, tardío, aparece o capitalismo financeiro en España, a época dourada da iluminación por gas feneceu, e ese capital envórcase con entusiasmo na nova forma de enerxía, a electricidade. Esta situación tradúcese na carencia de infraestruturas, e mesmo, de mercados gasistas desenvolvidos, que son as pautas fundamentais que marcan as diferenzas con respecto a outros países industrializados no que atinxe á industria española do gas.

Os primeiros fitos do desenvolvemento da industria do gas en España márcanos a iluminación co primeiro farol de gas na aula de Debuxo da Casa Lonxa do Mar da Xunta de Comercio do Principado de Cataluña (Barcelona, 1826) e a posta en marcha da rudimentaria fábrica de gas coñecida como “O Laboratorio” no alto da rúa de Carretas de Madrid (1832), coa que se iniciou a iluminación con farois de gas dalgunhas rúas céntricas da capital do reino. O éxito do “Laboratorio” foi tal, que o rei Fernando VII dispuxo outra pequena fábrica no Campo do Mouro, inmediata ó palacio real.

Na o ano 1843, a “Compañía Madrileña de Alumbrado y Calefacción por Gas”, fíxose cargo do servizo, e en 1844, unha compañía inglesa construíu unha fábrica de gas xunto á ponte de Toledo, abastecida con carbóns de Puertollano e Asturias, estendéndose considerablemente a subministración de gas por todo Madrid, de maneira que en 1885 producíronse 13 millóns de metros cúbicos de gas, e en 1890 as canalizacións alcanzaban os 270 km de rede.

En Barcelona, tras unhas primeiras xestións realizadas en 1840 por Charles Lebon, membro dunha familia gasista francesa, no ano 1843, fúndase a “Sociedad Catalana para el Alumbrado de Gas”, substituíndo 815 farois de aceite por farois de gas, cun aforro para o Concello de 18.943 duros e 9 reais ó ano, o que supuña un notabilísimo aforro, da orde do 50% do custo precedente.

A primeira fábrica de gas construíuse na Barceloneta, e en 1854, fundábase “La Propagadora del Gas”, segunda empresa gasista barcelonesa, que instalaba a súa fábrica en Grácia, distribuíndo o gas en San Gervasio, Corts e Sarriá. En 1861, Charles Lebón, fundaba “Gas Municipal”, logrando un contrato de quince anos co concello e instalando unha nova fábrica en El Arenal, estendéndose a distribución polo Poble Nou e San Martín de Provençals.

A partir da década de 1840, o desenvolvemento da industria do gas en España é xa continuado e imparable. Tralas primeiras fábricas de Madrid (1832), Barcelona (1843), Bilbao (1847) e Santander (1852), instálase unha segunda fábrica en Barcelona (1854), ademais das da Coruña (1854), Oviedo e Palma de Mallorca (1859), Tarrasa (1860), Lérida e Valencia (1862), Murcia (1864), Zaragoza (1865), Granada (1866), Almería (1867), Cádiz (1868), Gijón (1870), El Puerto de Santa María (1871), Santiago de Compostela (1872), etc.

Malia o seu retraso, a expansión da industria do gas en España foi notable, chegándose a contabilizar até un total de 57 fábricas de gas, 28 das cales se localizaban en capitais de provincia, e as restantes atopábanse en localidades con certa concentración de poboación. Por outra banda, das 57 fábricas de gas citadas, 26 delas atopábanse en Cataluña, o que pon de manifesto o forte arraigamento da industria gasista naquela rexión.

O desenvolvemento da industria do gas en España viuse entorpecido e atrasado polo lado da demanda polo reducido consumo industrial e privado da época, e polo elevado custo da materia prima –hullas gasificables– e as limitacións financeiras para a construción das redes de subministración, no que incumbe á oferta.

A carencia de carbóns de calidade e a falta de comunicacións terrestres no país limitou inicialmente o desenvolvemento a aquelas zonas costeiras que contaban con infraestruturas portuarias apropiadas para facilitar o aprovisionamento de carbóns ás fábricas de gas a uns prezos competitivos.

Xa desde principios do século XX, a popularización da iluminación eléctrica supuxo unha difícil situación para o sector gasista, que ante o declive da iluminación pública con gas, tratou de promover novas utilizacións para o gas cidade.

As dificultades de abastecemento de carbón trala guerra civil española (1936-1939), supoñen unha nova dificultade para a industria gasista, que mesmo se ve obrigada nalgúns casos á suspensión da subministración, situación que non puido normalizarse no país até 1951.

