159 Cargadoiro da Minero Siderúrgica de Ponferrada

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Redondela
  • Parroquia: San Andrés de Cedeira
  • Lugar: Rande
  • Paraxe: O cargadoiro
  • Dirección:
    Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.28694506044201
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.652441501617432
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 528.348,46 / Y 4.681.498,06
  • Clasificación: Auxiliar da industria extractiva
  • CNAE: 09.90 Actividades de apoio a outras industrias extractivas. Cargadoiro de minerais de ferro (Magnetita Fe2O4 con Hematites Fe2O3
  • Tipoloxía: Cargadoiro de mineral
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Ría de Vigo
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:

    Unha vez en Redondela, continuaremos costeando a marxe esquerda da ría de Vigo pola vella estrada nacional N-550. A uns catro quilómetros de Redondela chegaremos ó lugar de Rande, no punto quilométrico 145, e alí tiraremos á dereita pasando por riba da vía do tren, cara ó mar, onde atoparemos case ó pe da ponte da autopista os restos do cargadoiro de mineral das minas de Freixo. Na mesma vila de Rande, a uns trescentos metros do cargadoiro atoparemos os restos da Conserveira Boyé ou “fábrica do alemán”. E se seguimos camiñando pola beiramar de volta a Redondela, atoparemos a uns catrocentos metros da vila de Rande o cargadoiro –máis moderno– da “Minero Siderúrgica de Ponferrada”.

  • Tipo de propiedade: Dominio público marítimo terrestre dende o ano 2006
  • Visitable:

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A mediados do século XIX a rica conca carbonífera do val de Laciana (Villablino, León) estaba nas mans de tres empresarios biscaíños: Lazúrtegui, Uribe, e Hijos de Elvira del Llano, que explotaban de maneira artesanal os carbóns do Bierzo. O abeiro da Ley de Protección Industrial, promovida por Francisco Cambó e aprobada polas Cortes no mes de xullo de 1918, constituíase en Madrid o 30 de outubro de 1918 a compañía “Minero Siderúrgica de Ponferrada, S.A.” (MSP), que mercaría as concesións mineiras biscaíñas e asinaría o compromiso da construción do ferrocarril entre Villablino e Ponferrada.

En 1919, despois de dez meses nos que máis de catro mil obreiros (homes e mulleres) construíron os sesenta e dous quilómetros de vía férrea, entraba en servizo o ferrocarril e comezaba a explotación a gran escala das minas do Bierzo, que faría da “Minero Siderúrgica de Ponferrada” (MSP) a meirande compañía carboeira privada de España.

O proxecto dos fundadores da empresa tiña máis ambición que a de aproveitar a conxuntura favorábel do sector carboeiro como consecuencia da Primeira Guerra Mundial (1914-1918). Ademais dos carbóns de Laciana prevíase a explotación das minas de ferro do Coto Wagner (San Miguel de las Dueñas, León) e a construción dunha factoría siderúrxica en Ponferrada, facendo realidade o soño de Julio Lazúrtegui de converte-lo Bierzo en “una nueva Vizacaya”. A distancia ó litoral e os costos asociados á posta nos mercados dos produtos siderúrxicos fixo fracasar tan ambicioso proxecto.

En 1946 comezaban as labores previas para a explotación do ferro do Coto Wagner, que, abandonado o proxecto siderúrxico de Ponferrada, embarcaríase no porto de Vigo xunto co carbón de Laciana. Nos primeiros anos da década de 1950 a MSP contaba co ferrocarril Villablino-Ponferrada, a central térmica de Villablino, a central térmica de Ponferrada, as minas de carbón de Laciana, dúas fábricas de aglomerados de carbón e as minas de ferro do Coto Wagner.

En 1960 a produción superaba o millón de toneladas de carbón e as seiscentas mil toneladas de ferro, cunha plantilla de uns catro mil traballadores, fronte ós mil trescentos cos que contaba ó finalizar a Guerra Civil (1936-1939). Polas limitacións do porto de Vigo comezábase co proxecto de construción dun cargadoiro para o embarque do carbón e o mineral de ferro na enseada de Rande.

