167 Salinas do Ulló
- Provincia: Pontevedra
- Concello: Vilaboa
- Parroquia: San Martiño de Vilaboa
- Lugar: Paredes
- Paraxe: As bancas de Casó
- Dirección: Non procede
- Coord. Xeográficas - Latitude: 42.35042512243457
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.629846572875977
- Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 530.602,53 / Y 4.688.967,95
- Clasificación: Extracción de sal
- CNAE: 08.93 Extracción de sal (Sal mariña cristalizada).
- Tipoloxía: Sal mariña de presa e estero
- Comarca: Pontevedra
- Marco Xeográfico: Enseada de San Simón
- Ámbito: Rural
- Acceso: Dende Pontevedra colleremos a estrada nacional N-550 en dirección Vigo e a uns seis quilómetros e medio chegaremos ó cruce coa N-554 que aparta á dereita cara á Domaio. Dende alí, uns cincocentos metros máis adiante en dirección Vigo arranca pola dereita o camiño de pouco máis de un quilómetro que leva pola ribeira á chamada “Granxa das Salinas”, a un centenar de metros do estribo dereito da presa. Pódese tamén no cruce dito continuar pola N-554 cara á Domaio e a uns cincocentos metros, no Toural e pasada a Casa do Concello, coller o desvío á esquerda que leva as salinas.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Xestión de visitas:
Historia:
Van máis de dez mil anos dende que
os humanos comezaran a empregar o sal na súa alimentación: hoxe sabemos que o
sodio e potasio que están presentes no sal son necesarios para o equilibrio do
organismo. Posiblemente o sal colleríase daquela das costras que aparecen nos
lagos salgados e na beiramar, tomando exemplo do que fan os animais. De camiño
ía incorporarse á dieta como potenciador do sabor dos alimentos, comezando polo
pan.
O sal fixo posible a preparación e
conservación de moitos alimentos. Os antigos exipcios aprenderían a facer
comestibles ás amargas olivas curándoas en salmoira. A extensión da agricultura
incrementou a importancia do sal en tódalas culturas. Pola súa importancia na
alimentación, quer na preparación quer na conservación, o sal foi considerada
como esencial na vida e desenvolvemento das primitivas sociedades. Fenicios,
gregos e romanos estenderon o seu uso polo Mediterráneo, mentres as culturas
celtas facían lo propio na Europa Central. A produción e o comercio do sal adquiriría
grande importancia en todo o mundo. A explotación do sal en España documéntase
no século V a.C., cando os colonos fenicios e gregos o empregaban para a
salgadura do peixe e para a preparación dunha salsa de peixe (garum) que exportábase a Atenas.
Os pilos de salgadura de Bares,
Espasante, Cariño, Mugardos, O Grove, Vilagarcía ou Nerga configuran unhas
verdadeiras factorías que nos contan da importancia da conservación da pesca
nunha xeografía romanizada que non podía curar toda a súa pesca ó aire mareiro,
como aínda se fai co congro en Muxía.
Nas beiramares pódense recoller
pequenas cantidades do sal que queda nas pedras como residuo trala evaporación
da auga mariña pola acción do vento e o sol. No areal de Baldaio hai unha gran
roca da que na baixamar pódese coller sal nos seus ocos, especialmente no
verano: chámase A Pedra do Sal.
Ademais das chamadas salinas de
charcos e de cocedoiros naturais (pequenas pozas ás que quenta o sol acelerando
a evaporación), lagoas e marismas costeiras “nas que calla algún sal, ben real
que pertence a todos”, a observación dos ciclos mariños axudou á preparación de
estanques litorais nos que o sal cristalizaba de maneira natural. Hai tres mil
anos os fenicios xa coñecían este procedemento, que precisaba de grandes extensións
na beiramar con pequena pendente.
Pola importancia do sal foron
moitas as salinas que se explotaron nas costas galegas, documentadas xa dende o
século VI, que mesmo deron nome á península do Salnés e que foron o complemento
necesario na consolidación da actividade pesqueira nas costas galegas. Xa no
século IX coñécese que o rei Ordoño II ofrecera ó Arcebispado de Santiago as
salinas de Noalla e do Grove, ámbalas dúas no areal da Lanzada, doazón
confirmada no 886 por Alfonso III. En documentos do 955 cítase á illa de
Cortegada, na foz do Ulla, como “saliniense”; no 911 é a “ínsula” do Grove a
que aparece localizada nun “territorio saliniense”; e no 1115 fálase das
salinas da illa de Arousa.