Co esgotamento dos carbóns de maior calidade, os prezos da materia prima para a gasificación incrementáronse de maneira significativa, experimentándose con modificacións nos procesos para mellorar os rendementos e permitir a utilización dos carbóns máis baratos.

Aínda que se fixeron con éxito numerosos intentos de gasificar carbóns de baixa calidade, as técnicas desenvolvidas non lograron competir cos novos métodos de obtención de gases combustibles a partir do petróleo, posto que a dispoñibilidade a baixo prezo de derivados do petróleo procedentes de refinaría e o deseño de diversos procedementos de gasificación destes derivados para fabricar gases combustibles cunha ampla gama de poderes caloríficos, incluído o propio gas de refinaría, convertían en antieconómica mesmo a utilización de carbóns de baixo grao. Numerosas fábricas de gas deste tipo entraron en explotación a partires de 1960.

O emprego do petróleo no canto do carbón, presenta indubidables vantaxes na fabricación de gases combustibles. A unha maior facilidade de manipulación das materias primas líquidas e gasosas, con instalacións menos voluminosas e que requiren menores investimentos, únese a posibilidade de fabricar unha gran variedade de gases combustibles, carentes do temido monóxido de carbono, é dicir, practicamente non tóxicos. Á ausencia de subprodutos de fabricación nos novos procesos, engádese, ademais, a posibilidade de producir gas a alta presión, reducindo os custos de transporte e facilitando a súa distribución a maiores distancias.

En definitiva, o proceso de substitución do carbón por derivados do petróleo como materia prima básica para a fabricación de gases combustibles, representou unha auténtica revolución tecnolóxica na industria do gas manufacturado, practicamente estancada durante cento cincuenta anos e que puido así renovarse e salvarse dunha segura desaparición.

En 1956, cos antecedentes do ocorrido noutros países, iníciase a primeira revolución tecnolóxica da industria do gas cidade en España, coa posta en marcha pola empresa “Catalana de Gas y Electricidad, S.A.” da primeira planta española de fraccionamento catalítico de fuel óleo para producir gas, coa secuela da desaparición de fábricas, concentración de empresas, economía de escala e espectaculares aumentos na produtividade, todo iso baseado en importantes investimentos.

Este cambio permitiu a supervivencia da industria do gas cidade, asfixiada polos elevados custos de gasificación do carbón, que facían do gas canalizado un produto non competitivo nin fronte á electricidade, nin fronte ós gases licuados do petróleo, que iniciaran a súa penetración masiva en España en 1958 trala creación da empresa “Butano, S.A.” no verán do ano anterior.

A partir de 1961 abandónanse definitivamente os sistemas clásicos de gasificación da hulla, substituíndoos polos modernos procesos de fraccionamento (cracking) catalítico de naftas lixeiras e así, na década de 1960, a industria española do gas manufacturado sufriu un cambio importante, consecuencia do cambio tecnolóxico que supuxo a introdución do novo proceso de fabricación.

Como se dixo, este cambio tecnolóxico foi absolutamente necesario para a supervivencia da industria do gas cidade, dado que os custos de produción da gasificación do carbón (cunha constante subida de prezo das materias primas), unidos a unha estrutura de prezos de venda políticos (coa consecuente escaseza de marxes de beneficios e por tanto, limitacións no autofinanciamento), levaba inexorablemente a unha fisionomía de empresa caracterizada por instalacións anticuadas, unha baixa taxa de crecemento e unha continuada descapitalización.

O proceso de modernización das fábricas de gas españolas supuxo, por unha banda, a concentración de empresas de distribución de gas, que pasaron das 31 existentes en 1960 ás 17 en funcionamento en 1979. Por outra banda, dita reconversión comportou unha profunda modificación na relación entre capital e traballo, e así no período de 1960 a 1969, mentres as vendas de gas case se duplicaron, pasando de 318 a 605 millóns de metros cúbicos, o persoal empregado reduciuse nun 33%, pasando de 5.426 a 3.723 persoas.

A penetración do gas natural en España a partir de 1969, coa construción da planta de regasificación de Barcelona, supuxo a modificación definitiva da industria do gas canalizado, coa paulatina substitución do gas manufacturado polo devandito gas natural. Esta substitución acelerouse notablemente cara a 1980, o gas natural introduciuse con firmeza nos mercados e o gas manufacturado continuou o seu rápido retroceso, representando na década do ano 2000 apenas un 0,3% do total de gas consumido en usos finais.