Os cambios nos mercados enerxéticos fixeron que a mediados da década de 1970 a empresa comezara o seu declinar, ata ser declarada en quebra contra 1993. Subscrito un convenio de acredores e levantada a quebra, o empresario mineiro leonés Vistorino Alonso García facíase en 1994 co control da compañía.

Descrición Xeral do Entorno:

O cargadoiro sitúase uns catrocentos metro ó leste de Rande, na marxe esquerda da ría de Vigo e á dereita da vía do ferrocarril que une Redondela con Vigo.

Construcción:

Década de 1960. Operativo en 1965 e autorizado a operar dende xullo de 1966.

Abandono:

Contra o ano 1975.

Descrición:

O cargadoiro da “Minero Siderúrgica de Ponferrada, S.A.” localízase na marxe esquerda da ría de Vigo, no estreito de Rande, onda hai profundidade dabondo para o fondeo seguro dos buques de transporte do mineral. O lugar elixido, non lonxe do vello cargadoiro “do alemán”, localízase a uns catrocentos metros ó levante da vila de Rande.

O proxecto subscrito en 1960 polo enxeñeiro Eloy Fernández-Valdés Rodríguez solicitaba a concesión dunha autorización para a construción dun cargadoiro con capacidade de 2.000 toneladas á hora, cunha liña de atraque descontinua formada por tres plataformas pousadas no fondo da ría unidas por unha ponte metálica sobre a que descorrería unha cinta transportadora para o transporte do mineral. A plataforma pola súa banda iría unida á terra por outra estrutura metálica de dous vans cun apoio intermedio. A construción remataría no ano 1965 e a empresa solicitaba no mes de xullo de 1966 autorización para comezar o servizo do cargadoiro.

O cargadoiro consistía nun apartadoiro ferroviario para a recepción das vagonetas do ferrocarril procedentes de Ponferrada (León) nas que chegaba o mineral de ferro do Coto Wagner (San Martín de Dueñas, León) e o carbón do val de Laciana (Villablino, León).

O mineral de ferro e o carbón descargados nas moegas levábase á cinta transportadora instalada na estrutura inferior e transportábase cara ás outras cintas transportadoras que voaban por riba do mar para a descarga directa dos materiais nas bodegas dos buques que alí fondeaban para recollelo e transportalo ós portos de destino, fundamentalmente en Inglaterra e Alemaña.

O cargadoiro mantivérase operativo ata finais do ano 1974 e permanece aínda no seu sitio, configurado por tres plataformas de formigón no mar como grandes “Duques de Alba” sobre as que apoia unha estrutura metálica a guisa de pantalán. Esta estrutura sostiña as cintas de transporte dos materiais dende terra ata os buques. Consérvanse aínda tamén outras instalacións propias da actividade: o pantalán de carga, as moegas, e as liñas de transporte.

Tempo de uso:

Todo o ano

Sistema de produción:

Moegas de recepción do mineral recibido por ferrocarril e transporte a medio de cintas ata o pantalán de descarga nos buques, cunha capacidade de ata 2.000 t/h.

Actividades laborais:

Traballadores locais dirixidos por persoal técnico de procedencia diversa.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Minerais de ferro procedentes do “Coto Wagner” en San Martín de Dueñas (León) e carbón procedente das minas do val de Laciana (Villablino, León).

Distribución e comercialización:

Exportación, principalmente Inglaterra e Alemaña.

Referencias Bibliográficas:

Berea Cruz, E. y García Movilla, C., 1993: Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Lara Coira, M., 2010: “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Migueles González, J., 2009. As antigas empresas. Anecdotario Redondelán [en línea]. Disponible en Internet: http://anecdotarioredondelan.jimdo.com/as-antigas-empresas/ [Último acceso 21 de agosto del 2009].

La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Galaxia, Vigo. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Román Losada, A., 2009: Sal, sardiña e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo da Enseada de San Simón, Redondela: Asociación Cultural Alén Nos.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-II Redondela // Fuso 29 / X 528.348,46 / Y 4.681.498,06

Data de Actualización:

2 marzo 2011 (rev. 29 mar 2011)