Sobreviven na toponimia e
microtoponimia designacións que remiten de sur a norte ó pasado do beneficio do
sal en albufeiras e ribeiras costeiras: A Granxa das Salinas (Vilaboa); Salinas
da Seca (ó nordeste do saco de Fefiñáns, en Cambados); Salinas (na costa
oriental da illa de Arousa); As Saíñas (Coroso, Palmeira, Ribeira); Punta Saíña
e As Saíñas (un quilómetro o norte da vila de Noia); Punta das Saíñas (Lira,
Carnota); Punta da Pedra do Sal (ó poñente da enseada de Arou, Camariñas); As
Saíñas (Baldaio, Carballo); Pedra do Sal (Baldaio, Carballo); Salinas (nun
fondal da ría de Ferrol, en Narón); Punta Saíñas (ó norte da enseada de
Esteiro, Viveiro).
Nos primeiros séculos da Idade
Media a propiedade das salinas estrutúrase arredor de certas familias podentes,
que as van transmitir por herdanza e que reciben rendas pola recuperación e
venda do sal. A partires do século X serán os mosteiros quen comezan a
controlar a propiedade, explotación e renda das salinas. A produción salineira
quedaría suxeita dende o século XI a un imposto real chamado gabela (do árabe al-kabala) ou alvaro, nun intento de
mellorar as fontes de ingresos para os estados que comezan entón a crearse. Afonso
VII estableceu contra o 1130 o dominio real de tódalas salinas, e a partires do
reinado de Afonso VIII (ca. 1200) foi corrente o arrendamento das salinas reais
para abastecer as arcas coas regalías sen ter que preocupase da súa vixilancia,
coidado e mantemento.
Afonso X “O Sabio” concedería polo
1260 “dereitos de aduana” para favorecer a importación de sal e o
desenvolvemento da industria da salga. Baiona, Cangas, Pontevedra, Noia, Laxe,
Coruña e Viveiro obterían o alfolí que permitiríalles recibir e comerciar co
sal, que recibíase regularmente de Portugal, das salinas de Aveiro, onde os
galegos a cargaban directamente, baixando as veces ata o Mondego (Figueira da
Foz) e mesmo a Setúbal (Alcaçer do Sal). O prezado sal tamén chegaba doutra das
grandes áreas europeas de subministración, coñecida sinxelamente como “A Baía”,
na Bretaña, ó redor da desembocadura do Loire (Guérande, Noirmoutier,
Bourgneuf), aínda que neste caso o transporte a Galicia facíano principalmente
os mariños bretóns.
Na Idade Media están documentadas
as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de
polbos secos e curados ó aire con destino ós portos cantábricos, portugueses e
andaluces.
O estabelecemento por Felipe II do
estanco do sal para todo o reino cara a 1560 (en Castela xa era así dende
Alfonso X O Sabio), ademais de mellorar a explotacións das salinas, debilitou o
monopolio que sobre delas exercían señoríos e mosteiros.
Xunto cos usos xa citados na
condimentación dos alimentos e a conservación do peixe e do porco, o sal
empregábase, como complemento alimentar do gando ovino, na fabricación do
queixo, na industria do coiro, como fundente na industria de vidro, e na
fabricación de pólvora. A necesidade do sal en Galicia chegou a ser tanta que
por veces reclamábase mesmo ata a que procedía da Andalucía occidental, das
salinas de Moguer e Sanlúcar (Huelva), Puerto de Santa María, San Fernando e
Barbate (Cádiz), no seu camiño ós portos de Flandes e de Inglaterra.
Os séculos XVI e XVII traen a
Galicia una certa decadencia pesqueira, na que á escaseza de sardiña nas rías xúntase
ó retroceso nos mercados mediterráneos pola introdución do arenque e o bacallau
desde as pesqueiras do afastado norte e a crecida agresividade dos piratas
berberiscos. Con todo aínda na segunda metade do século XVII vanse construír en
Galicia algunhas notables instalacións para o beneficio do sal, como foron o
conxunto das salinas do Ulló en Vilanova (Pontevedra), no fondal da ría de
Vigo.