Tralo peche das fábricas de San Sebastián (1998) e Murcia (1999), e a reconversión da fábrica de Palma de Mallorca (2001), a familia dos gases combustibles manufacturados queda representada en España unicamente polas mesturas gasosas de aire metanado e aire propanado, que se manterán en tanto e en canto non se atope dispoñible a subministración de gas natural nas súas actuais zonas de utilización.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase nun solar próximo ó casco urbano (no que hoxe é a mazá entre as rúas Santa Marta, Teófilo Llorente e o comezo da Conde de Torrecedeira), con dispoñibilidade de terreo para futuras ampliacións e preto do porto do que recibiría as materias primas (na enseada do Berbés).

Construcción:

En 1884 pola compañía francesa “Société Anonyme d’Eclairage, de Chauffage et de Force Motrice des villes de La Corogne et Vigo”.

Abandono:

No ano 1952. Desmantelada cara a 1955.

Descrición:

Vigo experimentara dende o derradeiro cuarto do século XIX un conxunto de transformacións na súa base económica que lle deran pulo para chegar a constituír un dos casos máis sobresaíntes de urbanización industrial acelerada en España. Coñecedor da importante evolución da cidade, François Saunier Goubard, director ata 1880 da fábrica de gas de Santiago de Compostela e representante dende entón da “Sociedad para el alumbrado de gas de la ciudad de La Coruña” presentaría en 1882 unha proposta para estabelecer en Vigo o alumeado por gas.

A proposta sería aprobada polo concello vigués o 22 de novembro de 1882 e daría lugar ó nacemento da “Société Anonyme d’Eclairage, de Chauffage et de Force Motrice des villes de La Corogne et Vigo”, compañía controlada por la “Société de Gaz et Eléctricité du Sudest”, con fábricas en Montpellier, Toulon, Tarare y Cluny e que aportaba solidez financeira e actualización tecnolóxica pola vía da súa adhesión e asistencia ós congresos da influinte “Société Technique du Gaz”, estabelecida en Lyon dende 1874.

Para a construción da fábrica de gas Saunier elixiu a finca da viúva de Larrañaga, un solar próximo ó casco urbano e ó porto, na rúa Picacho (hoxe rúa Teófilo Llorente), camiño do cemiterio da vila. Para consolidar o muro de contención, socavado pola acción das mareas, houbo de continuarse o terraplén no camiño inmediato ó mar. Houbo tamén que derrubar unha casa da rúa Santa Marta para abrir no seu sitio unha porta para entrada de carros.

Finalizadas as obras, na noite do 24 de xullo de 1884 inaugurábase o alumeado de oitenta e dous farois alimentados con gas, cantidade que subiría a noventa e catro pouco despois e chegaría ós trescentos vinte e catro no mes de outubro dese ano. Coas instalacións xa en funcionamento, fíxose cargo da dirección da fábrica Álvaro del Diestro Echániz, quedando Saunier como representante da empresa en Vigo.

O derradeiro cuarto do século XIX vería a expansión da urbe viguesa, paralela á industrialización e ás actividades conserveiras, marítimas e comerciais, así como á conexión ferroviaria con Ourense (1881) e con Pontevedra (1884). O consumo do gas non tivo un desenvolvemento parello, sometido á forte competencia que presentaba xa entón a electricidade.

De feito, en 1891 a sociedade “Bayliss, Baldelló y Cía.” presentaba un proxecto de instalación e explotación do alumeado eléctrico en varias rúas de Vigo, proxecto que aprobábase no mes de decembro dese mesmo ano. E cara a 1895 o concello tiña suficientemente clara a decisión de substituír o alumeado a gas polo eléctrico.

Nesta situación de cambio do paradigma enerxético, a empresa gasista acometía contra 1896 a montaxe das máquinas precisas para a produción de enerxía eléctrica, e o 22 de decembro de dito ano inaugurábase a nova fábrica e a iluminación eléctrica na cidade. O mesmo tempo, continuaba introducindo melloras na rede de distribución de gas e implantando novos queimadores, máis potentes e económicos.

No imparable medrar da electricidade, o 25 de outubro de 1902 constituíase en Caldas a sociedade anónima “Electra Popular de Vigo y Redondela”, impulsada polo enxeñeiro industrial Ramón Laforet Cividanes e moi ligada á Banca Riestra. A nova empresa eléctrica solicitaba en 1902 autorización para o tendido de liñas de baixa tensión na cidade para a subministración de alumeado e forza motriz a industrias e particulares por medio da electricidade.

A empresa gasista traballaba tamén no fronte eléctrico e pouco despois solicitaba unha concesión para o aproveitamento dun salto de auga no río Lérez con 1.600 CV de potencia instalada, poñéndose en servizo a nova central contra 1905.

