165 Salgadeira de Guido Paganini Picasso

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Cangas
  • Parroquia: Santa María de Darbo
  • Lugar: Cangas
  • Paraxe: O Salgueirón
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.25502219575925
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.788923025131226
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 517.536,71 m / Y 4.678.331,78 m
  • Clasificación: Fábricación de conservas
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Salga e conserva de sardiña e outros).
  • Tipoloxía: Almacén de salga de peixe e fábrica de conservas
  • Comarca: O Morrazo
  • Marco Xeográfico: Enseada de Cangas - Ría de Vigo
  • Ámbito: Periurbano
  • Acceso:
    Unha vez en Cangas podemos seguir pola estrada C-550 ata Balea e alí tiraremos ó sur cara ó campo de fútbol. Xa alí camiñaremos cara a punta Balea uns douscentos metros e atoparemos a vella fábrica de Darío Lameiro Sarachaga, que fora a fábrica de salga e conservas de José Barreras Casellas (despois Viúva e Fillos de J. Barreras), mercada pola familia Massó contra 1911. Despois, a factoría baleeira, e a uns cincocentos metros, o complexo conserveiro de Massó no Salgueirón.
    Podemos tamén facer o percorrido inverso e dende Cangas bordear ata O Salgueirón, para continuar despois cara a factoría baleeira, e a salgadeira da Congorza ou fábrica de Balea.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nunha vella salgadeira, en Bueu apareceron restos de salgadeiras e ánforas de barro romanas, e en Noville (Mugardos) estudárase unha completa e señorial industria romana de salga.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ao aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ao Levante importantes cantidades de sardiña ao longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Co desabastecemento dos seus mercados os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor de mercar sardiña e preparala cos métodos de salgadura desenvolvidos no Mediterráneo, ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– voltando despois ó Levante ata a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.

As primeiras actividades comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” aos mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés.

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade das salgadeiras, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca. Tres foron as innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco; as novas técnicas de salgadura (o salpresado fronte ao escochado); e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ao seu cume a finais do século, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa, cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ao fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

A familia Massó, orixinaria da vila mediterránea de Blanes, establecía contra o ano 1816 unha compañía de salgaduras de peixe na vila mariñeira de Bueu (Pontevedra), compañía mixta que levaba o nome dos catro socios: Massó, Dotras, Ricart y Buch.

Case setenta anos máis tarde, Salvador Massó Palau que mercara a fábrica de salga entón chamada “Almacén do Rei” para cedela á sociedade “Salvador Massó e Hijos”, creada o 14 de xullo de 1880 cos seus fillos, en colaboración con Félix R. Domingo, vascofrancés oriúndo de Bayonne, en Francia, construía una fábrica de conservas que se inauguraba o 14 de xullo de 1883. Animado polos fillos, decidía levar a cabo a transición da salgadura á conserva hermética de peixe, e xunto co empresario francés Pascual Dargenton Lafont, asociado a su vez co dito Domingo en Dargenton & Domingo, fundaba o 24 de xullo de 1883 a sociedade “La Perfección”, co obxectivo da comercialización por xunto de sardiñas en aceite e doutros peixes, ademais da fabricación das latas.

Trala morte de Salvador Massó en 1886, os seus fillos Gaspar e Salvador Massó Ferrer, disolvían en 1898 a primitiva sociedade e fundaban unha nova conserveira “Massó Hermanos” sobre as bases da anterior, dedicándose á produción de conservas e salgas de peixe, compra e venda de fariñas, redes, e fabricación de toda clase de artefactos de pesca. Daban daquela ocupación a máis de seiscentos traballadores.

Grazas ós beneficios extraordinarios xerados durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) os irmáns Massó Ferrer puideron levar a cabo procesos de integración vertical na súa empresa, construíndo varias embarcacións de vapor con tecnoloxía británica: o Massó 5, en 1916; o Massó 6, en 1918; o Independiente, o Nuevo Silvestre e o Colón, en 1920.

Como era habitual no sector conserveiro, as súas múltiples marcas de diferentes calidades (Massó, Kairel, Gaviota, El Porrón, Massó Brand) se comercializaban tamén nos mercados da exportación, tanto en América (principalmente Estados Unidos, Arxentina e Chile) como en Europa (especialmente Francia).

Nesta década de 1920 incorporábanse á empresa os fillos de Gaspar Massó Ferrer, Gaspar, José María e Antonio Massó García, mentres que a filla, Montserrat, casaba en Barcelona cun parente afastado, Santiago Bolívar Sequeiros. A nova xeración decidía investir as ganancias na creación contra 1926 dunha nova fábrica de transformación de peixe en Bueu, ademais de un novo taller de manufactura de latas. Na construción desta nova fábrica participara activamente José María, formado como perito industrial en Vigo, en colaboración co arquitecto Jacobo Esténs Romero.