A subministración de sal
diversificouse grandemente neste tempo, abastecéndose agora principalmente na
baía de Cádiz, no porto portugués de Aveiro e no francés de Brouage (ó sur da
Rochela e fronte á illa de Oléron), que tras a anexión de Bretaña a Francia e a
perda de vantaxes fiscais das salinas bretoas do Loire veu substituílas como o
produtor e exportador de sal máis importante do occidente europeo.
As salinas e os portos dos fondos
das rías van colmatándose no seu abandono e os gremios debilítanse: tan pouco
esperanzadora situación vaise ver crebada coa emigración cara ás costas galegas
dos cataláns e, en menor medida, de vascos e maragatos, emigración que supuxo
non só a modificación radical da pesca en Galicia, senón que motivou un
verdadeiro cambio socioeconómico e industrial na costa galega.
En decreto de 1749 o rei Fernando
VI da poderes a don Zenón de Somodevilla, Marqués de la Ensenada, para actuar
nas explotacións do sal dos diferentes reinos da coroa. Na súa reestruturación
da Facenda Pública estabelecería unha nova organización da renda do sal e mesmo
introduciría melloras técnicas para incrementar a produción do sal. Serían uns longos
anos de bonanza na industria salineira, especialmente na andaluza e na
levantina, pero as salinas galegas, de sempre limitadas polas condiciones do
seu clima e a bravura do seu mar, xa non recobrarían pasados esplendores.
Como anécdota destes anos cabe
lembrar que no 1760 as sete cidades galegas propuxeron un arbitrio sobre o viño
para costear o camiño real da Coruña a Madrid. O arbitrio estabeleceríase
finalmente no 1761, pero sobre o sal no canto do viño. A entrada na Coruña dende
Lugo e Betanzos segundo o proxecto do francés Carlos Lemaur aínda se coñece
como A Costa do Sal.
Malia as dificultades de
construción e explotación e a evidente decadencia das salinas galegas, aínda na
segunda metade do século XVIII a familia Caamaño intentaría repetidas veces
conseguir autorización para unha salina na illa de Sálvora, permiso que sería
finalmente denegado no ano 1789 “ya que el terreno y la intemperie de toda la
costa de Galicia no son a propósito para hacer salinas”.
O procedemento de esterilización
do peixe e posterior envasado en recipientes herméticos adoptárase na Bretaña a
altura de 1840 como unha maneira de conservar moito más eficiente e duradeira
cá da salgadura. Este proceso produtivo “ó estilo de Nantes” reducía
drasticamente as necesidades de sal na conserva, e o implantarse en Galicia de
maneira xeneralizada a partires da experiencia en 1879 de Juan Goday Gual na
Illa de Arousa, pecharía definitivamente calquera intento de revitalizar ás
apenas rendibles salinas galegas
Uns emprazamentos na mesma
beiramar, coas estruturas sometidas á violencia da ondada e das preamares e os
estanques sufrindo os aportes de sedimentos das ribeiras e mesmo das areas
transportadas polo vento dificilmente poderían sobrevivir ó seu abandono e perdurar
ó longo dos séculos. Por iso, e con moi poucas excepcións, as pegadas das
vellas salinas de Galicia apenas permanecen non sendo na toponimia, malia o cal
Alfredo García Alén mencionaba en 1981 que cara a enseada da Toxa aínda
perduraban canais e estanques das salinas medievais da península da Lanzada.
As
denominadas popularmente como “As bancas de Casó” son unhas antigas salinas, as
salinas do Ulló, construídas contra o ano 1637 por don Antonio Mosquera Villar
y Pimentel e a súa dona Antonia Pimentel de Sotomayor. Foron despois doadas ós
xesuítas polos seus propietarios para a fundación dun colexio da Compañía de
Xesús en Pontevedra.