O ciclo bélico derivado da Primeira Guerra Mundial (1914-1918) estenderíase até 1922 e suporía a escaseza e o encarecemento de tódolos elementos vinculados á fabricación e distribución do gas (carbón, tubarias de ferro fundido, tubarias de chumbo e aparellos de calefacción), obrigando mesmo á suspensión do servizo en moitas fábricas españolas. A fábrica de Vigo non foi allea á situación, con enormes dificultades para o abasto do carbón estranxeiro e repercusión negativa na fabricación de gas, levando á empresa a significativas perdas económicas.

O 23 de xullo de 1917 a fábrica de gas de Vigo foi adquirida pola “Electra Popular de Vigo y Redondela”, que seguidamente instalara unha nova central térmica na rúa García Barbón.

O 11 de xullo do ano 1923 culminaba o acordo acadado en 1921 entre a “Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago”, a “Electra Popular de Vigo y Redondela” e a “Sociedad General Gallega de Electricidad”, fusionándose as tres baixo a razón social desta última, trocando o mapa galego da subministración de electricidade… mais esta vai ser outra historia.

Entre 1927 e 1930 a industria do gas continuou a súa expansión, aínda que con ritmo decrecente. Malia que o negocio dominante era o eléctrico, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” promovería o tendido dunha nova tubaria para o subministro de gas á poboación, unha estación de emisión e regulación de presión e un novo gasómetro de 4.300 m3, ademais dunha fábrica de deshidratación do alcatrán e varios extractores, lavadores e reguladores na sala de aparatos da fábrica de gas.

O gas e a electricidade compartiron o servizo de iluminación ata 1936, ano en que o gas desapareceu totalmente do alumeado de Vigo.

Malia os intentos de diversificación e ampliación dos consumos dos sectores domésticos e industriais, o declive da industria do gas acelerouse na década de 1930. Durante a Guerra Civil española (1936-1939) Galicia estivo baixo o dominio dos sublevados contra a República, converténdose en abastecedora de alimentos para o exército rebelde, situación da que tiraron proveito tanto Coruña coma Vigo.

Xa na posguerra a electricidade conquistou totalmente o alumeado público, e a industria de gas mantívose co consumo doméstico e o consumo industrial, pero perdendo lenta e inexorabelmente presenza nuns mercados que ía conquistando a electricidade e os derivados do petróleo, e nomeadamente no sector doméstico os gases licuados do petróleo da man da empresa “Butano, S.A.”.

Privada do alumeado público e limitada a subministración a uns poucos consumidores particulares, a instalación de gas viguesa clausurábase en 1952. Seis anos despois, a comezos de 1958, pechaba tamén a fábrica de gas da Coruña, poñéndose así fin a un século da industria do gas manufacturado en Galicia.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo da subministración de carbón.

Sistema de produción:

A destilación de carbóns a alta temperatura, en vaso pechado (destilación seca) permite obter gas de alumeado, con coque e alcatrán como subprodutos. Os produtos e subprodutos de mellor calidade obtense destilando hulla de chama longa, mormente carbón inglés procedente de Newcastle (chamado cannel, contracción de candle coal, cabón de buxía ou de alumeado).

A destilación dos combustibles bituminosos, a temperaturas entre 900 e 1.400 ºC, provoca unha descomposición do carbón que da lugar a novos produtos sólidos (coque), líquidos (alcatrán e auga) e volátiles (gases e vapores combustibles). O proceso ten tres fases diferenciadas:

Ata os 375 ºC ten lugar a desgasificación inicial, na que o carbón que se carga nas retortas (cámaras, nos fornos modernos) comeza a abrandarse desprendendo anhídrido carbónico, monóxido de carbono e hidrocarburos da serie do metano.

Continúa ata os 425 ºC a desgasificación principal, co carbón amolecendo ata chegar á fusión total, liberando gran cantidade de gas e esponxando a masa pastosa residual, que aglomera nun produto poroso que solidifica para formar o coque.

A partires dos 425 ºC ten lugar a desgasificación final, proseguindo o desprendemento de gases (principalmente hidróxeno) do coque en cantidades considerables.

Os primeiros fornos eran dos chamados de retortas, cun rendemento de mil douscentos quilogramos a dúas toneladas destiladas en vinte e catro horas. Os fornos de cámaras, máis modernos, acadaban capacidades de destilación de ata vinte e cinco toneladas en vinte e catro horas.

O gas obtido sometíase seguidamente a unha serie de procesos de depuración. O primeiro era o arrefriamento do gas ata uns 100 ºC e unha primeira separación de alcatrán no barrilete por medio do lavado con auga amoniacal. Despois o gas arrefriábase de novo nos condensadores ata uns 10 ou 20 ºC, separándose máis alcatrán, amoníaco e benzol. Tralos condensadores dispúñanse os exhaustores, uns ventiladores para impulsar o gas coa presión suficiente ata o gasómetro.