No cambio de década, a empresa adquiría do Banco de Roma a salgadeira do conserveiro xenovés Guido Paganini Picasso, que quebrara, e xunto con ela varios terreos próximos a ela na zona da beiramar de Cangas coñecida como O Salgueirón. Ademais, en 1931 “Massó Hermanos” convertíase en sociedade anónima, con Gaspar Massó Ferrer como presidente, Gaspar Massó García como director xerente, e os seus irmáns José María e Antonio, respectivamente, como vicepresidente e secretario. José María pasaría á presidencia en 1934.

A Guerra Civil española supuxo o esplendor das vendas das conserveiras galegas, xa que se viron favorecidas coa subministración dos seus produtos ás zonas que ía ocupando o exército rebelde. A empresa Massó continuou a súa expansión, e no Salgueirón, onde mercaran a salgadeira de Paganini, deseñaron unha nova fábrica, chamada a ser das primeiras de Europa no seu xénero.

En 1937 comezaban as obras da nova factoría de Cangas, proxectada polo enxeñeiro Tomás Bolíbar Sequeiros e o arquitecto Jacobo Esténs Romero, cunha superficie útil cuberta que acadaría os corenta mil trescentos trinta metros cadrados sobre unha superficie total de cento oitenta mil metros cadrados dispoñible para diferentes usos. A factoría inaugurábase en 1941, configurando un complexo industrial no que se incluía a vella fábrica de salga do xenovés Guido Paganini Picasso.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situase na ribeira dereita da enseada de Cangas, na ría de Vigo, na zona de O Salgueirón, preto da vila de Cangas.

Construcción:

Comezos da década de 1900.

Abandono:

Na década de 1940 vai converterse en auxiliar do complexo dos Massó, empregándose as dependencias como cantina, economato, almacén.

Descrición:

Polo xeral os almacéns de salga foran edificados na mesma liña do mar, próximos á beira, en enseadas ó abeiro e de acceso doado para as pequenas embarcacións que descargaban a sardiña. De non contaren con porto construíanse pequenos peiraos ou unha sinxela rampla de atraque.

Para dispor dos terreos nos que edificar a súa industria, os fomentadores cataláns propoñían contratos ou pactos polos que se aforaban os solares en troques dunha venda, aínda que tamén podían optar por unha cesión en réxime de arrendo.

A meirande parte dos almacéns consta unicamente de unha planta baixa disposta en forma rectangular, cunhas dimensións de ata vinte metros de fachada e corenta metros de fondo. A construción, con pedra de gra na cantería, vaos de portas e ventás, e mailos esquinais, cachotería nas paredes e cuberta a dúas augas con tella do país, distribuíase pola periferia do solar, deixando un espazoso patio no interior. Nas marxes do patio os madeiros que soportan o teito descansan en pilastras de granito.

O almacén ou fábrica de salga tiña tres partes principais: a chanca, o claro e o morto. A chanca é onde se salgaba a sardiña e adoita ter de oito a dezaseis ou máis píos ou lagares, cadanseu pío con capacidade de douscentos milleiros de sardiñas. O claro viña sendo a parte central, o patio, non cuberto para que houbese luz en toda a fábrica. O morto era a parte do almacén onde se prensaba a sardiña.

Na banda dos lagares (normalmente nun dos laterais da edificación) situábase o almacén do sal –o alfolín– o almacén dos utensilios propios da industria e mailo taller de carpintería. Na outra banda, a do morto (comunmente fronte á chanca, no outro lateral) dispúñanse os depósitos para as morcas e o saín, a graxa das sardiñas que saía das prensas; o chan do morto ía lousado de cantería, cunhas acanaladuras que desembocaban no depósito de decantación do saín no cal quedaba a auga embaixo e o saín rebordaba para o depósito propio del. O claro tiña o chan totalmente lousado cunha lixeira caída cara o centro no que se dispuña unha gabia ou canaleta para desauga-los líquidos do lavado das sardiñas, as augas con sosa do baldeo e a auga da chuvia.

No fronte do almacén situábase a vivenda do fomentador e a súa familia. Aínda que inicialmente eran tamén de planta baixa, nalgúns casos a bonanza económica permitiu habilitar unha segunda planta. O despacho do fomentador, e nalgúns casos do seu capataz ou encargado, miraban ó interior do patio, co gallo de controlar o traballo dos operarios, mulleres na súa meirande parte.

No taller de carpintería construíanse os cascos, recipientes cilíndricos feitos con doelas de madeira de piñeiro suxeitas con aros de cinta de castiñeiro ou ameneiro. Os primeiros cascos (chamados pipas, medias pipas, etc.) foran de gran tamaño con capacidades de seis mil a vinte mil sardiñas e pesos de ata trescentos quilogramos, o que facía sumamente dificultoso o seu manexo. Foron reducíndose os tamaños dos cascos que recibían entón os nomes de cuartos, sextos, novenos, ou xenericamente tabais. A finais do século XIX eran dous os tipos fundamentais de casco: o tabal, duns trinta quilogramos, e a pandeireta, de arredor de vinte quilogramos de peixe.