Entre
1694 e 1698 os xesuítas construirían catro salinas máis nos contornos desta,
aínda que as novas deixarían de traballar contra 1727 en razón do seu grave
deterioro polos embates do mar. A derradeira salina do Ulló iría diminuíndo a
súa actividade posiblemente pola afectación do arrefriamento do hemisferio
norte na chamada “pequena idade do xeo”, período frío que puxo fin a unha era extraordinariamente calorosa chamada
óptimo climático medieval (do 800 ó 1300) e que abrangueu dende 1550 ata 1850,
con tres intervalos particularmente fríos que comezaron arredor do 1650, 1770 e
1850, separados por períodos de lixeiro quentamento. A salina cesaría definitivamente de traballar no ano de
1767, neste caso pola expulsión dos xesuítas que ordenara Carlos III. Coa
desamortización de Medizábal, as salinas, aínda que xa non volverán traballar
como tales, van ser subhastadas e cambiarán de propietario cada certo tempo,
quen as cederá os veciños para botar herba o criar ameixas.
A finais
do século XIX a súa presa vai ser aproveitada para tratar de construír un muíño
de mareas case no estribo esquerdo, onde poden verse unhas pedras de moer.
Hoxe en
día atópanse restauradas e son parte do proxecto de recuperación ambiental do
entorno das salinas e marismas de Vilaboa.
Descrición Xeral do Entorno:
As salinas sitúanse no fondal norte da enseada de San
Simón, na ría de Vigo, nun entrante do terreo preto de Paredes.
Construcción:
Abandono:
Como salinas no 1767. Parece a finais do século XIX
quíxose construír un muíño de mareas aproveitando a presa.
Descrición:
O muro da presa está realizado en pedras
de cantaría e perpiaños ben traballados que confírenlle unha grande solidez.
Ten unha lonxitude total duns 375 m, cun ancho entre os dous metros e os dous
metros e medio e unha altura que vai dos dous ós catro metros.
Preto do estribos dereito ten unha
sorte de aliviadoiro, seguido dunha comporta (hoxe anulada), unha grande
comporta con dous muros paralelos perpendiculares a ela cara ó interior, e dúas
comportas máis (tamén anuladas); de seguido o muro ensánchase ata os dez
metros, espazo do que baixan unhas escaleiras cara ó interior da presa, e
interrómpese logo dando paso á auga por dúas aberturas separadas por unha
grande tallamar, rematando xa a presa no estribo esquerdo.
Tanto pola configuración como
polas vagas noticias achegadas, amais da presenza dunhas moas e pes de muíño,
seica fora posteriormente instalado un muíño de mar aproveitando as
infraestruturas xa construídas.
Tempo de uso:
Estacional, consonte o proceso produtivo que se describe.
Sistema de produción:
Nas beiramares pódense recoller
pequenas cantidades do sal que queda nas pedras como residuo trala evaporación
da auga mariña pola acción do vento e o sol. Igual que noutros lugares, as
salinas de charcos e ocos de pedras, xunto coas lagoas e marismas costeiras,
serían os primeiros aproveitamentos do sal en Galicia.
Os fenicios aportarían a
construción de estanques litorais nos que a evaporación das augas mariñas
deixaría as costras de sal cristalizada para o seu aproveitamento.
A observación dos ciclos mariños das
mareas nas costas atlánticas axudaría á construción de estanques na franxa
intermareal costeira dispostos de tal maneira que os enchían as preamares
equinocciais vernais (marzo) e que quedaban libres do alcance das preamares nos
meses que seguen ata o próximo equinoccio. Nestes meses, os meses do verán, a
acción do sol e o vento ían evaporando a auga retida no estanque, e desta maneira
o sal ía cristalizando no fondo de xeito natural ó longo do verano.
Xa na proximidade do equinoccio,
por suposto antes da chegada das mareas vivas de finais de agosto e comezos de
setembro (as lagarteiras), e cos estanques practicamente sen auga despois da
continuada evaporación soportada no decurso do verano, procedíase á colleita do
valioso sal depositado no fondo.