Viñan despois os separadores de alcatrán, para reter os residuos que aínda puidera conter o gas, e os lavadores de cianógeno, para extraer o ácido cianhídrico. E aínda tiña que separarse a naftalina, lavando o gas con aceite destilado de alcatrán de lignito; recuperarse o amoníaco mediante lavado con auga; extraer o benzol por lavado do gas con aceite destilado de alcatrán de hulla; e finalmente, depurar o xofre por absorción con hidróxido férrico antes de enviar o gas ó gasómetro.

O gasómetro consistía nunha cuba cilíndrica para conter o gas cuberta cunha campá tamén cilíndrica que podía deslizarse verticalmente dentro da cuba en función da cantidade de gas almacenado nesta, mantendo así constante a presión do gas. A estanquidade entre ambos recipientes viña garantida por un anel de peche hidráulico a base da auga ou de aceite de alcatrán. Consonte a carga encol da campá a presión do gas nela contido podía variar entre 80 e 220 milímetros de columna de auga, presión coa que o gas enviábase polas redes de distribución ata os diferentes puntos de consumo na cidade.

O alcatrán obtido sometíase a destilación fraccionada para obter aceite lixeiro (ata 170 ºC), aceite intermedio (170 a 230 ºC), aceite pesado (230 a 270 ºC), antraceno e pez (máis de 270 ºC), produtos de gran valor industrial.

Actividades laborais:

Nos primeiros anos da súa implantación as fábricas de gas dependían maioritariamente de persoal estranxeiro, pola necesidade de unha certa competencia ou especialización nos oficios propios da industria. Máis adiante a mellora na formación dos traballadores locais permitiría a substitución do persoal estranxeiro.

Emprego:

O número de empregados, maioritariamente homes, roldaba ós corenta e cinco a finais da década de 1920 e pasara dos cincuenta nos anos previos á guerra civil.

Materias Primas:

Carbón, preferiblemente hulla graxa de chama longa. Consumo anual aproximado de 3.500 toneladas cara a 1931.

Produtos Elaborados:

Gas de alumeado, coque e alcatrán (aproximada e respectivamente 1.000.000 m3, 2.000 t e 130 t no ano 1931).

Distribución e comercialización:

Na área urbana e zonas periféricas da cidade de Vigo.

Referencias Bibliográficas:

Arroyo Huguet, M., 2006, El gas en Ferrol (1883-1898). Condiciones técnicas, iniciativas económicas e intereses sociales, Universidad de Barcelona, Barcelona. ISBN 84-689-6500-6.

Barreiro Fernández, X.R., 1990, “Saunier y la fábrica de gas”, Cien años de luz eléctrica en Galicia, Ramón García Fontenla (ed.), introd. de Domingo García Sabell, Unión Fenosa, Madrid, p. 37-40. DL M-45870-1990.

Carmona Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Ariel, Barcelona, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carré Aldao, E., 1928. “Provincia de La Coruña”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Carreras Candi, F. (dir.), 1928, Geografía General del Reino de Galicia, trece volúmenes, Editorial Alberto Martín, Barcelona, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Lara Coira, M., 1997, Ingeniería del Gas, apuntes de la asignatura de quinto curso de Ingeniería Industrial, Ferrol: Escuela Politécnica Superior de la Universidad de A Coruña.

Lindoso Tato, E., 2006, “A la sombra del Arsenal: la oferta empresarial ferrolana en siglo XIX”, Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, enero-diciembre 2006, p. 271-304. ISSN 0210-847 X.

Lindoso Tato, E., 2006, Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913), LID Editorial Empresarial, Madrid. ISBN 84-88717-94-6.

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Barcelona: Gustavo Gili.

Martínez López, A. (coord.), Mirás Araujo, J., e Lindoso Tato, E., 2009. La industria del gas en Galicia: del alumbrado por gas al siglo XXI, 1850-2005. Grupo de Estudios de Historia de la Empresa. Barcelona: Fundación Gas Natural. DL M-53214-2009. ISBN 978-84-613-5597-6.

Meijide Pardo, A., 1974-75. “La primera industria coruñesa del vidrio (1827-1850)”. Revista del Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, número 10-11, p. 143-201. La Coruña: Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.

Rodríguez Ojea, F. (coord.), 2000, Grandes empresas, grandes historias de Galicia, La Voz de Galicia, Coruña. D.L. C-1698-2000.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // Fuso 29 / X 522.359,46 / Y 4.676.292,72

Data de Actualización:

22 feb. 2011