161 Fábrica da Lavandeira

Galería de Fotos

VerVerVerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: O Carballiño
  • Parroquia: Santa Mariña de Longoseiros
  • Lugar: A Lavandeira
  • Paraxe: A Retorta e O Requeixo
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.42451182292281
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.095639050006866
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 574.405,24 / Y 4.697.287,06
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón (papel de varias calidades).
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de tinas
  • Comarca: O Carballiño
  • Marco Xeográfico: O Carballiño
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Unha vez no Carballiño colleremos a estrada nacional N-541 cara a Pontevedra. A uns dous quilómetros apartaremos á esquerda no lugar da Lavandeira e baixaremos cara ó río Arenteiro ata a fábrica de papel, actualmente sometida a traballos de recuperación.

Tipo de propiedade:

Municipal dende o ano 2007.

Visitable:

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun lograba crear en Lei-Lan (Honan, no corazón de China) o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 os musulmáns capturaban preto de Samarcanda (Uzbekistán) a algúns artesáns chineses coñecedores do oficio, que o ensinarían ós seus captores a cambio dun trato privilexiado. Desta forma, o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasou a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad (Iraq) no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos), onde no ano 1200 contaban con catrocentas moas de refinamento en funcionamento. A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde Abu-Masafya contaba con vinte operarios que empregaban liño de Valencia como materia prima, fabricando un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais:

- preparación da materia prima (fundamentalmente trapos): aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal;

- preparación da pasta nas pilas desfacendo as fibras cos mazos do muíño: trinchado, afinado e refinado;

- formación das follas de papel na tina, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada;

- prensado das follas para eliminar a auga residual;

- secado das follas.

Os talleres contaban tamén con zonas complementarias, como a de encolado (aplicación a unha ou ás dúas caras da folla dunha fina capa dunha pasta especial –carga– para igualar a superficie, encher os poros e dar un certo grao de impermeabilidade ó papel, facéndoo resistente á auga e ós líquidos) e a de satinado (modificación do acabado do papel xa seco pasándoo mediante golpes de maza, brunido con pedra ou madeira puída, ou prensado con calor) para a preparación final de papel de diferentes calidades: fino ou groso, forte ou brando, absorbente ou repelente, secante, de escritura ou de impresión.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin financiado nos seus traballos polos irmáns Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.

O acceso a tecnoloxía estranxeira implicaba a chegada de man de obra cualificada, pois as deficiencias do ensino técnico español obrigaban á presenza de especialistas foráneos para a formación de expertos españois.

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

Outra dificultade radicaba na dotación de recursos, tanto materias primas como enerxía. Os contemporáneos queixábanse dos altos prezos dos trapos (35 ó 50% do custo do papel) e produtos químicos, e das dificultades de circulación dun produto de baixo valor e elevado volume (os trapos) pola ineficiente rede de comunicacións españolas. Os trapos importábanse de Italia e o cloruro de cal de Francia, necesitándose ademais cloro, acedos, sosa cáustica, resinas e colorantes, de orixes diversas aínda que tamén maioritariamente importados.

Como referencia da situación, preséntase a continuación unha comparación do ano 1866 entre os custos de fabricación de 700 toneladas de papel continuo en España e no estranxeiro, valorados en reais de vélaro.

 

España

Estranxeiro

Trapo e alpargatas

1.363.600

974.000

Produtos químicos

397.124

216.962

Carbón

269.500

30.800

Man de obra

154.000

134.000

Outros

621.927

356.290

Total

2.806.151

1.712.052

 

Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, como o esparto, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación en España (necesitábase para iso carbón, cloruro de cal e sosa), mentres que os atochales españois alimentaban as fábricas británicas, con custos de transformación sensiblemente menores pola significativa economía do carbón e dos produtos químicos.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira dereita do río Arenteiro no lugar da Lavandeira, preto do casco urbano do Carballiño.

Construcción:

Finais de 1838 ou comezos de 1839.

Abandono:

Como fábrica de papel posibelmente contra 1884. O 1 de xuño de 1896 as instalacións eran adquiridas polo vigués Ramón Laforet Cividanes, contratista do alumeado público da vila do Carballiño. Instalárase despois unha turbina hidráulica para o accionamento dunha serraría.

Descrición:

O 4 de outubro de 1838 xuntábanse no Carballiño don Bernardo Taboada e a súa dona, dona Ana de la Riva, residentes entón en Compostela, co presbítero don José Valeiras, veciño da vila. O propósito da xuntanza era o de construír unha presa ou tapacuña no río Arenteiro para a construción dunha fábrica de papel no paraxe da retorta, parroquia de Santa Mariña de Longoseiros do termo municipal do Carballiño.

A captación das augas e a condución pola marxe dereita do río Arenteiro por unha canle de uns catrocentos cincuenta metros permite obter un salto de entre cinco e seis metros no lugar da instalación das rodas de accionamento dos mazos.

A fábrica estaba dividida en cinco salas ou oficinas diferenciadas: selección e clasificación do trapo; muíño dos mazos; casa das tinas; sequeiro; e brunido e preparación.