Nas salgadeiras aparece as veces o complemento do encascador para curar as redes de algodón, consistente nun pequeno solar cunha caldeira, a poza da casca e un pequeno almacén. Na caldeira cocíase a casca (cortiza de piñeiro mediterráneo, rica en tanino, traída de Barcelona ou Mallorca) en auga doce para preparar a tintura coa a que se cubrirían as redes introducidas na poza da casca; o almacén servía para gardar piñas e leña de piñeiro e de carballo, ademais da casca de piñeiro, pinturas, pinceis, alcatrán, patente, brea, fío, cortizas, chumbos, cabos, agullas, etc.

Nalgúns casos, constrúese unha vivenda ó lado da almacén para vivenda do encargado e a súa familia.

Tempo de uso:

Estacional e intermitente, dependendo das mareas da pesca da sardiña e dos outros produtos.

Sistema de produción:

Unha vez completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das salgadeiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas nas embarcacións modernas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións, trasladábase nas patelas ao almacén ou salgadeira para proceder ao seu escochado ou, en tempos máis modernos, ao seu salpresado.

No escochado a sardiña era aberta e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas tallas e cando se xuntaban as suficientes posteriormente deixadas a salgar nos píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a barrica, tapábase para a súa comercialización. Ao non lle extrae-la graxa a oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente o seu aspecto.

As cabezas e as tripas prensábanse nas tallas poñendo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla, extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros (normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación os portos europeos (Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).

O proceso de salpresado comezaba coa descarga do peixe das embarcacións e o traslado ao almacén ou salgadeira. Unha vez lavado, o peixe –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas– metíase nos píos da chanca coa salmoira (disolución saturada de sal en auga) onde se deixaba a salgar durante unha ou dúas semanas.

Rematada a salga, sacábase o peixe e levábase ao morto, onde colocábase coidadosamente nos cascos, que se tapaban poñéndolles un morto (o peso para prensar o peixe) enriba da tapa, axudando coas prensas para mellor extraerlle a graxa, graxa que escoaba dos cascos e ía por unhas canles ata os pozos do saín.

Este novo proceso de salpresado rendía moito máis que o primitivo salgado do peixe previamente descabezado, eviscerado e limpado, e as sardiñas –o non teren graxas– non amarelaban como as do tradicional escochado e tiñan moito mellor aspecto, aínda que ao dicir dos entendidos non eran igual de saborosas que aquelas.

Unha variante moito máis laboriosa, que comezara a practicarse co bocarte, é a do anchovado ou anchoado, (do nome xenovés do bocarte) proceso que esixe que se lle retire a pel ao peixe e se prepare aberto, fileteado, eviscerado, sen raspa e desangrado antes de proceder ao seu salgado. Empregado principalmente co bocarte, ata o punto de quedarlle o nome de anchoa ao bocarte así preparado, o mesmo proceso e presentación da vianda nun tempo utilizárase tamén coa sardiña, sardiña anchoada.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do peixe. Persoal masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Sardiña, principalmente, aínda que salgaran tamén outros peixes (bocarte, xarda, agulla) e mesmo carne.

Produtos Elaborados:

Mormente sardiña salgada aínda que salgaran tamén outros peixes (bocarte, xarda, agulla) e mesmo carne.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Asociación Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da conserva. Fernando Cuñarro Pintos (dir.), Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.

Berea Cruz, E.; García Movilla, C., 1993. Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, J., 1985. «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 16, Galicia. Madrid: Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS), p. 177-191. ISSN 1136-4777.

Carmona Badía, X., 2006. “José Barreras Massó (1867-1950)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 258-281. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Consultora Galega, S.L., 1993-2008. Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. Catálogo de Bens Culturais, Vigo.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 19 de marzo do 2013].

Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. ISBN 84-8121-719-0.

García Fernández, A., 2006, "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

López Capont, F., 1998, El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-89748-26-8.

Mariño del Río, M., 1996, A industria derivada da pesca no Concello de Porto do Son. As salgadeiras (1774-1934), Muros: Toxosoutos. ISBN 84-89129-20-7.

Muñoz Abeledo, L., 2006. “Gaspar Massó García (1892-1991)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 412-431. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Román Losada, A., 2009. Sal, sardiña e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo da Enseada de San Simón, Redondela: Asociación Cultural Alén Nos [en línea]. Disponible na Internet: http://issuu.com/salamatu [Último acceso 2 de abril del 2011].

Romaní García, A., 1981: La pesca de bajura en Galicia. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-087-1

Romaní García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.

Sánchez Cidrás, A. (coord.), 1997. “A salazón en Bueu”. O candil: revista do Colexio Público de Bueu, nº 14, xuño 1997. Bueu: Colexio Público de Bueu. DL PO-2-1996. ISSN 1137-1994.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-I Cangas // Fuso 29 / X 517.536,71 m / Y 4.678.331,78 m

Data de Actualización:

3 abril 2011 / 28 marzo 2013