Con todo este procedemento
precisaba de grandes extensións con pequena pendente acondicionadas no espazo
intermareal, polo que foron desenvolvéndose estratexias para aumentar a
efectividade do proceso reducindo a superficie ocupada. Construíanse entón
varios estanques contiguos de profundidade decrecente e comunicados entre eles,
nos que podía regularse a entrada e saída da auga mediante comportas. A auga do
mar ía así evaporándose e aumentando a concentración en sal do primeiro, máis
fondo, ó último, menos fondo, no que finalmente se recollía o sal cristalizado.
Estas estruturas acadaron o seu
meirande desenvolvemento nas salinas da baía de Cádiz, coa sofisticación que
supoñen os cinco tipos de estanques encadeados nunha salina e que se denominan esteros,
lucios, retidas, voltas do periquillo e tallos, configuración da que non temos
noticia que chegara a desenvolverse en Galicia, aínda que polos restos aínda
identificábeis seica se construíran salinas de dous e tres estanques, como as
do conxunto do Ulló.
Nalgúns lugares (Trapani e
Marsala, en Sicilia) tamén se empregaran muíños de vento para encher os
estanques e regular as achegas de auga mariña sen depender das preamares, pero
non temos noticia de que se fixera en Galicia. Máis modernamente foran bombas
accionadas electricamente ou con motores diesel as que fixeran tal función,
pero para entón as salinas galegas eran tan só lembranza na historia.
Actividades laborais:
Emprego:
Materias Primas:
Auga mariña, sol e vento.
Produtos Elaborados:
Distribución e comercialización:
Referencias Bibliográficas:
Alonso
Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la
Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN
84-7339-243-4.
Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e
Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié
de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.
Berea
Cruz, E. y García Movilla, C., 1993: Inventario del Patrimonio Arquitectónico
Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del
Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.
Cabeza Quiles, F., 1992: Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu
significado. Vigo: Xerais. DL M-39.347-1992. ISBN 84-7507-688-2.
Cabeza Quiles, F., 2000: Os nomes da terra. Topónimos galegos. Noia (Coruña): Toxosoutos. DL C-1004-2000.
ISBN 84-89129-97-5.
Cabeza
Quiles, F., 2008: Toponimia de Galicia.
Vigo: Galaxia. DL VG-472-2008. ISBN 978-84-9865-092-1.
Carmona
Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El
empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña:
Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
A
Citania Arqueoloxía, 2010. Enseada de San
Simón. Estudo de Potenciación Turística. Proxecto Marisma. [en línea]. Disponible na Internet: http://www.enseadasansimon.com [Último acceso 2 de abril del 2011].
Entremos
na Panificadora, 2010: Inventario
histórico do patrimonio industrial da ría de Vigo, Vigo: Entremos na
Panificadora [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com
[Último acceso 2 de abril del 2011].
Fernández
Casanova, C. (coord.), 1998, Historia da
pesca en Galicia, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de
Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.
García Fernández, A., 2006, "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á
conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3,
Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.
López
Capont, F., 1998, El desarrollo
industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a
Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-89748-26-8.
Mariño del Río, M.,
Menéndez
Pérez, E., 2008, Las rutas de la sal,
Oleiros (Coruña): Netbiblo. DL C-627-2008. ISBN 978-84-9745-096-6.
Román
Losada, A., 2009: Sal, sardiña e peiraos.
Achega ao patrimonio marítimo da Enseada de San Simón, Redondela:
Asociación Cultural Alén Nos [en línea]. Disponible
na Internet: http://issuu.com/salamatu [Último acceso 2 de abril del 2011].
Romaní
García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en
Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.
Sánchez
Cidrás, A. (coord.), 1997. “A salazón
en Bueu”. O candil: revista do Colexio Público de Bueu, nº 14, xuño 1997. Bueu: Colexio Público de Bueu. DL PO-2-1996. ISSN
1137-1994.
Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de
los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del
Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.
Teixeira Albernaz, P. (Pedro Texeira Albornoz), 1634, El Atlas del Rey Planeta. Descripción de España y de las costas y puertos de sus
reinos.
Felipe Pereda y Fernando Marías (eds.), cuarta edición actualizada, 2009. San
Sebastián: Nerea. ISBN 978-84-96431-62-1.
Índice de mapas e planos:
Localización no Mapa Topográfico Nacional
1:25.000:
Folla 185-IV Soutomaior // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 530.602,53 / Y 4.688.967,95