A canle ou acueduto da Lavandeira tiña na súa lonxitude cinco saídas da auga para facer virar ata cinco rodas para o accionamento cun ritmo de corenta golpes por minuto dos respectivos mazos en cadansúa pía: as dúas primeiros de desenfiado, a terceira e cuarta de afinado, e a quinta de desleído. As rodas tiñan un diámetro de uns dous metros e medio, e o seu eixo normalmente accionaba tres mazos (o forte, o feble e o do medio) que batían nunha mesma pía.

O sequeiro da Lavandeira ten dúas plantas para o secado do papel, con vinte e dous metros de largo e oito de ancho. Ábrense catorce ventás a cada lado e cinco na parte posterior, mentres que no fronte ten dúas na primeira planta e tres na segunda.

O final do acueduto a auga caía por enriba dunha sexta roda, a encargada de accionar o pesado mazo de satinado para preparación final do papel.

O 28 de xuño de 1842 a fábrica era arrendada ós carballiñeses Valentín Fernández e Francisco Baños. Morto Bernardo Taboada, o seu cuñado don Luis de la Riva arrendaba a fábrica o 13 de xuño de 1844 a don Juan Bernardo Fernández Fernández, quen o 5 de marzo de 1846 viaxaría ata San Martiño de Laraño, no concello de Conxo (hoxe Santiago de Compostela) para adquirir a fábrica por compra a dona Ana de la Riva, viúva do falecido médico Bernardo Taboada.

Aparece no mapa de Coello de 1856 e tamén no Indicador de 1867, no que se dí que pertence a don Antonio Taboada. Xa non aparece citada nos Bailly-Bailliere de 1884 a 1900, polo que é de supor que xa deixara de traballar antes desas datas.

O 1 de xuño de 1896 o vigués Ramón Laforet Cividanes, entón contratista do alumeado público da vila do Carballiño adquiría as instalacións, posibelmente mirando de producir electricidade nelas. Posteriormente instalárase unha turbina hidráulica para o accionamento dunha serraría.

No mes de xullo do 2007, por acordo do concello do Carballiño, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura, acordábase encargarlle ó arquitecto Manuel Gallego Jorreto a recuperación da vella fábrica de papel.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose ós caudais que levara o río.

Sistema de produción:

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle construída na súa marxe dereita, que tras un percorrido superior ós catrocentos metros, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde corría polo acueduto e vertíanse sobre cinco grandes rodas hidráulicas verticais de uns dous metros e medio de diámetro, máis unha sexta roda ó final do acueduto para o accionamento do satinador.

Estas rodas motrices, do tipo gravitatorio de caixóns ou arcaduces, levaban os seus eixes erizados de levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

As instalacións contaban con cinco grupos de tres mazos cada un diferenciados para os labores específicos de esfiañado (dúas pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda) e desleído (unha pía de homoxeneización da pasta) tralas que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Como se ten dito, ó final do acueduto a auga caía por enriba dunha sexta roda, a encargada de accionar o pesado mazo de satinado para preparación final do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario.

Retirados os pregos dos moldes púñanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

A chegada da electricidade supuxo a modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril.

No propio proceso de elaboración da pasta, a refinadora holandesa substituía ás vellas pías de esfiañado, afinado e desleído. Nalgúns casos, a máquina semicontinua, tamén chamada redonda, de bombo o picardo, substituía o traballo do alabrén (o operario que fai a folla de papel na tina coa axuda do molde) e do poñedor (o que toma a forma do alabrén e pon a folla sobre o sayal para levala á prensa) e con ela se elaboraba o equivalente a catro ou cinco tinas.

Actividades laborais:

Mano de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do trapo, así como no levado ó secadoiro. Persoal masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

No Madoz aparece citada como a fábrica de Santa María de Mesego (que é a parroquia da banda esquerda do río) e daquela tiña “máis de vinte operarios”.

Materias Primas:

Trapos.

Produtos Elaborados:

Papel de varias calidades.

Distribución e comercialización:

Local e rexional, mesmo con algunhas vendas en Castela.

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, J., 2002, El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración, Parramón, Barcelona. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966, “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Fumega Piñeiro, F.X.; Sobrado Pérez, X.L., 2010: As fábricas de papel na comarca do Carballiño. O Carballiño (Ourense): Centro de Estudios Chamoso Lamas. DL OU-177-2010. ISBN 978-84-614-4756-5.

Gayoso Carreira, G., 1965, “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994, Historia del papel en España, 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Gutiérrez i Poch, M., 1999. «L’Espagne est encore dans l’enfance. Máquinas francesas y fracaso español. La mecanización de la industria papelera española (1836-1880)», Doctor Jordi Nadal. La industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. 2 vols. Carreras, Pascual, Reher y Sudriá (eds.). Barcelona: Universitat de Barcelona, p. 1.258 y sigs. DL B-19.849-99. ISBN 84-475-2146-X.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Martínez Risco, V, 1928. “Provincia de Orense”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón, publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828, Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Verea y Aguiar, J., 1803, Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia, Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866, El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 187-I O Carballiño // Fuso 29 // X 574.405,24 / Y 4.697.287,06

Data de Actualización:

24 marzo 2011